lunes, 24 de agosto de 2020

Deporte. Xogos tradicionais.

Emigrantes redondeláns en Portugal xogando aos bolos, 1910. Foto: Carrington-Vida gallega.
 
BILLARDA
          Xogo tradicional no que o Cesantes disputa a Liga Nacional Rías Baixas.

BOLOS CELTAS

          Cando menos ata os anos 20 e 30, do pasado século, tanto no concello de Redondela como no de Soutomaior, onde se segue a practicar, celebrábanse campionatos dominicais de ámbito comarcal que sempre remataban coa celebración dun baile.
           Eran organizadas por iniciativa particular como a que tivo lugar en outubro de 1926 no lugar do Carreiro de Padrón, na parroquia do Viso. Participaron equipos de Ventosela, Reboreda, O Viso, Cesantes, Arcade e Soutomaior, disputándose dúas medallas de ouro e dúas de prata, cedidas por un rico comerciante de Río de Janeiro que daquela residía no Viso. O campo fora reformado para a ocasión e tíñase previsto un establecemento de comida e unha banda de música. A finais dese mesmo mes na carballeira do Val, no veciño concello de Soutomaior, o concelleiro Valentín Fernández foi o promotor dun concurso. No escaparate do seu comercio exhibiu as medallas de ouro e de prata polas que ían competir equipos das mesmas parroquias que no concurso anterior.
Nun artigo de finais de 1928 dáse conta da organización doutro campionato no Viso.
Tamén se xogaba en Ventosela, onde en agosto de 1933, promovido por David López González, industrial desta parroquia, participaron equipos de Cesantes, Reboreda, Quintela,Ventosela e O Viso, gañando o único equipo foráneo, o Soutomaior.
En maio de 1934 celébrase un campionato por parellas. Entre os catro equipos finalistas atopábanse os de Cesantes e O Viso.
Na parroquia de Reboreda existía nun torreiro, entre bancos e xardíns, un lugar disposto para a práctica deste deporte tradicional. A toponimia danos unha idea da localización do terreo de xogo tanto nesta parroquia coma no Viso.


CHAVE
          A Chave é un xogo popular polo que é complicado establecer cando se comezou a practicar en Redondela porque os campionatos organizados non transcenderon aos xornais ata a segunda metade do s. XX. A primeira referencia que atopo é nos Xogos de Vigo de 1970, cando venceu nesta disciplina a S. D. Chapela (A Madroa). Ao ano seguinte debuta na liga local viguesa Los del Torreiro, tamén de Chapela. Actualmente este xogo segue a ter seguidores en Chapela e ata dispoñen dun campo na praia de Arealonga.
 
Equipo de chave da ADChapela, 1970. Foto: Gobar-El Pueblo Gallego
 Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA
Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989)
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, La Noche, El Correo de Galicia, Vida Gallega


jueves, 20 de agosto de 2020

Os libros de contas do Concello de mediados do s. XIX

S. XIX Oleo de G. Vivian. Convento de Vilavella. Foto publicada en
Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia 2001.

         O Concello de Redondela tal e como o coñecemos non se formaría ata 1835, ano no que se aproba definitivamente a abolición dos señoríos xurisdicionais, que no noso caso significaría a anexión de Cedeira, Reboreda, Saxamonde e Vilavella. Certo é que houbera unha unificación precedente en 1822 pero o réxime señorial restauraríase ao ano seguinte. De Vilavella sabemos que pertenceu aos Cabaleiros Templarios e despois dun período con señor feudal sería doado por Enrique II en 1371 ao bispado de Tui, de aí que manteña durante séculos a súa independencia con Redondela, pertencente ao Bispado de Santiago dende a súa fundación a mediados do s. XII.
Para facernos unha idea da poboación da que estamos a falar nun censo de 1799: Redondela ten 300 habitantes, Cabeiro 40, Cesantes 250, Cedeira 170, Negros 38, Reboreda 400, Quintela 40, Saxamonde 170, Trasmañó 90, Vilar 40, O Viso 230 e Vilavella 120. Non aparece Chapela, que nesta época aínda pertencía ao arciprestado de Val do Fragoso e contaba con 80 veciños. Non sería ata 1820 que esta parroquia pasaría a formar parte de Redondela, trala aprobación dunha nova distribución en 47 partidos xudiciais por parte da Xunta de Goberno da provincia de Galicia. Tamén faltaría na relación Ventosela, que acababa de separarse de Reboreda en 1786, polo que é probable que os seus veciños engrosaran o número de veciños de Reboreda. Este feito unido a que varias das actuais rúas de Redondela atopábanse dentro dos lindes de Reboreda explica o porqué de que esta fora a parroquia máis poboada. Chegamos aquí a unha cuestión que debemos ter en conta ao falar destes anos, que sería o feito de que os límites parroquiais seguirán a sufrir modificacións ata principios do século XX.
         Este é un período convulso, saímos da guerra carlista e, pouco despois, a Raíña rexente María Cristina promulgou unha lei municipal que lle daría ás ao partido Moderado fronte ao Progresista. Isto provocou unha revolución que nomeou rexente ao xeneral Espartero, que tan só tres anos despois vese na obriga de disolver as cortes e exiliarse a Inglaterra. Na nosa vila, o 8 de outubro dese ano de 1843, os partidarios do xeneral respaldados polo alcalde e o xuíz de Primeira instancia conseguen que non se verifiquen as eleccións nas que presuntamente serían destituídos. Uns días despois, o 23 de outubro, tería lugar o alzamento de Vigo. Sen moitos apoios os redondeláns adictos á causa marchan á cidade olívica participando activamente na revolta, que non chegaría moi lonxe capitulando a cidade a principios de novembro. Todos estes acontecementos resúmense nunha inestabilidade política, que a nivel local tradúcese en sucesivos trocos ao fronte da alcaldía e en continuas acusacións de irregularidades nos gastos das contas municipais.
         Daquela as eleccións municipais consistían en que cada parroquia elixía un representante chamado elector, agás Reboreda e Redondela que escollían dous por ser as máis poboadas. Estes electores eran os que votaban a elección de Alcalde Primeiro, Alcalde Segundo, catro Rexedores e Procurador Xeral. En 1841, despois dunha reclamación houbo que repetir a elección do Alcalde Segundo e os Rexedores, mais dos quince electores con dereito a voto faltaron sete. Non semellaban moi interesados no tema poñendo pobres escusas, non contestando ao requirimento ou, no caso de José Puga y Sampayo, representante de Reboreda e párroco da mesma, deixando as cousas claras porque estaba nunha casa a carón do edificio onde tiña lugar a reunión e negouse a ir aducindo que: “habiendo salido de su casa sólo con chocolate se hallaba en ese momento atacado de una debilidad que le imposibilitaba concurrir pidiendo se le eximiese de hacerlo”.
         Entre os ingresos do Concello chaman a atención os arbitrios (impostos) que podían ser: da alfóndega, de pesos e medidas, do augardente e licores, do viño...
1842. “… que recibí de Juan José Molinos como arrendatario del arbitrio de un Real en Carro de los que transitan con tráfico por la calle de Villavieja...”
        Nalgún caso tamén se cita aos maiores contribuíntes que en 1837 serían: Dionisio de Táboas, Pedro Queimaliños i Evaristo San Pedro.
1891, Redondela vista general. Foto: Hauser y Menet. Biblioteca Nacional de España

Soldos
        Podemos diferenciar entre os gastos do Concello varias partidas máis ou menos fixas como serían os soldos do persoal. Entrarían aquí o médico titular da vila, Miguel de la Gándara, e os mestres: “ Antonio Sestelo... que con su mujer como maestros elementales de primeras letras”. Queda ven as claras o nulo papel da muller nesta época que nin sequera é recoñecida polo seu nome na súa nómina. Teñamos en conta que a nivel burocrático a muller era sempre representada por un home, xa fora polo seu esposo, pai, irmán ou representante legal.
       Aparecen tamén varios cargos curiosos como o “encargado do reloxo”, que sería neste período Juan Francisco Martínez, que en 1844 engade un gasto extra por ter que rectificar unha pezas xunto co ferreiro Eugenio Fernández. Ese mesmo ano tamén se paga ao “encargado do tambor de bandos” José Serín por anunciar un tedeum. En 1845 a “Manuel Cerin tambor por tocar a dos bandos, uno para el alistamiento y otro animando los días de sorteo en la actual quinta”.
Outros empregados do concello serían o depositario, o secretario, o alguacil e o porteiro.

Lactancia e cárcere
        Outros soldos aos que tiña que facer fronte o consistorio eran os das Nodrizas, mulleres que lle daban o peito aos nenos e nenas orfos. O número destes aumentaría considerablemente se comparamos os datos de 1835, 1841 e 1844. Estas partidas permítennos saber os nomes non só das mulleres, algunhas das cales repiten varios anos, se non tamén os dos nenos e nenas, así como a súa idade.
“… satisfechos a Juana Casal, de Cedeira, por la lactancia de una expósita que se le puso a su cargo en todo el año de 1835...”
1841. “A Manuela Garrido vecina de Villavieja por 3 meses de lactancia de un niño expósito llamado Carlos... A Juana Casal de Cedeira por 3 meses de lactancia a una niña llamada Paciencia... A María Figueroa de Cedeira por 3 meses de lactancia de una expósita llamada Rosa... “
1844. “ Lactancia a expósitos: A María Figueroa de Cedeira que lacta a Rosa de 5 años cumplidos por seis meses... A la misma por la lactancia de Narciso de exposito de edad de 8 meses por 5... A Juana Casal de Cedeira por la lactancia de María Paciencia de edad de 5 años cumplidos por 6 meses... A Josefa Docampo por la lactancia de María Manuela exposita de dos años menos un mês y medio por 6 meses... A Juana Otero de Redondela a Manuel Savino exposito de edad de 4 meses menos 3 días por 5 meses... A Manuela Garrido que lacta a Carlos exposito de edad de 6 años escasos por 6 meses... A María Rosa Rodríguez de Trasmañó por 6 meses de lactancia del expósito Nazario Manuel de edad de 6 meses la cantidad de... A Josefa Vieitez de Cedeira, por la lactancia del expósito Juan José de edad de 9 meses por 6 meses que vivió la cantidad de...”
        
        Nos datos anteriores omitín os das mulleres doutros concellos, porque daquela Redondela era un partido xudicial composto polos concellos de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Mos. Ao ser cabeza de partido cobrábase aos outros concellos por algúns servizos como o xa comentado da lactancia de expósitos e tamén polo do cárcere. Neste último caso o gasto era o do alumeado e o soldo dos gardas, pero tamén as obras para adecentar a mesma:
1833. “Recibí del depositario de Villavieja … importe de luz, leña y paja que han gastado de mi tienda para los presos y guarda... Antonio Milleiro”.
“… por el conocimiento de la escalación de la carcel que lo verifico el maestro Juan Fontan, com dos oficiales que ocuparon dos medios días, com mas un día que ocupó el Fontán en dirigir los oficiales...”
        Tamén existía unha partida para a atención médica, que incluía ao médico e ao boticario, e outra para axudar aos presos pobres, que coma os demáis gastos era xestionada polo Alcalde Carcelero, cargo que neste período desempeñaba Miguel García.

Relixión
         Outros cargos habituais era o das festas relixiosas afrontándose gastos por: a procesión do Corpus, o sermón de Coaresma, a festividade da Candelaria ou a festividade da Virxe da Concepción patroa do Concello. Tan só un ano antes da unificación do Concello (1835) había uns pagos máis xenerosos como: “el alumbrado diario del Santísimo Sacramento” ou“al cura párroco de esta villa por reparos de la ropa de la iglesia”; e tirando do fio:“al mismo cura párroco por atender a las ropas de la iglesia”. Tamén tiña a súa parte o “sacristán de la iglesia de esta villa por tocar las campanas en los sábados de todo el año para la concurrencia de las misas de la Concepción”.
         A Monarquía tamén traía os seus gastos: “... al Comisionado que entendió en la función celebrada en esta villa por el cumpleaños de la Reina Nª Sª Dª Isabel Segunda”, ”...por los fuegos artificiales en la función celebrada por los días de la Reina Nª Sª Dª Isabel Segunda”.
1898, Redondela vista xeral. Foto: La revista moderna
Outros pagos fixos
        Tamén se fan pagos pola subscrición ao Boletín Oficial de Pontevedra, Anales Administrativos ou ao Diario de Administración. Pagábase tamén ao partido de Tui polos arbitrios municipais e pola celebración dunha feira e mercado.
         Outra partida sería para as comunicacións así, por exemplo, podíase pagar á persoa que comunicase á capital de provincia o resultado do sorteo dos quintos (mozos que ían realizar o servizo militar) ou pola condución deses quintos á capital e en xeral das comunicacións urxentes, como no seguinte caso:
1844. “El depositario entregará a Manuela Crespo, vecina de esta villa la cantidad de... por 5 veces en 5 días que fue com pliegos al Sr. Jefe político... com el resultado de las elecciones para Diputados y senador... “
         Outros casos sería o do traslado de presos:
19-12-1842.... entregará a los Nacionales Antonio Barros, Benito Soto y Agustín Sánchez 30 r.v. Que deben haber por el Reglamento por el día de hoy y el de mañana... a fin de conducir a todo seguro al reo, D. José Bentura Álvarez, Presbítero, a la capital de Pontevedra, por orden del Sr. Juez en 1ª Instr. de este partido... para a espurgar su condena de rentas de causa formada...
          En canto aos pagos do material empregado no Concello permítenos coñecer o nome dalgúns tendeiros da vila e ata do xefe de Correos:
1845. “… a D. Antonio de Otero del comercio de esta villa … por papel común que ha suministrado para el gasto de este ayuntamiento y boletas de alojamiento...”
1844. “... a D. José Otero Administrador encargado de Correos de esta villa y su partido por el correo de este Ayuntamiento...”
Pagos extraordinarios
        O paso do exército supuña un gasto extra nos fondos municipais como sucedeu en 1842: “… entrego a Antonio de Otero de esta vecindad 74 reales por el importe de 8 arrobas de yerba y 3 ferrados de maíz que se dieron por raciones a los caballos que estuvieron en esta vila con Excmo. Capitán General”.
         En 1845 baixo o título “Gastos obligatorios de policía urbana” aparece: “por premios de muertes de animales dañinos...”. Semella que aquel ano os raposos atacaron os galiñeiros e o Concello promoveu a caza deste animal pagando 20 reais polos machos, 30 polas femias e 40 polas femias preñadas:
“A Francisco Antonio Landin vecino de Cabeiro por premio de la muerte de una zorra preñada, otra vieja libre, un zorro viejo y tres zorrillos... A Manuel Vicente Milleiro vecino de esta villa por la muerte de un zorro macho... A Juan Antonio Carballo vecino del Viso por la muerte de otro zorro... A Rafael Carballido vecino de Villar por la muerte de otro zorro... A Pedro Táboas vecino del Viso por la de otro zorro... A Francisco Blanco de idem por la de otro zorro... A José Agustín Pérez de Sajamonde por la de otro zorro... A Gregorio Pérez de Cesantes por una zorra preñada... Juan Alonso de Cedeira por una zorra... A Juan Manuel Costas de Quintela por otra zorra... A Manuel Alvarez vecino de Negros por una garduña o marta... A Jose Santorio vecino de Chapela la muerte de una zorra...”
        Lamentablemente esta lista veríase aumentada nos seguintes meses.
Os "sofás" na Praza Constitución, 1935. Foto publicada en
Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia 2001.

Obras
        Por último citar algúns pagos por obras e reparación das rúas:
1842. “… que satisface al maestro cantero Juan Fontán por la conclusión del enlosado de la plaza, sofás, guarda ruedas, puente y paredes de la plaza para la pescadería...”
        Este primeiro pago é moi interesante porque fala dos “sofás”, que fan pensar nos bancos de pedra que permaneceron na praza Constitución ata xuño de 1924 data na que o Concello acorda a súa retirada. Isto non sentou ben entre a poboación quen protestou, pero a decisión estaba tomada e os bancos foron substituídos por uns máis modernos de metal e madeira. Os “sofás” serían trasladados ao Paseo da Xunqueira ata a súa retirada durante as obras motivadas pola construción do parking. Tan só se salvou un banco que sobrevive solitario nun recuncho da Alameda. 
10-3-1842. Al maestro herrero Eugenio Fernández por cinco libras de hierro y su trabajo... Al maestro herrero de Villavieja por 6 libras de hierro y su trabajo... Al maestro herrero Robustino Tavoas por 8 libras de hierro y su trabajo...”
10-8-1843. “Juan Fontán, canteiro veciño do Viso, recibín do concello... para hacer la cabada desde el hospital hasta Pousadouro...”
28-12-1845. “...a Ysidro Labadia por la colocación de 21 vidrios en las puertas y ventanas de la Casa Consistorial incluso masilla y su trabajo …
30-12-1845. “...a Andrés Arines carpintero... rectificación de la balaustrado del balcón de la Casa Consistorial”.
20-9-1846. Miguel Acuña, mestre Canteiro comprueba el estado de unas obras.”

Un dos "sillóns" na Xunqueira, nevada de 1961. Foto cedida por Sebastián Fdez.

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA
España_sagrada_theatro_geographico-histórico de la Iglesia de España. Tomo 22 e 23. Enrique Flórez. Madrid 1767 e 1799.
1767 De la Iglesia de Tuy desde su origen hasta el siglo décimo sexto
1799 Continuación de las memorias de la Santa Iglesia de Tuy

Biografías y vidas. https://www.biografiasyvidas.com/biografia/e/espartero.htm

Congreso de los Diputados http://www.congreso.es

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Centinela de Galicia (A Coruña)

BOE-www.boe.es => Gaceta de Madrid,
Boletín Oficial de la Provincia de Guadalajara, Boletín de noticias
Internovas
Deputación de Pontevedra. https://atopo.depo.gal/ => Contas municipais do concello de Redondela 1830-1837/1835-1840/1841/1841-1843/1843/1844. Expediente de eleccións municipais. Redondela (1841)
1924/06/27La Voz de Galicia
Aportes orais.

lunes, 17 de agosto de 2020

Wu Shu (Kung Fu)

       
Campionato de España, 1985. FarodeVigo
           Nos 80 abriu en Vilavella o ximnasio Wu Shu, que posteriormente se chamaría Jo-Con, que fomentaría a práctica deste deporte. Axiña chegarían os bos resultados e no Campionato de España de 1985: Manuel Monteagudo Otero sería 2º en peso lixeiro, Manuel Ángel Martínez 2º en semi-pesado, Ignacio Lamas Sánchez 3º na mesma categoría e Ángel Veiga 3º en pesado. Completarían o equipo Alberto Núñez Rodríguez, Narciso Lago Palleiro, Florentino Pórtela Alonso, Ángel Reyes López, Fernando Pórtela Alonso, Antonio Lago Ochoa e Pablo Ortega Alvarez. Estaban dirixidos polo mestre Juan José Montado Suppo e adestrados por José Cecilio Testa Carreira.
           Este é sen lugar a dúbidas o deporte no que se acadaron máis éxitos. Tristemente como soe suceder cos deportes minoritarios os dous deportistas que veremos a continuación son practicamente descoñecidos na vila apesares de contar cun palmarés impresionante.

Pablo Ortega Álvarez. Modalidade Combate 80-85 kg.
Campionato de España. 8 veces 1º e 2 veces 2º.
Campionato de Europa. 2 veces 2º.
Campionato do Mundo. Un 3º posto en 1997 en Roma e un 5º posto.
Xunto á atleta Rosana Nogueira, foi o encargado de portar o facho olímpico de Barcelona’92 ao seu paso por Redondela.
Mestre Nacional desta modalidade, adestrador da selección galega e da española. Membro da Comisión Nacional de Wu Shu. Árbitro nacional e europeo. Ademais é cinturón marrón de Taekwondo. Unha vez retirado da competición decidiu crear un club en Arcade (Soutomaior), pola falta de apoio por parte do Concello de Redondela.

Foto cedida por Pablo Ortega

Jose Luis Rodríguez Veiga. Modalidade Combate.
Campionato de España. 7 veces 1º e 1 vez 2º.
3º no Campionato de Europa.
5º no Campionato do Mundo de Malasia.
Mestre e árbitro nacional, dirixiu durante varios anos o ximnasio Jo-Con en Redondela.

Autor: Juan Migueles

 
BIBLIOGRAFÍA
La Vozde Galicia
Faro de Vigo
Aportes: Pablo Ortega

Traíñas

 
Chegada das traíñas de pesca ao porto de Vigo. Fototipia Hauser y Menet.

A práctica deportiva de regatas na Ría de Vigo remóntase á segunda metade do século XIX, cando comezaron a celebrarse para conmemorar as festas parroquiais de Vigo. No 1886 xa participan nestas probas faluchos con 12 remeiros e patrón, pero non sería ata o 6 de agosto de 1900 cando as traíñas participan por primeira vez, sendo o primeiro premio de 125 ptas. para a "Niña" dirixida por Francisco Álvarez e o segundo para "Rosalía" capitaneada por José Casado. Nesta época o conde de Torrecedeira, dono do pazo de mesmo nome, era propietario dunha das yolas que participaba, co nome de Argos, nas regatas organizadas polo Club Náutico de Vigo.
Foto: Vida Gallega

Chapela
A primeira embarcación de Redondela da que atopo datos é a de Chapela no período da II República. En setembro de 1933 o Club Marítimo de Vigo organiza unha regata de milla e cuarta en dúas quendas, na que participan: Ríos, Baiona, Meira e San Fausto de Chapela. Acadaría o 2ª posto por detrás de Meira, gañando un premio de 250 pesetas. En agosto de 1934 Chapela, baixo o mando de Feliciano Iglesias, participa no Campeonato de la Ría de Vigo, consistente en probas eliminatorias por parellas, sendo vencida por Rodeira. En agosto de 1935 tamén participaría na competición organizada polo Club Náutico de Vigo, quedando no 6º e último lugar.
Coa Guerra Civil por medio, outra noticia da conta da participación do Chapela nunha competición organizada polo Club Náutico de Vigo en 1946, patroneado por Floro Chapela, pero non supera a primeira eliminatoria. No Campionato Provincial de 1947 participa co mesmo patrón e queda último. No de 1949 unha mala virada os relega tamén á derradeira praza.
Regatas na Festa do Carme  de 1965. Foto publicada en "Chapela de onte a hoxe"

C. D. Redondela
En 1945 fúndase o Club Deportivo Redondela. No 1947 clasificouse para a final do Campionato Provincial, que gañou Meira. Para a segunda praza houbo que realizar unha regata de desempate na que os de Redondela venceron a Tirán. O 29 de agosto de 1948, no mesmo campionato e con 16 equipos participantes, acabaría 3º por detrás de Tirán e Meira. Este equipo desaparecería a principios dos anos 50.
Traíña en Cesantes. Arquivo Luis Pereda
Cesantes
A primeira noticia que atopo dunha embarcación de Cesantes remóntase a unha proba celebrada en Vigo en agosto de 1946, na que figura na lista de inscritos xunto a Chapela e C. D. Redondela.
S. A. R.
Nas festas das Angustias de 1965, a Sociedade Atlética de Redondela celebrou unha proba de remo en Cesantes na que debutou o seu equipo na embarcación “Negrita”. Gañaron a segunda manga e foron segundos na clasificación final.
1967, Traíña da SAR.  Foto cedida por Juan López

C. R. Cesantes
En 1983 nace o Clube de Remo Cesantes, sendo presidente do Círculo D. C. de Cesantes, Fernando Monroy Sobral. En 1986 créanse as categorías infantil, cadete e xuvenil. Tras un lapso competitivo de dez anos no 2012 volta a competir na Liga Galega de Traíñas.
O maior logro deste clube acadouno nas categorías inferiores, co Campionato Galego e o 4º posto no Campeonato de España 2001-02 acadado polo equipo xuvenil. Repetiu ese mesmo 4º posto no Cto. de España do 2014.
Este club sufriu unha escisión da que naceu o Clube de Remo San Simón.
C. R. Cesantes. Foto cedida por Domingo Barreiro ao Obradoiro Fernando Monroy

 C. R. Chapela
O Club de Remo Chapela fundado en 1986, participa actualmente na Liga do Noroeste. Este club foi noticia cando no 2007 as olas esnaquizaron a súa traíña na Bandeira Teresa Herrera, na Coruña, co resultado de cinco feridos. No 2012 acadou a clasificación para a prestixiosa Bandera de la Concha, de San Sebastián.
O equipo feminino acadou os Campionatos Galego e de España 2008 e no 2014 outra vez o Campionato de España, no que acadou a medalla de bronce no 2015.
Na categoría xuvenil masculina, no 2014, acadou o Campionato Galego e o 3º posto, por diante da embarcación do C. C. D. Cesantes, no Campionato de España.
C.R.Chapela, 1985-1986. Foto publicada en Chapela de Onte a hoxe

Outros datos
Tamén destacar ao equipo feminino S. D. R. Rías Baixas equipo que no 2009 estaba formado por 20 mozas, das que 8 proviñan do C. R. Chapela, ademais de Verónica Lago de Cesantes que se formou no C. R. San Simón. Ese ano acadarían un triplete histórico: a Liga ACT, a Liga Galega e a Bandera de La Concha.
Ata aquí a historia dos equipos, un traballo máis en profundidade engadiría aos remeiros redondeláns que teñen formado parte de tripulacións doutros concellos.
A nivel organizativo dende os anos 80 vense celebrando a Bandeira Concello de Redondela, que no 2011 celebrará a súa XXV edición.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Seren Nº0-A Sociedade Atlética Redondela (S.A.R). Miguel López Docampo.
Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989)
Caderniños do Instituto de Chapela. Coordenador: X.M.González Fdez.
  • Nº1. As festas do Corpus en Redondela (1875-1975).
  • Nº3. O deporte no sur da provincia de Pontevedra.
Historia das traíñas en Redondela. Roberto Gil Moure.
Historia de las Rías. (2 Volúmenes) De cuando la traíña mató al xeito. Jesús Giráldez Rivero. Ed. Faro de Vigo.
Orixe das regatas de traíñas na Ría de Vigo. Xosé C. Villaverde Román. Agrupación Cultural NÓS
El Mundo Deportivo (dende 1906)
La Vanguardia (dende 1881)
Faro de Vigo
Vigometropolitano
http://www.vigometropolitano.com/ As mulleres ó poder. Jorge Castro - 02/05/2008
Atlántico Diario
La Voz de Galicia
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, La Noche



domingo, 16 de agosto de 2020

Tenis de Mesa (Ping-Pong)

    
1947 Partido Hogar del Productor-De7a9 (Barcelona). Manuel Míguez e Segundo Puga Foto publicada en El Rincón de Mari Paz. El tenis de mesa vigués
      
         En Vigo hai constancia da práctica do tenis de mesa cando menos dende 1918. Os pioneiros deste deporte en Redondela foron Jacinto e Manuel Míguez Figueroa, que en 1943 participaron no Campionato provincial do Frente de Juventudes. Estes irmáns proclamaríanse campións rexionais do Frente de Juventudes, Educación y Descanso e da Zona Galicia-Astur. A Federación Galega creárase ese mesmo ano por iniciativa de Fernando de Haz, vigués vinculado con Redondela ao que xa vimos no apartado adicado ao tenis. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/06/fernando-de-haz-de-la-gandara-1912-1985.html )
           En xaneiro de 1944, nese mesmo campionato, resultaría vencedor Manuel Míguez Figueroa, Bernardo Docampo remataría 8º e por equipos Redondela acadaría a 2ª praza. En marzo dese ano Segundo Puga vence no primeiro campionato local oficial celebrado en Vigo, no que competían vinte participantes, despois de desempatar con Carlos Bárcena e Fernando de Haz.
            Ese mesmo ano fúndase o C. D. Redondela. Os seus tenistas conquistaron o Campionato Galego e o Campionato Noroeste de España en 1945, Sub-campións de España de Educación e Descanso en 1946 e o Campionato de Galicia. Contaba nas súas filas co mencionado Segundo Puga “Chicuelo”, quen xa destacara practicando fútbol, wáter-polo e tenis.
              A Federación Galega organiza en 1946, o primeiro Campionato Galego, con participación de xogadores de Vigo e Redondela, resultando vencedor Segundo Puga en individual e dobres formando parella con Arturo González. Ese mesmo ano a selección galega compite por primeira vez no Campionato de España, estando formada polos redondeláns Segundo Puga, Manuel Míguez e o vigués Arturo González, defendendo as cores do Hogar del Productor.
       E 1947 cando este equipo non puido competir no campionato nacional, Segundo Puga e Manolo Míguez participaron co club Remeros del Berbés, de Vigo, acadando o Sub-campionato de España de Educación e Descanso. En escrito do 26-6-47, o presidente da Federación Galega Quintín Alonso propón a Segundo Puga para relevalo. No Campionato Galego deste ano Segundo Puga vence en dobres formando parella con Arturo González. En agosto daquel ano, estes dous xogadores enfrontaríanse no cine Redondela ao campión nacional nun campionato de exhibición, sendo derrotados os nosos xogadores. En setembro de 1947 o C. D, Redondela derrota ao R. C. N. de Vigo, formando S. Puga, Míguez e Docampo. En outubro Segundo Puga atópase adestrando a varios mozos para o campionato a celebrarse no Hogar del Productor, de Vigo, no que tamén forma parte da organización. Este mesmo deportista vencería ao mes seguinte no Campionato de Vigo.
 
Arturo González, Víctor García, Segundo Puga e Alberto García, Cto. de España 1948. Foto publicada en El Rincón de Mari Paz. El tenis de mesa vigués
     
          En 1948 Segundo Puga proclamouse Campión Galego Individual e Dobres (con Arturo), sendo daquela o xogador máis veterano de España. Tamén se proclamaría sub-campión mixto con María Blanco Chamochín e vencería por equipos formando no Educación e Descanso, xunto a V. García e A. García. Neste campionato tamén participaría o redondelán Gonzalo Figueiral. Ese mesmo ano Puga acada o segundo posto nos nacionais defendendo as cores do Hogar del Productor con Alfredo García, Víctor García e Arturo González. En 1949 sería Campión Galego Dobres con Victor García, e Sub-campión Galego Individual, perdendo precisamente con García. Este ano non participaría no campionato nacional por emigrar a Arxentina.
          Apesares da baixa de Puga, en 1950, participan no Campionato de España os redondeláns Gonzalo Figueiral Caride e M. Portela polo C. Choco, acadando o terceiro posto por rexións. Outro xogador desta época sería Orge. Tamén Gonzalo Figueiral Rivero acadaría en 1951 o campionato provincial e os campionatos escolares do Frente de Juventudes representando ao Instituto de Pontevedra. Nese mesmo ano o seu pai aparece como vocal da Federación Galega.
 A principios dos anos 50 o equipo de Acción Católica de Redondela disputaba o Campeonato Diocesano de Aspirantes.
            En xaneiro de 1959, no Trofeo Primar celebrado no R. C. Naútico de Vigo, o equipo de Redondela perdeu en semifinais co equipo anfitrión. Na fase previa do Campionato Galego de primeira categoría dese mesmo ano participaron: 12 vigueses, 2 de Redondela e Tui, e 13 de A Coruña. 
          En 1968 a S. A. R. crea dous equipos de tenis de mesa, un que disputa a Segunda División Provincial e outro xuvenil. Entre os seus xogadores podemos citar a De Haz, Soto, Puente, Alfonso Figueiral ou Contreras. No seu primeiro ano de vida celebra o I Torneo de Tenis de Mesa de Redondela, durante a II Semana da SAR.
           En 1970 celebrouse en Redondela o I Trofeo SAR, onde venceu Juan Manuel Alfaya, xogador de balonmán da SAR, despois de vencer por esta orde a Alfonso Pereira, Manuel Ferreira (da S.A.R.), Jose Luis Contreras e Antonio Soto. Nas seguintes edicións estenderíase ás demais categorías: alevín, infantil e xuvenil; xogándose no grupo escolar.
 
Campionato de Tenis de Mesa organizado pola SAR. Arquivo Albi.
 
Nun campionato celebrado no Círculo Cultural e Recreativo de Chapela en 1968 venceu Francisco Fernández, seguido por Jose Antonio Agulla, Jose Antonio Arizaga e Ricardo Díaz. Actividades como esta levaron á fundación do S. D. Chapela, que tivo o seu primeiro gran éxito nos campionatos provinciais de 1970: Gonzalo Mencía Castro e José Carlos Cabaleiro Castro, medalla de ouro xuvenil; Ricardo Díaz Martínez e Fernando González Varela, medalla de prata xuvenil; Jorge Cabaleiro Millares e Ángel Castro Cabaleiro, medalla prata infantil.
A finais dese ano os dous equipos atopábanse disputando a liga provincial de segunda categoría.
No 2004 José Virulegio funda o equipo do Centro Recreativo e Cultural de Redondela, coa ilusión de seguir a manter viva a afección redondelana por este deporte disputando a 3ª división galega.
 
Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA
SEREN
Nº0-A Sociedade Atlética Redondela (S.A.R). Miguel López Docampo.
Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989)
Caderniños do Instituto de Chapela. Coordenador: X.M.González Fdez.
  • Nº1. As festas do Corpus en Redondela (1875-1975).
  • Nº3. O deporte no sur da provincia de Pontevedra.
El Mundo Deportivo (dende 1906)
La Vanguardia (dende 1881)
La Vozde Galicia
Faro de Vigo
Atlántico Diario
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, La Noche, El Correo de Galicia
El Rincón de MariPaz. El tenis de mesa vigués. http://lopezcerdeira.over-blog.es