Cales e cantas son as esculturas que podemos contemplar no noso Concello? Tratarei de responder a esta pregunta tentando facelo por orde cronolóxico.
Esculturas dos xardíns da Alameda
En 1966 o Concello solicita á Deputación Provincial que se ceda en depósito unha serie de esculturas que se gardaban en desuso no Palacio Provincial. Trataríase do busto de Alfonso XII, que se conserva nas escaleiras da Casa do Concello, e dunha serie de pezas de granito que se colocaron nos xardíns da Alameda: o grupo escultórico de "Los Niños", unha cabeza tallada, a talla da cabeza da esposa do Sr. Solís e uha cabeza de romano.
"Los Niños". Foto:J. Migueles |
"Una cabeza tallada" Foto: J. Migueles |
Castelao
Estatua de Castelao na Alameda para conmemorar o centenario do seu nacemento. A inauguración o Día das Letras Galegas de 1987 sería o colofón a unha serie de actos que comezaron un ano antes: Tren coa exposición da súa vida e obra, actos na festa da Coca, publicacións, partido pro-estatua CD Choco-RC Celta, cen pezas conmemorativas de Sargadelos…
Trátase dunha peza de bronce de estilo figurativo sobre un pedestal de pedra, obra de Alfonso Vilar. Posteriormente serían colocadas na base dúas placas: unha conmemorando os 50 anos do seu pasamento (2000) e outra o Centenario do Himno Galego (2007). Serían roubadas en 2015.
Castelao. Foto: J. Migueles |
Escultura a Eduardo Blanco Amor
Con motivo da creación do Premio Blanco Amor de literatura por iniciativa do Concello de Redondela decidiuse homenaxear en 1982 a este escritor cunha estatua. A escultura obra de Juan Otero García “Eiravella”, representa unha figura masculina cun neno no colo e outros catro rapaces na parte posterior. Despois dun breve período na Alameda e das moitas críticas recibidas, a estatua sería substituída por un reloxo de sol e desprazada ao final do aparcamento do campo da feira. Nunca contou cunha placa que identificase a obra.
Homenaxe a Blanco Amor. Foto: J. Migueles |
A Serea de Castelao (Reboreda)
En 1988 inícianse as obras de ampliación da casa da Sociedade Labrego Cultural de Reboreda polo arquitecto César Portela. Pouco despois encárgase a escultura do escudo de Galiza debuxado por Castelao á escultora Ángeles Valladares. Varios problemas prolongan as obras durante seis anos, polo que a inauguración do edificio restaurado coa serea na fachada non se produciría ata abril de 1994.
Muro de Berlín
A principios dos anos 90 Manuel A. Figueroa Suárez cedeu ao Concello dúas pezas do Muro Berlín. Daquela non se tivo a sensibilidade necesaria e optouse por colgalas literalmente dun piar do viaduto de Ourense. Alí permaneceron abandonadas ata que se decidiu recuperalas. Despois dos traballos de restauración realizados pos Xesús Cameselle Ben, en 2011 colocáronse nunha vitrina nos xardíns da Xunqueira, diante do Multiusos.
As Penlas
En xuño de 2003, o conselleiro de Cultura, o redondelán Jesús Pérez Varela, inaugurou na praza da Constitución a escultura das Penlas e as Burras, figuras que acompañan á danza das espadas na Festa da Coca. É obra do artista ourensán Acisclo Manzano. Realizada en bronce, ten unha altura de 2,55 metros e un peso de 400 quilos. O custe superaría os 42.000 euros. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/festas-da-coca.html )
Valle Inclán
En 2004 o Concello colocou un busto do escritor Valle Inclán na Praza Figueroa. O lugar foi elixido porque nesta praza están os dous primeiros locais que ocupou a Biblioteca Municipal, que recibe o nome de Valle Inclán. En 2022 trasladouse á porta do Multiusos da Xunqueira, sede actual da biblioteca. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/09/edificios-e-espazos-publicos.html )
O Capitán Nemo (Cesantes)
No mesmo ano de 2004, colocouse unha estatua do Capitán Nemo na praia da Punta sobre unha das bases dos postes que levaban electricidade á illa de San Simón. Acompañan a esta estatua dous buzos na area que tan só se poden ver con marea baixa. Homenaxease así ao escritor Jules Verne, quen retratou a busca do tesouro de Rande na súa novela Vinte mil leguas de viaxe submarino. A obra foi esculpida por Sergio Portela Campos en base ao deseño do falecido Moncho Lastra. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/redondela-na-literatura.html )
www.pueblos-espana.org |
Monumento aos Mariñeiros (Cesantes)
Monumento de homenaxe a todos os que perderon a vida no mar, aos que se lembra todos os anos cunha ofrenda floral. Foi realizada tralo afundimento do Bahía, barco que naufragou en 2004, preto das Illas Sisargas, fronte a Malpica, cando regresaba ao porto despois da campaña da anchoa. Nesta traxedia, provocada polas malas condicións do mar, falecerían os dez tripulantes. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/11/historias-do-mar-2-metade-do-s-xx.html )
Monumento aos mariñeiros |
A fonte da Danza das Espadas
En 2011 foi encargada ao escultor Ancisclo Manzano para instalala na Praza Ribadavia. Ante a oposición veciñal estudáronse outras opcións pero ata o de agora (2020) non chegou a ser instalada, apesares dos 54.000 € que custou a obra, que permanece abandonada nos terreos do Pazo de Pousadouro. Trátase dunha fonte luminosa de seis metros de alto e a súa instalación estaba valorada noutros 64.000 € .
A fonte. Foto publicada en Facebook |
Virxe do Carme (Cesantes)
Por encargo da Deputación de Pontevedra, a Escola de Canteiros de Poio instalou en 2014 unha imaxe de granito da Virxe do Carme acaroada á capela adicada á mesma na praia da Punta. A escultura obra de Rubén Gil Rodríguez mide 2’70 metros de alto, por 1,20 m de ancho e 0,70 m de fondo, cun peso de 4.500 kg. Posteriormente engadíuselle outra talla contendo parte dos versos adicados á illa de San Simón do trobador Mendiño (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/mendino-s-xiii-xiv-trobador-medieval.html ), que mide 3,20 metros de alto por 2,90 metros de ancho.
Virxe do Carme. Faro de Vigo |
Escudo e símbolos de Redondela
Durante a reforma da zona verde baixo o viaduto de Pontevedra, a escola taller de emprego Vila Bela, ademais de mesas con xogos e bancos tallados coa Coca, esculpiron un escudo de granito do Concello de Redondela de 2,5 metros, adornado con elementos típicos da nosa vila como Xan Carallás, o choco e a Coca. A inauguración tería lugar en febreiro de 2017.
Muíño e Berete (Reboreda / Chapela)
En 2018 a escola taller do Concello de Redondela crea as esculturas dun muíño para a rotonda de Reboreda e a do berete para a rotonda da Av. de Redondela (Chapela). Tamén deseñan o parque do solar ocupado anteriormente pola casa de Fenosa esculpindo as hamacas de pedra.
Rosalía de Castro (Chapela)
En xullo de 2018 preséntase a escultura de Rosalía de Castro na alameda á que da nome en Chapela dende febreiro dese mesmo ano. É obra do escultor ourensán Toni Ferrer. Na súa base pode lerse: "En lembranza de Rosalía de Castro, muller universal das nosas letras".
Busto de don Luis (Vilar de Infesta)
Homenaxe ao cura Luis Gómez Jorge nas inmediacións do centro cultural. Nomeado en novembro de 1961 párroco de Vilar de Infesta, Negros e Cabeiro. En 1970 sería designado arcipreste de Redondela.
Busto Don Luis. Foto: J. Migueles
Cabalo Enteiro. (Ventosela)
Cabalo de madeira realizado para o Artelixo 2014 (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/11/colectivos-e-festivais-musicais-historia.html ) por Carlos Graña. Instalada na Ruta das Pedras en 2019, durante a conmemoración do Día da Árbore. No acto participaron CEIP Santo Paio de Reboreda, EEI de Ventosela, CMMC de Ventosela e Artelixo.
Cabalo Enteiro: Foto: J. Migueles |
Xan Carallás
Por iniciativa da Orde de Xan Carallás (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/xan-carallas.html ) o 2 de maio de 2019 inaugúrase esta estatua na Alameda. A escultura é obra de Juan Vázquez Pérez, quen exerce como mestre no taller de cantería do Concello.
Xan Carallás |
Rotondas de Cedeira e Cabanas (Cedeira/Trasmañó)
En 2019 a escola taller reforma estas dúas rotondas. A de Cedeira coas tallas dun viaduto e a Coca, e a de Cabanas, que a citamos pero que non conta con esculturas.
Peregrino (Quintela)
En 2019 a escola taller Vila Bela II instala nun área de descanso de Quintela a figura en pedra dun peregrino en pleno Camiño Portugués para que os camiñantes podan fotografarse.
Peregrino. Facebook Vila Bela |
San Fausto (Chapela)
No cemiterio de Chapela instalouse en 2020 unha estatua de granito de San Fausto doada polo empresario José Ángel Ballesteros Mosquera.
Regojo
En 2020 a escola taller de emprego Vila Bela III, inicia os traballos de reforma da contorna que ocupara en tempos a empresa téxtil Regojo (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/regojo-e-outras-empresas-textiles.html ), con elementos tallados en pedra que lembran a súa actividade.
Regojo. Foto: J. Migueles |
Troita en pé.
Obra do Colectivo Koebra indultada no Artelixo 2021 e colocada no inicio do Paseo do río Maceiras na edición seguinte. Feita con material de refugallo sacado desta mesma corrente fluvial.
Monumento aos fusilados no alto da Concheira (Trasmañó)
Escultura instalada en 2021 en lembranza das 21 persoas que foron fusiladas no alto da Concheira por defender a República.
Monumento aos fusilados. Foto: J. Migueles |
Os xigantes e o viaduto.
Grupo escultórico instalado diante do Multiusos da Xunqueira en 2021.
Xigantes e cabezzudos. Foto: J. Migueles |
A todas estas esculturas habería que engadir as instaladas nas illas de San Simón e San Antón, durante as obras de rehabilitación das mesmas.
Unha das moitas esculturas na illa de San Simón. |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Blog do Arquivo do Concello de Redondela. http://arquivoconcelloredondela.blogspot.com
A nosa memoria. Vintecinco anos despois. 1975-2000. Sociedade Labrego Cultural de Reboreda.
Turismo Ríass Baixas => https://turismoriasbaixas.com/
La Voz de Galiciana
Faro de Vigo
Atlántico Diario
Radio Redondela
Facebook Concello de Redondela
Aportes Andrés Couñago Laxe e Daniel Boullosa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario