domingo, 12 de abril de 2020

Xan Carallás

A orixe de Xan Carallás é pouco clara. Parece ser que realmente existiu un home con ese alcume en Ventosela, pero o que está claro é que non foi o fundador de Redondela nin moito menos.
Segundo Antonio Orge, sobre o 1900, no xornal “Vida Social” de Vigo aparece a lenda: “Aquí fas quen sempre fas, aquí fas quen sempre vela, aquí fas Xan fundador de Redondela.” Fermín Alfaya afirmaría que estas verbas serían obra de Buenhijo Pérez Sobrino. Tamén fala Orge da existencia dun retrato feito ó óleo por Castelao e baseado nun bocexo anónimo de Xan Carallás. A partir deste cadro Pisquito faría un mural no desaparecido bar Mougás na rúa Cruceiro.
A Félix Cal a súa avoa Fermina contoulle que no café de señora Carme (a de Estrella) Castelao debuxou a figura de Xan Carallás.
En xuño de 1924 aparece en Faro de Vigo a noticia do accidente sufrido polo barco “Xan Carallás” propiedade de Santiago Serín.
O que sabemos de certo é que un grupo de amigos pedíronlle a Castelao, nunha das súas visitas a vila, un debuxo para formar unha peña. Pouco despois, a través do xornal Faro de Vigo, lograrían o ansiado debuxo, que foi publicado no ano 1930 coa inscrición xa por todos coñecida:
Aquí fas, quen sempre fas.
Aquí fas, quen sempre vela.
Aquí fas Xan Carallás
Fundador de Redondela

Este debuxo sería unha reprodución do orixinal que recibira Amador Pérez Sousa de mans de Castelao como agasallo.
Reproducción do debuxo de Castelao para as festas da Coca de 1967. Arquivo: Juan Migueles
Peña Xan Carallás
En 1946 os fundadores da Peña Xan Carallás foron: José (Sesé) Fervenza Núñez, Isidoro Pereira Otero (Campanero), Félix Fernández Núñez, Luis Alfonso Pereira Fernández (Militón), os irmáns José (Sesé) e Benito Fernández Crespo, Cándido Corujeira Núñez, Alejandro Castro Pérez, José Villaverde Figueroa, Manuel Rodríguez, Francisco Táboas Rodríguez (Paco Triscallo), José Martínez Seoane, Andrés Figueroa Barros (Patatero) e Alfonso Otero Figueroa (Roche).
Outros participantes das primeiras edicións serían: Jesús Boullosa (el Carnicero), Celso González Sequeiros (dono do Bar Redondela en Bouzas), José Martínez Seoane (Cabeza de Plata ou Pepe de Arbitros), Manolo García Casqueiro (Mirón), Paco (tío de Alfonso Pereira), Pazín (garda civil retirado), José García García (recadador da contribución), José Silvent, Juan Ipiña Otero, Aniceto Otero, Edmundo Villasanta, Eusebio Pereira (de Soutomaior), Casimiro (Mirito), Urbano, José Pérez Rivero (Pepiño Lambido), Manuel Muradás (Belorcio), Xaropo (de Reboreda) e Reigosa.
A parte dos anteriores, cada membro da peña podía levar invitados, polo que nas fotografías antigas pode aparecer máis xente.
Peña de Xan Carallás. Foto cedida familia Fernández Otero.
           A súa principal actividade era subir con gaitas, pandeiretas, cunchas de vieira e charrascos ao Carballo das Cen Polas (Reboreda). Alí, cociñeiros e camareiros os agardaban cunha gran comida, onde non faltaban marisco, viño e licores. Por suposto, como en calquera festa lanzaban bombas de palenque. A subida facíase en coches e a baixada era a pé e cada un como boamente podía.
A “mascota” da peña era a reprodución de Xan Carallás, feita en madeira, por Sesé Fernández. Esta, era literalmente atada ó capó do coche antigo propiedade de Manolo García. Unha vez en Reboreda, colgábanlle unha cunca de tinto á gorxa e púñanlle un cigarro na boca, para que tamén desfrutara da festa.
Cada vez que entraba un membro novo na peña, era bautizado con viño tinto pola persoa que o apadriñaba. Durante o resto do ano organizaban xantares, coma por exemplo no entroido, e excursións. Nalgunhas delas tamén participaban as súas mulleres e fillos.
Durante dous anos, foron os encargados da organización completa desta festa. Como curiosidade, dicir que a súa máxima contribución fíxoa Juan Ipiña, mecánico de profesión, quen no 1956 lle puxo un motor a Coca. Isto causou sensación na vila, porque era a primeira vez que a Coca andaba sin que ninguén a empuxara. Pero debeu de ter os seus detractores xa que nunca se repetiu a fazaña.

Talla de Sesé. Foto: Juan Migueles
 
Peña Os Fillos de Xan Carallás
Co decorrer dos anos e a entrada de novas xeracións na peña, perdeuse o espírito das primeiras edicións e, nos sesenta, desapareceu definitivamente. Mais, nesa mesma década, formarase a Peña os fillos de Xan Carallás, presidida por Sebastián Fernández Otero e constituída en gran parte por fillos dos integrantes da peña orixinal. Esta nova aventura ía durar ata principios dos oitenta. Logo, habería outros rexurdimentos pero xa con distinta xente.
O concello de Redondela, con Pedro Otero Rey como alcalde, alargou nos anos 60 a duración das Festas da Coca instaurando, durante varios anos, o día de Xan Carallás, celebrado por primeira vez en 1967. Este saía nun carro de bois, acompañado dun barril de viño, cedido polo dono do Restaurante Xan Carallás, e un bo feixe de rosquillas que se repartían entre os asistentes. Nas primeiras edicións ía a bordo dunha gamela chamada D’ostrás. 
 
Peña os Fillos de Xan Carallás. Foto cedida por Sebastián Fernández

Himno da Peña Xan Carallás, obra de Fernando Feijoo Martínez. Familia Fernández Otero.

Orde de Xan Carallás.
Coma alternativa fundouse a Orde de Xan Carallás no 1970, con Amado González Cardama (ex alcalde da vila) ao fronte. A organización da festa foi diferente, cómese nun restaurante e, en lugar dun grupo de amigos, é mais unha xuntanza de empresarios da vila con persoas ligadas á lenda de Xan Carallás. Os bautismos tamén son diferentes. O padriño, tomando ó Xan Carallás coma se fora unha espada, golpea ó novicio no ombreiro esquerdo, no dereito e na entreperna, recitando: Polo bo comer, polo bo beber e polo bo... Unha novidade é o obsequio a tódolos membros da orde dun diploma no que se lles acredita como tales.
Dentro da Orde e para amenizar as veladas, tanto Amado coma Pisquito (fillo), inventaron numerosas e fantasiosas historias, coma a súa relación con Pentagruel, logrando así manter viva a lenda de Xan Carallás. 

Diploma da Orde de Xan Carallás Foto cedida por Alejo Amoedo
Coplas de César Pazos Comesaña "Pisquito" para a Peña de Xan Carallás, 1965. Familia Fernández Otero


Escultura
No 2019 colócase na Alameda unha escultura de granito representando a Xan Carallás realizada por Juan Vázquez Pérez. Nos 60 José Fernández Crespo “Sesé”, fundador da Peña Xan Carallás, xa lle adicara unha de cemento para adornar a súa finca na Praza Ponteareas.
Finca de Sesé nos 80. Foto familia Fernández Otero

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Alcuños de Redondela. Francisco X. Sobral Crespo.
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego
Aportes Matilde Fernández
Faro de Vigo

No hay comentarios:

Publicar un comentario