viernes, 18 de noviembre de 2022

Colectivos e Festivais Musicais. Historia

 

 

I Festival SAR. Fondo Eugenio Lueiro.
I Festival SAR. Fondo Eugenio Lueiro.

 

Neste apartado faremos un breve repaso polos festivais musicais celebrados no Concello de Redondela desde a década dos 60 do pasado século e dalgúns dos colectivos que o fixeron posible.


Festival da S. A. R.

A entidade deportiva Sociedade Atlética de Redondela (SAR), que chegou a contar con equipos en 12 disciplinas diferentes, comezou a recadar fondos organizando este festival. Nas primeiras edicións celebrouse no cine Fantasio, no Parque La Junquera e por último na Sala Miramar. Nel tiñan cabida todo tipo de artistas tanto locais como doutras vilas. No I Festival SAR celebrado os días 25 e 26 de xaneiro de 1965 actuaron: Amador Zabaleta (acordeón), o Mago Yosca, Santos (música lixeira: voz e frauta), “Los Troveros”, Berto, Bouzas, Paulino (melodía moderna), “Dúo Redondela”, “Los Dinámicos” (trío de armónicas: Fotsca, Agustín Lovera e Manuel Muíños “Jamaica”), o grupo “Miramar”, Xacinto dos Carafunchos (humorista), a nena de 7 anos Mary Loli (gañadora do concurso “La Voz de Vigo”) e Lueiro Urtaza (presentador e poesía). Nas seguintes edicións subirían ao esceario: “Los Condors” (grupo de Vigo), “Los Santos” (grupo de Vigo), “El Peque” (xoven acordeonista de Amoedo), “Baby” e a súa rondalla, a Sección Femenina (baile rexional), Enrique Tuche (tenor), Eduardo Otero (cantante), Varela (recitador de poesía), “Trío Calavera” (Pepe “Trenco”, Chencho e ¿?)... Neste festival actuarían os primeiros grupos de rock da vila. Celebrouse por derradeira vez en 1994, despois de sete edicións.

En 1965 tamén organizaron o concurso Salto a la Fama, para menores de 15 anos, gañando Ricardo, o que lle permitiu participar na segunda edición do festival SAR.

No II Festival, celebrado os días 29 e 30 de decembro de 1965 e presentado por Lueiro Urtaza, actuaría Xacinto dos Carafunchos; os conxuntos de Vigo “Los Cóndor's” e “Los Santos”, a nena Mary Loly, os cantantes locais Bouzas, Paulino e Juan Álvarez; Eduardo Otero e Chucho; o conxunto da SAR; o recitador Varela “El Peque”; e o vocalista Santos; ademáis do citado Ricardo. Tal sería o éxito que todos eles actuarían tamén no cine Vidal, de Arcade, baixo o nome Show de la SAR 66.

O festival seguiría celebrándose durante a década dos 70 e o derradeiro intento por recuperalo tería lugar en 1994. Entre medias organizouse en 1989 o Festival XXV Aniversario SAR.

Outro concerto que organizou este clube sería o Festival SAR de Zarzuela. Celebrouse no cine Fantasio e contaba co seguinte programa: Actuación da Coral Santiago Apóstol de Redondela e recital de Zarzuela a cargo de Silvia Pintos, tiple; Enrique Tuche, tenor; Carlos Lastra, barítono; Manuel Sirera, tenor; e Manuel Rodríguez, tenor. Acompañados ao piano polo mestre Margüenda e a actuación especial de Santos.

III Festival SAR. Foto cedida por Albi.
III Festival SAR. Foto cedida por Albi.

 

Concurso de conjuntos ye-yes

Concurso celebrado no Miramar durante as festas da Coca de 1966, sendo patrocinado por Pedro Regojo, daquela presidente da SAR. Non atopei quen venceu pero si o segundo clasificado que serían os vigueses “Los Greps”.


Festival a beneficio do campo de futbol de Vilar

Celebrado o 31 de outubro de 1968 na Sala Parque La Junquera, coa participación dos grupos vigueses Los Cuervos e Los Santos acompañados polos conxuntos vocais da S.A.R.


Grupo de grupos

Colectivo formado polos grupos de finais dos 80 e principios dos 90. Entre outras cousas, conseguiu a concesión por parte do Concello de locais de ensaio no instituto vello (hoxe Multiusos da Xunqueira).


Veráns Culturais do Ateneo

O Ateneo Redondelán foi un colectivo creado en 1988 e que dinamizou a oferta cultural coa celebración de charlas, coloquios, exposicións... Dentro da súa programación incluiu concertos de grupos como Agá de Oh, Lulás...


Veráns Culturais do Ateneo. Agá de Oh. Foto cedida por Rodri.
Veráns Culturais do Ateneo. Agá de Oh. Foto cedida por Rodri.

Festival de Rock Redondelán

Celebrouse durante un par de anos a principios dos 90, coa participación de todos os grupos da vila.


Homenaje a Led Zeppelin

Concerto que comezou a organizarse a finais dos 80 en Ventosela tocándose versións de Led Zeppelin.


Marathon Cultural

Festival que se iniciou a finais dos 80 no Centro Recreativo y Cultural de Redondela, polos alumnos de Xesús Cameselle Ben. Nel tiñan cabida o teatro (Disonada), pintura (Lino Lago), caricaturismo (Koiko) e o humor (Lareira), pero sobre todo a música. Nel se deron a coñecer: Bajo Contraste, Lulás, Secuestro Legal, Tráfico, Xalgareta, Trasgo, Nembargantes... Pero tamén grupos efímeros como Farlopa.


Certame de Canción Inédita

Como o anterior, organizado por Suso Ben, pero do que tan só se celebrou unha edición a mediados dos anos 90. Festival acústico no que participaron xente coma: Pempi e Pedro ou Lupe Maestú.


Lupe Maestú no Certame de Canción Inédita. Foto: Suso Ben

Rockondela

Festival organizado polo Concello coa finalidade de apoiar aos grupos locais. Na primeira edición celebrada en 1995 tocaron Nembargantes, La Gripe e Trasgo no pavillón de Redondela. A súa terceira edición suspenderíase ante a negativa dos grupos a tocar ata que o Concello pagara as actuacións das dúas primeiras edicións. No 2004 o festival celebraría a súa oitava edición, actuando La banda de Nash (Vigo) e os grupos redondeláns Antisozial, Darwitch e The Mirage.

Nembargantes no primeiro Rock´ondela no pavillón Foto Suso Ben
Nembargantes no primeiro Rock´ondela no pavillón. Foto: Suso Ben


Langueitor. Metal & Rock Fest

Festival adicado a quen fora guitarrista de Nocheni, Otello Acosta. Celebrouse por primeira vez no 2004 no pub Solera actuando as bandas Darkwitch, Fallen Sentinel, Nocheni e The Mirage. Nas seguintes edicións actuarían grupos como Dantalion, Dharma, Cadalso, Valver ou The Silence.


Sons Redondela

Concerto celebrado no 2005 coa participación de músicos veteranos que tiñan participado nos festivais da SAR: Catina, Enrique Tuche...


Festival de Bandas Locais

Organizado polo Concello, tan só se celebraría en dúas ocasións. No 2012 con The Silence, Nocheni, Tok e Caramuxo Vermello; e na edición do 2013 con La Vaga Banda, Sete Cuncas e Haku.


Arde Rande

Festival baixo a Ponte de Rande dende o 2007. Diferentes estilos musicais de grupos de Redondela e arredores. Deixou de celebrarse no 2018.


Arrastro Rock Festival :

Festival de música en Reboreda dende o 2006. Na primeira edición, o cartel estaba composto por: Antisozial GZ, Estado de sitio, Gargola, Negra Sombra, Jazz Menagerie, Timbalada e DJ Jota, repartidos en dous dias. Este festival ofrece diferentes estilos musicais de grupos tanto noveis como consagrados a nivel. Os gastos corren por conta da organización e o patrocinio de locais comerciais, bares, pubs e discotecas. Deixou de celebrarse no 2018.

Arrastro Rock 2016. Facebook do festival.
Arrastro Rock 2016. Facebook do festival.


Asociación Cultural e Social de Chapela

Formada en 1991 creou a Escola de Música de Chapela da que xurdiron a Banda de Música de Chapela e varios grupos de música e baile tradicional. Ademais da programación propia da Escola de Música organiza numerosos cursos (pintura, aerobic, coiro...) e actividades culturais (festivais, campus musical, ludotecas, conferencias...)


Berete Rock

Festival celebrado por primeira vez no 2012 na Praia de Arealonga en Chapela. Como o seu nome indica está orientado cara os diferentes estilos do Rock.


Castle Records

Estudo de gravación con Santiago Gesteira e Xoel López como técnicos de son. Neste estudo gravaron os grupos locais Antisozial GZ, Marxe Eskerda, The Silence, Calämbur…


Centro Social a Formiga


Festival Folk Arealonga

Festival de música folk celebrado na praia Arealonga de Chapela e incluído na programación cultural de verán do Concello de Redondela.


Lixo Rock

Concerto alternativo na Alameda. Naceu no 1995 dentro do programa da exposición de esculturas feitas con materiais de lixo, Artelixo, organizado pola desaparecida asociación Josefá como protesta polo vertedoiro ilegal que había na avenida Mendiño. Actualmente a organización corre por conta de xente como Pedro ou Toti. Póñense esceario e instrumentos a disposición de todo o que quera actuar.


Lixo Rock 2009 Facebook Kampa crespo


Meixón Music

Os bares A Tenda de Candelaria, O Escondidiño e Café da Vila iniciaron unha programación de verán na rúa Meixón Frío con música ao vivo e contacontos, que segue a celebrarse apesares das dificultades xurdidas polo troco de donos dalgúns destes negocios. Actualmente (2019) é organizado por Café da Vila e La Lujosa.


Millo Verde

Festival alternativo dende o 2007. Festival con área de acampada que se realizaba na Marisma ata que a construción do novo pavillón obrigou a trasladalo a Chan das Pipas (Saxamonde). Posteriormente coñecería unha terceira localización, o Paseo da Praia da Punta, onde segue a celebrarse actualmente (2022). Os grupos participantes tocan os máis diferentes estilos: rock, ska, heavy... Paralelamente, realízanse outras actividades como o Concurso de Maquetas, charlas, xogos populares, actuacións de rúa...

Millo Verde-Eskalabirras. Facebook Festival MV


A Noite da Lúa Meiga: Festival de música folk que se celebra en O Viso. Organizada pola agrupación folklórica Terra Meiga vense realizando dende o ano 2001. Ademais da música tamén se ofrecen unha serie de actividades como xogos populares e mostras de artesanía. Deixou de celebrarse.


Pro-Son

Asociación de Alxán (Arcade-Soutomaior) Fundada no 2008 por varios mùsicos e grupos da zona de Soutomaior e Redondela, conta nas súas filas con Roneo, Ennyo, EXLDF e The Silence de diferentes estilos musicais (Hip Hop, Metal, Experimental, Rock...). Organiza o Festival Rocknaría en Arcade.


Radio Redondela

Radio municipal do Concello de Redondela.

Radio Polorri: Programa da radio municipal que presentaba Alfonso Conde. Comezou a emitirse a finais do 2015, lembrando a historia dos grupos da vila con entrevistas, concertos en directo e reprodución de discos e maquetas.


Romaría Cultural da Sinha Paca

No 2018 celébrase a I Romaría Cultural co fin de reivindicar a necesidade dun local de ensaio en Redondela e en protesta pola política cultural que estaba levando á desaparición de variosfestivais. Estivo organizada polos colectivos Arte Lixo e Millo Verde, conformando a Plataforma Cultural de Artistas e Activistas de Redondela, sendo o xerme de Sinha Paca.

Sala Disco Tasca

No 2012 revolucionou a oferta cultural de Redondela con concertos, teatro... Iniciativa privada de breve historia que rematou un ano despois.


SinSal

Festival organizado na illa de San Simón ao que a xente acude sen saber os grupos que tocarán.


Teixeira Rock

Festival de Rock no Viso con grupos da contorna que non tivo continuidade.


Vento Rock

Asociación de Ventosela que organizou por primeira vez no 2008 o Festival Vento Rock e máis recentemente o Concurso de Bandas Locais e o Vento Folk. No 2018 deixou de celebrarse o festival.

 

Organización do Vento Rock. Facebook


Varios

Destacar tamén aos centros culturais e tódalas asociacións e colectivos que me quedan no tinteiro. Por último, nomear ás cafeterías, pubs e discotecas que de maneira puntual organizan concertos e exposicións entre outras actividades.


Programación cultural do Concello

Nela teñen cabida diferentes tipos de música dende o folk galego ata o gospel estadounidense, pero tamén o cine e o teatro. O prato forte soe ser a programación do verán, que alá polos anos 90 tiña o bonito nome de Noites Máxicas dos Viadutos. Apesares das variacións que pode ter, principalmente cando hai un troco de goberno, nos derradeiros anos podemos citar os seguintes ciclos:

  • Pórtico Sonoro. Actuacións nas igrexas de corais e grupos de música clásica ou tradicional.

  • Rede de Músicas Soltas. Serie de concertos no Multiusos da Xunqueira de diferentes estilos musicais. Destacar a actuación no 2017 de Juan Perro.

  • Certame de Habaneras. Concerto de varias corais no Multiusos da Xunqueira.

  • Sonoaire. Festival no que se celebran varios concertos en diferentes rúas do casco urbano.

 

Sonoaire 2018. Foto:J. Migueles
Sonoaire 2018. Foto:J. Migueles

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Faro de Vigo

La Voz de Galicia

Recopilación de grupos feita por Pedro Pérez e Alfonso Conde “Fon”, con entrevistas a: Mundo Cal, Juan Araujo, “Tatán”, Suso Ben, Tejo, Pepe “Rebanadas”, “Ogali”, Xesteira, Santos, Enrique Tuche “Pajarito”, Castillo, Silvio, Severino, Lucho Vilas, Manoliño “Zapatón”, Gabriel Sánchez “Pibe”, Rodri Souto, Berto “Buzo”, Olimpio, Agustín Lovera, Fredi, Luis Crespo, Kiko, “Potiño”, Jorgito, “Pelu” Vidal, Pepe, David Figueiral, Julián Hortas, Xoel, Santi Gesteira, Juanín.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Noticiero de Vigo, La Noche, El Pueblo Gallego…

Aportes orais.

Páxinas e blogs dos grupos e festivais:

Arde Rande http://www.arderande.org/

Arrastro Rock Festival : http://www.myspace.com/arrastrorockfest

Asociación Cultural e Social de Chapela: https://culturaldechapela.org/

Castle Records: http://www.myspace.com/castlerecordstudios

Centro Social a Formiga: http://profile.myspace.com/index.cfm?fuseaction=user.viewprofile&friendid=224068245

Lixo Rock: http://www.blogoteca.com/lixorock/

Millo Verde: http://milloverde.blogaliza.org/

A Noite da Lúa Meiga: http://www.noitedaluameiga.org/

Pro-Son: http://www.myspace.com/asociacionproson

RadioRedondela: http://radioredondela.com/

Vento Rock: http://www.ventorock.es.tl/


 

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario