domingo, 4 de junio de 2023

Antigos Gaiteiros de Redondela.

 



Antonio del Villar. Catedral de Tui. Foto: O traxe das terras de Tui. Emilia Alonso Gzlez.

         A información que temos sobre os antigos gaiteiros, así como de outros músicos, é ben escasa. Por sorte en Redondela o traballo de investigación realizado por Casto Sampedro (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sampedro-folgar-casto-antonio-redondela.html ) nos permiten coñecer os nomes dos gaiteiros que actuaron como os seus colaboradores, así como do acompañamento da Danza das Espadas desde mediados do século XIX (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/musica-e-baile-tradicional-historia.html ).

         Apesares disto, a hora de buscar referencias anteriores no tempo temos dúas vías de investigación. A primeira, obviamente, sería a busca de documentación antiga. Ata agora o documento máis antigo de Redondela que atopei no que se cita a un gaiteiro data de 1740. Trátase do testamento de María Calvo Salcedo no que nas últimas vontades ordena completar a fundación da capelanía do Carme que iniciara o seu irmán. Comprobamos aquí como xa no século XVIII como xa estaba arraigada a devoción da virxe do Carme entre a xente mariñeira. Entre as directrices que deixa María Calvo está a obriga de celebrar a festividade o 16 de xullo, custeándose tanto os actos relixiosos como os profanos. Estes últimos serán os que nos interesan, porque se especifica: “(buscar dicho Capellán y los que le subcedieren Gaytero que toque en la tal Fiesta), e o nomeamento do capelán: Por la primera vez, hagan el nombramiento en quien quisieren, y a su Arbitrio y Voluntad, en la segunda lo hagan hacer precisamente en Hijo de Vecino de dicha villa de Redondela descendiente de Mareantes, y a falta de éstos en los Hijos de los de la Tierra...”

         A segunda vía de investigación sería a arte relixiosa e neste eido Redondela conta cunha gran escola de ebanistas (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/01/imaxineiros-ebanistas-de-redondela.html ). Buscando en retablos e obras de imaxinería realizadas por redondeláns atopamos a representación de dous gaiteiros. A primeira procede da Colexiata de Vigo e actualmente atópase no Museo Diocesano de Tui. Trátase dun baixo relevo onde se representa o nacemento de Cristo e entre os que adoran o neno aparecen un gaiteiro acompañado por un pandereteiro. É obra do retablista redondelán Domingo Martínez e está datada en 1685.

Domingo Martínez, detalle relevo da Colexiata de Vigo. Arquivo Sonoro de Galicia
 

    O outro gaiteiro o atopamos tamén entre as figuras que adoran ao neno Xesús no retablo de Nosa Señora da Expectación da Catedral de Tui. Data de 1777, sendo realizada polo escultor Antonio Villar, que é considerado o máis importante do Bispado de Tui. As dúas obras teñen en común que os músicos cobren a cabeza cunha monteira, o que podería ser un signo de distinción dos artistas daquela época.

 

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

O traxe das terras de Tui. Emilia Alonso González.

Devocións mariñeiras: do Corpo Santo á Virxe do Carme. Clodio González Pérez. Ponencia de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura Galega. Actas do Simposio Internacional in memoriam Xosé Filgueira Valverde. Pontevedra, 10-12 de xullo, 1997. Coordinador Francisco Calo Lourido.

Arquivo Sonoro de Galicia.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario