![]() |
A Gabacha. Foto cedida por Carmen María Fernández Núñez |
A Semana Santa ten a súa orixe nunha festividade xudía na que se celebraba a saída dos xudeus de Exipto coincidindo coa primeira lúa chea da primavera. Tralo falecemento de Cristo o cristianismo escolle a mesma data para celebrar a Semana Santa. Co descorrer do tempo a Igrexa Católica para distanciarse do Xudaísmo establece que o Domingo de Pascua, no que se conmemora a resurrección de Cristo, coincida co primeiro domingo despois do primeiro plenilunio da primavera. Este é o motivo polo que a Semana Santa pode variar entre o 22 de marzo e o 25 de abril.
Domingo de Ramos
A Semana Santa arranca co Domingo de Ramos, tamén chamado, Domingo da Palma, na que se celebra a entrada de Jesús en Jerusalén. En tempos era un auténtico acontecemento social en Redondela, no que se estreaba roupa e se colocaban as bandeiras nos balcóns. Trala misa celebrábase a bendición dos ramos (palmas e ramas de oliveira) e despois realizábase unha pequena procesión arredor da igrexa.
![]() |
Mucha "A Baldiña" vestida de Nazareno. Foto cedida por Antonio Ricón Rodríguez |
A vela do Santísimo
O venres Santo lémbrase a crucifixión e morte de Cristo, con tal motivo móntase o “monumento”. No caso de Vilavella este monumento consiste nunha escaleira de madeira con varanda que sube ata os pés do Cristo crucificado en dous tramos desde a dereita e desde a esquerda. Nos pasos colócanse as velas cos nomes dos propietarios en candelabros e co acendido das mesmas iníciase a vixilia. Ao remate da mesma a xente leva a súa vela para casa. A esta vela confíreselle poderes protectores polo que os días de tormenta era habitual oír nas casas: “¡Pecha as ventás e prende a vela do Santísimo!”
Os santos de Vilavella: O Cristo Articulado e A Gabacha.
O Cristo articulado
En Vilavella para representar a morte de Cristo cóntase co a imaxe máis sobranceira so concello, trátase do Cristo articulado, obra de Antonio del Villar, destacado imaxineiro do século XVIII natural desta mesma parroquia e do que se conservan máis figuras de santos nesta igrexa (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/01/imaxineiros-ebanistas-de-redondela.html ). A capacidade de poder pregar os brazos permite baixalo da cruz e introducilo nun cadaleito con cristais nos laterais e na tapa que permite que sexa visible no seu traslado ata a igrexa de Redondela para lembrar a morte de Cristo.
![]() |
O Cristo articulado |
A Gabacha.
A tradición oral conta que un día un barco de pesca de Redondela recolleu nas súas redes unha caixa de madeira. Ao abrila no seu interior atoparon as mans e a cara dunha virxe. Estas pezas llas trocaron á parroquia de Vilavella pola imaxe de San Juan, patrón dos mariñeiros e que hoxe en día da nome á confraría. Apesares disto, curiosamente, é o “Cristo dos Navegantes” polo que os pescadores amosaban máis devoción na vila e aínda hoxe é a procesión máis multitudinaria da vila.
Volvendo ás pezas “pescadas” construíuse unha estrutura adecuada, nacendo así a Virxe da Inmaculada Concepción, popularmente coñecida como A Gabacha. Segundo contan os maiores chamada así por ser bonita e semellar alegre.
As lendas de santos atopados no mar repítense por toda a costa galega, baseadas no feito histórico de que nas illas británicas ante a escalada de violencia nos enfrontamentos cos protestantes, os cristiáns deciden botar ao mar as súas imaxes relixiosas para tentar salvalas da queima de igrexas. Sexa certa ou non a lenda, o certo é que a Virxe da Gabacha é a imaxe máis venerada de Vilavella, estando colocada xusto fronte á entrada, polo que é o primeiro que ves ao entrar na igrexa. Esta imaxe é a única que segue a saír na Festa da Coca, tanto o xoves, día de Redondela, como o domingo, día de Vilavella. Lonxe queda a época en que cada gremio sacaba ao seu patrón, polo que era a procesión con máis santos de Redondela.
Domingo de Pascua. O Santo Encontro.
Outra saída que fai A Gabacha é en Semana Santa, concretamente na procesión do Santo Encontro. O Domingo de Pascua celébrase a resurrección Cristo e na procesión o encontro coa súa nai. A Virxe sae de Vilavella vestida de negro e ao chegar á Praza Constitución atópase co Cristo resucitado, imaxe que sae da igrexa de Redondela. Neste momento retíranse as prendas de loito e a Gabacha recupera o seu esplendor co característico manto azul. Ao acercarse a imaxe é baixada ao chan en tres ocasións, representando as caídas que sofre á virxe pola emoción. Aquí o número tres non é casual, xa que é empregado constantemente no cristianismo para lembrarnos o concepto da Santísima Trinidade: Pai, Fillo e Espírito Santo. Cando están suficientemente cerca os dous santos son inclinados, simulando o abrazo da Virxe e o seu fillo resucitado.
![]() |
1958. O Santo Encontro na rúa Xeneral Rubín. Foto: todocoleccion.net |
Como curiosidade dicir que antigamente o Santo Encontro celebrábase na actual rúa Xeneral Rubín e non na Praza Constitución como se fai agora, polo que o Cristo sairía desde a igrexa de Redondela, cruzaría pola Esfarrapada e baixaría polo Cabo dos Fumeiros, mentres que a Virxe faría o propio desde Vilavella e chegaría pola Ribeira.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Aportes orais.
Historia de las Rías. Faro de Vigo. Varios autores.
O Cristo dos Navegantes da vila de Redondela. Jose Antonio Orge Quinteiro. 17-04-2023 Faro de Vigo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario