Detalle dun relevo da Colexiata de Vigo obra deDomingo Martínez. Foto: Arquivo Sonoro de Galicia |
No século XVIII Vilavella era unha xurisdición independente de Redondela. Daquela en Redondela a principal ocupación era a de mariñeiro xa que o mar chegaba á Ribeira, onde o porto tiña certa importancia apesares do seu pouco calado. Por contra, en Vilavella, os principais traballos eran os de zapateiro, xastre e carpinteiro. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/12/1760-1763-vilavella.html ). No gremio da madeira diferenciábase entre os carpinteiros e os escultores. Estes últimos eran os ebanistas, que daquela alcanzaron certa sona como construtores de retablos e imaxineiros.
A continuación veremos algúns destes imaxineiros, tanto de Vilavella como doutras parroquias de Redondela:
Benito Alonso de Villa (Vilavella, s. XVIII)
En 1732 crea unhas imaxes de San Telmo para a capela da Nosa Señora do Socorro na Portela, daquela pertencente a Vilavella.
José Alonso del Villar (Vilavella, s. XVIII)
En 1795 fai o proxecto do retablo e da pintura da capela maior de San Bartolomeu de Couto de Rozas (A Cañiza), pero finalmente a obra non se realizou.
Juan de Araujo.Retábulo do Convento de Clarisas de Allariz. Foto cedida por J. L. Cofán |
Juan de Araújo y Figueroa (Vilavella, s. XVIII)
Era natural de Vilavella pero fixou a súa residencia en Ribadavia. En 1771 fixo o retablo maior da igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns. Varias das imaxes que se conservan nesta igrexa probablemente pertenceran a este retablo xa desaparecido. En 1773 iniciaría os traballos do retablo de San Martiño de Tameiga. En 1775 estaba a traballar no retablo de San Martiño da igrexa de Berducido. En 1787 o retablo maior de Santa Mariña de Xestosa. Ao ano seguinte outra obra súa xunto con José Torre Sarmiento, de Pontevedra, sería o retablo do Real Convento de Clarisas de Allariz (Ourense). O 29 de xuño de 1789, recibe o encargo de construír o retablo maior da freguesía de Santiago en Ribadavia.
José Enrique de Barros (Redondela, s. XVIII)
Só se coñece del que puxou pola construción do retablo maior da igrexa de San Adrián de Meder.
Bartolomé de Casal Figueroa (Vilavella, s. XVII)
En 1659 é contratado para crear o altar maior da Casa da Misericordia de Vigo.
Gabriel Castro (San Estevo de Negros, s. XVII)
En 1664 é contratado para facer o retablo do Santo Cristo das Augas da igrexa de Santo Domingo de Tui. Desta obra consérvanse dúas figuras no Museo Diocesano de Tui.
Domingo Disteiro (Redondela, finais s. XVII)
Só se ten referencia del por un préstamo de cartos que lle concede o Convento das Xustinianas de Vilavella en 1710.
Martín Fernández (Redondela, s. XVIII)
Realizou o retablo maior da igrexa de San Adrián de Meder (Salvaterra).
Francisco Fontela, retabulo do Santísimo catedral Tui. Foto: J. Migueles |
Francisco Fontenla (Vilavella, s. XVIII)
A primeira obra que se lle coñece é o retablo maior da igrexa de San Mamede de Priegue (Nigrán), contratada en 1765. Outra obra súa foi o retablo de San Andrés ou do Santísimo da catedral de Tui, encargada en 1766.
Andrés Gago y Figueroa (Vilavella, cara a 1718)
En 1756 realiza a custodia do retablo maior e as pantallas dos púlpitos da Colexiata de Vigo con Mateo Martínez. No censo realizado en Vilavella en 1762: Edad 44 años casado tiene un hijo menor de los 18 y una hija se le contempla de utilidad al día de su oficio de escultor 4 Rs. vellon.
Domingo Martínez. Santiago do altar maior da Colexiata de Vigo. Museo diocesano Tui. Foto: Rande 1702. Arde o mar |
Domingo Martínez (Redondela, s. XVII)
Da súa obra consérvase un relevo no que se representa o nacemento e a figura de Santiago Apóstolo, que pertenceron ao altar maior da Colexiata de Vigo e que se conserva no Museo Diocesano de Tui. O retablo maior desta igrexa foille contratado en 1681 e realizado ao ano seguinte, de estilo barroco foi pintado por Domingo Pérez (1694), de Tortoreos. Para a Colexiata tamén realizou o retablo de San Antonio, xa desaparecido, que lle foi encargado no 1696.
Foi testemuña da Batalla de Rande en 1702, sufriu o saqueo da súa casa e o seu taller, sendo o seu relato recollido polo frade de Cesantes, Manuel Mos y Roza.
Mateo Martínez (s. XVIII)
Probablemente irmán do anterior creou con Andrés Gago y Figueroa a custodia do retablo maior e as pantallas dos púlpitos da Colexiata de Vigo no 1756.
Francisco Portela (Reboreda, s. XVIII)
Non se coñece ningunha das súas obras. Aparece nas poxas do retablo de San Adrián de Meder en 1777.
Francisco Veiga (Redondela XVIII)
As súas obras coñecidas o retablo de Ánimas de San Miguel de Carballeda (1735) e tres anos despois o maior da parroquia de Beariz.
José de Santos (Vilavella, cara a 1732)
En 1797 xunto con Juan Luis Pereira de Domaio, realizou 3 retablos para a Igrexa Parroquial de San Martín de Moaña. No censo de Vilavella de 1762: soltero edad 30 años ejerce el oficio de escultor por el que se le regula de utilidad tres Rv y medio al día.
Antonio del Villar. Retablo da Virxe da Expectación da Catedral de Tui. Foto: J. Migueles |
Antonio del Villar (Vilavella, finais s. XVII)
Antonio del Villar é o imaxineiro de Vilavella máis estudado polas numerosas obras que chegaron aos nosos días. En Redondela realizou o Cristo articulado de Vilavella (1711) e o retablo da Igrexa de Reboreda. Tallou varias imaxes para a Igrexa de San Francisco de Vigo, o retablo maior de Santa Liberata en Baiona (1738) e o do Convento de Santo Domingo en Tui (1742). Tamén son seus os retablos da Virxe da Expectación da Catedral de Tui (1722-28), o maior da Colexiata de Baiona (1726), da Igrexa dos Xesuítas de Pontevedra, da Capela da Misericordia de Baiona, de San Xusto e Pastor de Entenza...
Outros escultores que aparecen no censo de Vilavella de 1762 e dos que ata o de agora non coñecemos ningunha obra serían:
Benito Alonso Bugarín. Edad ¿52? años tiene dos hijos menores de los 18 y tres hijas. Ejerce el oficio de escultor por el que se le regula al día de utilidad 4 Rv.
Juan Marcos Lorenzo de Soto. Edad 31 años, casado tiene tres hijos menores de 18 es oficial de arquitectura por que se le contempla de utilidad al día dos Rv y medio.
Francisco do Lago, casado edad 34 años tiene un hijo menor y dos hijas y por limpiante del Arte de Arquitectura se le regula de utilidad 2 rv y medio al día.
Tamén son citados, pero coma carpinteros.
Pedro de Figueroa. Viudo edad ¿77? años tiene en compañía una nieta al cual por su avanzada edad y flata de vista no se le regula cosa alguna por el oficio que ejerció de carpintero.
Andrés de la Yglesia, edad 55 años casado tiene dos hijas y por su oficio que ejerce de carpintero se le regulan 3 rv al día. Probablemente sexa o Andrés de la Iglesia y Figueroa, citado por Ernesto Iglesias Almeida.
Anselmo douteiro, edad 30 años casado tiene una hija y en su compañía a su suegra. Regulasele por su oficio 3 rv al día.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Algunos hijos ilustres de Redondela. Grandes Fiestas de la Coca. Redondela 1968. Comisión de fiestas de la Coca. (José de Santos e Antonio del Villar.
Antonio del Villar, retablista. Dolores Álvarez Fernández. Espacio. Tiempo y Forma, Serie Vil, H." del Arte, t. 8, 1995, págs. 167-189
SEREN
Nº2. Artistas redondeláns. Ernesto Iglesias Almeida.
Nº4. Antonio del Villar: Unha nova visión sobre a súa obra artística. Ernesto Iglesias Almeida.
Aportaciones para un diccionario de artistas y artesanos en Ribadavia y el Ribeiro, siglos XVII y XVIII. José Ramón Estévez Pérez
Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Ferreñas, ferriñas. Pablo Carpintero Arias. Arquivo Sonoro de Galicia. http://www.consellodacultura.gal/asg/instrumentos/
Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de Villavieja de Redondela (Mos, Tuy), efectuado por decreto de diciembre de 1760 para el establecimiento de la Única Contribución. http://pares.mcu.es/ParesBusquedas20/catalogo/description/6088758?nm
Galicia artística en el siglo XVIII y primer tercio del XIX. Escrito por José Couselo Bouzas.
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego (Vigo)
La Voz de Galicia
No hay comentarios:
Publicar un comentario