martes, 13 de junio de 2023

A Gabacha e o Cristo articulado.

 

A Gabacha. Foto cedida por Carmen María Fernández Núñez

 

A tradición oral conta que un día un barco de pesca de Redondela recolleu nas súas redes unha caixa de madeira. Ao abrila no seu interior atoparon as mans e a cara dunha virxe. Estas pezas llas trocaron á parroquia de Vilavella pola imaxe de San Juan, patrón dos mariñeiros e que hoxe en día da nome á confraría. Curiosamente, é o “Cristo dos Navegantes” polo que os pescadores amosaban máis devoción na vila. Volvendo ás pezas “pescadas” construíuse unha estrutura adecuada, nacendo así a Virxe da Inmaculada Concepción, popularmente coñecida como A Gabacha, segundo contan os maiores chamada así por ser bonita e semellar alegre.

As lendas de santos atopados no mar repítense por toda a costa galega, baseadas no feito histórico de que nas illas británicas ante a escalada de violencia nos enfrontamentos cos protestantes, os cristiáns deciden botar ao mar as súas imaxes relixiosas para tentar salvalas da queima de igrexas. Sexa certa ou non a lenda, o certo é que a Virxe da Gabacha é a imaxe máis venerada de Vilavella, estando colocada xusto fronte á entrada, polo que é o primeiro que ves ao entrar na igrexa. Esta imaxe é a única que segue a saír na Festa da Coca, tanto o xoves, día de Redondela, como o domingo, día de Vilavella. Lonxe queda a época en que cada gremio sacaba ao seu patrón, polo que era a procesión con máis santos de Redondela.

Outra saída que fai é en Semana Santa, concretamente na procesión do Santo Encontro. A Virxe sae de Vilavella vestida de negro e ao chegar á Praza Constitución atópase co Cristo resucitado, imaxe que sae da igrexa de Redondela. Neste momento retíranse as prendas de loito e a Gabacha recupera o seu esplendor co característico manto azul. Ao acercarse a imaxe é baixada ao chan en tres ocasións, representando as caídas que sofre á virxe pola emoción. Aquí o número tres non é casual, xa que é empregado constantemente no cristianismo para lembrarnos o concepto da Santísima Trinidade: Pai, Fillo e Espírito Santo. Cando están suficientemente cerca os dous santos son inclinados, simulando o abrazo da Virxe e o seu fillo resucitado.

Como curiosidade dicir que antigamente o Santo Encontro celebrábase na actual rúa Xeneral Rubín e non na Praza Constitución como se fai agora.

 

1958. O Santo Encontro na rúa Xeneral Rubín. Foto: todocoleccion.net

 

Uns días antes sae en procesión a outra imaxe importante da igrexa de Santiago de Vilavella. Trátase do Cristo articulado, obra de Antonio del Villar, destacado imaxineiro do século XVIII natural desta parroquia e do que se conservan máis imaxes nesta igrexa (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/01/imaxineiros-ebanistas-de-redondela.html ). A capacidade de poder pregar os brazos permite baixalo da cruz e introducilo nun cadaleito con cristais nos laterais e na tapa que permite que sexa visible no seu traslado ata a igrexa de Redondela para lembrar a morte de Cristo.


O Cristo articulado

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes orais.

Historia de las Rías. Faro de Vigo. Varios autores.

O Cristo dos Navegantes da vila de Redondela. Jose Antonio Orge Quinteiro. 17-04-2023 Faro de Vigo.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario