Durante o segundo semestre do ano 1933, o xornal vigués El
Pueblo Gallego organizou mensualmente un concurso infantil de
debuxo. Nas bases establecíase que os debuxos debían ser feitos con
tinta china, publicaríanse os de maior calidade, entre os cales os
dous mellores serían premiados con dez pesetas cada un, publicándose
a foto dos autores e a dos catro ou cinco seguintes.
Nenos de toda Galicia enviaron os seus debuxos, moitos dos cales
serían publicados, deixándonos unha testemuña do estilo e calidade
dos novos debuxantes daquel tempo, pero tamén dos seus gustos e as
súas inquietudes. Recrean escenas próximas a eles como as
agrícolas, gandeiras ou mariñas, pero tamén de festas e de
monicreques, ou ao porteiro de fútbol Ricardo Zamora, a Micky
Mouse...
Entre os participantes aparece José Molinos, de Redondela, e varios
nenos de Chapela: Ángel Lago Senlle, Fernando Villar Pena, Carlos
Villar Pena, Julio Villamarín Iglesias, Antonio Arosa Rodal, José
Rey Palacios e Emilio Costa González. De todos eles sería Julio
Villamarín o que acadaría un dos premios, aparecendo a súa foto no
xornal.
En 1973 sería La Voz de Galicia o xornal que organiza un concurso
de debuxo, aparecendo entre os participantes Tere Crespo Loureiro, de
7 anos, con domicilio en Redondela e os nenos de Cabeiro: María del
Carmen García Martínez de 10, Manuel García de 7 e Concepción
Barciela García de 9.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
La Voz de Galicia
No hay comentarios:
Publicar un comentario