![]() |
| Aspecto do Edificio Rubira a principios do S. XX. |
En 1880 o xeneral Salvador de la Fuente Pita Pastor encargou ao arquitecto Jenaro de la Fuente Domínguez a construción dun edificio. Este debía construírse no cruce das actuais rúas Colón e García Barbón. Un ano despois inícianse os traballos pero a morte do promotor da obra paralizan o proxecto.
Terían que pasar 20 anos ata que os sobriños do militar venden en 1900 o solar ao empresario rioxano Lucas de la Riva, que fixera unha pequena fortuna en Santiago coa exportación de telas, quen decide retomar a obra. Jenaro de la Fuente xa gañara certo prestixio como arquitecto coa construción de varios edificios na cidade. Probablemente os coñecementos adquiridos neste período o levan a modificar o proxecto inicial. Estas innovacións o converten a este edificio nunha das xoias do eclecticismo vigués. Nos seguintes anos converteuse nunha imaxe habitual das postais turísticas de Vigo, competindo cos grande proxectos deseñados por Michel Pacewicz.
| Pezas do Edificio Rubira reutilizadas nun inmoble de Juan Pazos. FªJ. Migueles |
Ata 1924 a planta baixa estaría ocupada polo Banco de Vigo e a Sociedade de Augas. Despois instalaríase a empresa de transporte de pasaxeiros “El Castromil”. En 1946 abre as súas portas a farmacia de Francisco Rubira Fariña, natural de Negreira. O seu apelido quedaría ligado ao edificio ata os nosos días. A súa notoriedade debeuse a que se converteu no punto de encontro de grandes médicos da época como Nicolás Peña, Cesáreo Corbal...
O inicio da construción sede da Caja de Ahorros de Vigo en 1951 marcou o inicio dun período de especulación nesta zona. Daquela entra en escena o Banco Bilbao que merca o Edificio Rubira para instalar a súa nova sede. A súa intención é a de derruír o inmoble de catro andares para construír un de nove. A daquela propietaria, Isidora Sánchez de la Riva, neta de Lucas de la Riva, para salvar o edificio, ofrece vender os pisos e locais aos inquilinos. Por desgraza estes non aceptan a proposta porque prefiren a indemnización e abandonar o inmoble. Tan só quedaba a autorización do Concello e o edificio derrúbase en 1967.
Entra en escena o empresario téxtil José Regojo, quen desmonta o edificio numerando as pedras e trasladándoas a Amoedo onde construíra unha nave da súa empresa. A súa intención era a de reconstruír a edificación en Redondela, pero nunca chegaría a realizalo. A crise na que se sumiu a súa empresa (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/regojo-e-outras-empresas-textiles.html ) levaría á venta do solar de Amoedo a finais dos anos 70 ao empresario Juan Pazos Barciela. Na transacción incluíronse as pedras do Edificio Rubira que o novo propietario trasladará en parte a Quintela, onde as irá vendendo aos poucos nos anos seguintes. Estas pedras rematarían adornando casas e xardíns da nosa comarca (algunhas nas propiedades de dito industrial), pero tamén de puntos como Sanxenxo ou Madrid.

Entrada a unha das casas de Juan Pazos. Foto: J. Migueles
Parte do edificio tamén remataría no casco urbano de Redondela, pois unha filla de Juan Pazos escolleu algunhas pedras belamente traballadas para decorar O Café da Vila, cafetería que rexenta coa súa parella. Uns anos antes a filla de José Regojo, Rita, faría o propio, empregando pedras do edificio na construción da súa casa en Cesantes.
.
![]() |
| Unha das pedras do edificio en O Café da Vila. Foto: J. Migueles |
Como curiosidade dicir que en Amoedo chegou a levantarse un monumento na honra de José Regojo con pezas do edificio Rubira.
En 2001 o, daquela, número dous do Concello de Vigo, Carlos Príncipe, propúxolle ao BBVA reconstruír a fachada, pero o alto custe fixo que a entidade bancaria non se interesara.
A día de hoxe (2022), parte do edificio segue agardando comprador no solar de Amoedo, mentres en Vigo moitos seguen a laiarse por este e outros edificios que o “progreso” levou por diante.
![]() |
| Restos do Edificio Rubira en Amoedo. Foto: J. Migueles |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Construcción y destrucción del edificio Rubira. Martín Curty. Boletín del Instituto de Estudios Vigueses Nº 2, 1996.
Arquitectura y Urbanismo de Vigo. Edificio Rubira. Por Anonymus. http://arquitecturavigo.blogspot.com/2007/10/edificio-rubira_08.html
Vigo. La ciudad que se perdió. Jaime Garrido.
Aportes Xosé Couñago.
Para saber máis:
Edificio Rubira (1880-1967). J. A. Martin Curty.


