1951, setembro. O Xeneral Franco pasa por Redondela en dirección a
Porriño. Un vehículo da súa comitiva sofreu un accidente na ponte
de Quintela, co resultado de varios feridos, entre eles un alto mando
da Garda Civil.
1952, 2 de
febreiro. A veciña de Negros, Elvira Crespo Rodríguez, denunciou
que dun local a carón da súa casa fóronlle roubados media cabeza
de porco, dous lacóns, un pedazo de costela e outro de touciño,
valorado todo en 400 pesetas.
1953, xaneiro. Ao
saír da taberna “La Concha”, en Quintela, discutiron varios
veciños de Reboreda, resultando gravemente ferido Claudio Mouriño
Lago, de 45 anos. Semella que o agresor foi José Campos Campos, de
30 anos de idade, completando o grupo José Mouriño, parente do
ferido, Severino Vidal e dous máis.
1953, 1 de
febreiro. Foron detidos Álvaro Alonso Couto, de Vigo; Valentín
Craveiro de Jesús “Catito”, de Redondela; e José Antela
Bugarín, domiciliado en Fozara (Ponteareas), que se declararon
autores de 21 roubos. En Redondela: No establecemento de Nieves
Boullosa, en Trasmañó, dúas veces, a primeira artigos por valor de
1.250 pesetas e a segunda 2.600 en metálico e 900 en prendas de
vestir. No domicilio de Manuel Cabaleiro, en Rande, unha caldeira de
cobre valorada en 3.500 pesetas. Tentaron entrar nun comercio de
Cedeira, barrenando a porta, pero fuxiron ao ser descubertos. No
comercio de Rosendo Álvarez, en Cabanas (Trasmañó) levaron cartos
en metálico. No comercio de Natividad Bastos, en Vilavella, levaron
obxectos por valor de 1.500 pesetas. No comercio de Carmen González,
en Trasmañó, levaron parte dun porco, valorado en 800 pesetas.
Nunha romaría de Cedeira, Antela levaba 15.000 pesetas, sendo
atacado polas costas por Valentín para roubarlle, o que non
conseguiu ao non perder o coñecemento o primeiro.
1953, 14 de marzo.
A veciña de Redondela denunciou onte que ao baixar do autobús na
rúa Alfonso XII, notou a falta dun paquete con 18 camisas valoradas
en 800 pesetas.
1954, 8 de xullo.
Na vila chocaron dous coches e outro con exceso de velocidade
provocou danos no toldo do señor Moreno.
1955, 4 de maio.
Foi instruído atestado contra Arturo Rodríguez Couñago, que
manobrando un camión cargado de madeira falláronlle os freos, indo
contra unha casa inmediata, ocasionando danos por valor de 3.000
pesetas.
1955, 10 de maio.
No alto da Encarnación o ciclista Enrique Froeces Míguez, de 19
anos, de Redondela, foi atropelado por un camión causándolle graves
feridas que exisiron o seu internamento nun sanatorio.
1955, 18 de maio.
Cando traballaban no derribo duns barracón da Xunta de Obras do
Porto de Vigo, derrubouse unha viga metálica sobre a que estaban os
peóns Guillermo Domínguez Acuña, de 29 anos, casado e veciño de
Teis, e José Mouriño, de 41 anos, casado e veciño de Redondela. O
primeiro sufriu fractura das extremidades inferiores e un brazo e
lesións na cara e cabeza de prognóstico grave. O segundo fractura
dos dous pulsos, epístase, e numerosas feridas en cabeza e rostro de
prognóstico grave.
1955, 14 de xuño.
Foi detido en Redondela pola Garda Civil, Moisés R. G., quen nunha
discusión co seu pai, Moisés R. B., deulle unha puñada que lle
provocou unha fractura da mandíbula inferior.
1956, 12 de
setembro. Cando circulaba pola parroquia de Cesantes un carro de bois
levando enriba ao neno de 3 anos Casimiro Crespo Bouzón, este caeu
rozándolle a cabeza unha das rodas. Trasladado a esta vila foi
atendido polo doutor Antonio Ocampo Otero, quen lle apreciou ferida
con racho en rexio occipital con perda de coiro cabeludo, prognóstico
reservado. Hai pouco un irmán deste neno tamén sufriu un accidente
que lle provocou a morte.
1957, 9 de maio.
Nas Catro Pontes, límite de Chapela e Teis, bateron de fronte o
coche conducido polo comerciante estabelecido en Lisboa, Arlindo Cal
Corujeira, acompañado polo seu fillo de sete anos, co camión
cargado de bocois de viño procedente de Redondela, conducido por
Manuel Diz Montáns. Os feridos serían trasladados á Casa de
Socorro e de alí á clínica do Dr. Troncoso. Arlindo Cal sufre
fractura de esterno con forte contusión torácica e hemotórax,
ferida contusa na fronte e múltiples erosións con forte schock
traumático de prognóstico grave. O seu fillo, ferida
inciso-contusa no xeonllo dereito, outra no queixo e outra no
frontal, fractura dos ósos do nariz, conmoción cerebral e schock
traumático e varias erosións de prognóstico reservado.
1958, 7 de
setembro. En termos de Redondela, unha moto con dous ocupantes
veciños da Cañiza, atropelou a un can que resultou morto. O
condutor perdeu o control chocando cunha bicicleta con motor que viña
en sentido contrario, conducida por Rafael Luca de Tena Lazo,
farmacéutico veciño de Redondela. Resultou ferido de consideración
o Sr. Luca de Tena e de menos importancia os ocupantes da
motocicleta.
1959, 21 de maio.
Ás 2 da madrugada incendiouse unha casa en Laredo (Chapela),
quedando destruída na súa totalidade. Semella que foi debido a un
descoido do único inquilino da vivenda, José González Gómez, quen
pouco antes de durmirse caeulle a cinza dun cigarro nunha cama preto
da súa, espertando coa casa en chamas. Era de planta baixa e
propiedade de José Martínez Fernández.
1960, 12 de
xaneiro. A Garda civil de Vigo rexistrou unha casa no Coto
(Cesantes), atopando: 365 caixas de tabaco rubio (182.500 paquetes),
208 despertadores de mesa, 55 transistores, 140 pilas, 120 camisas de
nylon e 36 pistóns para coche. En total 5.640 kg. valorados
en 2.100.000 pesetas.
1960, 26 de agosto.
Por funcionarios da Brigada de Investigación Criminal desta Xefatura
Superior de Policía, foi detido na madrugada do pasado mércores, o
habitual delincuente contra a propiedade, Gonzalo Currás Fonseca, de
29 anos de idade, alias “O Gorila”, natural e con residencia
habitual en Vigo, como autor de varios roubos en Vigo, Redondela e A
Coruña.
1961, 21 de
outubro. O Tenente do Exército do Aire, don Juan Gagane, que
procedía de Salamanca, pilotando unha avioneta, non puido entrar no
aeródromo de Peinador a causa da falta de visibilidade. Voou despois
sobre Redondela e intentou tomar terra na estrada de Reboreda, pero
cando ía a facelo pasou por alí un camión e obrigouno a aterrar
nun campo de millo. Unha das ás da avioneta bateu contra un cable do
tendido do alumeado eléctrico, e fíxolle capotar. O piloto resultou
con feridas na cabeza e a fractura dun brazo. Saíu á estrada polo
seu propio pé e nun coche foi trasladado a Vigo, onde foi
hospitalizado.
1964,
06 de setembro. Ás
sete da mañá declarouse un violento incendio na fábrica de Copiba.
O lume orixinouse ao entrar
en funcionamento unha das novas cámaras frigoríficas que se están
a instalar. Axiña acudiron os tres coches do corpo de bombeiros e os
equipos anti- lumes do buque-factoría “Galicia” e da empresa
Hijos de J. Barreras. Os traballos de extinción prolongaríanse ao
longo do día. (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/empresas-do-mar.html
)
1966, 7 de xaneiro.
En Redondela foi detido o veciño daquel termo J. B. R., como autor
do roubo de 3.200 pesetas ao veciño do Viso, Manuel Martínez
Barral.
1966, 21 de
setembro. En Redondela foi alcanzado por un camión José Maquieira
López. Resultou con diversas lesións polo que foi trasladado a un
sanatorio pontevedrés.
1966, 15 de
decembro. Un camión conducido polo veciño de Redondela, Manuel
Pérez Rodríguez, chocou na estrada de Fornelos de Montes cunha
moto, resultando o condutor con feridas de gravidade.
1968, 21 de
setembro. Pola Garda Civil do posto de Bouzas foi detido, despois de
laboriosas pescudas, Ramón Carro Navia, de 37 anos, natural de
Vilagarcía, que se facía pasar por oficial da Mariña Mercante.
Descubriuse que este individuo roubou un día unha maleta na estación
marítima de Vigo que correspondía, efectivamente, a un oficial da
Mariña Mercante e que contiña dous uniformes, un branco e outro
negro, que empregaba segundo as circunstancias. Foi detido na
estación de Redondela cando se dirixía en tren a Vilagarcía. No
seu domicilio foron encontrados numerosos obxectos procedentes dos
seus roubos. Con este mesmo truco contraeu matrimonio nesta mesma
provincia, simulando no seu fogar que os obxectos subtraídos eran
regalos á sua volta de viaxes por mar, que non facía. Calcúlase
que os obxectos roubados sobrepasan en valor as 200.000 pesetas.
1969, 18 de
xaneiro. En Redondela inundáronse algunhas rúas de Vilavella, e
tamén a estrada xeral de Vigo a Pontevedra, impedindo o paso dos
vehículos lixeiros, por chegar a auga á altura dos tubos de escape.
Entre os inmobles afectados está a Central de Teléfonos, na que a
auga chegou a alcanzar unha altura de 30 a 35 centímetros. En ningún
momento quedou interrompida a comunicación telefónica, ó ser
retirados os equipos a lugares máis altos, evitando así que foran
deteriorados polas aguas.
1969, 13 de agosto.
Sete mil piñeiros que poboaban máis de cinco hectáreas de terreo
arderon como consecuencia dun incendio que se declarou no monte
Mirallo, propiedade do Patrimonio Forestal do Estado, na parroquia de
Negros.
1969, 3 de
setembro. Nun incendio no monte "Mirallo", en Redondela,
arderon 1.500 pinos de tres anos de plantación, que foron valorados
en cincuenta mil pesetas.
1970, 27 de xuño.
No domicilio do veciño de Redondela, Ramón Hernández Ramírez,
produciuse un incendio, orixinado por un escape de gas na cociña. Os
danos orixinados polo sinistro, foron valorados en 60.000 pesetas.
1974, 12 de xuño O
veciño de Pontevedra, Angel González López, foi condenado á pena
dun mes e un día de arresto maior, á privación do carné de
conducir por tres meses e un día, e ao abono dunha indemnización de
508.500 pesetas, como autor dun delito de imprudencia. Conducindo un
automóbil, atropelou en Redondela a José Costoya Amoedo, que sufriu
feridas diversas, quedándolle varias secuelas permanentes.
1974, 9 de agosto.
Manuel Martínez Rodríguez, de 15 anos, foi atropelado por un
automóbil, ao tentar cruzar correndo na estrada do Viso. Trasladado
ao Hospital Provincial, apreciáronselle feridas diversas,
diagnosticadas de graves.
1974, 9 de
setembro. O grupo escolar de Redondela, disposto para 32 unidades e
que leva en funcionamento dous anos e medio, tivo que ser desaloxado.
O curso non puido comezar, porque repisou cedendo de vigas e
aparecendo gretas de gran tamaño, o que fixo que se considere
perigosa a estancia dentro do recinto. Dáse a circunstancia de que o
arquitecto que planeou a obra faleceu e ninguén quere asumir a
responsabilidade de ditaminar cal pode ser o futuro do edificio.
Ademais dos defectos de construción, un dos motivos puido ser que o
edificio se construíra sobre pilotes no que antes fora una marisma.
1976, 24 de agosto.
Tormenta en Redondela. Unha chispa eléctrica arrasou as
instalacións do servizo telefónico. A avaría afecta a unha ampla
zona do sur de Pontevedra. Diversos técnicos e persoal de servizos
especializados, traballan intensamente para solucionar este grave
problema.
1977, 22 de abril.
Por culpa da compra dunha vaca recibiu un corte cun coitelo nunha
man, o inválido de Saxamonde, Afasto Martínez Bernárdez, labrador
inválido de Saxamonde comprara no mercado de Santiago unha vaca en
35.000 pesetas, deixando de sinal 2.000. Pero cando chegou a
Redondela decatouse de que andaban tras a compra da citada vaca tres
carniceiros da vila. Tiveron unha discusión e o Afasto recibiu un
corte na man con coitelo. Foi atendido nun sanatorio de Pontevedra e
tivéronlle que dar máis de 30 puntos.
1977, 2 de maio.
Unha das rodas dianteiras dun autobús que transportaba once
escolares, desprendeuse do seu engrenaxe, cando o vehículo circulaba
na estrada denominada de Os Valos. Non se rexistraron desgracias
persoais, mais os escolares resultaron con lixeiras contusións.
1979, 28 de
xaneiro. Ingresou nun sanatorio de Pontevedra a veciña de Redondela
Peregrina Rodríguez Paz, atropelada por un turismo na súa
localidade de residencia. As lesións son consideradas pouco graves.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Arredor de nós.
Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e
Roberto Gil Moure. 2003.
Galeguismo e
sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros.
Edicións do Castro.
En
Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia.
Xunta de Galicia:
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=>
El Regional, El Pueblo Gallego, El Áncora, La Idea Moderna, El
Progreso, Gaceta de Galicia, El Correo de Galicia, El Correo de Lugo,
La Correspondencia Gallega...
Na Biblioteca
Nacional de España: www.bne.es=>
El Siglo Futuro, La Iberia, El Correo Español
La Voz de Galicia
http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/