lunes, 7 de diciembre de 2020

Industrias químicas e metalúrxicas

 

Antigas instalacións da Compañía Azufrera del Noroeste  no ano 93. Foto IPAIVC
Antigas instalacións da Compañía Azufrera del Noroeste no ano 1993. Foto IPAIVC

Compañía Azufrera del Noroeste (Rande-Cedeira).

En 1920 anúnciase que debido ás facilidades dadas por “Vidriera Gallega”, lindando cos seus terreos establecerase en breve unha empresa do sector químico que fabricaría xofre, sulfato de cobre, abonos químicos e outros produtos dirixidos á agricultura. Por R. O. en febreiro de 1928 autorízase a Amador Fontaíña á construír un peirao e un muro de ribeira. Entre outras novas que atopo desta empresa, en outubro de 1932, varios obreiros foron despedidos o que provocou graves incidentes. O 8-8-1934, sendo director Sergio Álvarez, morren dous obreiros e outros dous resultan feridos nun incendio. Un deles chamábase Avelino Couñago que deixou muller e 5 fillos. Outros moitos traballadores desta empresa tamén morrerían por mor da silicose. Popularmente era coñecida como A Azufrera e estaba situada nos terreos que hoxe ocupa a empresa Grupo Vieira, anteriormente Vieira S.A, e tan só se conserva algunha pequena edificación.

Anuncio do xofre de Rande. Galicia, 1925


Fernández Colmeiro (A Portela-Cedeira).

Adicábase á fabricación de arame. Comezou a produción en Vigo pero repetidas verteduras á praia de Samil obrigou ao seu traslado a Cedeira (Redondela), nos terreos ocupados posteriormente pola empresa de automoción Inerga, que trocaría o nome por Peguform e, posteriormente, Plastic Omnium. No noso concello continuaron as verteduras ao mar, chegándose a indemnizar ás mulleres que lavaban a roupa no Río da Plateira porque aparecían queimadas, e tamén as súas emisións á atmosfera, desgastándose as baldosas das casas veciñas polos ácidos. Estes feitos obrigaron á corporación municipal a clausurala en 1976. O seu maior problema era que trataba o ferro con procedementos químicos para eliminar o óxido, en lugar de empregar o proceso menos contaminante de lanzar area a presión.

A principios dos 80 a empresa entra en decadencia o que desemboca no peche dos traballadores nas instalacións en xaneiro de 1984, reclamando os salarios endebedados. Durante este ano sucederíanse as manifestacións, folgas e peches ata chegar a decembro, mes no que José Angel Fernández Colmeiro, director xerente, lanza o seu coche contra un grupo de manifestantes, ferindo a dous dos seus traballadores. Logo virían dúas sentenzas favorables aos traballadores unha, en xullo de 1985, recoñecendo o dereito a dous empregados a ser candidatos a ser enlaces sindicais apesares de ser despedidos un pouco antes e outra, en xaneiro de 1986, absolvendo a cinco traballadores acusados de desordes públicos. Esta empresa que dera emprego a máis de cen traballadores, rondaba agora os oitenta e o seu peche sería outro golpe para moitas familias de Redondela nunha década na que se engadía á perda de emprego provocada pola quebra de Regojo.


IME nos seus anos de funcionamento. Foto Pacheco.
IME S. A. nos seus anos de funcionamento. Foto Pacheco.

IME S. A. – Industria Metalífera Española (Punta Socorro-A Portela-Cedeira)

En Punta Socorro, Carlos E. Gunche Rodríguez, enxeñeiro de orixe arxentina construíu as instalacións de Electro Metalúrgica Galega, fundada en 1920 e que entrou en funcionamento en abril de 1921, anunciándose como: “a primeira da súa clase en España en empregar novísimos procedementos”. Crear unha industria deste tipo nunha zona mariñeira tivo as súas complicacións, unha delas foi establecer unha liña de 15.000 voltios para subministro eléctrico.

Na 2ª metade dos anos 30 a empresa trocou o seu nome polo de Fundición Santa Elena e en 1946 polo de Industria Metalífera Española (IME S. A.), con Carlos Gunche presidindo o consello de administración e o seu fillo Raúl Carlos Arturo Gunche López (alcalde de Redondela en 1943) como director xerente. Neste primeiro ano contaba cun capital de dous millóns de pesetas. Era unha fundición que producía e recuperaba chumbo, estaño... Contaba con concesións mineiras na zona de Avión e tamén mercaba mineral da zona do Barbanza, Salamanca e Murcia. A empresa tamén dispuña dun galeón para o transporte por mar dos seus produtos. Chegou a dar emprego a preto de 200 persoas. Pechou en 1951, volvendo a traballar cun só forno entre 1952 e decembro de 1956, momento en que é declarada en quebra.

IME S. A. Nave do estaño. Foto Pacheco
IME S. A. Nave do estaño. Foto Pacheco

 
            Curiosidade: Despois da Guerra Civil, nenos da vila buscaban na chatarra que chegaba á fabrica vellos xoguetes como soldados de chumbo. Nunha destas, atoparon balas e non se lles ocorreu outra cousa que botalas ó lume para ver si estoupaban. Por sorte non houbo ninguén ferido. A partires daquel suceso a Garda Civil controlou as descargas de material para impedir que os rapaces se achegaran.

            Nos anos 90 as instalacións convertéronse nun complexo residencial. Parte da fábrica foi derruída para construír un chalé, dúas piscinas e unha pista de tenis.

IME S. A. Anuncio. Revista de Industrias Conserveras 1950
IME S. A. Anuncio. Revista de Industrias Conserveras 1950

 

 

Anuncio de Refimetal de 1956

Refimetal (Cesantes e Reboreda)

Propiedade de Ramón María Raigada Cueto nos anos 50 e 60. Fundición e refinería de metais non férreos . Adicada á recuperación de estaño e chumbo da folla de lata procedente dos desfeitos industriais. Tiña a fábrica e oficinas en Reboreda, aínda que chegou a ter tamén instalacións en Cesantes. Pechou a finais dos anos 60 ou principios dos 70. A planta de Reboreda despois de décadas abandonada sería rehabilitada en 2020 para instalar nela a súa farmacia Soledad González Silva.

Refimetal, aspecto actual. Foto Tu Guia Online
Refimetal, aspecto actual. Foto Tu Guia Online


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Aportes: Gonzalo Amoedo, Manuel Migueles, Matilde Fernández, Nanato Lago Amoedo e Jesús Queimaliños, Raúl Carlos Gunche Iglesia

Arquitectura Industrial en Vigo. Proyecto COAG/Vigo. Patrimonio Arquitectónico Moderno y Contemporáneo en Galicia. Iria Sobrino Fagilde

Patrimonio Industrial da Ría de Vigo. www.entremosnapanificadora.com

Arquivo do Concello de Redondela: Matrícula Industrial: 1885-86, 1886-87,1887-88, 1889-90, 1890-91, 1891-92, 1892-93, 1893-94, 1899-1900, 1893-94, 1896-97, 1897-98, 1898-99, 1899-1900, 1900-1914.

ABC: http://www.abc.es/hemeroteca

El Correo Gallego: http://www.elcorreogallego.es/index.php?idMenu=130

Vigometropolitano: http://www.vigometropolitano.com/

La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca

El País: www.elpais.com

El Noroeste (Hemeroteca)

http://www.csbg.net/

www.hemerotecadigital.bne.es

Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración: 1879-1884, Revista de geografía comercial...

BOE > www.boe.es

www.mcu.es:=> Varios xornais

Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Integridad, El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, El Progreso, El Lucense, La Correspondencia Gallega, Gaceta de Galicia, Diario de Galicia, La Noche, Vida Gallega...

No hay comentarios:

Publicar un comentario