![]() |
| Saturno Cal. Foto publicada en Vida Gallega |
Para comezar a falar de fotografía no Concello de Redondela hai que comezar pola saga dos Cal.
Saturno Cal. Saturnino Cal Muiños (Reboreda 1875/Mos, 1952). Alcalde agrarista en 1924, entre os seus logros estiveron a canalización do río Alvedosa, a inauguración da central de teléfonos e as melloras do matadoiro e da Praza do Mercado. Foi secretario da comisión organizadora da 6ª Asamblea Agrícola Gallega celebrada en Redondela en 1914 e presidiu o Centro Científico Deportivo. As súas fotos de paisaxes de Redondela foron reproducidas en numerosos xornais como Vida Gallega ou Mundo Gráfico, na colección de cromos Bellezas de Galicia, publicacións como Libro de oro de la provincia de Pontevedra e numerosas postais.
A súa afección pola fotografía tería continuidade nos seus fillos Emilio e Avelino, pero principalmente neste último.
Avelino Cal. Avelino Cal Fernández (Redondela 1904-1985). Contable en Azufrera del Noroeste e Conservas Job, onde deseñou os anagramas e debuxos dos envases. Militou no Partido Galeguista, dirixindo o xornal Terra!. Formou parte das directivas de varios equipos de fútbol, deporte no que foi un destacado xogador. Na súa mocidade a cámara o acompañou á guerra de Marrocos onde recolleu costumes daquelas terras. De Redondela deixounas numerosas instantáneas das súas paisaxes. A súa paixón pola pintura levouno a colorear boa parte das súas fotografías.

Avelino Cal. Fondo Jaime Serín, recorte.
A saga continúa cos seus sobriños Raimundo “Mundo”, Félix e Jacinto Cal Cortizas.
Cal-3. Estudo fotográfico que abriu as súas portas en 1975 na rúa do Adro, pasando logo á Praza Constitución e actualmente a rúa Alfonso XII. Inicialmente eran Mundo e o seu curmán José Luis, rompéndose pouco despois esta sociedade e quedando co negocio Mundo e o seu irmán Félix. Desde aquela teñen recollido a transformación social e política da nosa vila, sendo o principal arquivo fotográfico de Redondela, realizando exposicións e publicando varios libros de fotografías. Tamén destacar a faceta de Mundo como fotoxornalista e aos fotógrafos que traballaron neste estudo durante todos estes anos. Na actualidade Cal-3 reconverteuse en cooperativa con Helena Cal (cuarta xeración), Quino R. Vilas e a colaboración de Fernando Carreira “Cuchi” no audiovisual.
A saga familiar foi recollida no libro:
A ollada dos Cal. 100 anos de fotografía en Redondela. Cal-3. 2023.
Outros libros referentes a Redondela serían:
Redondela. Manuel Puga e Mundo Cal. Ir Indo Edicións S.A.
25 anos de fotografía en Redondela. Cal-3.
Outros Fotógrafos
Ao longo do século pasado foron varios os fotógrafos que exerceron en Redondela, pero por desgraza non se ten publicado gran cousa sobre eles, polo que a falta dun traballo en profundidade recollo aquí os datos que vou atopando.
Raimundo Díaz. Fotógrafo procedente de Madrid que en 1895 se estableceu na rúa da Ribeira.
Rodríguez y Díez. A primeira referencia que atopo a este estudio fotográfico sería nun censo de actividades de 1910. En Contribución al patrimonio fotográfico de Ponteareas de Salvador Fernández de la Cigoña, publícanse varias fotos do Concello de Ponteareas firmadas por este estudo.
![]() |
| Vigo. Llegada de traineras, postal Rodriguez y Díez |
Joaquín Rodríguez. En 1911 anúnciase como fotógrafo na rúa Alfonso XII. Non puiden confirmar que sexa o mesmo Rodríguez da sociedade anterior, pero non sería descartable. Do pouco que sabemos deste fotógrafo é que chegou a colaborar con Saturno Cal.
Braulio González Pasantino. (Santiago de Compostela 1902). Viu traballar a Vigo e rematou casando en Redondela con Ramona Sánchez Álvarez, residindo na rúa Reveriano Soutullo coa que tivo catro fillos: Braulio, Ramona, Francisco “Paco Periquito” e Antonio. Traballaba como zapateiro e tiña unha máquina fotográfica coa que sacaba retratos na Praza de Figueroa. Formou parte do comité local do “Frente Popular” e nos días seguintes ao golpe militar do xeneral Franco participou requisando armas polas parroquias, polo que cando triunfou o “Alzamento Militar” permaneceu agochado ata que, ao ser descuberto, non tivo máis remedio que entregarse. Estivo preso no cárcere de Redondela de onde foi sacado. O seu corpo sería atopado o día 17 de setembro de 1936, na parroquia de Cans no Porriño, onde está enterrado. O seu corpo presentaba un disparo de bala e os seus testículos foran seccionados.
José Bellver Álvarez (Ponferrada, 1886-Pontevedra, 1968). Exerceu como xuíz de primeira instancia de Redondela, dende maio de 1933, procedente do xulgado de Ortigueira, ata que en outubro de 1941 foi ascendido a Maxistrado de entrada. O motivo de incluílo neste apartado é que realizou fotos e gravou películas en todas as vilas nas que estivo destinado. A súa colección consérvase no Museo de Pontevedra. En 2013, realizouse unha mostra no Multiusos da Xunqueira con algunhas das súas fotografías.
Rafael. Fotógrafo na rúa Alfonso XII nos anos 40.
![]() |
| Anuncio. Festas da Coca 1948. |
Montes. Na Estrada de Vigo nos anos 50.
![]() |
| Montes. Selo. Ano 1956 |
Geno Lueiro. Eugenio Lueiro Urtaza (Redondela 1940 - A Coruña 2018). Correspondente en Redondela de Faro de Vigo e Diario de Pontevedra. Ademais de colaborador gráfico da prensa escrita, as súas fotos ilustraban os especiais da festa da Coca nos anos 60. A súa obra sería cedida pola súa filla Uxía ao Arquivo Audiovisual do Concello de Redeondela.
![]() |
| Eugenio Lueiro. Foto cedida por Uxía Lueiro |
Gena. Bernardo Núñez Muíños. (Redondela xaneiro, 1900 - Cesantes 1973). Casou con María Estévez Losada, coa que compartía a paixón pola fotografía e rexentaba Fotografía Photum, en Vigo. Nas súas fotos deixaron constancia da beleza das paisaxes galegas, monumentos, postas de sol..., e como non, da vila de Redondela. Vivían en Cesantes. Os seus fillos foron destacados nadadores e o maior, José Bernardo Núñez Estévez “Colón”, dálle nome á piscina municipal de Redondela.
![]() |
| Gena. Foto publicada en Bodas de Oro. Antonio Ocampo. |
Hervés. Exerceu alá polos anos 60 e 80, tendo o seu estudo no primeiro andar da rúa Ernestina Otero número 2. O seu arquivo foi destruído.
![]() |
| Anuncio. Grandes fiestas de la Coca. 1968. |
Fots’ca. Carlos Alonso Martínez (Redondela). Fillo do vixiante da Illa de San Simón, cando esta era empregada como Albergue Nacional, en 1950 sobreviviu cando envorcou a lancha “Monchita”, no que faleceron 43 mozos que recibían formación para ser altos mandos de Falanje. Foi un activo fotógrafo local durante a segunda metade do século XX, colaborando con xornais como El Pueblo Gallego. O Arquivo Audiovisual Municipal de Redondela adquiriulle as súas fotografías.
![]() |
| Fondo Fotsca. Arquivo Concello de Redondela |
Garo. Leodegario Iglesias Martínez. Emigrante retornado, estableceuse en Redondela, tendo tenda tanto en Redondela, na rúa Alfonso XII, como en Vigo, sendo atendidas pola esposa e unha filla. Os dous negocios tiñan o nome comercial de Foto Bandfield. Acostumaba acudir coa súa cámara as festas e competicións deportivas do Concello. Contáronme que o seu arquivo foi cedido pola familia á Deputación de Pontevedra, pero non puiden confirmar este punto.
![]() |
| Garo. Arquivo Cal-3 |
Puga. Era un habitual fotografando as competicións deportivas da comarca polo que se fixo moi coñecido en Redondela. Implicado nunha operación contra a pederastia deuse á fuga e nunca máis se soubo del.
J. y C. Estudo de breve vida que abriu as súas portas na rúa Alfonso XII nos anos 90.
Ricardo Grobas Antúnez (Chapela, 1962). Fotoxornalista que ten exercido como redactor gráfico en diferentes medios de comunicación. A súa obra céntrase na fotografía de paisaxes destacando as imaxes da costa galega, publicando: Faros y paisajes costeros de Galicia (2020Belagua), Galicia: todo un mundo (2015Belagua), Illas atlánticas de Galicia (2013 Belagua), Faros de Galicia,
![]() |
| Ricardo Grobas. Twitter |
Javier Teniente (Chapela, 1968). Fotoxornalista que ten cuberto conflitos bélicos e desastres naturais en varios países, ademais de realizar reportaxes sobre a pesca. Algunhas das súas reportaxes serían: en Centroamérica (huracán Mitch 1998), Kosovo (1999), Irak (2003), Haití (2004) ou o Tsunami en Banda Aceh, Indonesia (Enero 2005). Durante anos colaborou como fotógrafo con Naciones Unidas, Médicos del Mundo, Médicos sin Fronteras, Acción contra el Hambre e outras organizacións internacionais. Reconvertido como independente, xestiona en Vigo a galería J. Photo Gallery.
Ten realizado numerosas exposicións, recibindo as seguintes mencións: Premios Ortega y Gasset de periodismo. Mención especial (2006), Premio Internacional Luis Valtueña de Fotografía Humanitaria (2005), Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado. (Finalista)(2004), Premio Galicia de Comunicación (2004), Premio Internacional Luis Valtueña de Fotografía Humanitaria (2003), Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado. (Finalista) (2000).
Publicacións: Mans Salgadas (2002), Iraq, días de posguerra (2003), Cabalos de Vento, Curros de Pedra (2009), todos con Edicións Xerais e Hijos del Océano (Blume, 2016).
![]() |
| Javier Teniente. Foto: Atléntico Diario. |
Outras tendas de fotografía que abriron as súas portas nos últimos anos serían: Polaris (Sandra Bastos, na rúa 8 de Marzo), O Fotógrafo Ambulante (Camiño Moreira, Chapela) e Feitiños (Camiño do Campo de Fútbol).
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.
Antonio Ocampo Otero. Bodas de Oro (1939-1989). Doctor en Medicina y Cirugía.
A ollada dos Cal. 100 anos de fotografía en Redondela.
Arquivo do Concello de Redondela =>Matrícula Industrial: 1885-86, 1886-87,1887-88, 1889-90.
Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => Anuario-almanaque del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración, Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración, Anuario regional descriptivo, informativo y seleccionado de la industria, comercio, agricultura, profesiones, arte y turismo del Norte de España.
Faro de Vigo.
Atlántico Diario
Xornais locais=> La Idea, El Soplete, La Opinión, Terra!
Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Correo de Galicia, El Correo de Lugo, El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, El Progreso, La Noche...
Programas da Agrupación Artística Redondela e das Festas da Coca.
Ricardo Grobas: https://ricardogrobas.com/es/
Javier Teniente https://www.javierteniente.com/web/
https://blogs.eitb.eus/rogeblasco/2016/12/12/javier-teniente-fotografia-a-los-hijos-del-oceano/










