martes, 12 de febrero de 2019

Cruz de Aviso á Súa Maxestade (Cesantes)

Cruz de Aviso á Súa Maxestade, 2010

No pórtico da entrada dunha propiedade na que a casa foi substituída por unha de recente construción, coñecida popularmente como casa da Morena, reza o ano de 1807. No muro de peche lateral consérvase un escudo no que aparecen as iniciais: “C S P B”, sobre a inscrición: “IRIS IN CAPITE EJUS 1868 EN MEMORIA DEL BORBON QUE VIEN 28 DE JUNIO DE 1853”. E debaixo unha segunda pedra que reza:EN 27 DE ENERO DE 1852 AVISE DEL PELIGRO A S. M.”.

Para situarnos no contexto histórico, comentar que o reinado da Raíña Isabel II iníciase no ano 1833 e remata no 1868, cando se ve na obriga, trala batalla de Alcobea, de exiliarse a Francia. É unha época de gran inestabilidade política. Centrándonos nos principios dos 50, que son as datas citadas, dicir que en decembro de 1851 prodúcese en Francia o golpe de Estado de Luis Bonaparte (Napoleón III). Isto provoca que en España Bravo Murillo suspenda as Cortes. Inicia daquela un goberno mediante decretos intentando outorgar máis poder á Coroa. A reacción non se fai agardar e en maio de 1852 redáctase un escrito instando á raíña a reabrir as Cortes. Finalmente será en decembro cando se reabran nomeándose un novo presidente, Francisco Martínez de la Rosa. Bravo Murillo, non acata o nomeamento, disolve as Cortes, redactando o proxecto constitucional de 1852, de corte absolutita e publica novas leis para o funcionamento das Cortes. A súa manobra fracasa e Bravo Murillo é obrigado a dimitir. Ata mediados de 1854 sucédense tres gobernos diferentes e prodúcese o levantamento encabezada por Leopoldo O’Donnell, partidario da nai da raíña, a ex-rexente María Cristina, que remata coa vitoria dos sublevados. A raíña ten que ceder e entrega a presidencia a Espartero, iniciándose o chamado Bienio Progresista (1854-1856).

Volvendo á cruz, o motivo da súa colocación nun muro de Cesantes, segundo José Pelayo Míguez, sería que, na catedral de Tui, unha conversa para atentar contra a vida da raíña foi escoitada por un clérigo. Este avisou aos gardas da raíña e desbaratouse o atentado. O relixioso era da familia Mos de Cesantes, por iso o monumento recoñece e agradece a axuda prestada á Raíña na casa familiar.

                       Ramona a Corenta, Morena, Rosa e Milucha. Foto cedida por Morena.                     Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy
 

O único que atopei ata o de agora deste relixioso é que podería tratarse de Manuel Mos, quen consta como Presbítero de Cesantes en 1860.

Outros Mos de Cesantes desta época serían:

- José María Mos de la Rosa. (Cesantes). En 1838 iniciou os seus estudos de menciña sen apenas medios na Universidade de Santiago, chegando os seus compañeiros a ofrecer unha obra teatral para que puidera cubrir os seus gastos. Logo acadaría o mérito na Universidade de Narbona (Francia), establecéndose finalmente na Habana (Cuba), onde acadaría gran reputación como médico.

- Pedro de Moos. Veciño de Cesantes en 1843.

- Manuel Mos. Mestre de Cesantes en 1845.

Pola proximidade co Viso tamén cabe citar a:

- Francisco Mos. Concelleiro polo Viso en 1841.

 

A finais do XIX e principios dos XX unha póla dos Mos estableceríase na vila de Redondela, sendo unha familia ben situada, con varios avogados, rexedores e concelleiros. Algúns maiores lembrarán a Fara Mos Figueroa, propietaria da finca do Canabal.

En 2001 tan só once persoas levaban este apelido en Redondela.


Detalle da inscrición. Foto: Juan Migueles
Detalle das inscricións.
 

Localización:

Rúa Carballiño (Cesantes)

42°18'26.8"N 8°36'44.1"W

42.307435, -8.612244



Texto e Fotos: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Cruces, cruceiros, esmoleiros e petos de ánimas de Redondela. Estanislao Fernández de la Cigoña. Edit. Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía.2005.

Inventario de canastros, cruceiros, portóns, fontes e lavadoiros de Cesantes. Obradoiro de Estudos locais Fernando Monroy.

Aportes José Pelayo Míguez Baños

Wikipedia

Instituto da Lingua Galega. Cartografía dos apelidos en Galicia. https://ilg.usc.es/cag/

Aportes Celso Milleiro e Xosé Moreira Docampo.

Arquivo Deputación de Pontevedra

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego (Vigo)

Mouros, ánimas y demonios. Escrito por Mar Llinares García-GoogleBooks

Publicaciones del Archivo Nacional de Cuba. Archivo Nacional de Cuba, 1952)

Anales de la Academia de ciencias medicas, físicas y naturales de ..., Volumen 1-GoogleBooks

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario