A primeira proba dun cinematógrafo en Redondela fíxose na casa de
Fontán, na Ribeira, no ano 1899.
O primeiro cine
que atopo documentado é o Cinema
Artístico, máis tarde coñecido como
o Cine Imperial.
Estaba situado na Travesía, actual rúa José Regojo, coa cabina de
proxección no solar onde tiña un garaxe Bienvenido Míguez.
O cine estaba dividido en xeral e
preferencia. A parte de xeral tiña os bancos cravados ao chan de
terra, para que non os romperan cando había pelexadas. Estivo a
cargo de Nicolás Campuzano, pioneiro cinematográfico de Redondela,
acompañado na billeteira
pola súa muller dona
Fe. Colocábase a carteleira na Praza de Abastos, nun lugar o
bastante alto para que os nenos non lla romperan. Nos anos 40, a
entrada custaba
40 céntimos en xeral e 60 en preferencia. Como non todos podían
permitirse pagar a entrada, segundo
os cartos que se tiveran entrábase antes ou despois (algúns con
cinco céntimos apenas chegaban ao final). Cada vez que se abrían as
portas se molestaba aos que xa estaban dentro e o público de xeral
protestaba gritando: “¡Esa
porta
don Nicolás!”. Outros gritos típicos
eran “¡Arriba don Nicolás!” ou
“¡Abaixo don Nicolás!”,
cando a película se descentraba. A cousa viña de vello como amosa
un xornal de outubro de 1925: “Rogamos
ao señor alcalde ordene
concorra
unha parella da Garda Municipal ás sesións que se celebran no cine
da rúa Francisco de Federico, pois é tal o balbordo nas localidades
de xeral, que dubidamos se estamos nun país civilizado ou nunha das
zonas insubmisas
do Rif”. O 20 de novembro de 1932
proxectou a primeira película sonora na vila titulada “La
Canción del día”. Uns meses antes,
en maio, o seu propietario, o señor Campuzano, deu unha función a
beneficio dos pobres da vila para que puideran
desfrutar das
Festas da Coca.
O 11 de decembro de 1926 chega a Redondela o Cinemóvil Reclame.
Nuevo Cinema posteriormente as cocheiras de Aurelio García Foto de Carlos Muíños "Dula" |
En decembro de
1927 anúnciase que Francisco Míguez Esteiro construíra un edificio
na rúa Ribeira para destinalo a salón cinematográfico. O proxecto
atopábase á espera do informe da Xunta Provincial de Espectáculos
e descoñezo se chegou a abrirse ao público.
En xaneiro de 1928
autorízase á Sociedade de Agricultores de Chapela para dar
sesións públicas de cine no seu local
No nadal de 1931 inaugúrase o Nuevo Cinema coa película
“Varieté”. Neste cine daría Castelao unha conferencia
sobor do arte da caricatura o 6 de outubro de 1932, “media hora
antes do acto non se podía entrar”. Ao ano seguinte sería un
mozo estudante de dereito, Francisco Fernández del Riego, o que
daría unha conferencia o Día de Galicia. Pouco despois pecharía
este cine, que sería re-inaugurado o 13-10-1935.
En marzo de 1932
lévase á sesión da corporación municipal a petición de instalar
un cine no recheo da Alameda, deixándose o asunto para á seguinte
reunión.
Na
primeira metade dos anos 30 tamén aparece o Cinema
Rotalty. En maio de 1936 o seu dono
cede o local para dar funcións os xoves a beneficio da Festa da
Coca. As cousas trocarían co estalido da Guerra Civil e en maio de
1935 celébrase neste cine unha homenaxe a Alemaña
e Italia coa proxección da conquista de Abisinia por Italia e as
melloras agrícolas acadadas por Alemaña.
Máis
tarde, Gonzalo Figueiral Caride abriría na actual rúa José Regojo, no 1945, o Cine
Redondela e, no 1948 na mesma rúa, o
Cine Figueiral
(despois a empresa Buhigas-Arizcun trocaríalle o nome por Cine
Fantasio). Este último, nunha
inspección de 1953 xa aparece como propiedade de José Godoy
Riveiro, dono tamén do Palermo e
o Caramuxo
en Vigo. Tiña un aforo de 572 localidades. Foi administrador deste
cine o pai do actor José Ángel Ejido, mentres
que a súa nai atendía a billeteira.
Todos
eles ademais de
cine facían as veces de teatro, ao igual que o Cine
Coca que abriría as súas portas no
1948 da man de Jaime Lago Maslloréns, empresario dono de varios
cines na provincia de Pontevedra. A finais dos 70 e inicios
dos 80, tanto o cine Fantasio como o Coca especializáronse en
películas de artes marciais, proxectando as de: Bruce
Lee, Bruce Le, Bruce Li, Los
hijos de Bruce Lee, El abuelo de Bruce Lee...
Na lembranza de todos os que desfrutamos
daquelas sesións sempre estará a técnica
do mono borracho. O Cine Coca pecharía
en 1984.
Tamén existiu un cine no alto de Cesantes chamado Cine San Simón
propiedade de Fermín Hortas Esteiro. Abriu as súas portas en
1960 e tiña 230 localidades. O 5 de xaneiro de 1975 ofreceu o
concerto da Coral Polifónica de Pontevedra. Ese mesmo ano pechou
temporalmente e de forma definitiva no 1986.
Cine San Simón. Foto: Arquitectura Industrial en la provincia de Pontevedra. Iria Sobrino Fagilde e Rai Iglesias, 2008. |
Tralo citado peche do cine Fantasio a principios dos 90, Redondela ficou sen cines ata a apertura do Cine 2R, cine de curta vida e que permaneceu aberto poucos anos. O cese da súa actividade produciríase en xullo do 2008.
Cine 2R. Foto: Juan Migueles |
Destacar por último ao Cine Club
Búrbida (creado no 1979 pola Asociación de Vecinos Búrbida),
o Cine Clube Claqueta (que programaba Cine na Rúa) e o
Cine Clube Fantasio (organizaba ciclos de cine de autor no
Cine 2R).
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA.
Antonio Ocampo
Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989)
Ernestina Otero
Sestelo. Pedagoga. Manuel Puga. Ed. do Castro, 1992.
Galeguismo e
sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros.
Edicións do Castro.
O cine na provincia
de Pontevedra a través dos seus arquivos públicos. Director: A.
L. Hueso Montón. Universidade Santiago de Compostela. Xunta de
Galicia.
Aportes:
J. A. Xesteira, M. Migueles
Galiciana>
El ideal gallego, El pueblo gallego
Nacín no 66 e Sendo mui pequena daquela, ainda me lembro da saga Bruce Lee e que non había maneira de que se emitiran outro xénero de cine. Lembro que un día entrevistáronme da radio sobre a película a que acabábamos de ir ver e encantaríame recuperar esa entrevista. Un saúdo. Nostálgica reportaxe
ResponderEliminarTeño un vago recordo da primeira vez que pisei un cine.Penso que foi o Fantasio e a película posible que actuaba de protagonista Miguel Bosé o xérero do Wester ou película de vaqueiros.Ainda lembro con ledicia ese momento o cine acompañaba o despertar na vida dun neno.
ResponderEliminarBonito recordo.
El proyectista del cine de don Nicolás era mi abuelo, Joaquín Martínez Daganzo, electricista madrileño , que vino cuando se puso la electricidad en Redondela en 1910
ResponderEliminar