El Pueblo Gallego. Fotos: Arjones |
O Funil, era o nome que recibía un tramo duns
cincuenta metros da rúa Padre Crespo onde a estrada se estreitaba. Era
tan pouco o espacio que non collían un coche e un camión ao mesmo
tempo. Situándonos nos anos setenta, isto era aínda máis grave
porque o único camiño que comunicaba Vigo e Pontevedra era
atravesando o casco urbano de Redondela. Non existía nin a
circunvalación e moito menos a Ponte de Rande. Por si fora pouco o
firme estaba en mal estado. As pedras e a auga dos charcos salpicaban
as fachadas das casas. Ademais, as beirarrúas eran estreitas e os
retrovisores dos autobuses pasaban rozándote a cara, polo que había
que pasar de un en un ou ceder o paso pegándote á porta dalgunha
casa. Podedes imaxinarvos o grado de satisfacción que os cidadáns
tiñan coas autoridades responsables. Fixéronse varias
manifestacións sen resultados. O alcalde, daquela D. Pedro Otero
Rey, sentíase tan frustrado que puxo o seu cargo a disposición do
pobo.
El Pueblo Gallego. Foto: Arjones |
Nestas estabamos, cando chegados o ano
1976, correu o rumor por Vilavella de que o Gobernador de Pontevedra
estaba comendo no Xan Carallás. Polo visto, acababan de pasar uns
gardas municipais de Vigo para escoltalo coas motos.Un grupo dunhas
vinte mulleres, sen pensalo dúas veces, botáronse a rúa. En canto
pasou a comitiva saltaron ao asfalto. Entre empuxóns aos policías e
algún que outro insulto, lograron golpear o coche do Gobernador con
paraugas e escobas. ¡Tivo sorte de non levar unha malleira!
O problema veu
despois, cando se decataron
que o que ía no coche oficial era, en realidade, o reitor
da Universidade de Santiago. O incidente sería
publicado na prensa da
época, polo que tan só se podía facer
unha cousa. O alcalde mandou chamar ás mulleres implicadas na
agresión. Logo dunha intensa reunión, decidiuse poñerlle un
telegrama ao reitor
para suavizar a tensión, explicándolle
a confusión e pedíndolle
perdón polo acontecido. A contestación non se fixo esperar. Por
sorte, as desculpas
foron aceptadas e o reitor
entendía a reacción das veciñas. Xa falara co Gobernador para
interesarse pola situación e poñíase a disposición do pobo de
Redondela para todo o que fose necesario. A honra da vila estaba a
salvo.
A caravana na Praza Ponteareas. El Pueblo Gallego. Foto: Arjones |
Aínda habería que agardar uns anos
para que se construíra o Scalextric, desviándose así o tráfico da
estrada nacional do centro urbano. A posterior reedificación de
case a totalidade da rúa Padre Crespo dende este punto ata a praza
Ponteareas levaría á desaparición do Funil.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
El País
Faro de Vigo
El Pueblo Gallego
La Voz de Galicia
Aportes:
Matilde Fernández
No hay comentarios:
Publicar un comentario