lunes, 16 de noviembre de 2020

Crónicas do tranvía

Desacarrilamento dun tranvia na Av. de Vigo. Publicada en:

Chapela de onte a hoxe. Gonzalo Mencía Castro

 

1912, 6 de setembro. Ao baixar do tranvía en Lourizán, a veciña de Salcedo Carmen Pereira Blanco, foi alcanzada polo automóbil de D. Manuel Amoedo, de Redondela. Trasladada á Cruz Roja, practicóuselle unha primeira cura, sendo despois trasladada en angarellas á súa casa.


1915, 14 de agosto. No alto do Toural, en Vigo, foi atropelada polo tranvía a veciña de Chapela María Fernández. Na Casa de Socorro aprecióuselle unha contusión na cadeira e outra na rexión fronto-auricular esquerda, con hemorraxia. O prognóstico é reservado. María ten preto de setenta anos e vive da caridade pública.


1917, 2 de maio. O día 18 Paulina Pérez Lourido ía pola Calzada de Teis levando un cesto na cabeza, cando ao tentar cruzar a vía foi atropelada por un tranvía. Recibiu un forte golpe na rexión occipital sendo recollida sen sentido. Trasladada á súa casa da Bouza (Chapela), antonte faleceu sen chegar a articular palabra. Ordenouse á Garda Civil pescudar o número do tranvía para proceder á detención do condutor e telegrafouse ao xulgado de Redondela para que se lle practique a autopsia ao cadáver.


1925, 22 de febreiro. Ás cinco do serán, pouco antes de chegar ás cocheiras de Chapela, ao tranvía da liña Vigo-Berducido rompeulle un eixo. O condutor tentaba frear o vehículo cando un coche que viña en dirección contraria obrigouno a realizar unha viraxe. O outro eixo tamén partiu e o tranvía envorcou. Por sorte tan só unha muller resultou ferida cunha contusión leve.

1934, 20 de outubro. En Vigo unha camioneta que ía con peixe cara a Redondela e na que ían varias mulleres ao chegar ao Areal atopouse nunha curva co tranvía de Chapela. Dolores López Fernández, de 56 anos, viúva e veciña de Redondela, crendo que ían chocar saltou da camioneta coa mala sorte de caer nas vías, sendo collida pola tranvía que lle seccionou a cabeza.

1950, 18 de outubro. Félix González Mosquera, domiciliado en Santa Tegra, caeu do tranvía en Chapela, sufrindo varias contusións e erosións.

1950, decembro. Os usuarios da liña de Chapela quéixanse do exceso de pasaxeiros polo que moitos deben viaxar na plataforma, da falta de alumeado no apeadoiro e da necesidade dunha dobre vía.

1958, 9 de novembro. Un camión sufriu unha avaría e quedou parado na vía do tranvía no preciso momento en que chegaba un destes vehículos, que fan o servizo de Cabral a Vigo, e que ía cheo de viaxeiros. O choque foi moi violento. Resultaron con feridas graves Benigno Collazo Alvarez, de 35 anos, veciño de Puente Cabra; Ramón Villar Iglesias, de 50, de Cabral; Manuel Crespo Creso, de 52. de Cabeiro-Redondela; Jesús Lamas Domínguez, condutor do tranvía, veciño de Teis; Eduardo Raujo Vila, de 44 anos, de Barradero, e Gerardo Jorge Villa-, de 40, da mesma veciñanza que o anterior. Tamén hai once feridos de prognóstico reservado e outros doce con lesións de escasa consideración.

1959, 9 de maio. En Laredo (Chapela), un turismo adiantou ao tranvía cando en dirección contraria viña un camión cargado de madeira, conducido por Benedicto Cabaleiro Villanueva. O camioneiro tentou pasar entre os dous vehículos pero non puido evitar chocar co tranvía, que quedou apoiado contra un poste eléctrico. Por sorte ta só resultou ferido leve nunha perna, o viaxeiro Benigno Torrado Hermo.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Diario de Pontevedra, El Eco de Galicia, El Pueblo Gallego, Galicia diario de Vigo, El Compostelano, La Integridad diario católico, El Correo de Galicia



No hay comentarios:

Publicar un comentario