Vella canteira en Ventosela. Foto: J. Migueles |
Canteiras.
A xente que acostuma pasear polo monte a pouco que se fixe pode decatarse da enorme cantidade de pedra que durante séculos se extraeu das nosas montañas. Algúns destes puntos chegaron aos nosos días a través da toponimia, como A Canteira, na rúa San Xoán de Arcal. Tamén podemos considerar canteira o monte da Telleira, do que se sacaron toneladas de terra e pedra para os recheos da Marisma.
Algunhas das novas que atopo nos xornais de principios do século XX serían as seguintes:
Na Exposición Rexional de 1880 Redondela expón granito de Cedeira. Nun censo de actividades de 1910 aparecen as Canteiras de pedra de Construcción de Virginia Lorenzo, situadas tamén en Cedeira.
En 1915: “...a pedra que se empregará no pedestal da estatua a Rosalía de Castro que se instalará no paseo da Herradura en Santiago, procederá das canteiras situadas preto de Redondela, que teñen fama de ser as mellores de Galicia”.
En abril de 1932 prodúcense despidos nas canteiras de Chapela, provocando a folga do Sindicato de Trabajadores en Construcción de Obras del Puerto de Vigo.
Fábrica de Cacharrería (Cesantes)
Propiedade de Bernardina Sobrino, consta na Matrícula Industrial de 1885-86.
Fábrica de Cal e Xeso (Chapela)
Localizada en Punta Cubillón (Chapela), segundo os censos de actividades sería propiedade de Patricio Fernández e manteríase activa cando menos entre 1894 e 1908.
Fábrica de Curtidos (O Muro-Redondela)
Na matrícula industrial de 1885 (non hai datos anteriores no Arquivo do Concello) aparece como propiedade de Bernardino Ramilo e situada en Quintela. En realidade estaba no Muro, que en 1904 pola ordenación parroquial deixa de pertencer a Quintela, pasando a Vilavella. Trataríase de Bernardino Ramilo Nieves que tamén posuía unha fábrica de curtidos en Porriño. Era pai de Octavio Ramilo Portela e tío do famoso arquitecto Antonio Palacios Ramilo. Nos seguintes anos continúa o mesmo dono, cando menos ata a matrícula de 1893-94, na que ademais aparece a seguinte información: "Fábrica de curtir pieles de ganado vacuno. Le juran tener molino cortera con destino a la misma movido por caballerías 22'83 metros cúbicos".
Naquela época as fábricas de curtidos tiñan moita presenza na nosa provincia, así en 1889 ademais da de Redondela existían dúas en Vigo, dúas no Porriño, dúas en Tui, tres en Pontevedra, unha en Caldas de Reis e algunha máis en poboacións menos importantes.
A seguinte matrícula industrial é de 1896-97, constando como titular Juan Ipiña ( Ibarreche de segundo apelido segundo outros documentos) e a descrición: "Fábrica de curtidos, midiendo noques 50 metros cúbicos". Debeu de acometer reformas na empresa porque na de 1897-98: "... midiendo noques 61 metros cúbicos". A fábrica permanecería activa cando menos ata 1905, falecendo Juan Ipiña en outubro de 1910.
Fábrica de Louza do Sr. Borines
Na Exposición Rexional de 1880, entre outros obxectos, Redondela expón "loza ordinaria de la acreditada fábrica del Sr. Borines". O nome completo do empresario era Genaro Borines Ponte.
Fábrica de Lijas y Esmeriles
Propiedade de Eulogio Rodríguez nos anos 60 do pasado século, na Estrada de Vigo.
Fábrica de Lijas. La Noche |
Redextra Norte de España S. L.
Empresa de Gonzalo Figueiral Rivero que comerciaba coas modernas redes de nylon para a pesca. Este empresario construiría unha nave acaroada ao convento de Vilavella, tapando un dos arcos da ponte coñecida como a Marca do Rei, polo que pasaba a auga procedente do muíño de Arañol. Outras empresas deste industrial serían: Intermundial (Importación de artigos de pesca e deporte), Figueiral e Coomundo.
Tabaco (Cedeira)
Nas súas posesións de Cedeira, José de la Gándara Sestelo (Ver Persoeiro G) construíu unha edificación que adicou ao secado de tabaco, que posteriormente vendía nos seus almacéns de Vigo. Cando deixou de ser rendible o edificio ficou baleiro empregándoo como almacén. Na actualidade pertence ao afortunado gañador dun premio de lotería que mercou a metade da propiedade.
No BOE de 11-11-1951 lemos: "No Servicio Nacional de Cultivo y Fermentación del Tabaco.- Transcribiendo lista de cultivadores autorizados para la campaña 1951-52 en la zona sexta:... Redondela: Joaquín Domínguez Almeida. Nº de plantas: 56.000".
Vidriera Gallega (Cedeira)
En decembro de 1917 o Marqués de Mos e Manuel Losada Carrera proxectan a creación desta empresa. En setembro de 1918 anúnciase na prensa: “Brevemente darán comezo os traballos para a instalación dunha fábrica de cristal en Rande, que establecerá unha compañía inglesa”. En 1919 esta empresa presidida por Fernando Quiñones de León, Marqués de Mos, obtén a autorización para aproveitar a area de varias praias da Ría de Vigo. Pouco despois é nomeado presidente Manuel Losada Carrera por falecer o anterior. En 1920 estímase que producirá entre 30.000 e 40.000 botellas por día. En novembro dese ano, as accións de “Vidriera Gallega” emitidas a 100, cotizan a 145. A principios de maio de 1921 entra por fin en funcionamento con arredor de 200 obreiros. Tan só dous meses despois paralízase a fabricación. En decembro de 1923 anúnciase que se reiniciarán os traballos nesta fábrica. En abril do 1936 o Concello inicia xestións para tentar a reapertura desta empresa.
Vidriera Gallega. Vida Gallega. |
Viferbaz
Nos anos 50, na rúa General Mola, fabricaba poleas para transmisión e correas.
Viferbaz. El Pueblo Gallego |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Apuntamentos sobre o mosteiro de Vilavella (Redondela). Amado González Cardama. Separata de estudios provinciais Nº15/2000 – ISSN: 0211-5530
Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003
Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.
Arquitectura Industrial en Vigo. Proyecto COAG/Vigo. Patrimonio Arquitectónico Moderno y Contemporáneo en Galicia. Iria Sobrino Fagilde
Un ferrocarril no val da Louriña: A liña Ourense-Vigo (1889). Coordinador: Juan Aguilar Madrazo.
Aportes: Gonzalo Amoedo, Manuel Migueles, Matilde Fernández, Nanato Lago Amoedo e Jesús Queimaliños.
Arquivo do Concello de Redondela: Matrícula Industrial: 1885-86, 1886-87,1887-88, 1889-90, 1890-91, 1891-92, 1892-93, 1893-94, 1899-1900, 1893-94, 1896-97, 1897-98, 1898-99, 1899-1900, 1900-1914.
ABC: http://www.abc.es/hemeroteca
El Correo Gallego: http://www.elcorreogallego.es/index.php?idMenu=130
Vigometropolitano: http://www.vigometropolitano.com/
La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca
El País: www.elpais.com
El Noroeste (Hemeroteca)
http://www.csbg.net/
www.hemerotecadigital.bne.es
Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración: 1879-1884, Revista de geografía comercial...
No hay comentarios:
Publicar un comentario