Galicia nos 50. Chovendo na feira de Redondela. Foto de Luis Zamora. |
A bordo que son fanecas. Aproveita as ocasións favorables.
A faser abono á Xunqueira! Frase de Tino Molete camareiro en Venus para botar aos clientes máis pesados.
A vaca da Ghandona por non mover o rabo, deixa comer a cona.: Cando alguén é moi vago.
A ver se che pasa esa muxa!: Cando tes catarro ou tos. A muxa en galego e escrito muja en portugués era a a sarna dos animais que lles producía proído e caída do pelo.
Aí ven un mariñeiro da conquiña / Co que traes ti e catro quilos de patacas, come unha familia / Mariñeiro de aghua seca.: Cando vas pescar e regresas co cesto baleiro.
Andades aos caghanichos: Cando se mercaba pouca cousa ou aos poucos.
Andar bravo / Andar quente da rabadilla /Andar quente coma un can: Estar excitado sexualmente.
Andar escaravello: Que non anda dereito, que anda torto. Ex: Douche unha hostia que vas andar escaravello todo o día. Tamén se empregaba facendo referencia aos trompos, cando un bailaba mal dicíase que escaravellaba. Normalmente isto se arranxaba endereitando a punta e cando bailaba dereitiño e non escaravellaba dicíase que era unha subela. Na RAG atopamos subela co significado de: Instrumento aguzado de metal, con mango de madeira, que se usa para furar coiro, goma etc. Tamén recolle escaravello como un tipo de insecto e escaravellar como: 1. Remover a superficie de [a terra]. 2. Andar en [o nariz, dentes etc.] co dedo ou cun obxecto.
Andar de furriqueira: Ter cagarría, diarrea.
Ano da fame: Chamado así o ano de 1941, época da posguerra, pola carencia de alimentos. Nesta época popularizáronse a frases: “Comer non comiabamos, pero rir riabamos” ou “Hai que encher a barriga de risa”.
-Arrastro!! -Os collóns contra o canastro / -Arrastro!.- Arrastro anda calquera. : Xogando ás cartas.
¡Arrota, bota!: Cando alguén bota un eructo. Xa o empregaban os nenos en Redondela nos anos 40-50, ata o de agora non coñezo a orixe.
Boca de sarghón: Insulto.
Bótame a arrancadeira: Era a última copa para ir para a casa ou a traballar.
Botar a lingua a pacer: Falar sen coñecemento.
Botar un grolo / Tomar un ghlorio / Tomar unha fecha / Botar unha fecha / Mollar a palleta: Beber un viño.
Cada can que lamba seu carallo: Cando alguén comenta problemas alleos.
Cada quen arrima as brasas á súa sardiña. Cada un mira polos seus propios intereses.
Cada vez que di unha verdade cáelle un ollo o chan.: Alguén moi mentiroso.
Cando ti non faghas alghunha estremonía, rabea o demo!: Cando un neno se porta mal.
Cheghar e encher. Cando chegas e comezas a xantar ou tes sorte.
Cheghou Varela pra fodela. Cando chega alguén que non tiñas ganas de ver.
Cheiras a catinga / Cheiras a Cotexo. Faite falla un baño.
Chete larete: Cando algo te gusta.
Chímpalle unha ghaseosa!: Denota sorpresa.
Coméchela co caldo. Cando alguén esquece algo.
Comedes como curas!: Cando chega o xantar e a mesa queda en silencio.
Con que xente me metín ao mar!: Cando vas mal acompañado para facer unha tarefa.
Con quen casei á miña filla!: Cando, por exemplo, alguén se asocia nun negocio e sabes que esa persoa non responde ás expectativas.
Cuida os pés, porque a cabeza...: Cando non estás centrado.
Custoume ferro e fariña. /Levei un traballiño neghro.: Cando tes moito traballo.
Das máis traballo que levar un porco ao lombo. / Das máis traballo que un fillo parvo.: Cando alguén dáche traballo ou é pesado.
Date unha piña nun ollo vas ver como miras.: Cando tes algo diante e non o atopas.
Defensor de pleitos pobres: Cando se defende a alguén que non paga a pena.
Deuche o salouco: Tes hipo.
Deulle o teo. / Deulle a neura. / Deulle un ataque miserere.: Deulle un ataque de nervios.
Dios dalle pan a quen non ten dentes: Cando alguén ten unha sorte inmerecida ou ten algo ao que non lle da aprecio.
Dios me dea paciencia... e un carro pra levala: Cando alguén molesta ou incomoda.
Durme ós mortos: Cando alguén é aburrido.
Durmir como un choco: Durmir moito e ben.
Durou menos ca un peido na man.: Cando algo dura pouco.
E dalle polo pao: Cando alguén insiste nalgunha cousa coa que non coincidimos.
É máis amarrado que o cu dun sapo: Alguén tacaño.
É máis duro ca unha codia de pan
É máis feo que pegharlle a un pai
En marzo marxexa:
Engancharse nunha silva.: Cando paras a falar con alguén.
Enriba da cona un corte: O colmo da mala sorte.
Entón é mellor ir á corte e matalas todas: Cando pasa algo que non se desexa.
Eres máis lento que o carro da bosta
Eres tan listo como o can da Pachina, pero un día baixou á vila e colleuno un coche: Cando alguén se bota de listo. “A Pachina” era unha señora de Cesantes. O alcume é familiar chegando ata os nosos días, “os Pachíns” ou “os Pachines”.
Ese come as casas da Coruña. Cando alguén come moito.
Ese/esa corre as caravanas.
Ese empreña polas orellas.: Cando alguén cambia datos ou exaxera a contar un conto que oíu.
Esa mina o mar: O din as mariscadoras das compañeiras que traballan mal, cavando moito e collendo pouco marisco.
Esas cósenche unha saia nun momentiño.: Falan mal de todo o mundo.
Escapa Lercio que arde o cine.: Emprégase cando é mellor marchar. A frase ven dunha ocasión na que dous amigos "da montaña" viñeron ao cine por primeira vez en Redondela e, ao saír lume na pantalla, un deles gritou esa frase asustado.
Eses son uns rabias a fame: Teñen pero non comparten.
Eses son outros López: Frase que en tempos empregábase en Redondela para facer referencia a algo que non nos interesa. Popularizouse polo costume dun home que cada vez que unha persoa co apelido López facía algo meritorio dicía que era da súa familia, pola contra, cando un López aparecía nos xornais por roubar ou facer algo malo, sempre contestaba con esta frase.
Está bien pero muy bien no está: Cando piden a túa opinión.
Está coxo e non oe ben: Dise cando falas con alguén e se fai o xordo.
Está máis duro cun caralhote! /Está duro como un ferrote
Está salado como unha pilla: Según o léxico dos irmáns Millares Cubas, "Salado como la pilla.- La pilla (pila) es el montón que en la cubierta del barco costero se forma con los Pescados en salmuera...".
Estaba de ser. / Iba durmindo.: Cando falece alguén.
Estar cheíño como un pegho: Cando comiches ou bebiches moito.
Estar vendo a peseta. Persoa tacaña ou demasiado aforradora.
Estás cheíña como unha nécora da ría: Piropo a unha muller.
Estás para botar no banco: Estás gordo.
Estar mazado coma un pulpo: Estar canso.
Eu tiña neghros... neghros os collóns de traballar: Un emigrante retornado do Brasil.
Facer bagazo: Cando algo é forte ou ten un efecto moi forte. Ex.: A augardente branca cando a bebes fai bagazo .
Facer ghaseosa: Cando todo sae moi ben. Ex: Onte fixemos ghaseosa na festa.
Facer a gata. Faltar os estudantes a clase.
Facer unha ghallifa.: Unha trampa ou trasnada.
Falan os mudos.: Cando fala alguén que era mellor que estivera calado.
Fan de nós un pandeiro.: Cando fan de nós o que queren, usado para referirse aos fillos pequenos, pero tamén aos políticos.
Férveche o cu. / Parece que tes os diablillos / Non tes paraxe
Foi unha regha.: Cando choveu pouco.
Fun a Vigo por ver Cangas: Cando unha acción non da os resultados esperados.
¿Hai café?: Preguntábase ás peixeiras para saber se había peixe pequeño que non pasaba por lonxa. Tamén se empregaba nos quioscos referíndose ao tabaco de contrabando, tamén coñecido como “tabaco de batea”.
Hai días e horas.: Cando alguén di: Hai días.
Hai fanecas na ría.: Cando alguén se rasca o cu.
Hai que arder!: Grito propio das festas rachadas.
Hai que darlle de comer aparte.: Cando alguén non nos cae ben.
Hai que entregarse! / Hai que ir morrendo!: Para vellos pesados.
Hai que comer o que da o tempo: Cando non te gusta o que hai de comer.
Hai que poñer os pes por onde pisan as vacas.
Hola a todos menos a uno.: Popularizouse cando Federico Gómez “Loreto” espetouno no Café América, facendo referencia a José Otero “Mañas”
Hoxe naceu un escribano: Cando vai moito frío.
Hoxe o día está encuruxado: Mal tempo. Día escuro e con choiva.
Ir ás achas: Ir a arrancar os canotos que ficaban despois de talar unha árbore.
Iso cólleche un dreito
Iso é do ano da polca.: De hai moito tempo.
Lambeute a becerra! / Pasoute a lingua a vaca! / Lambeute a vaca!: Cando vas moi peiteado co pelo mollado ou con fixador.
Lambida dos gatos: Persoa fraca.
Levache un carallo coma un braso.: Cando algo non da os froitos agardados.
¡Levanta!, que xa pasaron as leiteiras: É tarde.
Levas lume no cu.: Cando vas apurado.
Lume de caroza.: Ir rápido.
Lume nel!!!: Grito de ánimo cando alguén pon a outro no seu sitio .
Lume de Viqueira. Viqueira era o apelido dun fogueteiro santiagués. Semella que era bo no sei oficio e se estendeu a frase para louvar os fogos dunha festa se eran bos, “É lume de Viqueira”. Actualmente emprégase “Lume de Viqueira” cando se mira a unha persoa que increpa a outra ou para dicir que algo vai rápido “A lume de Viqueira”.
Máis largho que un día sen pan. Cando non da pasado o tempo.
Máis merda que no pao dun galiñeiro: Cando hai moita suciedade.
Mal raio te parta, mala centella (ou chispa) te coma. / Mala chispa te coma, compra un cabalo. Mal raio te parta, xa o teño comprado
Man lava man e dúas a cara. Non hai tres sen dous, nin dous sen un.
Manda carallo na Habana: Cando nos sorprende algo.
Mañá chove que sopla o vento da crava fanada.
María matouse. Cando caes.
Mentres capo non asubío: Mentres Fago unha cousa non podo facer outra)
Mentres vas e ves non queda o camiño sen xente: Vas a ir para nada.
Menuda ghueva que ten ese home.: Cando alguén era demasiado parado para actuar ou para facer as cousas.
Meter o barco nas pedras: Meterse nun lío.
Mexan por nós e dicimos que chove
Mi caballo murió: Algo que non ten remedio.
Mira que todos temos unha veighiña en Toledo...
Mirarlle o cu a curuxa: Pasar medo.
Moi ven me levo con ela, somos íntimos na lexania.: Cando non te levas ben.
Mollar a palleta: Beber viño.
Moreno de nola... de no lavarte. / Moreno de yate... de ya te lavarás.: Cando “admiras” o moreno doutra persoa.
Morra o conto. Acabouse a discusión.
Morreu un que nunca morrera.
Morreu dun ataque miserere / dunha embolia / dunha angina de peito: Antigamente principais causas de morte.
Morre marta morre farta: Cando alguén que comeu moito pide máis comida. Pode ser polo animal (marta) q é capaz de comer sen parar con tal de non deixar nada atrás, ademais de q come de todo.
Morreu o can , acabouse a rabia! /Morreu o can, morreu a rabia.: Cando desaparece a causa dun problema.
No hay comentarios:
Publicar un comentario