miércoles, 1 de noviembre de 2023

Redondela nos Camiños Medievais

 

Inauguración do monólito indicador do Camiño Franqueira. Foto de R. Grobas. Faro de Vigo.

         Redondela sempre tivo unha gran importancia estratéxica ao longo da historia por ser un nó de comunicacións, con saídas cara a Pontevedra e Santiago, Tui e Portugal, e Vigo. Isto provoca que o noso concello sexa atravesado por numerosas infraestruturas como o ferrocarril, a alta velocidade ou a autoestrada. Todo comezou por ser punto de paso na vía romana Per Loca Marítima e posteriormente do Camiño Xacobeo Portugués e o Camiño Real (Non cito aquí o Camiño Xacobeo pola Costa porque non me consta a existencia de documentación antiga). Pero non foron estas as únicas rutas, na Idade Media existían outros dous camiños:


O Camiño da Franqueira

        A Franqueira, no concello da Cañiza, conta co santuario mariano máis importante da provincia de Pontevedra. A súa igrexa, de estilo románico, data do século XIII. Ata o día de hoxe segue sendo un centro de peregrinacións, téndose constancia da afluencia de romeiros desde 1361.

        Como ocorre con Santiago de Compostela, son numerosos os camiños que chegan a este punto. O que parte de Redondela atravesa Pazos de Borbén continuando por Mondariz, Queimadelos, Meirol, Paraños, Roupeiro e As Laxas, entrando na Franqueira pola Ponte de Cernadela.

        Neste santuario celébrase a Romaría das Pascuillas o luns de Pentecontés, pero en Redondela a que ten devoción é a Romaría de Setembro, celebrándose o día 8 a natividade da Virxe María. Tradicionalmente o camiño realízase durante a noite anterior para asistir aos actos litúrxicos pola mañá.

        En 2005 colocouse na Praza Ponteareas un miliario indicando o inicio deste camiño. Comezaban así unha serie de intervención no percorrido por parte da Xunta e a Deputación. A iniciativa partiu do daquela alcalde Xaime Rei, quen propuxera a posta en valor deste camiño.


Camiño da Franqueira en Wikiloc

https://es.wikiloc.com/rutas-mountain-bike/16-may-12-gr-57-camino-da-franqueira-2850068


Os camiños dos Arrieiros.

        Na Idade Media o viño do Ribeiro xa gozaba de gran popularidade. Os diferentes mosteiros de Galicia posuían viñedos nas marxes do río Avia onde producían o apreciado caldo. O transporte do viño realizábase polos que hoxe son coñecidos como Camiños dos Arrieiros.

        Os relixiosos non se limitaron a unha produción para autoconsumo se non que iniciaron un comercio cara as grandes vilas galegas. Pero esta fonte de ingresos non se limitou á nosa comunidade xa que a chegada de visitantes polo Camiño de Santiago propiciou a venda do viño cara diversos puntos do cantábrico e máis alá das nosas fronteiras, principalmente cara a Inglaterra e Flandes. Isto provocou a creación de numerosas rutas desde a comarca do Ribeiro cara as principais vilas e portos galegos.

        Que ten que ver Redondela con este comercio do viño do Ribeiro? Pois a vinculación da nosa vila está no noso porto, pois era un dos puntos nos que se embarcaba o viño, a parte do que se consumía no propio pobo. A entrada en Redondela producíase pola rúa Reveriano Soutullo (lembramos aquí que o río Alvedosa era o límite de Redondela, pois Vilavella era independente). Atopamos aquí a explicación polo que, cando menos desde o século XIV, era coñecida como Rúa Ribeiro. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/toponimia-rueiro-de-redondela.html ). Esta desemboca na Praza Constitución nunha ampla baixada, que segundo se publicou en varios traballos, débese a que neste punto se atopaba o estaleiro da vila. Temos que ter en conta que a Alameda e a Xunqueira formaban parte da Marisma e mesmo a rúa Alfonso XII non é máis que un recheo que non se comezaría a urbanizar ata o século XIX.

        Na Descripción económica del reyno de Galicia, publicada por José Lucas Labrada en 1804, destácase do noso porto que sexa “un punto de partida considerable de viños do país”. Engadindo que a pesca de sardiña ascende a 309 millares anuais. Transcribo a continuación os datos das saídas do transporte marítimo referentes a Redondela nun período de 5 anos, entre 1793 e 1797, cun total de máis de 500 toneladas, o que nos da unha idea da súa relevancia como saída do viño cara A Coruña e , en menor medida, O Ferrol:


Nome do Buque Toneladas Procedencia Carga Destino Data Entrada

Patache N. S. de Junqueras................20.....Vigo e Red........Viño.............A Coruña..........25-02-1793

Patache S. Antonio.............................20......Redondela........Viño.............A Coruña..........03-03-1793

Bergantín El Carmen..........................30......Redondela........Viño.............A Coruña..........09-03-1793

Patache S. Antonio..............................24......Redondela.......Viño........Coruña e Ferrol......08-07-1793

Patache N. S. de Encontrela................20.....Redondela........Viño.............A Coruña..........13-01-1794

Pinaza El Carmen...............................10......Redondela........Viño.............A Coruña..........12-03-1794

Patache S. Telmo.................................35.....Redondela........Viño.............A Coruña..........23-03-1794

Basco S. Antonio y Ánimas................12......Redondela........Viño..............A Coruña.........29-08-1794

Patache S. Josef...................................20.....Redondela........Viño................Ferrol.............27-05-1795

Patache S. Antonio y Ánimas..............20.....Redondela........Viño...............A Coruña........03-06-1795

Patache Dulce Nombre de Jesús.........30.....Vigo e Red........Viño..............A Coruña.........22-07-1795

Patache San Antonio...........................30.....Redondela........Viño...............A Coruña.........20-02-1796

Patache El Santo Cristo de Candas.....30.....Redondela........Viño..............A Coruña..........21-04-1796

Patache N. S. de Pastoriza..................38......Redondela........Viño.............A Coruña..........21-04-1796

Patache N. S. del Carmen...................30......Redondela........Viño..............A Coruña.........10-05-1796

Patache S. Antonio y Ánimas.............30......Redondela........Viño..............A Coruña.........12-05-1796

Pinaza S. Antonio................................30......Redondela.......Viño..............A Coruña..........11-07-1796

Bergantín N. S. Carmen.......................30......Redondela.......Viño..............A Coruña.........13-07-1796

Bergantín San Josef.............................40......Redondela........Viño.............A Coruña.........10-12-1796

Patache N. S. del Carmen....................20......Redondela.......Viño..............A Coruña.........02-06-1797

Patache Jesús, María y Josef...............40......Redondela........Viño..............A Coruña.........02-06-1797

Patache S. Antonio y Ánimas..............20.....Redondela.........Viño..............A Coruña........02-08-1797


        Na actualidade trátase de promover os camiños do Ribeiro cara a Santiago e Pontevedra. Por contra do de Redondela non se conserva moita información do seu trazado.



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

Descripción económica del reyno de Galicia. Escrito por José Lucas Labrada, 1804

¿Que rutas seguía el vino del Ribeiro en la Edad Media? Por L. Martínez en Campo Galego. https://www.campogalego.es/que-rutas-seguia-el-vino-del-ribeiro-en-el-medievo/

Caminos Medievales de Galicia. Elisa Ferreira Priegue.

Santuario de Santa María da Franqueira. Diócesis Tui-Vigo. http://www.afranqueira.org/

La Voz de Galicia

Faro de Vigo

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario