viernes, 3 de abril de 2020

Toponimia: Rueiro de Redondela



1900-1910 Postal Eugenio Krapf. Museo de Costumbres y Artes Populares de Sevilla
1900-1910 Postal Eugenio Krapf. Museo de Costumbres y Artes Populares de Sevilla

Neste apartado recollo o rueiro actual e, en caso de coñecer nomes anteriores dunha rúa, estes aparecerán xusto debaixo.


R. do Adro (Atrio): Por estar preto da Igrexa de Redondela.

  • R. Ramón Franco (durante a II República): Ramón Franco Bahamonde (Ferrol 1896-1938). Político, militar e aviador. Irmán do xeneral Francisco Franco. Xunto con outros 3 tripulantes realizou o "Vuelo del Plus Ultra", realizando o primeiro viaxe en hidroavión entre España e América. http://es.wikipedia.org/wiki/Ram%C3%B3n_Franco

  • Calle del Atrio (ata a II República): Cando menos dende principios do s. XVII.

  • Calle de la Iglesia: Nun documento de 1605.

  • R. Porta da Igrexa: Nun documento de principios do s. XV.

Rúa do Adro, 1968. Foto: Magar-Faro de Vigo
Rúa do Adro, 1968. Foto: Magar-Faro de Vigo


Pz. Alejandro Otero: Nome dado no 2013 como un dos actos do “Persoeiro do ano”. Destacado xinecólogo e político redondelán. Durante a II República xa recibira o seu nome a actual rúa Reveriano Soutullo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/otero-fernandez-alejandro-redondela-14.html )

  • Anteriormente pertencía á rúa Alfonso XII, agás nos dous períodos seguintes.

  • Pz. de Rosalía de Castro (durante a II República): Poetisa galega.

  • R. Xeneral Rubín. Nome dado en xullo de 1895 e que apenas duraría uns meses. (Ver a actual rúa Xeneral Rubín)

  • Pz. de María Cristina. Nome dado en 1883. Esposa de Alfonso XII.

  • Nome Popular: A Praza de Concha Velasco: Chamada recentemente así porque instalaron nela unha fonte que votaba auga por fóra, na época no que na televisión emitían o anuncio dun produto para as perdas de urina protagonizado pola actriz Concha Velasco.

     

  • Pz Alejandro Otero. Foto cedida por Martín Fdez. Pérez
    Pz Alejandro Otero. Foto cedida por Martín Fdez. Pérez

     

Pz. da Alfóndega: Etimoloxicamente significa locais públicos para a venda, compra e deposito de graos. Nesta praza, existían un tellado con tella do país e estrutura de madeira, debaixo se montaban os postos de venta de millo, palla... Os noso maiores lembran dous tellados con columnas de pedra un fronte a casa das “Garinas” e outro fronte a das “Moquelas”. Eran coñecidos popularmente como “Os Tinglados” e neles seguía a venderse sementes e tamén pequenos animais. Tamén era coñecida como Praza da Herba, tendo a súa continuación na Rúa da Herba, actual Isidoro Queimaliños. Ao deixar de celebrarse mercados neste punto derrubáronse os tellados e instalouse unha fonte de metal cunha gran roda, pero a auga que extraía sempre foi de mala calidade. Despois converteuse nun parque infantil e, en 1982, a praza sería empedrada e colocaríase un cruceiro. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/cruceiros-esmoleiros-e-petos-de-animas.html )

  • Plaza de la Batalla de Lepanto. En 1971 acordouse nun pleno o troco de nome, para celebrar o centenario deste feito histórico. En 1979 recuperaría o nome orixinal.

  • Plaza Vieja: No s. XVIII.


R. Alfonso XII: Rei de España e bisavó de Juan Carlos I. http://es.wikipedia.org/wiki/Alfonso_XII_de_Espa%C3%B1a

  • R. Fermín Galán (durante a II República): Militar español defensor da República que foi fusilado tralo falido alzamento de Jaca (Huesca) de 1930. http://es.wikipedia.org/wiki/Fermin_Galan

  • NOTA: Son terreos gañados ao mar. As dúas primeiras casas foron construídas en 1869 e o maior crecemento sería a partires de 1879. O primeiro documento no que atopo o nome da Rúa Alfonso XII data de 1890. Tendo en conta que este monarca reinou entre 1874 e 1885 o máis probable é que lle deron o seu nome á rúa uns anos antes.

1927-1936 R Alfonso XII. Foto: António Passaporte Arquivo Loty-IPCE
1927-1936 R. Alfonso XII. Foto: António Passaporte. Arquivo Loty-IPCE


R. Amieiro: Tipo de árbore que crece a beira dos ríos. Nome de repertorio por estar preto do Salgueiral.

  • Antes do 2005 era un tramo da R. Salgueiral.


Camiño do Apeadeiro (No 2008): Neste camiño se atopa o apeadeiro do ferrocarril.


Arango, Cño. de. María Arango Rubín era sobriña do Xeneral Rubín. En maio de1900 casou en Redondela con Justo Gómez Murias, fabricante de Astorga. Neste camiño atópase a súa casa que en tempos era unha das destacadas propiedades burguesas da zona.


R. Bidueiro: Tipo de árbore propia das zonas húmidas. Nome de repertorio por estar preto do Salgueiral. (Ver R. Canedo).

  • Nome posto no 2005. Con anterioridade esta rúa e a rúa das Cardosas (na parte máis baixa) non eran mais que un terreo sen edificacións e na súa maior parte sen cultivar, coñecido popularmente como Campo de las Ranas, pola existencia de charcas nas que habitaban moitos destes animais. Pertencían ó barrio do Salgueiral (hoxe nome de rúa), na parroquia de Vilavella.

R. Blanco Amor (No 2008, formaba parte da R. Picota): Eduardo Blanco Amor (1897-1979). Escritor, tanto en galego como en castelán, nacido en Ourense. http://es.wikipedia.org/wiki/Eduardo_Blanco_Amor

R. Cabo dos Fumeiros: Antes dos recheos era un cabo que recibía este nome por ser o lugar onde estaban os fumeiros, edificacións empregadas para afumar as sardiñas. No s. XVII cítase en numerosas ocasións como Peirao e Cabo dos Fumeiros, pero nun documento de 1671 xa aparece como calle de los Cabos de los Fumeiros.

  • Antes do 2005 esta rúa formaba parte da R. Picota, pero popularmente era coñecida como Os Canastros polos hórreos que existen no lugar. Tamén era chamado Calexón da Conecha, probablemente por vivir alí algunha persoa con ese alcume.

  • Campo do Pexegueiro. Nome dado cando menos dende finais do s. XVIII e durante o s. XIX. Chamado así polo río Pexegueiro.


Cabo dos Fumeiros  inicios s.XX. Fototipia Thomas
Cabo dos Fumeiros  inicios s.XX. Fototipia Thomas


R. Campo das Redes: Xa existía no s. XVIII. Lugar onde os mariñeiros secaban e reparaban as redes. En 1806 o Concello recadaba 24 mrrs. Polo Campo das Redes.


R. Canedo: Canedo ou canaval, lugar poboado de canas. Nome de repertorio por estar preto do Salgueiral, no 2005, o Concello decidiu poñer nomes de árbores e plantas que nacen a beira dos ríos nestas zonas de nova construción.

  • 2ª Travesía Ernestina Otero: Antes do 2005.


R. do Carballo: Había un carballo nun campo preto ao cruceiro chamado, do mesmo xeito, do Carballo. Neste lugar celebrábanse no século XVII os concejos abiertos, ou sexa, os plenos do goberno municipal aos que podían asistir os veciños que o desexaran. Neste tramo o río Alvedosa tamén era coñecido como río Carballo polo menos ata o s. XVIII. Ademais nesta rúa atopamos a coñecida como Casa do Carballo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/casas-destacadas-de-redondela.html )

  • Antes do 2005 era un tramo da Rúa Adro.


R. das Cardosas: Fai referencia á cor morada das amoras das silvas que poboaban o camiño (Ver R. Bidueiro). Nome dado no 2005. A zona urbanizouse pouco antes

  • Atravesaba o chamado Campo das Ras, que xa citamos ao falar da rúa Bidueiro, por ser unha zona inundable polo río Maceiras onde abundaba este anfibio.

  • Ten continuación na parroquia de Cedeira cruzando a estrada nacional co nome de Camiño das Cardosas. O lugar é coñecido como As Cardosas.


Camiño do Carrascal: Nome do monte. Sitio onde abundan as aciñeiras pequenas (carrascos).

  • Antes do 2005 pertencía á R. Loureiro.


R. Castelao: Daniel Rodríguez Castelao. Político, escritor e debuxante gráfico. Estivo moi ligado a Redondela onde deu numerosos mitins, e tamén nos deixou o debuxo de Xan Carallás. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/search?q=Xan+Carall%C3%A1s )

http://es.wikipedia.org/wiki/Castelao

  • Antes do 2008 formaba parte da R. Picota como Travesía Picota.


R. Casto Sampedro: Casto Sampedro Folgar. Avogado que impulsou os estudios arqueolóxicos en toda a provincia. A rúa leva o seu nome dende 1943. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sampedro-folgar-casto-antonio-redondela.html )

  • R. Lorenzo Carballo: Cando menos durante os anos 20 do pasado século. O mestre Lorenzo Carballo Otero (Pontevedra, 1830) foi director da escola de instrución primaria de Redondela, onde exerceu dende 1853 ata a súa xubilación en 1891. Actuou como enfermeiro durante as epidemias de cólera de Cambados (1853) e Redondela (1865). En 1872 foi proposto para a Cruz de María Victoria de segunda crase.

 

 

R. Casto Sampedro. Foto: Carlos Dula-cinesdegalicia.educabarrie.org
R. Casto Sampedro. Foto: Carlos Dula-cinesdegalicia.educabarrie.org

 

Pz. da Constitución: Dedicada á Constitución Española.

  • Pz. 18 de Julio (durante o goberno de Franco): Día do alzamento nacional, principio da Guerra Civil.

  • Pz. da República (durante a II República)

  • Pz. de Montero Ríos. Político vigués e gran cacique galego no s. XIX. O nome foi dado en xullo de 1895 e tan só duraría uns meses.

  • Pz. da Constitución de 1812.

  • En 1910 recheo da Praza, anteriormente era unha marisma.

  • Pz. do Mercado. A finais do S. XVIII, por ser o lugar de venta.

  • Praza do Estaleiro. Nome que recibía no s. XVII. Era a parte da praza que está ao inicio da Rúa Reveriano Soutullo, o que explica a amplitude da costa que une as dúas rúas. Era o lugar onde se construían e reparaban as embarcacións porque ata alí chegaba o mar.

1910 Praza Constitución.  Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia 2001
1910 Praza Constitución.

Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia 2001.


R. Cooperativa: Urbanización construída mediante a constitución dunha cooperativa.

  • 1ª Travesía Padre Crespo: Antes do 2005.


R. Cruceiro: Nun terreo privado había un cruceiro. Recibe este nome cando menos dende o s. XVIII.

  • R. Ramón Otero Milleiro (durante a II República): Fillo e irmán de alcaldes de Redondela. Secretario da Sociedade de mariñeiros da vila e gran defensor dos seus intereses.

R. Cruceiro, 1967. Faro de Vigo
R. Cruceiro, 1967. Faro de Vigo

Calella de Don Basilio: Nome recibido popularmente por ter alí a súa botica Basilio Bernárdez Otero, pai de Telmo Bernárdez (Ver Rúa Telmo Bernárdez)

  • Antes do 2008 formaba parte da R. Prata.


R. Eduardo Pondal: Eduardo Pondal (1835-1917). Poeta, tanto en galego coma en castelán, nado en Ponteceso (A Coruña).

http://es.wikipedia.org/wiki/Eduardo_Pondal

  • Ata o 2008 formaba parte da R. Picota.


R. dos Eidos: Pola división do terreo en eidos (fincas pequenas). Ata a ordenación parroquial de 1904 pertenceu a Reboreda.


R. Ernestina Otero: Ernestina Otero Sestelo. Catedrática de pedagoxía na Escola de Maxisterio de Pontevedra en 1915. Déronlle o seu nome á rúa en 1991. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/otero-sestelo-ernestina-vilavella.html )

  • Av. Alvedosa: Nome do río que descorre ao seu carón.

  • Antes da urbanización desta beira do río o máis probable é que se correspondera co topónimo Banda da Maré, castelanizado a Banda de la Marea.


R. Esfarrapada: Etimoloxicamente: 1. Que está moi gastado e rachado. 2. Que está feito farrapos. 3. Farrapento, que está vestido con farrapos. Unha teoría sería que fai referencia á modesta roupa tendida neste barrio eminentemente mariñeiro e que creceu fóra dos muros da vila. Este nome xa existía cando menos dende o s. XVII, así como o Alto da Esfarrapada. No XVIII tamén se facían as distincións da Calle del Medio de la Esfarrapada, Plaza de la Esfarrapada, Esfarrapada de Arriba ou Calle de Arriba. Popularmente era chamada Farrapada.

 

Esfarrapada. Arquivo J.A .Xesteira
Esfarrapada. Arquivo J.A .Xesteira


R. do Espírito Santo: Pola existencia dunha capela chamada do Espírito Santo da que aínda se poden observar restos. Cando menos dende principios do S. XVI.

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/01/capelas-desaparecidas.html )

 

 

Espíritu Santo. Concurso Concello-Barrio Típico. Autor Fotsca
Espíritu Santo. Concurso Concello-Barrio Típico. Autor Fotsca

Av. da Estación e Cño. da Baixada á Estación. Fan referencia á estación de ferrocarril.


R. Figueiral: Pola antiga existencia de figueiras no lugar. Este nome aparece en documentos do S. XVI e foi recuperado no 2008.

  • Antes do 2008 era parte da R. do Adro.

  • Detrás de la Iglesia. No Catastro da Única, 1792.


Pz. Fonte do Mouro: Praza de recente urbanización. Recibe o nome dunha fonte na que aparece a figura dun mouro. Existe a teoría de que pode pertencer a un grupo escultórico máis grande no que estaría representado o Apóstolo Santiago, coñecido popularmente como Santiago Mata-mouros. Pero outras teorías máis recentes apuntan ás lendas dos mouros e ás propiedades curadoras da súa auga. Moi preto existiu unha leprosería e os enfermos acudían á fonte. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/fontes-e-lavadoiros.html)


R. do Hospital: Porque no solar onde se atopa o cemiterio vello houbo un hospital.

  • 1ª Travesía Rúa Eidos: Antes do 2005.

  • Nos papeis de Casto Sampedro xa aparece no s. XVII: Sitio y calle del Piollo, tras el Hospital


Escudo que puido pertencer ao Hospital na rúa Cruceiro. Foto: J. Migueles


R. Isidoro Queimaliños: Nado en Redondela o 22 de outubro de 1850, faleceu o 7 de decembro en 1904 na casa que o vira nacer. Médico moi implicado cos menos favorecidos, subdelegado de sanidade, político liberal e xornalista. Alcalde de Redondela. Faleceu o 7 de decembro de 1904 ós 55 anos de pulmonía. En 1905 por subscrición popular levantouse un mausoleo na súa tumba e pouco despois puxéronlle o seu nome á rúa na que vivira.

  • R. Reveriano Soutullo (durante a II República): Ver actual R. Reveriano Soutullo.

  • R. do Val ou do Valle: Xa no s. XIV recibía este nome.

  • R. Obispo Iglesias. Nome dado en xullo de 1895 e que apenas duraría uns meses. Adicado a Dámaso Egidio Iglesias Lago, natural de Vilavella (Redondela), bispo de Ourense. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/iglesias-lago-damaso-egidio-vilavella.html )

  • NOTA: O tramo de subida desta rúa desde o cruce coa Praza Constitución e as rúas Telmo Bernárdez e Cruceiro era coñecido como A Costa de Paradela, apelido dun popular veciño famoso por ter un loro que asubiaba o Himno de Riego.

  • NOTA: Esta rúa tamén era coñecida popularmente como rúa da Herba, porque, como na praza da Alfóndega vendíanse produtos agrícolas (millo, graos...).

  • NOTA: Cando menos desde principios do s. XVII era chamada tamén R. do Medio (atopo este nome en documentos de 1605). A explicación é que a nivel relixioso as casas pares (despois do número12) pertencían ao párroco de Reboreda e as impares a Redondela. Esta situación continuaría ata o arranxo parroquial de 1890. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/de-cando-varias-ruas-de-redondela-eran.html ). Actualmente aínda se chama Rúa do Medio á actual Reveriano Soutullo, a explicación disto podería ser por chamarse así esta rúa no período da II República.

  • R. da Porta da Vila: Aparece como rúa a finais do s. XVIII. Sería a porta principal da hipotética muralla que rodeaba Redondela (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/as-murallas-de-redondela.html ). Estaa situada ao inicio da rúa Isidoro Queimaliños, no cruce con Cruceiro e Telmo Bernárdez.


Inscrición na Casa da Alfóndega. Foto: J. Migueles

Pz. José Figueroa: José Figueroa Montero (Redondela 11-07-1880 / Vigo, 15-09-1912). Emigrante en Brasil con éxito no sector da hostalaría, presidiu a Asociación de Hijos de Redondela, promovendo a construción dun hospital na vila. A praza recibiu o seu nome o 17 de setembro de 1912, tan só dous días despois da súa repentina morte ao pouco de casar. O hospital non chegaría a construírse, pero si unha escola edificada na Xunqueira tamén chamada José Figueroa. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/figueroa-montero-jose-redondela-11-07.html )

 

Pz. José Figueroa, 1962. La Noche
Pz. José Figueroa, 1962. La Noche

R. José Regojo: Empresario nado en Pontevedra e zamorano de adopción. En Redondela fundou a fábrica téxtil que levaba o seu nome e que, co tempo, converteríase no motor económico da vila. Faleceu o 14 de xaneiro de 1993 en Vigo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/regojo-e-outras-empresas-textiles.html )

  • Travesía de Vilavella. Nome aprobado en febreiro de 1988.

  • R. General Mola (durante o goberno de Franco): Militar español. Nado en 1887, falecido en 1937. Un dos líderes da rebelión militar do 36 que deu comezo á Guerra Civil. http://es.wikipedia.org/wiki/General_Mola

  • R. Telmo Bernárdez (durante a II República 1931-1936). (Ver a actual Rúa Telmo Bernárdez).

  • R. José del Río: Nome dado en 1927. Nomeado fillo adoptivo de Redondela en 1925. Comandante de infantería natural de Baiona, nomeado Delegado Gobernativo por Redondela en decembro de 1923, tralo golpe de Estado de Primo de Rivera. (Ver Curiosidades 8)

  • Travesía de Villavieja: En 1902 apróbase a expropiación dos terreos para a construción desta rúa pertencente á daquela estreada de terceiro orde de Pontevedra a Camposancos.

 

 

Rúa José Regojo. Anos 20. Postal Alsina Madrid. n º 28.
Rúa José Regojo. Anos 20. Postal Alsina Madrid. n º 28.

R. Juan Manuel Pereira: Deputado por Redondela, Enviado Extraordinario e Ministro Plenipotenciario no Imperio da China e nos Reinos de Siam e Annam, Gobernador Civil de Pontevedra e Deputado ás Cortes por Ponteareas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/pereira-de-castro-juan-manuel-reboreda.html )

  • Barrio dos Pasais (antes de 1931). Esta rúa pertencía a Reboreda, ata que polo arranxo parroquial realizado polo Bispo en 1904, pasa a pertencer a Redondela. Fai referencia aos pasos empregados para cruzar o río antes da construción da ponte.

  • R. dos Fornos: Cando menos dende 1521 e ata o s. XVIII. Rúa onde había varios fornos de pan.

  • Calle de la Puente: Nome co que aparece no s. XVII.

R. Juan Manuel Pereira cara a 1910. Arquivo J.A .Xesteira
R. Juan Manuel Pereira cara a 1910. Arquivo J.A .Xesteira


R. da Laxe. Nome dado a esta rúa de recente urbanización no lugar As Laxes. O colectivo Alén Nós reclamou chamar á Rúa das Laxes ao tramo que pasa por diante da estación de tren e remata na rotonda. O Concello decidiu darlle o nome a unha rúa perpendicular á proposta e ademais, ao existir xa un Camiño das Laxes moi preto (na parroquia de Reboreda), o Concello optou por empregar o singular para distinguilo.

  • Carreiro do Carballo: Esta zona era propiedade da Casa do Carballo. Cando se parcelou en fincas deixouse un camiño que daba acceso ás mesmas, polo que recibía este nome.

  • NOTA: O citado tramo perpendicular a este camiño que remata na rotonda era coñecido como O Gallal, mesmo nome que as fincas ás que daba acceso.


 

R. da Leña: Nome recuperado no 2008. Xa se empregaba no século XVIII, como Plaza de la Leña, sendo a praza a que está fronte a entrada á reitoral, actualmente R. Adro. Era onde se vendían leña e piñas


R. Loureiro: Nome de árbore con follas empregadas coma condimento ou remedio medicinal. Nome dado cando menos dende 1521.

  • Pz. do Leite: Chamada así por ser un punto de venda de leite. Estaba situada no punto da rúa Loureiro onde hoxe se conservan varias casas con soportais. Co tempo o punto de venta trasladaríase durante varios anos ao cruce das rúas Isidoro Queimaliños, Cruceiro e Telmo Bernárdez.


R. Maceiras: Por estar ó carón do río Maceiras. Chamado así porque por el baixaban as mazás que caían das maceiras de San Estebo de Negros.


R. da Marisma: Pola súa situación na zona de marisma hoxe practicamente desaparecida.

  • Nome posto no 2008, anteriormente pertencía á Av. Mendiño.

R. Meixón Frío: Xa aparece en documentos do s. XVII. É un topónimo que se repite en numerosos pobos de Galicia. Apesares das múltiples explicacións que se teñen dado, a máis plausible é a que da filóloga Dolores González de la Peña, que considera Meixón como un derivado de miscere. Procedería polo tanto do hidrónimo mestas (augas mestas) indicando a confluencia de dous ríos, o que coincidiría coa unión do Alvedosa e o Maceiras. O termo Frío repítese en numerosos topónimos, como Riofrío en Chapela. Hai que ter en conta que esta rúa era ribeira do río.


Av. Mendiño: Nome dado en febreiro de 1988. Trobador galego do S. XIII ou XIV que adicou unha cantiga de amigo á Illa de San Simón. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/os-inicios-musicais-en-redondela-os.html )

  • Carretera a la Playa de Cesantes. Durante a ditadura franquista.

  • Paseo Francisco de Federico. Durante a II República, só parte da Av. Mendiño. (Antes e despois deste período, recibía este nome a R. Padre Crespo).

  • En 1912 realizouse a construción da estrada á praia cruzando a Marisma, posteriores recheos darían lugar á avenida.


Camiño de Miraflores. En documentos do s. XVII xa aparece citada a Rúa de Miraflores. Outros topónimos desta época serían: Barrio de Miraflores, Sitio de las Congostras de Miraflores.


R. do Muíño: Camiño que conducía ao barrio dos Muíños, punto do río Alvedosa onde había catro muíños. Nome posto no 2008.


R. Muro: (Ver Barrios). A finais do s. XIX pertencía a Quintela, pasando en 1904 a pertencer a Vilavella. Pode facer referencia ao muro do Convento de Vilavella, xa que hai que bordealo para chegar a este punto desde Redondela.


R. 8 de Marzo: Día da muller traballadora. Nome dado no 2005 a esta rúa que anteriormente estaba ocupada pola fábrica de Regojo (Ver Rúa Regojo) e forma parte do Barrio do Salgueiral.


R. Padre Crespo: Fraile mercedario e investigador de heráldica e xenealoxía. O nome foi dado o 18 de xullo de 1968 coa asistencia do homenaxeado e a presenza do Gobernador Civil. Ese día inaugurouse a biblioteca municipal, na que se amosaron as súas obras. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/crespo-pozo-jose-santiago-padre-crespo.html )

NOTA: Do mesmo xeito que a rúa Padre Sarmiento, esta rúa é mal galeguizada como Pai Crespo. No Dicionario Xerais da Lingua atopamos: padre 2. Tratamento de respecto que se lles da ós frades ou sacerdotes da relixión católica (o padre Sarmiento).

  • Calle Vieja: Nome popular que aínda hoxe se emprega para designar ó tramo comprendido entre o viaduto vello e a Praza Ribadavia.

  • Travesía de Francisco Federico: Despois da II República recupérase este nome.

  • R. Nicolas Salmerón (durante a II República): Presidente do poder executivo durante a I República. http://es.wikipedia.org/wiki/Nicol%C3%A1s_Salmer%C3%B3n

  • Travesía de José del Río. Comandante de infantería que coa chegada ao Goberno de Primo de Rivera foi nomeado delegado gobernativo en Redondela en decembro de 1924. Un ano despois foi nomeado fillo adoptivo do Concello. Pouco despois deixará o cargo de delegado ao ser nomeado Gobernador de León. Dáselle o seu nome á rúa en outubro de 1928 tralo seu repentino falecemento.

  • Travesía de Francisco de Federico. Francisco de Federico Martínez. Nado en Madrid e cuñado do Marqués de Riestra. Foi elixido Deputado ás Cortes por Redondela en 1893 e 1898. Mantívose no cargo ata a súa morte en 1910, sendo substituído polo seu fillo, Francisco de Federico Riestra. Tamén ostentou os cargos de Ministro de Fomento e vicepresidente do Congreso. Déronlle o seu nome á rúa en novembro de 1895. Durante a II República déuselle este nome á actual Av. Mendiño. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/deputados-cortes-por-redondela.html )

  • Calle de Elduayen. Político vigués, que se presentara candidato a deputado a cortes por Redondela en 1872. Nome dado en xullo de 1895, durando tan só 3 meses.

  • Calle de Villavieja (a principios do s. XX): Xa aparece esta denominación a mediados do s. XIX.

  • Calle del Campo de las Monjas: A finais do s. XIX.

  • Calle Principal. No s. XVII.

  • Rúa Real ou Val Real: Chamada así por formar parte do Camiño Real, coincidía cun tramo da vía romana e do camiño portugués. Parte de Vilavella comprendida dende a Pz. Ponteareas (incluída) ata a Pz. Ribadavia (actualmente rúas Padre Crespo e José Regojo).

R. Padre Crespo 1967. Faro de Vigo
R. Padre Crespo 1967. Faro de Vigo


R. Padre Sarmiento: Pedro José García Valboa. Naceu en Vilafranca do Bierzo (León) o 9 de marzo de 1695, falecendo en Madrid o 7 de decembro de 1772. Os 15 anos ingresou na Orde dos Bieitos, adoptando o nome de Martín Sarmiento. Precursor no estudio da lingua galega no século XVIII, adicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 2002.

http://es.wikipedia.org/wiki/Fray_Mart%C3%ADn_Sarmiento

  • Con anterioridade pertencía ao Paseo da Xunqueira.


Paseo do Pexegueiro: (2005) Nome do río.


R. Picota: Pola existencia dunha picota ou rollo, insinia da autoridade señorial. Era o sitio onde se ataban aos delincuentes ou aos responsables das obras gremiais mal feitas, para expoñelos á vergoña pública.

  • R. del Rollo. Nome dado no Catastro de la Única (1792).



Pz. Ponteareas: Irmandamento co concello de Ponteareas. Nome dado o 17 de xuño de 1973 coincidindo coa celebración da festa da Coca.

  • Anteriormente, formaba parte da actual rúa Padre Crespo.

  • Campo de las Monjas. A finais do s. XIX. O motivo é que parte da praza eran terreos que, ata os anos 60 do pasado século, pertencían ao Convento de Vilavella.


Pz. Ponteareas 1963. Foto Fotsca. Deputción de Pontevedra
Pz. Ponteareas 1963. Foto Fotsca. Deputción de Pontevedra


R. Prata: O nome pode estar asociado co oficio de prateiro. Xa aparece con este nome en 1521.


R. Prego de Montaos: García Prego de Montaos foi o relixioso responsable da construción do Convento de Vilavella . O seu brasón atopámolo non só na Igrexa de Vilavella, se non tamén na casa Reitoral de Redondela, na Casa da Alfóndega, na Casa da Torre, no Pazo de Petán, na Casa do Cristo de Limpias, na Igrexa de Reboreda e no Pazo de Reboreda. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/garcia-prego-de-montaos-y-sotomayor.html )

  • 1ª Travesía Praza Ponteareas: Antes do 2005.


R. Raimundo Cal: Naceu en Redondela o 22 de setembro de 1914, falecendo en Vigo o 22 de xaneiro do 2003. Mestre represaliado. Pertencía ao partido galeguista e fixo campaña a prol do Estatuto. Foi detido en 1948 por formar parte do Socorro Rojo, colectivo que axudaba ás familias dos presos políticos, sendo condenado a 6 anos de cárcere. Nas primeiras eleccións municipais democráticas (1979) foi elixido concelleiro polo Partido Comunista.


R. das Regateiras: Nome recuperado no 2008. Fai referencia ás vendedoras de peixe. Nos apuntes de Casto Sampedro aparece como: Camino que baja a la Huerta de las Regateiras e Sitio das Regateiras.


R. Reveriano Soutullo: Naceu o 11 de xullo de 1880 en Ponteareas pero pasou gran parte da súa vida en Redondela, de onde era orixinaria a súa familia materna, faleceu o 28 de outubro de 1932. Compositor de zarzuelas, pasodobres...; que recibiu un premio especial de composición outorgado polo Conservatorio Nacional en 1906. O nome foi dado o 18 de xullo de 1968 coa asistencia da viúva do homenaxeado, Victoria San Emeterio, e a presenza do Gobernador Civil. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/soutullo-otero-reveriano-ponteareas-11.html )

  • R. Rivero (durante o goberno de Franco):

  • R. Alejandro Otero (durante a II República): Ver actual Pz. Alejandro Otero.

  • En xuño de 1910 o Concello acorda darlle o nome do recentemente falecido, Cándido Otero, deputado provincial. Non teño constancia de que se fixera efectivo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/deputados-provinciais-polo-distrito-de.html )

  • R. del Rivero. Recupera o nome antigo.

  • R. de Federico. Adicado ao político Francisco de Federico. Nome dado en xullo de 1895 e durante pouco tempo. En 1896 recibe este nome a actual R. Padre Crespo.

  • R. del Rivero: Xa aparece con este nome no s. XIV por ser lugar de paso dos que traían o viño do Ribeiro para embarcar no porto de Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/01/a-rua-do-ribeiro.html )

  • NOTA: Coñecida popular e erroneamente como rúa do Medio, porque en realidade era Isidoro Queimaliños a rúa chamada así porque as casas pares pertencían a Reboreda e as impares a Redondela. A confusión pode deberse a que esa rúa foi chamada Reveriano Soutullo durante a II República.


Pz. Ribadavia: Irmandamento co concello de Ribadavia. Púxoselle este nome durante as festas da Coca de 1953. Uns meses antes en Ribadavia fíxose o propio dándolle o nome de Redondela a unha das súas rúas.

  • Popularmente, é coñecida como A Farola e, antigamente, tamén era chamada como a praza de Las Tres Luces (nome hoxe perdido). A colocación do primeiro farol no centro desta praza tería lugar en xullo de 1932, destacándose nos xornais a súa utilidade para os automóbiles por ser o cruce das estradas de Pontevedra, Vigo e Fornelos.

1925 Praza Ribadavia.  Foto: Saturno Cal
1925 Praza Ribadavia.  Foto: Saturno Cal

Av. da Ribeira: Ver Barrios. Recupérase o nome antigo (atópoo nun documento de 1605) en febreiro de 1988.

  • R. Jose Antonio (despois da guerra): Adicada a Jose Antonio Primo de Ribera (1903-1936). Político español. Uns dos fundadores da Falange Española.

  • R. de García Hernández (En 1930 e durante a II República): Ángel García Hernández. Militar español defensor da República que sería fusilado tralo fracaso do alzamento de Jaca (Huesca) de 1930.

  • R. Severino Martínez Anido. (Nome dado o 21-04-1929). Militar natural de Ferrol. Nomeado fillo adoptivo de Redondela en 1925 por conceder os fondos para as obras do Alvedosa. Nesta época (ditadura de Primo de Rivera) ocupou os cargos Director Xeneral de Seguridade e Subsecretario do ministerio da Gobernación. Tristemente lembrado pola represión que exerceu como Gobernador civil de Barcelona e por ser o creador da lei de fugas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/fillos-adoptivos-durante-ditadura-de.html )

  • C. de la Ribera. Cando menos desde 1605.

1926 Calle de la Ribera. Arquivo José Luis Rodríguez Figueroa
1926 Calle de la Ribera. Arquivo José Luis Rodríguez Figueroa

R. Rita Otero: En abril do 2015 dáse o nome de Rita Otero Fernández, esposa do empresario José Regojo e que fora nomeada Persoeiro do Ano 2014, a un tramo da R. Padre Sarmiento.


R. Salgueiral: Ver Barrios.


R. San Xoán de Arcal: Porque no lugar de Arcal atopábase a capela de San Xoán Bautista, propia das monxas do Convento de Vilavella. Este nome xa aparece nun documento de 1753 en Relación de rentas que pertenceron ao mosterio de Melón.

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/01/capelas-desaparecidas.html )

  • Barrio dos Muíños: Nome dado ata mediados do s. XX (cando se urbanizou) á zona máis próxima ao casco urbano pola existencia dos muíños de Pájaro Pinto, Domitila e Filomena.

  • A Canteira: Nome popular dado pola existencia dunha canteira. Dela sacouse a pedra coa que se canalizaron o río Alvedosa e o Maceiras.


Av. de Santa Mariña: Ver Barrios. Atópoo xa nun documento de 1605. Recupérase o nome antigo en febreiro de 1978.

  • R. Calvo Sotelo: Durante o goberno de Franco. Político (1893-1936). Foi Director Xeral da Administración e Ministro de Facenda durante a ditadura de Primo de Rivera. O seu asesinato converteuno nun mártir e precipitou a Guerra Civil. http://es.wikipedia.org/wiki/Calvo_Sotelo

  • R. Antonio Orellana: Entre 1930 e 1937. Antonio Orellana Pereira. Nado en Soutomaior. Avogado Agrarista e Republicano, foi secretario no xulgado de Soutomaior, concelleiro e secretario no concello de Redondela, masón e mentor do grupo de mozos con aspiracións políticas “Los jóvenes turcos”. Tamén foi xornalista sendo director de La Escoba, director interino de El Pueblo e redactor de El Alvedosa, Gente Nueva, La Opinión e La Propaganda.

  • Av. Santa Marina. Ata a ordenación parroquial de 1904 pertenceu a Cesantes. No s. XVII xa aparece como Campo de Santa Mariña.


Santa Mariña Postal sd -Arquivo J.A .Xesteira
Santa Mariña. Postal. Arquivo J.A .Xesteira


Pz. Santiago Apóstolo: Nome do santo patrón da Igrexa de Redondela. Nalgúns documentos antigos aparece como Pz. de San Iago.

  • Pz. de la Rivera. Nome co que aparece no catastro de Única, en 1792.

  • Antes do nome oficial era coñecido como Lugar das Regateiras, nome dado recentemente a unha rúa próxima.


Pz. Santiago Apóstolo, 1909. Vida Gallega


Pz. da II República: Recoñecemento para os perdedores da Guerra Civil. Anteriormente, formaba parte do paseo da Xunqueira.


R. Subida á Estación: Subida á estación de tren, antigamente situada preto do viaduto vello (Ourense-Vigo).


Camiño da Tafona: Tafona significa establecemento onde se coce ou vende o pan. Nun documento de 1762 aparece como “sitio del Atafona”. En portugués atafona é un muíño, polo que o máis probable sería esta segunda opción, dada a existencia dunha corrente de auga xa que neste punto está a Fonte da Tafona.

  • 2ª Travesía Padre Crespo: Ata o 2005.


R. Telmo Bernárdez: Luis Telmo Bernárdez Santomé. Nado o 10 de abril de 1885 na mesma casa que o Xeneral Rubín. Médico de profesión, en 1923 foi elixido alcalde de Redondela, posto que desempeñaría ata 1936. En abril de 1936 foi nomeado Compromisario coa encomenda de elixir ao segundo presidente da República. Delegado Gobernativo en Redondela e Xefe provincial de Esquerda Republicana. Tralos sucesos do 18 de xullo de 1936 percorreu as rúas de Redondela tranquilizando e convencendo aos veciños de que non opuxeran resistencia. Posteriormente, sería detido e encarcerado en Vigo, a Illa de San Simón e Pontevedra, sendo fusilado o 12 de novembro de 1936 na estrada de Campañó. Déronlle o seu nome en 1980, mais durante a II República, en 1931, foi chamada así á actual rúa José Regojo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/bernardez-santome-telmo-redondela-10-04.html )

  • R. Oriente: Durante a ditadura franquista recuperou o nome antigo.

  • R. Pablo Iglesias (1930 e durante a II República): Pablo Iglesias Posse. Político, fundador do PSOE. Inaugurada o 4 de maio de 1930 por iniciativa da Sociedade Obreira da vila. http://es.wikipedia.org/wiki/Pablo_Iglesias

  • R. Oriente: Debe o nome á súa orientación. Pertencía a Reboreda, ata que polo arranxo parroquial de 1904 pasou a Redondela.


Pz. da Torre: Está situada na parte traseira da Casa da Torre. Creada cando o edificio foi adquirido pola Xunta de Galicia.


R. Vilaflores: Nome do lugar. A proximidade co topónimo Miraflores (Ver Camiño Miraflores), faime sospeitar se non será unha alteración do mesmo.

  • Antes do 2008 formaba parte da R. Picota.


R. dos Vimbios: Era o lugar onde se vendían os vimbios para atar as viñas.

  • 1ª Travesía Ernestina Otero: Antes do 2005.


Av. Xeneral Rubín: Militar e político heroe da Guerra de Cuba. Déronlle o nome á rúa o 21 de abril de 1929. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/rubin-homent-antero-evasio-redondela-3.html )

  • Antes de 1929 parte da Rúa Ribeira.

  • Rúa Nova ou de Pedro Romay. Cando menos dende principios do s. XVII. Tamén aparece como Calle Nueva de la Rivera. Nel se atopaba o outro peirao da vila e a Plaza del Pescado.


Xeneral Rubín, 1957. Foto: villamalea.eu
Xeneral Rubín, 1957. Foto: villamalea.eu

Paseo da Xunqueira: Era unha zona de marisma poboada de xuncos coma o seu nome indica. Este nome foi mal castelanizado como La Junquera, cando en realidade a tradución correcta sería Juncal ou Junqueral. Aparece xa como Calle de la Junquera no Catastro de la Única (1792) e en documentos anteriores como Campo de la Junquera, pola contra nun mapa de 1890 aparece como Campo de la Feria.

 

A Xunqueira cara a 1910.

Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia 2001.



Sen Localizar


R. de la Carnicería: Cara a 1333. Volve a aparecer nun documento de 1628.

R. Ameixeira. No S. XVIII. Zona Esfarrapada. Probablemente sexa o acceso de escaleiras que une a Praza Santiago Apóstolo coa Praza da Leña e o barrio da Esfarrapada.

R. Lameira. No S. XVIII. Zona Esfarrapada.

Barrio de San Francisco. Zona Esfarrapada.

Pz. do Pan: S. XVII

Calle del Vicario: No Catastro de la Única (1792).



Antigos nomes das calellas de Redondela.

Antigamente, as calellas de Redondela eran coñecidas polo nome ou alcume dos propietarios das casas. A maior parte destes nomes xa non se empregan na actualidade. Tamén dicir que en lugar do normativo “calella” na vila se empregaba o castelanismo “calexón”.

Calella das Chiquiñas. Entre a Rúa Prata e a R. Ribeira.

Calella de Don Basilio. Entre a R. Prata e a R. Ribeira. Chamado así por haber nela a botica de Basilio Bernárdez Otero, pai de Telmo Bernárdez. Nome engadido ao rueiro no 2008.

Calella da Gata. Entre a Rúa Adro e a R. Isidoro Queimaliños.

Calella da Guidiña. Entre a R. Ribeira e a R. Prata.

Calella da Pepita. Entre a R. Prata e a Praza Santiago Apóstolo.

Calella de Povedo ou de Simón. Une Reveriano Soutullo con Isidoro Queimaliños. Recibe o nome da “zapatería de Povedo”, sendo Povedo o alcume do dono. Este negocio chegou a ter, máis ou menos, 15 empregados, despois foi herdada polos fillos do dono que o pecharon cando se xubilaron.

Calella da Salgheira. Une a rúa Prata coa rúa Loureiro.

Calella de Teodora. Xunto á R. Isidoro Queimaliños.

Calella do vello Axuntamento. Entre Isidoro Queimaliños e Reveriano Soutullo.

Calella de Xan Xan. Une Xeneral Rubín coa Rúa das Regateiras.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

Ernestina Otero Sestelo. Pedagoga. Manuel Puga. Ed. do Castro, 1992.

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Guía didáctica para escolares:

Nº3. Arquitectura e urbanismo en Redondela. Alfonso Sotelo Ramos.

Nº5. Aproximación á toponimia do Concello de Redondela. Álvaro Iriarte Sanromán

Nº7. Don Casto Sampedro Folgar. Xosé Filgueira Valverde.

Fondo Casto Sampedro. Museo de Pontevedra

SEREN

Nº3. A vila de Redondela na Idade Media (S. XIII-XV). Xosé M. Sánchez Sánchez.

Os Nomes da Ría de Vigo II. Gerardo Sacau Rodríguez. Instituto de Estudios Vigueses (Fundación Provigo).2000.

Unidade didáctica. Personas que dan nome as rúas e prazas de Redondela. Xosé Manuel Moreira Docampo. (Inédito. Fondos da Biblioteca de Redondela)

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003. Páx. 62-63. Rúa Pablo Iglesias-Paseo Fermín Alfaya.

Catastro de Ensenada de Redondela e Vilavella

Aportes: Xosé Moreira Docampo, Matilde Fernández, Manuel Seijas, Xurxo Martínez (SNL Redondela),

Diccionario Madoz

Deslinde parroquial de Santa María de Reboreda-Santiago de Redondela. Perito Agrónomo Industrial, Castor Míguez. 1890. Arquivo Alejandro Martínez Adán.

Blog da da filóloga Dolores González de la Peña: http://arqueotoponimia.blogspot.com/

Arquivo familiar. Documentos S. XIX.

Pares http://pares.mcu.es =>

Archivo Histórico Nacional> Monasterio de Santa María de Melón.

Memorial cobrador de rentas do Convento de Vilavella (1699-1779)

1762. Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de Villavieja de Redondela (Mos, Tuy), efectuado por decreto de diciembre de 1760 para el establecimiento de la Única Contribución.

Arquivo Deputación de Pontevedra. Contas de propios e arbitrios xurisdición de Redondela Nova (1806)

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, El Eco de Galicia, La Correspondencia Gallega, La Idea

Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => El Heraldo de Madrid, Diario de avisos de Madrid

La Voz de Galicia

Deputación de Pontevedra>Fondo Encinas Diéguez>Tres censos en Redondela (1605)

Aportes: Manuel Migueles, Manuel Seijas, Alejo Amoedo e Ramón P. Muíños



No hay comentarios:

Publicar un comentario