No 2007, a
Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común de Redondela iniciou
os traballos de recuperación do percorrido das tuberías que
abastecen de auga a Vigo dende a presa de Eiras en Calvos, obra
realizada en 1969. O proxecto foi financiado na súa maior parte
polo programa europeo Proder II e contou con 185.000 euros de
inversión. Nel se plantexou a mellora do firme, a recuperación da
vexetación autóctona, a creación de áreas de descanso, a retirada
de escombros en vertedoiros ilegais e a colocación de valados de
seguridade nos ríos.
Tramo da Senda da Auga atravesando o Concello de Redondela |
Trátase dun amplo
sendeiro de terra con algúns tramos de asfalto. Pola súa lonxitude
(23´4 km.) dividirémolo en varias partes, tomando en conta os
puntos nos que é atravesado polas estradas e tomando como referencia
de saída a vila de Redondela:
Cedeira-Vigo
Sendeiro lineal de 8 km. Agás os tramos asfaltados de Trasmañó e os finais de Chapela e Vigo, é unha pista de terra ampla, perfecta para
facer a pé ou en bicicleta. É prácticamente chá sen desniveis de
consideración. Discorre paralelo á Ría de Vigo, ofrecendo un
balcón natural á Enseada de San Simón, á Ponte de Rande e ás
Illas Cíes.
Foto: J. Migueles, 2009 |
¿Cómo chegar?
Saímos en coche de Redondela
cara a Vigo. Pasamos de largo o acceso á estación de ferrocarril e
na seguinte rotonda collemos á esquerda. Seguimos esta estrada ata
ver un lavadoiro e unha fonte, neste cruce xiramos á dereita. Ao
comezo da subida podemos observar na marxe dereita á entrada do Pazo
de Torrecedeira. Seguimos subindo ata as últimas casas e observamos
un camiño do lado esquerdo, cos muíños do Pardo, e a dereita o
sendeiro que nos levará ata Vigo.
Estado actual (2008).
Este sendeiro abriuse este ano.
Conta con moitos bancos de pedra, indicadores da distancia cada 500
metros e un par de fontes.
Conclusións.
Probablemente, este é o tramo da Ruta
da auga que máis paga a pena polas súas vistas á Ría de Vigo.
Enseada de San Simón dende a Senda. Foto: J. Migueles, 2008 |
Cedeira- Cabeiro
Sendeiro lineal de 3 km. Pista
forestal ampla cun pequeno tramo de asfalto ó final do recorrido.
Sen desniveis de consideración discorre paralelo ó val do Maceiras,
chegando ata o barrio Igrexa de Cabeiro e terminando na estrada
Redondela-Peinador. Conta con dúas áreas de descanso:
A primeira, na
parroquia de Negros, é un mirador que conta cunha fonte, bancos e
mesas. Neste punto temos a opción de acercarnos ata o Castro de
Negros, collendo unha costa bastante pronunciada sinalizada como
tramo do sendeiro das Greas. O castro está sen excavar, polo que só
se pode observar parte do muro exterior, a disposición en terrazas
do terreo e indicios de casas soterradas. Ademáis trátase dun
castro que sofre continuas agresións cun poste de alta tensión e
outro de seguimento aéreo. O máis destacado son as vistas ó
atoparnos nun lugar elevado.
E a segunda, xa
adentrándonos en Cabeiro, consta dunha fonte con dous bancos.
¿Cómo chegar?
Sairemos do mesmo punto que no tramo
Cedeira-Vigo, pero esta vez no sentido contrario.
Estado actual (2008)
A
sinalización é correcta no inicio do camiño, logo dispomos dunha
sinalización kilométrica pintada no chan, a maior parte non será
visible en pouco tempo, sería mellorable con carteis de madeira. No
último tramo a sinalización desaparece por completo. Por contra o
estado do camiño e as áreas de descanso é moi bo.
Conclusións.
É unha mágoa que
a actuación neste tramo non recolla a recuperación dos muíños do
Pardo, de propiedade privada. Se ben hai numerosos muíños no
concello, é o único conxunto deste tipo na vila.
Foto: J. Migueles, 2008 |
Cabeiro-Saxamonde
Sendeiro lineal de 3´6 km. Pista de
terra ampla, perfecta para facer a pé, en bicicleta ou a cabalo. É
prácticamente chá sen desniveis de consideración. O camiño remata
no barrio de Casal do Monte (Saxamonde), a carón do campo de futbol.
Aquí a senda córtase polas estradas. A seguinte etapa parte do
outro lado da nacional Redondela-Porriño.
¿Cómo chegar?
Saímos en coche de Redondela
cara ao aeroporto de Peinador. Xa na parroquia de Cabeiro o camiño
cruza a estrada (está sinalizado). Tomamos o tramo da esquerda.
Estado actual (2009).
O sendeiro está ben sinalizado,
contando con dous paneis informativos. No camiño atopamos dúas
fontes e moi cerca, xa en Saxamonde, un área de descanso atravesada
polo camiño de Santiago en moi malas condicións. Trátase da área
recreativa Coto do Gran. Construida nuns terreos cheos de terrapléns
presenta un total abandono, as mesas non teñenen bancos, hai unha
especie de fonte de diseño horrorosa...; resumindo unha morea de
cartos mal invertidos.
Conclusións.
Este camiño é interesante polas súas
paisaxes, altérnanse tramos de monte con tramos de pequenas
explotacións agrícolas. Pódense observar numerosas especies
arbóreas. Esta atravesado por tres regatos e nun deles atópase un
muíño que externamente presenta un bo estado de conservación.
Muíñño do Medio. Foto: J. Migueles, 2009 |
Os Valos - Reboreda
Sendeiro lineal duns 7 km. Pista
forestal ampla que nun futuro próximo pode chegar a ter tramos
asfaltados porque serve de acceso a varias casas na parroquia de
Reboreda.
¿Cómo chegar?
Saímos en coche de Redondela cara a
Porriño. Ao chegar ao alto dos Valos, collemos á esquerda cara a
Nespereira e Cepeda. A pouco máis de 100 metros outro cruce a
esquerda (como se fósemos a voltar a Redondela). Neste pequeno tramo
atopamos a saída do camiño na marxe dereita.
Estado actual.
En febreiro do 2009 se crearon
áreas de descanso pero non se retirou a basura, en zonas puntuais,
nas marxes do camiño. A parte máis crítica é un tramo que pasa a
carón dunha casa na que o dono acumula chatarra e desperdicios,
invadindo parte do sendeiro.
Conclusións.
Este tramo ten dúas partes moi
diferenciadas unha nas parroquias de Saxamonde e Quintela, onde se
atravesa un monte moi tupido, e outra na parroquia de Reboreda
cruzando áreas de pequenas leiras e algunhas casas, con vistas á
enseada de San Simón, O Viso, Ventosela... O camiño remata no muíño
de Rachón xunto a unha fervenza que en inverno leva bastante auga.
Foto: J. Migueles, 2009. |
Aquí o camiño desaparece para
reaparecer en Amoedo, xa en terras do Concello de Pazos de Borbén,
polo que tan só citaremos os dous derradeiros tramos:
Amoedo – A Ermida
A Ermida – Calvos
(Presa de Eiras)
Autor: J. Migueles
Actualizado: 12/02/2019
BIBLIOGRAFÍA
Faro de Vigo
En Galiciana-Biblioteca
Digital de Galicia. Xunta de Galicia:
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=>
El Pueblo Gallego
No hay comentarios:
Publicar un comentario