lunes, 27 de abril de 2020

Personaxes 2ª metade do S.XX (2). Nené, "el último chorizo"

 
Nené, entroido no Centro Recreativo e Cultural, 1977. Foto: Cal3
       Nené era un delincuente habitual especialista en furto e timos a pequena escala, con numerosas entradas e saídas do cárcere, protagonizando numerosas anécdotas. Segundo contan xa de mozo apuntaba maneiras e facía "desaparecer" os xeados do Café de Triscallo, o que obrigou ao dono a poñerlle unha cadea á neveira. Como nunca tivo coche estafaba aos taxistas e ao chegar a Redondela lles contaba que o seu pai era o dono do bar Lisboa. Coa escusa de ir pedirlle cartos para pagar a carreira, entraba no bar e saía pola porta de atrás.
       Durante un tempo, gañouse a vida vendendo uns barquillos nas festas, feiras ou no pavillón ao grito de:
Al rico parisieeeeé.
Parisié rico,
rico parisié.

       Cando lle quedaban poucos dicía:
Me quedan dos
Cáceres y Badajoz,
si me quedaran más dos
no las vendía ni dios.
   
       Por suposto, en canto os vendía aparecía con outra bandexa chea. Este oficio valeulle un novo alcume e durante un tempo a xente lle chamou Nené Parisié.
       Outra das súas fontes de ingreso era a recuperación de obxectos roubados. Por unha módica recompensa sempre lograba que "aparecera" o subtraído dicindo que o culpable era un de fóra. A vítima quedaba contenta porque a perda era moito menor, pero coa dúbida de se non sería o propio Nené o autor dos feitos.
        As veces facía trasnadas tan só por divertirse. Nunha ocasión apostoulle a un "colega" que lle gañaba correndo ata o final da rúa. O outro confiado botouse a correr, saíndo Nené tras el gritando: -"¡Al ladrón, al ladrón!".
        Un timo orixinal foi cando lle encargou un trompo "especial" a Sesé Fernández. Con el foi á Alameda onde organizou un campionato de trompos, previa inscrición aportando unha certa cantidade. Os cartos recadados repartíanse entre os tres primeiros. Unha vez que se apuntou unha chea de xente, fixo un círculo duns dez metros de diámetro. ¡Que sorpresa levaron todos cando sacou o seu enorme trompo cunha "saída" que rebotaba nos xardíns! Gañou o campionato sen problemas embolsándose o maior premio.
         Outro dos seus timos era ir polas feiras vendendo rifas que nunca tocaban. Para desprazarse soia buscar un "taxista" co que repartía parte das súas ganancias. Unha vez reclamáronlle un premio, tratábase dun paraugas, polo que Nené asegurou que non había problema. Acercouse ao paraugueiro dun bar e entregou o "premio" ao afortunado.
        Unha vez mirou a unha señora maior que coñecía cargada coa compra. Quitándolle as bolsas da man, ofreceuse a subirlla á casa para que non fora tan cargada. A veciña que coñecía os seus antecedentes, cunha mistura de incredibilidade e temor, non soubo dicirlle que non. Unha vez no piso ofreceulle unha propina, pero el rechazouna pedindo, iso si, usar un momento o baño, non podendo novamente negarse a señora. Nené tardaba e tardaba, e os temores da pobre muller aumentaban. De súpeto, sae pola porta dando as grazas e a señora queda pasmada ao darse conta que Nené... ¡DEUSE UN BAÑO!
Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Aportes orais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario