viernes, 22 de mayo de 2020

Música de Redondela. Cantos Relixiosos.

Outra manifestación musical de gran relevancia eran os cánticos relixiosos, teñamos en conta que en Redondela hai constancia do establecemento de comunidades relixiosas dende principios do s. XVI.
            Polos aportes de José Suárez, frauta da Banda de Música de Redondela, ao traballo de Casto Sampedro coñecemos que a principios do século XIX existiu un organista na parroquial de Redondela e no desaparecido Convento de Agrelo: “Da miña aldea... canto de reyes con órgano en la parroquia de Redondela dirigida por Fr. Ramón organista que también lo había sido del Convento de Franciscanos de Agrelo.””Reyes que el Sr. Manuel de Agrelo dirigía en Redondela en 1836 en adelante coro y órgano.”
Nunha nota Casto Sampedro engade:
El órgano de Santiago de Redondela procede del Convento de Santo Domingo de Tui, a dónde fue a adquirirlo una comisión de particulares de la villa. Lo tocaba Fr. Ramón que parece que procedía de Santo Domingo de Pontevedra.”
Noutra anotación fala do nomeamento por parte do Concello de Francisco de Castro como organista da igrexa de Redondela o 31-12-1599, para tocalo os domingos e días de festa durante un ano. E recollido duns documentos familiares do 2-7-1605: “Lic. Juan de Salinas, era organista en Santiago de Redondela a finales del s. XVI y principios del siguiente, era su abad párroco. Vivía con su hermana María de Salinas, viúda de Antonio de Castro”. Estes serían os primeiros músicos de Redondela dos que temos constancia.
O propio Casto Sampedro aprendeu as súas primeiras nocións musicais do organista da igrexa de Redondela, José Albán, veciño de Vilavella e fogueteiro de profesión, ensinoulle solfexo e órgano. Posteriormente, o seu substituto como organista, Joaquín Pérez Gago, ensinaríalle piano.
Tamén se tocaba o órgano no convento de Vilavella e ata hai uns anos aínda se podían ver dous destes instrumentos no coro da igrexa aínda que nun lamentable estado. Un destes órganos fora mercado en 1927 a Elizgaray y Compañía, de Azpeitia (Guipúzcoa). Ao acto da bendición do novo intrumento asistiu o Bispo de Tui e máis dunha ducia de sacerdotes. Uns anos antes, en 1895, tomaba o hábito co cargo de organista Isabel P. Saredio, de Guillarei, que profesaría en 1897 co nome de Sor María de los Ángeles.
Outro organista do que atopo referencias sería o relixioso misioneiro en Filipinas, Luis Antonio Carrera, que naceu en Redondela en 1773.

Noticias.
Como exemplo de cantos relixiosos citarei a continuación algunhas noticias aparecidas nos xornais:
O 29 de marzo de 1844 celebrouse en Redondela o regreso da Raíña Nai S. M. María Cristina de Borbón con Te Deum.
Na festa dos Dores de Redondela de 1891 a misa “cantarase a toda orquestra por aplaudidos artistas desta localidade”. Ao ano seguinte a procesión fixo parada no Convento de Vilavella, onde as monxas cantaron motetes.
En 1899, a orquestra de Capela da Santa Igrexa Catedral de Tui, canta unha misa e, polo serán, motetes.
Na festa de San Benito de Palermo en Redondela, asistiron á misa a orquestra e voces do profesor de Vigo, Juan Ulivarry, en 1901.
En 1903 durante a festa da Virxe dos Dores interpreta a misa de Rossi a orquestra da Catedral de Tui reforzada por elementos de Camposancos e o tenor da Metropolitana de Santiago.
En setembro de 1910 con motivo da función da Santísima Virxen dos Dores a orquestra e grupo de voces dirixidos polos señores Torres e Mercadillo de Pontevedra, reforzados por elementos de Santiago, interpretaron a Gran misa de Sunyer. Na procesión participou a Banda del Regimiento de Murcia que de noite fixo un pasarrúas dende a praza da Constitución ata o paseo do recheo onde celebrou un baile.
            En xuño de 1921 celebrouse en Saxamonde o Sagrado corazón de Xesús, cantando con gusto e afinación un grupo de mozas da vila a misa de “Angelis”.
En setembro de 1922 funcións en Cesantes na honra do Corazón de Xesús, cantando un grupo de rapaces preparados polo baixo da Catedral de Tui, Escolástico Areta e, acompañado ao armonium, por por José Ullona Barrenechea. Nas Santas Misións celebradas en Saxamonde ese mesmo mes, cantaron a misa as Hijas de María de Redondela e Vilavella, acompañadas ao armonium polo coadxutor de Redondela, Manuel Martínez.
Durante a festa da Purísima, en Vilavella en 1925, cantou a misa solemne un coro de señoritas dirixidas pola Rvda. Madre organista do Convento de Justinianas e por Rufino Fernández y Fernández, coadxutor de Redondela.
Ese mesmo ano, na novena do Sagrado Corazón de Jesús en Reboreda, cantaron sentidos motetes un grupo de nenas e nenos dirixidos por María Lobit de Ourense, que os acompañou co armonium.
En 1926, despois da procesión da Virxe dos Dores, en Tuimil (O Viso) a música e voces do mestre Franco interpretaron un bonito Miserere, na praza do Cruceiro. Ese mesmo ano celébrase en Redondela unha función relixiosa na honra de San Xosé, na que dirixidas polo moi competente compositor Sanmartín, párroco desta vila, un coro de señoritas interpretou a misa dun mestre.
En 1927 o coadxutor da igrexa parroquial de Redondela, Rufino Fernández, dirixiu a un grupo de señoritas de Redondela que cantaron a novena na honra da Virxe de Reboreda. Puxeron as súas voces Amalia e María F. Fernández, Soledad Rodríguez, Rosa e Petronila Sánchez e Inocencia Cortizas, acompañadas ao armonium por Isabelita Villar.
En 1927 a novena na honra da Virxen de Reboreda, foi cantada polas señoritas de Redondela: Amalia e María F. Fernández, Soledad Rodríguez, Rosa e Petronila Sánchez e Inocencia Cortizas, acompañadas ao armonium por Isabelita Villar e dirixidas polo coadxutor Rufino Fernández.



Guerra Civil e posguerra.
Durante e despois da Guerra Civil a relixión e con ela a música relixiosa foi empregada como elemento "reeducador". Durante as festas da Coca de 1938 un coro de presos na Illa San Simón cantaron na misa celebrada en Vilavella. No 39 dirixido por un preso, sería un coro de 40 voces do buque-prisión Upo Mendi, ancorado a carón da illa, os que amenizaron a misa. Ademais cantaron motetes nas paradas da procesión.
Cando menos dende 1948 e durante as décadas dos 50 e 60, participa na procesión de Corpus o coro infantil do Cabildo Catedralicio, composto por nenos de Acción Católica.

Autor: Juan Migueles

 
BIBLIOGRAFÍA
Casto Sampedro e a música do cantigueiro Galego. 2 Vol. Xavier González Groba, 2013.
Catálogo de los religiosos de N.P.S. Agustín de la Provincia del Smo. Nombre de Jesús de Filipinas
En www.boe.es => Gaceta de Madrid
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Correo de Galicia, La Correspodencia Gallega, El Eco de Galicia, Gaceta de Galicia, El Ideal Gallego, La Inntegridad, El Pueblo Gallego



No hay comentarios:

Publicar un comentario