|
Gaiteiro na estación de Redondela. todocolección.net |
Gaiteiros e outros
No “Cancionero
Musical de Galicia” recóllense 28
cantigas de Redondela, das cales 24 foron recollidas por Casto
Sampedro. Entre outros colaboradores da nosa vila para este traballo
contou con tres gaiteiros: Xaquín
(de Vilar de Infesta, segundo
me contan era coñecido como Vilar “O
Jaiteiro” e
un tataraneto seu seguiu a tradición tocando a gaita no grupo Os
Quintela), Parada o Vello
(de Negros) e Parada o Xoven
(tamén de Negros, fillo do anterior e de segundo apelido García).
Ademais destes,
nunha anotación Sampedro fala de gaiteiros en Santo Paio, O Viso e A
Portela.
O grupo de gaitas
Los Cuarentas,
estaba formado por membros da Asociación
de Hijos de Redondela, fundada en Río
de Janeiro (Brasil) en 1910. Os compoñentes eran José Figueroa
(bombo), José Amoedo (tambor), Enrique Figueroa (ferriños), Américo
Amoedo (clarinete) e Alfredo Pérez (gaita). Destacar que a José
Figueroa dálle
nome á Praza Figueroa e ao auditorio do centro da 3ª idade da
Xunqueira. O
grupo debeuse crear antes que a asociación porque o escritor
redondelán Ernesto Padín adicoulles
en 1909 o seguinte poema:
Pra gaiteiros os
Cuarentas,
nativos d'a miña terra,
d'aquela vila
fermosa,
que se chama Redondela.
Son eles tan
arriesgados
qu'hastr'os mares atravesan
dand'á conocer mui
lonxe,
nosa gaita feiticeira.
Benditos eles qu'o
tempo
d'a nosa múseca, levan
membranzas par'a os
paisanos
que pol'a vida pelexan.
|
Los Cuarentas, 1907. Arquivo J.A. Xesteira |
No Viso tocaban:
Daniña
- Manuel Vidal. Faleceu na década dos
20 do século pasado, sendo xa ancián. Exerceu
o oficio de canteiro de labra fina. Son obra súa o cemiterio do Viso
(zona vella) e as sepulturas e tampas esculpidas que se expoñen no
adro da igrexa parroquial. Foi un virtuoso da gaita e do clarinete,
aínda que era máis famoso como gaiteiro.
Chegou a tocar na Banda de Arcade, e contan
que viñan a chamalo de tódolos sitios para amenizar festas. A súa
dona faleceu sendo nova
e quedou ao cargo dunha chea de fillos, un deles eivado. Esta
descendencia é aínda coñecida como “Os
do Gaiteiro”.
En
varias parroquias repítese o alcume Jaiteiro
que
poden provir de antigos gaiteiros, mais tampouco
puiden acadar máis información.
Paíño
- Canteiro e tamén gaiteiro que viviu en Saramagoso (O Viso). Casado
coa "Pita".
Chuco –
En 1924 os veciños de Saramagoso e Alxán (Soutomaior) organizan un
baile o día anterior á Epifanía na que toca a frauta. Tamén
actuaría a banda de Arcade.
|
Manuel Vidal Daniña rodeado de varios dos seus fillos e netos. Foto cedida por J.L. Cofán |
Nunha foto de 1924 da
recepción na estación de Redondela a Miguel Primo de Rivera, vemos
a un gaiteiro e un tamboril, polo de agora sen identificar..
En
xaneiro de 1949, por mor da celebración das Festas de San Isidro, en
Pontevedra, celébrase un concurso de gaitas, vencendo os Irmáns
Figueroa, de
Redondela.
Outros
dos que nos chegan referencias son
Os Xirico,
de Reboreda. Un membro desta familia sería Ernesto Xirico que tocaba
o bombo na Murga de Quintela.
|
Chegada de Miguel Primo de Rivera a Redondela. Foto: S.Cal, 1924 El Pueblo Gallego |
Acompañamento
da Danza das Espadas
Como xa comentamos no apartado adicado ás Festas da Coca, a danza
das espadas xa se bailaba en Redondela cando menos dende o
século XVI.
Dende
1857 toca a caixa Manuel Mosquera quen
acompañou sucesivamente aos gaiteiros Andrés
Parada (de
San Estevo de Negros, un dos informantes de Casto Sampedro),
Joaquín Figueroa (de
Vilar de Infesta, tamén
informante de Casto) e Manuel
Figueroa. En 1904 cando a danza
participou nun certame celebrado na praza de touros de Pontevedra,
estaba acompañada polo gaiteiro de Vilar de Infesta, Francisco
Figueroa (1854-1930) e o tamborileiro
Antonio Figueroa.
No SEREN nº7 Olimpio Giráldez Río opina que Francisco Figueroa e
Joaquín Figueroa son a mesma persoa. Nos
últimos anos que actuou, Francisco sería acompañado coa caixa polo
seu neto Ángel.
En
1917 comeza a tocar un novo gaiteiro do Muro, Sabino
Figueroa Otero, acompañado coa caixa
polo xa citado Manuel Mosquera,
que xa fixera o propio cos anteriores durante 60 anos.
Nos
50 "Os Martas"
acompañaban á danza, coa que actuaron na inauguración da rúa
Redondela en Ribadavia en 1952. Tratábase de Avelino
Figueroa de la Iglesia "O Marta",
fillo de Sabino, e do seu curmán Agustín Dacosta de la
Iglesia. Este grupo aínda
actuou nas Festas da Coca de 1964, aínda que nesta década Avelino
era ás veces acompañado á gaita por Ismael Durán
González "Gorecho".
No
1967 debuta o gaiteiro Francisco
López Blanco "Paco Flauta",
que
sería acompañado
unhas veces por Avelino e outras polo seu fillo Manuel
Figueroa Pintos "Manolo Gaiteiro".
Este
gaiteiro seguiría ata 1990, ano en que foi substituído
por Olimpio
Giráldez Río,
manténdose Manuel Figueroa. Entre medias, no período
1969-1971, no que a Sección
Femenina faise
cargo da danza, levan o seu propio acompañamento "Os
Gorechos", tocando
Ismael Durán con algún dos seus fillos.
Entre
1991 e 2001 continúa Olimpio Giráldez, acompañado polo seu irmán
Pablo Giráldez,
agás en 1993, no que toca a caixa outro irmán, Andrés
Giráldez.
|
1921. As Penlas co acompañamento na casa de Avelino Giráldez Pazó, quen está acompañado por con JuanM. Pereira, de Soutomaior. Foto cedida por Olimpio Giráldez Río. |
Acompañamento
dos Xigantes e Cabezudos
Outro
momento de protagonismo das gaitas na Festa da Coca é o
acompañamento dos Xigantes e Cabezudos. Aínda non investiguei en
profundidade este punto e sirva coma apunte algúns datos que comecei
a recompilar:
1979-1993
Os Tranquilos
2000
Grupo de Gaitas do Centro Cultural de Cedeira
2002
Grupo de Gaitas da Asociación Cultural de O Viso
2005
Os Alegres
2010
Os Alegres de Redondela
2014
Os
Xuveniles de Chapela
2019
O Carballo das Cen Pólas de Reboreda
|
1985. Arquivo J. A. Xesteira. Arquivo Audiovisual do Concello de Redondela |
As
gaitas na Festa da Coca
Os gaiteiros foron
perdendo cos anos relevancia nas festas de Redondela. A principios do
s. XX na Festa da Coca actuaban gaiteiros de Reboreda, Oitabén,
Coiro.... Na maioría dos programas desta e outras festas da época e
nas noticias dos xornais fálase de “grupos de gaitas” sen
especificar máis.
Na
festa do Corpus de 1902 organizouse un certame de gaitas, cantos e
bailes populares. O certame celebrouse
na Xunqueira e os premios serían: 80 pesetas ao gaiteiro que mellor
toque a Alborada, en
gaita sen chaves nin barquín, e unha peza de libre elección,
acompañado soamente dun tamborileiro. 40 pesetas ao segundo mellor
gaiteiro. 40 pesetas á parella que, vestida con traxe típico do
país, baile mellor a Muiñeira.
20 pesetas á parella que, sen o traxe esixido, a baile mellor. 25
pesetas á comparsa de 6 ou máis persoas que mellor cante o Alalá.
10 pesetas á segunda mellor comparsa.
En
1903 actuou na nosa vila o famoso Gaiteiro
de Ventosela e os non menos
coñecidos Trintas
de Póvoa de Trives, que repetirían varias veces nas seguintes
edicións. En 1905 tamén se contrata ao gaiteiro de Xeve, Pepe
Poceiro,
que
viña de ser
moi aplaudido
en Madrid. En 1906 tivo moito éxito
o espectáculo cómico “Gaita
infernal de Povoa” (Portugal). En
1912 contrátase ás gaitas de Arcade e Areas (Ponteareas). Cando
menos nas festas da Coca de 1927 e 1928 tocan as gaitas de Vilar e
Saxamonde, ademáis das de Calvos e Coiro. Na edición de 1930 as
gaitas de Vilar e dúas de Negros. En 1943 gaitas de Reboreda.
|
Trintas, de Póvoa de Trives. Foto: La Voz |
Nos
anos 60 soían tocar “Os
Gorechos”,
tamén
chamados
“Os Ismaeles”,
grupo
de acompañamento da “Sección
Femenina”. Entre os
recoñecementos que recibiron podemos citar o primeiro premio no
Concurso Rexional de Gaitas de
Ponteareas en 1970. Tamén soían
tocar nesta época "Os Alegres",
de Vilar de Infesta, e os vigueses “Los
Tranquilos”.
As
gaitas noutras festas
Nas
Festas do Santo Cristo das Maravillas e a Purísima Concepción, en
Chapela, en 1924, actúan os gaiteiros “Os
Tornillos”, de Tirán. Nas festas
de San Antonio, no Viso en 1926, os gaiteiros de Arbo. Nas festas da
Asunción, de Reboreda, de 1931 "Aires
d’a terra", da Artística
de Vigo, e en 1942 os “Gaiteiros de
Reboreda”.
Nas
festas da Ascensión do Señor celebradas en Quintela en 1958, tocan
“Los Terribles”. Ao
ano seguinte nas da Virxe do Carme, en Cesantes, "Los
Celestes",
de Ponteareas.
Grupos
de Baile
En xullo de 1932
unha agrupación de bailaríns de Redondela participou en Santiago na
“Cabalgata Histórica”. Nesta ocasión bailaron na Praza do
Hospital, e na “Festa de Galicia”, na que actuaron na Praza da
Quintana xunto a un grupo de Betanzos, os coros “La Artística”
de Pontevedra e “Queixumes dos pinos” de Vigo, e a Banda
Municipal de Santiago. Podería tratarse da citada danza das espadas, pero aínda non confirmei este punto.
Froles Mareliñas (Chapela)
Fundada
en 1957 como coral mixta dentro da obra sindical de Educación
y Descanso e
que ese mesmo ano xa actuou nas Festas da Coca.
En febreiro de 1959 inaugura novo local social, sendo daquela
dirixido por Juan García Irradia. O delegado provincial de
Sindicatos asistiu ao acto, que foi apadriñado polo presidente da
agrupación, Alfonso Santos e Fita Costas.
En
marzo de 1961 preséntase o Grupo de
Danza Regional Froles Mareliñas, nado
a partires do coro xa desaparecido. Estaba composto por seis parellas
de adultos e unha infantil (Mariloli Ferreira e Alejandro González),
acompañados dun grupo de gaitas e percusión e dirixidos por Miguel
Martínez Salomón.
En 1964 xunto á Coral Polifónica de
Porriño realiza unha xira pola Bretaña Francesa. En 1969 estaba
dirixida por Ángel Cabaleiro Lago e xa tiña bailado en: Lisboa (no
Teatro Nacional e na Televisión Portuguesa), Oporto, Braga, Coimbra,
Barcelona, Madrid, Bilbao, San Sebastián e A Coruña. Esta
agrupación aínda segue existindo na actualidade.
|
1977 Froles Mareliñas en Madrid Alameda de Osuna. Foto de Anton Cabaleiro Millares |
Grupo Folklórico de la Sección
Femenina de Redondela
Grupo
folklórico creado en xaneiro de 1968 e dirixido polo vigués
Wenceslao Cabezas del Toro “Polo”, que tamén tocaba a pandereta
e cantaba. O acompañamento corría a cargo de “Os
Gorechos”, tamén coñecidos como
“Os Ismaeles”, grupo formado por
Ismael á gaita, natural de Moraña, e os seus fillos: Manolo,
tambor; Paco, gaita; e Luis, bombo. En 1972 serían substituídos
por: Avelino Figueroa, gaita; Manolo “Gaiteiro”, tambor; José
Couñago “Pepe Marta”, bombo; Francisco López, gaita: e José
Barros “Pepe Gorello”, bombo.
|
Os Ismaeles. Foto: Vega |
Entre 1969 e 1977,
este grupo baila a Danza das espadas na Festa da Coca, sendo a
primeira vez que danzaban mulleres.
En
1972 esta agrupación deu un salto de calidade ao gañar o Campionato
Provincial e ser finalista (elixíanse
10 grupos non se proclamaban gañadores) no Campeonato
Nacional de Coros y Danzas, o que lles
valeu actuar en Madrid ante os Príncipes D. Juan Carlos e Da. Sofía.
Tamén en 1972 actuaron a modo de exhibición no I
Festival de la Oti, celebrado en Madrid
en 1972, e no que representou a España Marisol que acadaría o
terceiro posto.
En 1973 no Campionato Galego
conseguiron as medallas de ouro ao mellor grupo folclórico, mellor
grupo de gaitas e mellor parella de baile.
En 1975 gañan o
Campionato Provincial, o que lles leva a ser de novo finalistas do
Campeonato Nacional de Coros y Danzas.
Compoñentes: Aurora Bastos, Merchi
Iglesias, Marivina Reboredo, Lola Acuña, Ana Alén, Marisa González,
Malena Reboredo, Concha Pérez, Eladio Ramonet, Juan José Muíños,
Juan José Panejo, José Garrido “Xirelo”, Gerardo Pérez “Chicho
Rollo”, Manuel Soto “Sotiño”, Serafín...
|
Agrupación Folklórica de Redondela Foto: Carátula documental de Fernando "Cuchi" Carreira. |
Grupo Tradicional da Ponte de
Rande.
Formado
en
1975, baixo a dirección de Ramón González Covelo,
era un grupo duns
24 bailaríns
con
idades comprendidas entre os 8 e 16 anos,
cun
acompañamento formado por músicos veteranos.
A
xunta directiva estaba presidida por Agustín Otero Lage, con Vicente
Bar como secretario e Francisco Cabaleiro como tesoureiro.
|
Grupo Tradicional da Ponte de Rande (1978)-tirapuxa.blogspot.com |
Outros
Grupos de Baile.
Nos
anos 60 do pasado século contábamos ademais
cos grupos: Airiños
Gallegos
(Quintela), Los
Chavales,
Escuela
de Villar
e Sociedad
Atlética Redondela (S.A.R.).
E nos
80 con: Novas
Promesas (Saxamonde).
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Casto Sampedro
Arqueoloxía e memoria. 75 aniversario do seu pasamento. Varios
autores, 2013
Ernesto Casto Padín
Lorenzo. Un poeta redondelán. Carlos Antuña e Lola Míguez. Ed.
Coordenadora de equipos de normalización lingüistica dos centros
educativos de Redondela.
SEREN nº6.
Notas dispersas sobre Isidoro Queimaliños Queimaliños. Amado
Ricón Viruleg
SEREN nº7. A danza
de espadas de Redondela. Apuntamentos sobre a música e os músicos.
Olimpio Giráldez Río.
Aportes: José Luis
Cofán, Olimpio Giráldez e Cándido
No hay comentarios:
Publicar un comentario