miércoles, 17 de junio de 2020

Librería e Imprenta Amador.

         
Imprenta Amador anos 50. Foto cedida por Pepe Álvaro Pérez
          A Librería “Hijos de Amador Pérez” foi recoñecida en 2013 por "A Semana do teu comercio", campaña realizada pola Dirección Xeral de Comercio, como establecemento comercial máis veterano de Redondela.
          A finais do século XIX Dositeo Pérez Sobrino e o seu irmán fundaron unha das primeiras imprentas de Redondela. Nos anos 30 Dositeo, xa en solitario, diversificaría o negocio, nacendo "La Redondelana", fábrica de bolsas de papel. Nesta imprenta verían a luz os xornais “La Voz del Pueblo”, “La Idea”, “Tramancazos” e “El Soplete”. Estes dous últimos dirixidos polo seu fillo Amador Pérez Sousa que abriría unha papelería no mesmo local que a imprenta que se traslada á rúa Alfonso XII a principios dos anos 50. Nesa mesma década, a librería era coñecida como "O seminario", porque alí se lle entregaba aos curas da comarca os sobres con cartos do bispado. Por aquela época tamén pasaban diariamente pola tenda os funcionarios de Correos a sacar punta aos seus lapis cun moderno afiador. Posteriormente, trasladaría a imprenta nos 60 á Cooperativa e abriría a librería-papelería nos 70 no actual local da rúa Alfonso XII. Antes do edificio deste comercio existía un parque infantil coñecido como O Pardiñeiro. Moitos se preguntan como se puido construír aí e o motivo é que o solar fora cedido temporalmente ao Concello por José Regojo.

Amador Pérez Sousa-  Foto: portaldocomerciante.blogspot
          Os fillos de Amador entrarían a traballar no negocio familiar, Concha e Dosi, á fronte da papelería, e Amador facéndose cargo da imprenta. Viviron os anos de esplendor, grazas a puxanza económica que supuxo a empresa téxtil Regojo para o Concello de Redondela e para eles en particular, ao ser os seus impresores.
         Pepe Álvaro trala xubilación do seu pai Amador tomou o relevo á fronte da imprenta e, pouco despois, Dositeo Pérez Castro faría o propio coa librería na que acometeu obras de remodelación do local, chegando así á cuarta xeración.
          Na imprenta aínda se conservan as vellas pranchas que nos falan das empresas (Regojo, Eima, Conservas JOB ou Redextra), dos pequenos negocios (Seguros Finisterre, Muebles Fernández...), asociacións (Centro Recreativo, Agrupación Artística...), clubes deportivos (CD Redondela, CD Choco...), o Xan Carallás ou paisaxes e carteis das publicacións da festa da Coca.




Algunhas das pranchas que se conservan na imprenta Amador.


Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Aportes Pepe Álvaro Pérez.
A prensa en Redondela. Aproximación histórica 1883-1933. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Ed. Concello de Redondela. 2001.
Faro de Vigo
La Voz de Galicia

http://portaldocomerciante.blogspot.com/2013/07/

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Noticiero de Vigo, El Pueblo Gallego
Xornais de Redondela: Terra!, La Idea

No hay comentarios:

Publicar un comentario