martes, 9 de junio de 2020

Orquestras e murgas. Historia da música de Redondela.

Actuación de acordeonistas nas festas da Peneda, 1920. Foto: Jaime Solá- Vida Gallega
 
Nas festas celebradas no concello de Redondela veñen actuando orquestras dende finais do s. XIX. Por desgraza, os xornais da época na maioría dos casos non facían máis que referirse a eles como unha orquestra sen dar máis datos.
Para Javier Castro, presidente da Asociación Musical de Murgas Tradicionales (AMUN): La murga se formó cuando al caixeiro, al bombista y al gaiteiro se unió el clarinete, ya que debido a sus características permite interpretar piezas musicales de gran rapidez, como la gaita. Fue el complemento perfecto de la gaita. Con estos cuatro instrumentos nace la murga. Posteriormente se añadieron el saxofón y acordeón”.
Podemos por tanto considerar que estes primeiros pequenos conxuntos serían murgas e serían similares aos grupos de gaitas, diferenciándose no tipo de temas interpretados. Anos despois apareceran nos programas das festas tan só charangas. A súa evolución, con maior número de instrumentos, daría lugar a aparición das orquestras.


Os Inicios

As primeiros datos que atopo fan referencia a formacións de dous ou tres músicos, se ben é certo que, no caso do acordeón, un só músico era suficiente para amenizar unha festa.

Como exemplo, a finais do s. XIX soia tocar na festa de San Bernardo, en Cedeira, a música dirixida por José María que tocaba o clarinete, acompañado por “Doctor” de Cabeiro, que tocaba bombo e platillos, e Parada de Negros, que tocaba o tambor. Interpretaban temas como: “No me mates”, “Entré niña en tu cuarto” ou “Adonde vas hermosa del pelo teñido

En novembro de 1910 regresou de Panamá despois de 4 anos o frautista Bernardino Oliver.

Nestes anos un instrumento moi popular era o acordeón, xa que pola súa sonoridade un só músico podía amenizar o baile dunha festa. Ata o de agora atopei os seguintes acordeonistas:

En outubro de 1910 foi denunciado polo cabo de gardas, Valentín Gradín, daquela alcalde de barrio de Rande, por tocar o acordeón nun baile que se celebrou sen permiso na taberna de Prudencio Barcia Pení en Rande.

Nunha reportaxe da festa da Peneda (O Viso) de 1920 uns acordeonistas son os que aparecen tocando.

Unha nova de maio de 1927 cóntanos que a Festa do Traballo en Cabral fora amenizada por unha orquestra dirixida polo afamado acordeonista de Chapela, Gumersindo Castro.

Xanote foi un famoso acordeonista que amenizaba as festas do Viso nos anos 30-40 do século pasado.

Estes modestos músicos ás veces recibían unha pequena homenaxe en forma de copla. Un exemplo o atopamos nun número do xornal Tramancazos do ano 1924:

Eres grande, Manoel insigne

cando tocas o cornetín

si soplas en Ventosela

oiyese hasta en Pekín.

 

Acordeón e saxo nunha festa do Viso ArquivoTerra Meiga
 
Orquestras
A mediados do século XX é cando comezamos a atopar datos de redondeláns integrando orquestras similares ás de hoxe en día.

Alejo Amoedo, pai do pianista Alejo Amoedo Portela, foi trompetista da Banda de Música de Cabeiro e da Banda Municipal de Redondela, e posteriormente tocou a trompeta e o trombón nas orquestras “Los Rítmicos” e “Gran Casino”.

Foto cedida por Alicia Garrido. Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy    
Alejo Amoedo con Los Ritmicos, de Porriño. Foto cedida por Alejo Amoedo Portela
 
 Precisamente o primeiro mestre de solfexo de Alejo Amoedo Portela sería Amador Pérez Zabaleta. Tocaba o acordeón entre outros instrumentos. Alá polos anos 50 e 60 do pasado século, percorreu países como Grecia, Líbano, Exipto, Somalia ou Israel con diversas orquestras, entre outras formou parte da “Orquesta Florida” de Pontevedra. A pesares de nacer en Saxamonde, non sería ata 1965 cando se anunciou a súa primeira actuación na nosa vila no I Festival SAR. 
 
Amador Zabaleta, músico. Foto El Pueblo Gallego, 1965
 

Por aqueles anos tamén actuou na "Orquesta Florida" Luis Medal de Cesantes. Da mesma parroquia tamén era Joaquín Migueles “Llan” que cantaba na orquestra de Pontevedra “Los chicos del Jazz” e o seu irmán Antonio Migueles “Llan II” que facía o propio na orquestra Blues Star”. Nesta época tamén tocaba o saxofón e o clarinete, na orquestra de Paredes “Los Hermanos Lorenzo”, Germán “o do Pájaro Pinto”, quen tamén era saxofonista na Banda de Cabeiro e que logo tocaría na de Redondela. A principios dos 50 Arturo Beloso Pardellas, actuaría coa “Orquesta Montes”, despois rexentaría unha barbería na rúa Padre Crespo. Outros cantantes redondeláns eran: Babito, Paulino Álvarez “Rascallu” e Berto “O Largo”, de Reboreda. 

 

Luis Medal e Llan coa Orquestra Florida, ano 1953. Foto cedida por Luís Medal (fillo)-Obradoiro Fernando Monroy
 
Nos 60 actuaba a orquestra de Redondela Nuevos Ritmos e ademais empezaron a xurdir en Redondela pequenos grupos que actuaban nas salas de baile e nas festas tocando os temas de moda, unha delas era a Orquesta Denis..
Nas Festas da Coca de 1965 e 1968 actuou “Radio Internacional TV”, de Vigo, da que formaba parte Argimiro “Mirito” Fuentes, que ao ano seguinte cantaba na “Cortegada”, de Vilagarcía.
           Outro vocalista desta época era Celso Santos Lorenzo, natural de Arcade e residente en Redondela. Deuse a coñecer en 1960 con “Estrellas del Jazz”, logo cantaría na orquestra “Gran Casino” e, en 1970, pasaría a formar parte do grupo “Los Supremos”, de Redondela. Anos despois converteríase en director da Coral Santiago Apostol, de Redondela, e da Banda de Música de Arcade.
 
Santos, "Estrellas del Jazz" Foto: El Pueblo Gallego
 
Los Supremos Foto cedida por Celso Santos Iglesias

No Nadal do 72, actúa nun festival benéfico a orquestra New Orleans, de Redondela.
A finais dos 70 e principios dos 80, Xesús Cameselle Ben cantaría en orquestras como Ángela Reyes y Mariachi Alegrías de Méjico ou Aramio.

No centro Xesús C. Ben  voz da Orquestra Aramio a inicios dos 80´s. Foto: X. Ben
 
Nos anos 80 na mencionada "Orquesta Florida" tocou os teclados Alejo Amoedo.
Case todas estas orquestras con compoñentes redondeláns soían ser contratados para as festas da Coca. A continuación citarei a outras agrupacións desta época que participaron nas distintas festas do noso concello e dos que descoñezo se tiñan algún integrante da nosa vila: Orquesta X (Pontevedra), Orquesta Poceiro, Orquesta Montes (Pontevedra, grupo no que cantaba Suso Vaamonde), Brasil, Sintonía (Nigrán), Arosa, Miami...
 
Orquestra Florida en 1985 Foto: Alejo Amoedo

Dende aquela son moitos os redondeláns que teñen formado parte de orquestras. Por exemplo a Orquestra Paraíso sempre contou nas súas filas con varios redondeláns como o seu cantante Manolo.
Outro músico sería Severino Fervenza, quen formou parte de Menta y Limón, Menta, Citanis, Sexta Avenida, Marimba (da que foi propietario), Saudade 73, Tropicana...
 
Citania no Novo Olimpia, 1982. Foto: Seve Fervenza

Para finalizar destacar a dous músicos pola súa longa traxectoria en importantes orquestras:
Jose Antonio Blas Piñón, vocalista da famosa Orquestra París de Noia dende 1981. Iniciouse na música con 15 anos nos grupos de folk de Redondela: Nuntios e Vento Norte. Con este último participaría no concurso de TVE Gente Joven. Despois tocaria en solitario coa súa guitarra por pubs e festivais ata entrar na Paris de Noia.
 
J. A. Blas Piñón vocalista de París de Noia Foto Xoán A. Soler-La Voz de Galicia
 
Sito Muíños, gaiteiro  e teclista que formou parte de varias orquestras: Menta, Menta y Limón, Citania, Oro Negro, Charol, Camara e Orquestra Pao. Dende 1997 toca os teclados (e tamén guitarra e baixo) no Grupo América. Tamén pertence a sección de gaitas da orquestra folk Son de Seu, de Vigo, e sigue formándose en instrumentos tradicionais na E-trad desta mesma cidade. 
 
Sito Muíños Facebook
 
         Actualmente contamos con dous tríos musicais: 3.com e Pentágono.



Murgas

        Como no caso dos gaiteiros é difícil atopar datos antigos das murgas porque nos programas das festas non se soian citar nin os nomes das mesmas. Citar que para as festas da Coca de 1909 foi contratada unha murga de Carballino e tres anos despois unha de Domaio e outra de Pazos de Borbén. Xa en 1930 actúan as murgas de Salceda e Coiro.
          Das de Redondela destacar a:

Os Quintelas
          Esta murga fundouse no 1954 é mantívose en activo ata 1980, no 2005 volverían a reagruparse despois dun parón de máis de 20 anos.
Primeira formación: Julio (tocando o saxo) e Generoso (daquela a caixa), na compaña dos veciños de Quintela: Luis (gaita), Manuel (saxo), Xosé (bombo) e Carlos (clarinete).
Formación no 2008: Xesús (organizador e bombo), Julio (saxo tenor), Raúl (saxo alto), Generoso (batería), Antonio (clarinete e saxo), Javi Castro (acordeón e órgano) e Xaquín “Xocas” (clarinete e gaita).
        Outros compoñentes: Carlos "O Roxo", Ramón "Presley", Morantes, Manuel, Ernesto, Suso Ben...     
        A Asociación Musical de Murgas Tradicionais (AMUMT) elexiunos mellor agrupación no 2007.
 
Os Quinteles. Foto: Faro de Vigo, 2008.


Fanfarria Takicardia
Formación con algún compoñente de Redondela. Son habituais no Festival Internacional de Títeres.
 
Fanfarria Takicardia nosTiteres 2016. Foto: Adriana L. Ríos


Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Aportes Alejo Amoedo Portela e Jose Luis Cofán.
Galiciana => El Pueblo Gallego, El Correo de Galicia
La Voz de Galicia






No hay comentarios:

Publicar un comentario