jueves, 4 de junio de 2020

Música Clásica. Historia da Música de Redondela.

A principios do S. XX a posibilidade de ter unha formación musical, como a universitaria, tan só estaba ao alcance das familias acomodadas. En 1917 nos exames de ensino libre da Escola de Música da Sociedade Económica de Amigos do País, incorporada ao Conservatorio Nacional aprobaron con sobresaínte 1º e 2º curso de piano, as señoritas Isabel Míguez e Carmen Contreras, de Redondela.
Ademais da referencia fundamental que foi en Redondela Reveriano Soutullo outros músicos destacados serían:

Marcos Sotomayor
Pianista, foi un gran promotor da música na nosa vila. Unha mostra disto e que dirixiu a Rondalla Armonía e animaba co seu piano os bailes e os entreactos das funcións teatrais na nosa vila a principios do s. XX.

Jesús Padín Lorenzo
         Aparece nun censo de actividades de 1910 como mestre de música.

Manuel Soto
         A única noticia que atopo é cando en xuño de 1925 na Sociedade Agraria do Viso ofrece un festival o seu grupo de teatro, actuando o seu paisano, Manuel Soto, violinista procedente do conservatorio D'andrea, de Buenos Aires, que foi acompañado ao piano polo profesor de música do Colegio de P. P. Jesuítas, de Vigo, José Iglesias.

Virgilio González
         En 1948 participa como acordeonista nun concurso organizado pola Radio Pontevedra, interpretando o pasodobre “Puenteareas” e o intermedio “La leyenda del beso”. Noutra noticia de 1962, aparece como pianista acompañando na igrexa de Vilavella a un afinado coro nos exercicios relixiosos do “Mes de María”.

Na actualidade, en Redondela contamos con tres prestixiosos pianistas:

Alejo Amoedo (piano) (Redondela, 1966)
Estudou nos conservatorios de Pontevedra, Santiago y Vigo, acadando altas cualificacións nas carreiras de piano, solfexo, repentización, acompañamento e música de cámara. Baixo a dirección de Miguel Zanetti (catedrático da escola superior de canto de Madrid) especializouse no acompañamento vocal.
Alejo Amoedo galiciantunes.com
Foi profesor titular no conservatorio de Porriño, impartiu clases no colexio H. Quiroga da mesma localidade e exerceu de pianista acompañante nos conservatorios estatales profesionais de Pontevedra e Vigo, onde desempeñou respectivamente os cargos de secretario académico e vice-director.
Foi becado pola Xunta de Galicia como pianista no “1º programa de práctica orquestal”, convocada polo Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais.
Foi galardoado co “Premio Círculo 2004” na modalidade de música concedido polo Circulo Recreativo y Cultural de Porriño.
Como dúo de pianos xunto a Carlos Pérez acadou: primeira medalla “finalistas” no Concours Musical de France na disciplina de piano a catro mans celebrada en Girona e posteriormente o segundo premio na final celebrada en París; Diploma de honra no Torneo Internacionale di Musica en Zaragoza.
Actualmente exerce como pianista acompañante no Conservatorio Superior de Música de Vigo, sendo xefe de departamento de piano acompañante, e na Escola Superior de Música e das Artes do Espectáculo de Porto (Portugal) na aula do tubista Eduardo Nogueroles.
Entre os seus traballos discográficos máis recentes destacan o triplo C.D. Antoloxía de Compositores Galegos gravado co clarinetista Asterio Leiva; os realizados xunto ao trompetista Rubén Simeó titulados Virtuosismo Barroco e Fantasy Trumpet e o máis recente acompañando á mezzosoprano Iria Cuevas, titulado Mélodies.
A todo isto habería que engadir a súa faceta de estudoso e coleccionista de partituras, libros e fotos de músicos galegos.

Alberto Vilas
Alberto Vilas. Foto: Facebook
          Alberto Vilas formouse como pianista no Conservatorio de Vigo. Comezou a súa andaina en grupos de rock de Redondela. É un dos membros máis antigos do cuarteto de tango Tangata. co que gravou varios discos. Tamén publicaría “Escenas Latinas” (2001) co tubista Eduardo Nogueroles.
          Adentrouse no Jazz da man do pianista Manuel Gutiérrez para continuar logo formándose no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra con Paco Charlín e Abe Rábade. Logo sería becado para estudiar no Workshop “Tavira en Jazz“ no Algarve Portugués. Recibiu formación de músicos como: Perico Sambeat, Miguel Zenón, Jaleel Shaw, Marcus Strickland, Donald Edwards, Walter Smith III, Jonh O¨Gallagher, Alán Ferver, Russ Lossing, Aruán Ortiz,Jonathan Kreisberg, Ambrose Akinmushire, Jonathan Blake, Brannen Temple, Jesús Santandreu, Carlos Barreto, Filipe Melo, Joao Moreira, Mike Moreno, E.J.Strickland, Josh Ginsburg, Lage Lung, Demian Cabaud, Guim G. Balasch, Pablo Martín, Arturo Serra, Logan Richardson, Sam Harris, Tommy Crane, Greg Ruggiero,Taylor Eigsty e Joe Sanders entre outros.
         Compartiu escenario con músicos da talla de Bobby Martínez, Marc Ayza, Nuno Ferreira, Ramón Cardo, Carlos Martín ou Chris Kase e participou no Canjazz 2010 xunto a Marc Ayza, Vicente Macián, Virxilio da Silva e Juyma Estevez.
         Na cuarta edición do Nigrán Jazz presentou os seus propios temas con Alberto Vilas Quinteto. Con esta formación percorreu practicamente todos os grandes festivais de Jazz da Galiza.
Na actualidade é profesor de piano e pianista acompañante do departamento de Canto, Violonchelo, Contrabaixo, Banda e Orquestra no Conservatorio Profesional de Música “Manuel Quiroga“ de Pontevedra logo de ter exercido o seu labor profesional como docente nos Conservatorios de Lugo e no Superior de Vigo.
Finalista en varias ocasións do premio Martín Códax e gañador no 2017 polo seu traballo "Universo Lem".
No 2019 presenta un novo proxecto, Circus, compartindo escenario con Noli Torres (batería) e José Manuel Díaz (contrabaixo).
Tamén compuxo e interpretou a música de varios documentais ademais de participar en numerosos proxectos como o cd “Alegría“ de Sergio Tannus, “Deserto de centos“ de Sonia Lebedinsky, “Cantos da Ialma“ de Xulio Lorenzo, “Chapeu” de Tatán ou Maa Fumaça.

Noemí Salomón (Redondela, 1990)
Noemí Salomón Facebook
         Profesora de piano e repertorista na Sociedade Musical e o Conservatorio de Guimaräes e na Escola Profissiona de Música, de Viana do Castelo. Pianista co grado superior de interpretación Musical-Piano do Conservatorio Superior de música de Vigo e Máster en Interpretación musical da Universidade Alfonso X el Sabio de Madrid. Completou a súa formación con Josep Colom- titular da Cátedra dos Cursos U. I. de Música en Compostela-, Albert Atenelle, Paul Badura Skoda o Boris Berman e asistiu aos Cursos de la Sommer Akademie, do Conservatorio del Mozarteum Salzburg e aos de Clavicologne Int. Piano Festival, de Alemania, con Pavel Gililov, Siegfried Mauser, Andreas Fröhlinch, Yuri Demidenko, Arkadi Zenziper o Jacques Rouvier.
          Foi pianista acompañante de canto na Fundación Ana María Iriarte, participou no Concurso Internacional María Herrero (Granada) e Spanish Composers-CIPCE (Madrid 2015).
Ten actuado fóra das nosas fronteiras en países como Alemania ou Austria.
En 2016, acadou a Mención de Honra dos Premios Excelencia Musical Mans Futuro, o que lle permitiu a gravación do rexistro adicado a obras de Beethoven e Ravel.
No 2019 gravou xunto á soprano Anais Fernández un tripla CD para piano e voz homenaxe ao compositor Fernández Vide.


Conservatorios e Escolas de Música
 
Conservatorio Victor Ureña / Escola de Música de Redondela
A inauguración na casa do antigo Concello do Conservatorio Municipal de Redondela, nos anos 90, permitiu que se impartiran os estudos musicais (principiante e medio) na nosa vila. No 2004 trasladouse á Avenida de Santa Mariña. Recibe o nome de Víctor Ureña na honra de quen fora director da Banda de Música de Redondela na década dos 50 e que, xa nos 90, colaborou con esta institución. Recentemente creouse como alternativa aos estudos do conservatorio a Escola de Música de Redondela.

Orquestra de Saxos de Redondela
Nace en 1996 da man de Elisa Arias Trigo, mestra do Conservatorio de Redondela. Agrupa a mozos e mozas entre os 8 e 27 anos.
Discografía:
Sempre Crescendo (1996)
Re-swing-dondela (2001)
En Sax-Simón (2012)
Camiña don Saxo (2015)
Redondela (2017)
A Orquestra de Saxos de Redondela nos seus inicios. Foto cedida por Pablo Álvarez.

Escola de Música de Chapela
Fundada o 7 de setembro de 1991 por Alejandro Bastos Fernández, dentro da Asociación Cultural e Social de Chapela. Da súa actividade xurdiron a Banda de Música de Chapela e varios grupos de música e baile tradicional.


EMMBA (Escuela de Música Moderna & Bellas Artes)
Escola de música privada que abriu as súas portas en Redondela en 2017.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Aportes Fernando Casas, Alejo Amoedo
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Ciudad, El Pueblo Gallego, Gaceta de Galicia
El Correo Gallego
Faro de Vigo

Máis información:




No hay comentarios:

Publicar un comentario