sábado, 4 de julio de 2020

Grupos 60´s-70´s. Pioneiros do Rock.


ANOS 60

III Festival SAR. Arquivo Albi
No 1965, a entidade deportiva Sociedade Atlética de Redondela, que daquela contaba con equipos en 12 deportes diferentes, comezou a recadar fondos coa organización do Festival da S. A. R. Celebrábase no cine Fantasio e máis tarde na Sala Miramar. Nel tiñan cabida todo tipo de artistas como o Mago Yosca, a Sección Femenina (baile rexional), Santos (música lixeira), Enrique Tuche (tenor), Xoán das Canicas (humorista)... Nestes primeiros anos do festival tamén participarían grupos que partindo dunha música melódica foron endurecendo o seu estilo cara ao rock. Estaban formados polos músicos locais: Mundo Cal, or irmáns Xesteira, Soler... Tiñan nomes como: REVÓLVER, LA DILIGENCIA ou SORPRESA. Por desgraza a súa traxectoria foi pouco máis alá destes festivais.
Entre os primeiros grupos que actuaron na nosa vila podemos citar "Los Acevedos", nas festas das Angustias de 1960. Para as Festas da Coca de 1966, contratouse ao conxunto "Galas de España" e organizouse un concurso de grupos “ye-yes” patrocinado por Pedro Regojo. O premio era de 6.000 pesetas e houbo participantes de Vigo, Pontevedra e Redondela.
Grazas á iniciativa da S. A. R. a verdadeira canteira de rockeiros da vila foron as barberías de Chucho e Juan Crespo “Padilla”. Nestes locais os rapaces aprendían dos maiores a afinar as voces e a tocar a guitarra, a bandurria e ata algún laúde. Cóntase que Juan Crespo asubiaba cando algún novato desafinaba tocando, e que Chucho deixaba de barbear aos seus clientes para corrixir os rasgueos. Estes mozos axiña deixaron de tocar as cancións dos máis veteranos. Nacían así os dous primeiros grupos de rock and roll de Redondela que actuarían entre 1966 e 1968:

LOS ÁTOMOS
Influencias: Los Salvajes, Los Bravos, Gatos Negros e The Rolling Stones.
Primeira Formación: Juan Araújo, Xaquín Iglesias, Pepito Piragua e Mundo Cal.
Outros: Jorge “Chispa”.

Los Átomos. Foto publicada en La Voz de Galicia

LOS PINOS
As malas linguas contan que este grupo tiña máis éxito entre o público feminino que “LOS ÁTOMOS” por ser máis melódico.
Influencias: Los Brincos, Beatles, Mustang...
Compoñentes: Santi Pujin, Miguel López, Fonso Garoto e Tucho “Gasolinera”.
 
Estes dous grupos fixeron as súas primeiras actuacións no Baile Parque de la Junquera e no clube da Praza Constitución. Especializáronse en tocar nos guateques dos clubs e nos descansos dos concertos dos grupos de Vigo. Máis tarde, algúns dos seus compoñentes seguirían as súas carreiras musicais en orquestras profesionais.
 
 

JAKIMON

Grupo formado en 1968 por Manolo, Jorge “Chispa”, Juan e Sergio.

 
Jackiman. Foto cedida por Leonor e Cal3
Jackiman. Foto cedida por Leonor e Cal3
 
A finais dos 60 tamén temos que destacar a tres grupos que actuaban habitualmente na salas de festas de Redondela e que influíron notablemente nos conxuntos que se formarían na seguinte década.

LOS CUPERS
Grupo formado en Amoedo (Pazos de Borbén) e polo que pasaron varios redondeláns. A súa formación variou entre os 4 e 5 compoñentes. Tocaban temas de: The Beatles, Rolling Stones, Los Brincos... Chegaron a tocar no Casino de Estoril, onde causaron sensación porque daquela non era usual en Portugal escoitar grupos que tocaran rock.
Compoñentes: Pepe Couto (teclados), Miguel “Pirri” (batería, de Amoedo, daquela contaba 17 anos e co tempo fundaría o Grupo América), Miguel Cabadas (baixo) e ¿? (guitarra)
Outros: Soler, Mundo Cal, Jandro Gesteira, “Rachón”...
Los Cupers-Baile La Junquera 1970 Foto: El Pueblo Gallego (Vigo)


LOS SANTOS
Grupo de Vigo que tocou nas salas Parque La Junquera e Miramar a finais dos 60 e principios dos 70. En 1973 gravaron o seu primeiro disco.
Primeira formación: Gustavo (voz), Tato (teclados), Paco (batería), Fandiño (guitarra), Chato Nogueira (saxos), Serafín (trombón) e Jorge (baixo)
Formación estable: Tato (teclados), Paco (batería), Fandiño (guitarra), Julio Suñer (saxos), Serafín (trombón) e Nando Pereira (baixo)
Outros: Tato foi substituído por Toñito e Julio por Gilles.
Chegaron a realizar algunha xira por Europa, unha delas acompañando a Suiza a Ana Kiro. Tamén actuaron en TVE no programa de J. Luis Uribarri.


DON PABLO
Grupo de Vigo.
Compoñentes: Luis Dompablo, Arturo, Calvera e Nando Pereira
Amenizaron a Sala Miramar durante un par de tempadas a principios dos anos 70, primeiro con Senra de batería e logo con Emilio (ex-Queimada). Precisamente despois de actuar no Miramar con Queimada, Emilio e Nando marchan a ese grupo, sendo substituídos por Toñin, Moncho e Luis, procedentes de Los Cirios.
 
Queimada e Don Pablo na Sala Miramar.

ANOS 70
Nesta década conviven grupos de rock con conxuntos melódicos. Destacar a primeira grabación dun single por parte de Salomón e a actuación televisiva de Vento do Norte.

CRIPTA
1978-1979.
Primeira banda de Redondela que actuou fóra do noso concello. Tocaba temas propios. Actuou en salas como Totem de Porriño, sendo o segundo clasificado no “Festival Abrente” (Vigo). Algúns dos seus temas máis destacados serían: “La tortilla cósmica”, Fandanguillos siderales” ou “Éxtasis en X menor”. Juan Manuel vivía enriba do Hotel España, onde escoitaban a Chicago, Paul McCartney, Yes, Pink Floyd, e moitos outros, xogaban ao scalextric, e ensaiaban con piano ou guitarra. Chegaron a gravar unha maqueta en casette.
Estilo: Jazz-rock.
Influencias: Chick Corea, Yes, Stanley Clarke, Whisbone Ash...
Compoñentes: Rafa Tejo (guitarra), Antonio L. Castillo (baixo) e Juan Manuel Conde Muiños (batería)
Outros: Pepe de Haz "Gándara" (batería)


Cripta na Sala Totem Porriño 1978. Foto cedida por Antonio Castillo
ERUPCIÓN
Pre-CRIPTA. 1976-1977.
Ensaiaban nun pequeno local da rúa Meixón Frío e tocaban nos descansos do "Grupo Armonía", á que as veces substituían amenizando vodas. Tocaban composicións propias e temas de: Santana, The Beatles, The Who, Los Brincos...
Compoñentes: Rafa Tejo (guitarra), Antonio L. Castillo (baixo), Juanma Conde e Manuel Crespo (batería).
Outros: J. Carlos "Fran" Táboas (batería)

GRUPO ARMONÍA
1976-¿1981?
Era un grupo que tocaba pasodobres e os temas pop de moda. Actuaban en salas de baile, vodas e nas festas de: Pazos de Borben, Moscoso, Fornelos de Montes, a Ermida, a Insua, Caritel, Ponte Caldelas, Gaxate, Berducido, Ventín, San Vicente... Durante un tempo tamén fixeron de grupo de acompañamento dun cantante de Vigo.
Compoñentes: Pepe Couto (teclados, de Amoedo), Manolo “Pequeno” (batería e voz, de Cesantes), Cándido (Saxo, de Negros) e Jose (guitarra, de Vigo)
Outros: Antonio L. Castillo (guitarra e voz, de Redondela)

INVIERNO
        Compoñentes: “Tatán”, Soler, Quinete e Alejandro Xesteira

MUNDO E CLOTI 
         Dúo formado por Mundo Cal (guitarra) e Cloti (voz). Cantaban cancións comprometidas e en galego.

NUNTIOS
         Algúns dos seus compoñentes en 1978 serían: Antonio López, Marisa, Carlos, Luis, Tere, Blas...

Nuntios. Fondo Antonio López. Arquivo Audiovisual Concello de Redondela

RETRATO DE FAMILIA
         Grupo que desapareceu despois dun único concerto na discoteca Diva.
Compoñentes: J. A. Xesteira, Cloti, Antonio L. Castillo (violín), Soler, Tatán (acordeón diatónico).
Retrato de Familia. Foto cedida por Tatán

SALOMÓN
          Canción Melódica. Solista e órgano. Primeiro músico de Redondela en gravar un single. Publicouse en 1973, titulábase Tristura/Mi soledad, e nel estaba acompañado polo grupo Los Santos, de Vigo.

Arquivo Fon Conde
VENTO NORTE
         Grupos de voces e guitarras con versións da música folklórica. Participou no concurso da TVE, Gente Joven cara a 1978 ou 1979.
Compoñentes: Luis Míguez, Fina, Blas, Antonio López, Carlos, Juan, Teresa, Alejandro e Nieves.

Vento do Norte na TVE. Fondo Antonio López. Arquivo Audiovisual Concello de Redondela
XENTE E RUÍDO
         En 1973 presentáronse ao Festival do Miño coa canción "Do pobo onde vivo".

XESÚS BEN
         Xesús Cameselle Ben: cantautor, guitarra e voz. A finais dos 70 gañou varios certames de música galega como o VIII Festival Ría de Ares (1978). A parte da súa traxectoria en solitario formou parte de “Os Quintelas” e de varias orquestras. A finais dos anos 80 comezou a dar clases de guitarra na nosa vila, ensinando dende entón a moitos futuros músicos. Publicou o libro musicado: A lenda da Coca de Redondela.
Festival de Ares. Foto cedida por Xesús Ben

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Recopilación de grupos feita por Pedro Pérez e Fon, con entrevistas a: Mundo Cal, Juan Araujo, “Tatán”, Suso Ben, Tejo, Pepe “Rebanadas”, “Ogali”, Xesteira, Santos, Enrique Tuche “Pajarito”, Castillo, Silvio, Severino, Lucho Vilas, Manoliño “Zapatón”, Gabriel Sánchez “Pibe”, Rodri Souto, Berto “Buzo”, Olimpio, Agustín Lovera, Fredi, Luis Crespo, Kiko, “Potiño”, Jorgito, “Pelu” Vidal, Pepe, David Figueiral, Julián Hortas, Xoel, Santi Gesteira, Juanín.
La Voz de Galicia, 1995. Serie de 5 artigos publicados por Gabriel Sánchez “Pibe” narrando a historia do rock en Redondela
Aportes: Antonio L. Castillo, J. A Xesteira
Arquivo Audiovisual do Concello de Redondela
www.misaventurasmusicales.blogspot.com.es Por Nando Pereira
Aportes: Leonor e Cal-3.









No hay comentarios:

Publicar un comentario