Arquivo Municipal
Mediante un convenio do Ministerio de Cultura co INEM en 1983 procédese a unha reorganización do arquivo municipal. Ata aquel momento gran parte da documentación gardábase baixo o tellado municipal, polo que a humidade fixera estragos en moitos expedientes. O traballo sería realizado por un equipo de tres persoas (unha licenciada en Historia, unha profesora de EXB e un administrativo), baixo a dirección de Pedro López, do Arquivo Histórico Provincial.
Auditorio
En maio de 1990 abriuse o primeiro auditorio de Redondela no edificio José Figueroa. A súa pouca capacidade unida a apertura dun novo auditorio no Multiusos da Xunqueira fixo que fora cedido ao centro da terceira idade que ocupaba o resto do edificio. O terceiro auditorio sería o do Multiusos do Piñeiral do Crego, en Chapela.
Alamedas
En 1915 inícianse as obras de canalización do río Alvedosa e no 1924 comezan os traballos de recheo que darán lugar ao Paseo da Xunqueira e a Alameda. Recibiu en 1.937 o nome de Paseo del Glorioso General Franco.
Primeiro deseño da Alameda de Redondela, inicios dos 40. Postal. |
En febreiro de 1988 foi nomeada Alameda Daniel Rodríguez Castelao. Este nome foi recuperado no 2018, ao mesmo tempo que á de Chapela se lle deu o nome de Alameda Rosalía de Castro. Este último paseo fora construído no solar que ocuparan as cocheiras do tranvía.
Alameda. Postal AlardeNº8- Arquivo José Luis Rodríguez Figueroa |
Biblioteca
Para falar dunha primeira biblioteca pública debemos irnos ao ámbito escolar. O 22 de novembro de 1871, sendo director da escola de instrución primaria de Redondela, Lorenzo Carballo Otero, a Dirección Xeral de Instrución Pública concede unha colección de libros, formada por 155 obras, para a creación dunha biblioteca popular neste centro.
A principios do século XX, contan con bibliotecas asociacións como o Centro Republicano, Casino...
En marzo de 1932 a corporación municipal acordou adquirir unha biblioteca pública. En 1934 a pesares de contar cuns 2.000 libros, a biblioteca e moi pouco consultada, así como a da escola graduada.
Instalacións da biblioteca Valle Inclán no baixo do Concello. Arquivo Audiovisual do Concello de Redondela |
As instalacións da biblioteca municipal de Redondela foron inauguradas en agosto de 1967 no baixo do Concello co nome de Valle Inclán. En xaneiro do ano seguinte se dotaría con libros na espera dun bibliotecario. E, por fin, o 18 de xullo, día do Alzamento Nacional, é inaugurada polo Gobernador Civil. A mediados dos 80, trasladouse á Casa da Cultura, na Praza José Figueroa (antigo cárcere), ocupando a sala infantil o baixo e a de adultos o segundo andar, quedando o primeiro para exposicións. Actualmente, atópase no Multiusos da Xunqueira.
A outra biblioteca municipal abriu as súas portas no 2005. Atópase no Multiusos Piñeiral do Crego en Chapela. No 2018 recibiu o nome da poetisa e tradutora Xela Arias, quen exercera como mestra nesta parroquia, sendo esta opción a elixida entre as propostas da veciñanza.
Cárcere
Antes das celas que a Policía Local tiña no edificio do Concello, a antiga Casa da Cultura e actual sede de Radio Redondela (Praza Figueroa), era o cárcere da vila. Estaba composta por dúas celas para homes e unha para mulleres. Ademais contaba con vivenda para o funcionario ao cargo e a súa familia.
Antigo cárcere de Redondela. Foto: J. Migueles |
Esta cárcere substituíra ao chamado “cuarto de la cal”, creado en 1918 na antiga Praza de Abastos. Pequena cela onde os detidos estaban á vista da xente.
Anteriormente, no século XVIII existía un rolo (que deu nome á rúa Picota) onde se expuñan á vergoña pública aos delincuentes e aos responsables das obras gremiais mal feitas. Consistía nunha rexa e alta columna cilíndrica montada sobre dous ou tres escanos anchos con 3 testas e 7 brazos, que representaban respectivamente o saber e o poder.
En marzo de 1910 ten lugar unha curiosa historia de amor. Unha parella de noivos naturais de Vigo dáse á fuga. Ao chegar a Redondela son detidos pola policía e a peripecia dos namorados remata en voda, que sería celebrada no propio cárcere da vila.
A principios dos anos 30 do século pasado son continuas as denuncias polo mal estado do cárcere de Redondela. En abril de 1932 o deputado a Cortes, Sr. López Varela, explica ao Ministro da Gobernación como en 12 metros cadrados convivían 7 homes, 3 deles enfermos aos que o médico tiña que tratar na porta por falla de luz no interior. Víanse obrigados a durmir vestidos por non haber mantas e os xergóns estaban rotos e con pouca palla, ademais tiñan que deitarse xunto ao retrete. Por todo isto solicita o traslado inmediata mentres se constrúe outra.
En maio de 1934 o cárcere seguía presentando un estado lamentable e nunha cela destinada a acoller a dous ou tres presos, convivían doce ou trece. Ademais os menores de idade non dispuñan dunha cela aparte. Agardábase a construción dun novo edificio e no seu lugar decretouse que o cárcere fora suprimido por non cumprir unhas condicións hixiénicas mínimas. Apesares disto o inicio da Guerra Civil en 1936 provocaría á súa reapertura.
Na posguerra seguiuse empregando ata o seu peche definitivo quedando o edificio abandonado.
Casa da Cultura
A Casa da Cultura foi inaugurada o 14 de decembro de 1985 coa exposición antolóxica do pintor Pedro Solveira, que ocupaba os tres andares do antigo cárcere. Pouco despois trasladouse a este edificio a biblioteca municipal Valle-Inclán.
Sala infantil da biblioteca Valle Inclán na Casa da Cultura. Arquivo Audiovisual do Concello de Redondela |
Coa apertura do Multiusos da Xunqueira a biblioteca abandonou este espazo adicándose este inmoble para a celebración de conferencias e outros actos culturais, ademais de servir de sede á Radio Municipal.
Casa del Mar
En abril de 1975 faise pública a resolución do Instituto Social de la Marina del Ministerio de Trabajo pola que se anuncia o concurso-poxa para contratación da Casa del Mar de Redondela, licitándose en 14.950.000 pesetas. Sería inaugurada oficialmente en xullo de 1976, coincidindo cunha visita dos Reis a Galicia. Esta edificación acollería ao ano seguinte o centro de saúde pública e, posteriormente as comisarías de policía nacional e municipal.
Cemiterio.
Cemiterios de Redondela.
Antigamente, os enterros realizábanse tanto no interior como no exterior das igrexas. No lousado das igrexas pódense observar nas sepulturas (algunhas numeradas) unhas fendeduras para facilitar a extracción. Na capela de San Sebastián da Igrexa Parroquial de Redondela existe un sarcófago cunha estatua xacente e un brasón. Encostados aos muros das igrexas de Reboreda, Ventosela e Vilar tamén podemos observar sartegos.
Por outra banda, o Convento de Vilavella tiña o seu propio cemiterio. Nos anos 40, os restos dos exteriores das Igrexas Parroquiais de Redondela e Vilavella trasladáronse ao Cemiterio dos Eidos, do que xa falamos noutro artigo. Construído en 1833, nel podemos observar numerosas tumbas do século XIX. En maio de 1936 derrubouse un muro que separaba a parte civil da católica. Quedaría en desuso en 1988, cinco anos despois de que se inaugurara o cemiterio de Mañó en Quintela.
Cemiterio de Ventosela. Foto: J. Migueles |
Outros Cemiterios.
Na entrada do cemiterio de Cedeira lese “Año de 1901” e no de Ventosela “Año de 1909. Aquí termina la gloria del Mundo.”
En sesión celebrada pola Xunta provincial de Sanidade o 23 de novembro de 1926, acordouse non autorizar a apertura do cemiterio de Cabeiro, ata que se constrúa un cemiterio civil, unha capela e unha sala de autopsia, que debe levarse a efecto no prazo de 4 meses.
En 1945 edifícase o cemiterio de Reboreda.
No cruceiro do cemiterio de Trasmañó lese o ano de “1948”.
Na década dos 50 trasladáronse os restos do arredor da igrexa de Quintela, ao novo cemiterio parroquial.
O cemiterio de Vilar inaugurouse en 1966.
Centro médico
En 1977 os servizos médicos trasladáronse a parte das instalacións da Casa do Mar ata a construción do centro actual.
En 1981 a presión veciñal consegue a cesión dunha casa expropiada pola autoestrada en 1978. Conséguese a así para Chapela a primeira unidade docente de Medicina Familiar y Comunitaria, o que hoxe se coñece como centro de atención primaria. Un dos primeiros problemas cos que se enfrontou sería o das febres tifoideas que despois dun estudo se solucionou evitando filtracións dos pozos negros ás fontes de auga.
Manuel Martin e médicos residentes diante do antigo centro médico de Chapela. Foto cedida por M. Martín para cronicasmarchitas.blogspot.es |
Clube de xubilados.
Atopábase na rúa Ribeira no local que fora ocupado pola Sociedade de Mariñeiros baixo o nome Hogar de la Tercera Edad General Rubín. A principios dos 90, trasladouse ao antigo Grupo Escolar José Figueroa no Paseo da Xunqueira. (Ver Grupo Escolar)
Hogar de la Tercera Edad General Rubín, 1984. Faro de Vigo |
Casa do Concello.
No século XVI, e poida que no XV, o concello atopábase na Porta da Vila, que se pode corresponder co actual cruce das rúas Cruceiro, Telmo Bernárdez e Isidoro Queimaliños. Nos séculos XVII e XVIII, non existe un edificio se empregue como concello de forma permanente. Probablemente se empregasen casas propiedade do concello ou se alugaran vivendas privadas, eran denominadas: Casas de Ayuntamiento, Casa que sirve al Ayuntamiento, Casa que sirve de Consistorio, Casas Capitulares... No século XVII tamén se celebraban “concejos abertos”, ou sexa, plenos ós que podían asistir todos os veciños interesados. O lugar empregado para este fin era un campo cun gran carballo que deu nome á rúa Carballo.
En 1788 iniciouse a construción do primeiro concello de Redondela, nun solar onde estaba o antigo alfolí (estanco ou almacén de sal). A obra rematouse 1789. O edificio é o actual nº 2 da Rúa Reveriano Soutullo. Nos anos 80 e 90 foi empregado como conservatorio.
Antigo Concello. Foto: J. Migueles |
En 1911 o concello aluga por 1.400 pesetas a Casa da Torre a José Contreras González. O motivo do cambio é a clausura da escola de nenos por non reunir as condicións mínimas, xa que por falta de local se instalara no baixo do Concello. A todo isto sumábase a falla de espacio xa que as dependencias municipais compartían o primeiro andar co xulgado. Nun principio trasládanse ao baixo do novo edificio as oficinas municipais e o xulgado de primeira instancia e instrución, e destínase o primeiro andar para a escola pública de nenos. En 1918 a escola abandona o edificio e en 1935 o xulgado fai o propio, quedando a Casa da Torre totalmente ocupada polas dependencias municipais do Concello.
1948, procesión co alcalde Ulpiano Rodríguez diante da Casa da Torre, daquela Concello. Foto cedida pola familia de Dula Reboredo. |
En maio de 1941 as malas condicións do edificio fan que se afunda un piso que cae na zona de oficinas onde se atopan naquel momento unhas trinta persoas. Resultaron todos feridos de diversa consideración, os máis graves serían catro que sufriron fracturas nas extremidades ou nas costelas. Este suceso provoca a decisión da corporación de construír un novo edificio. En sesión do 11 de xaneiro de 1943 acórdase encargar os planos ao arquitecto Emilio Bugallo Orozco, quen xa presentara un anteproxecto en marzo de 1942. Despois de numerosos atrasos adxudícase a primeira fase das obras o 4 de outubro de 1952 e a segunda o 28 de xullo de 1954. O único licitador sería o contratista residente en Redondela, Domingo Fernández Dominguez. As obras rematarían a mediados de 1955 e o traslado das oficinas remataríase a principios de 1956. O 6 de xullo de 1956, xunto á escola de Ventosela e a Praza de Abastos, inaugúrase o edificio, baixo a presidencia do gobernador civil. Ese día asisten moitos veciños, mais cando os falanxistas comezan a cantar o “Cara al sol” prodúcese unha gran desbandada.
Concello de Redondela, 1956. El Pueblo Gallego |
Correos e Telégrafos.
O 29 de abril de 1876 abre ao público a estación telegráfica de Redondela. A referencia máis antiga que atopo do servizo de Correos en Redondela é de 1880, cando había queixas porque o correo de Castilla chegaba ás 6 da tarde e non se entregaba ata as 8 da mañá do día seguinte.
En marzo de 1897 noméase un carteiro coa obriga de verificar o reparto nas parroquias de Cesantes e o Viso, sendo estas as primeiras parroquias, despois de Redondela, en desfrutar deste servizo.
A principios do século XX, Correos estaba na Praza Constitución. En novembro de 1910 trasladábase á unha casa propiedade de Nicolasa Mos na actual rúa Reveriano Soutullo.
Buzón na fachada da antiga oficina na rúa Meixón Frío. Foto: J. Migueles |
Trala instalación do teléfono, téntase suprimir a estación telegráfica de Redondela, desestimándose en abril de 1933. No 1935 Telégrafos atopábase na rúa Fermín Galán (actual Alfonso XII).
En 1964 instálanse por primeira vez xuntos os dous servizos na rúa Meixón Frío, no baixo do edificio no que o xulgado ocupaba o primeiro andar. Permaneceu neste local ata os anos 90, cando as malas condicións hixiénicas obrigan ao traslado da atención ao público ao Paseo da Xunqueira e da loxística á Rúa Hospital.
Feiras e Mercados (Praza de Abastos)
Nas Ordenanzas Municipais de 1605 se establecía que os cereais se almacenarán e distribuirán na alfóndega para a súa posterior venda ao por menor por mercadores e tendeiros.
No Catastro de Ensenada de 1752 atopamos o seguinte: “...un Mercado que se hace el Jueves de cada semana de todo género de cosas vendibles y además de ello una Feria que se hace en el primer día de cada mes en el sitio y Campo llamado del Hospital”.
Descripción económica del Reyno de Galicia, 1804: “En Redondela hay un mercado semanal los jueves, de granos, cerdos, gallinas, carneros, pollos, manteca y otros comestibles. En el sitio de Portela hay una feria mensual el 24 a donde concurre ganado”.
Por Real Orde de 16 de novembro de 1838 concédese autorización para celebrar unha feira en Redondela o 21 de cada mes.
En novembro de 1855 o Concello anuncia a creación dunha feira en Reboreda o 14 de cada mes. Realizarase nas inmediacións da igrexa, para a venda de gando e produtos agrícolas e industriais.
Os xornais de 1891, dannos conta de feiras de gandos moi animadas con moitas transaccións. A industria avícola gaña importancia e calcúlase que do distrito de Redondela envíanse a Madrid unhas 12.000 galiñas ao ano, o que supón unhas 28.800 pesetas.
En agosto de 1910, a dirección xeneral de Agricultura concedeu unha subvención ao concello de Redondela para a celebración dunha feira de gandos.
Feira de gando a principios do s. XX. Foto Joaquim Morelló i Nart |
En 1921 unha comisión de comerciantes de Redondela pediulle ao Gobernador Civil que permitise a apertura dos seus comercios os domingos pola mañá, por celebrarse mercado na vila. A petición foi desestimada por incumprir a lei de descanso dominical.
O 30 de maio de 1923 concédese a Redondela mercado todos os domingos e feira o 6 e 21 de cada mes. Nesta época xa se celebraba tamén a feira en Chapela, os días 14 e 28.
En 1925 o xornalista italiano Renzo Massarani describía así á nosa feira: “En Redondela hai un mercado animadísimo no que se move un xentío de mulleres vestidas de negro. Sobre a estrada, pouco antes do triángulo de herba na que está o mercado, hai unha fila duns sete ou oito desgraciados que mostran as pernas tortas e as caras desfiguradas pola lepra ou por non sei que enfermidade: Non se vira xamais espectáculo tan triste”.
1941, feira. El Pueblo Gallego |
En 1931 a feira segue a ser o 6 e 21, pero o mercado celébrase todos os xoves e domingos.
En maio de 1939 o alcalde e un concelleiro foron sancionados porque as peixeiras aínda non empregaban básculas.
Na actualidade a feira segue a celebrarse os días 6 e 21 de cada mes. E en Chapela os días 2 e 16 de cada mes.
Praza de Abastos de Redondela.
A construción da primeira Praza de Abastos acordouse o 7-11-1886, en sesión presidida polo daquela alcalde Juan Rodríguez Bouzón. As obras foron concedidas ao contratista da vila, José García Vidal, comezando o 3-4-1887 e rematando o 24-3-1888. Prodúcese daquela a reclamación dos 3 médicos da vila por taparse 7 dos 15 ollos da ponte de Lima e impedir a entrada das mareas, non contando o proxecto con estudos técnicos ao respecto e padecer numerosos defectos lexislativos. Isto provoca o atraso da súa inauguración ata o 25 de xullo de 1891, sendo alcalde Ramón F. Pardo. A construción consistía nun tellado de zinc sostido por 24 columnas de ferro e estaba situada no solar onde hoxe se atopa o Concello. No centro desta praza creouse en 1918 o “cuarto de la cal”, que era onde se encerraba ós que infrinxían a lei para escarnio público. Naquela época cara a banda do río había varias carnicerías: a da señora Marcelina, a da señora Elisa, a de Bernardo Biquillos e a de Venancio. Tamén estaba a casa da Vilas vendendo fruta e caramelos e as Porriñesas con grandes bolas de pan que traían en cabalerías. Cando chovía durante as Festas da Coca, as bandas ou grupos tocaban debaixo do tellado da Praza.
1950 Mercado municipal . Arquivo Deputación de Pontevedra |
Na primeira metade do s. XX na praza da Alfóndiga existía un tellado con tella do país e estrutura de madeira. Debaixo se montaban os postos de venta de millo, palla... Do mesmo xeito, a rúa Isidoro Queimaliños era coñecida popularmente como Rúa da Herba porque nela tamén se vendían produtos derivados da agricultura. A Praza do Peixe, antes dos recheos atopábase no peirao da Ribeira. Nos anos 50 as instalacións contaban con dous quioscos, nun vendían pan “as Marconas” e o outro era unha tenda de lambonadas onde triunfaban uns caramelos con cancións no envoltorio. Outros puntos de venta serían a praza da Leña e a do Leite.
Antiga Praza de Abastos. Postal. |
A decisión de construír o actual Concello no solar ocupado pola Praza de Abastos provoca a necesidade dunha nova construción. O mesmo arquitecto, Emilio Bugallo deseña as dúas edificacións. O 21 de marzo de 1944 firma os primeiros planos, que serán actualizados en abril de 1952. Este ano comezou a construírse a Praza de Abastos na actual rúa Ernestina Otero, localización que sería moi criticada. A finais de setembro de 1953 as obras quedan paralizadas por rescindírselle a adxudicación das mesmas a Miguel Martíns Fernández por incumprimento dos prazos e das indicacións da dirección técnica. O 17 de outubro de 1953 contrátase a José Fernández Pereira que remata a praza o 15 de maio de 1954. A inauguración oficial tería lugar, xunto a da escola de Ventosela e a Casa do Concello, o 6 de xullo de 1956. Posteriormente este edificio sería reformado e ampliado.
Praza de Abastos de Chapela.
Tralo inicio da guerra civil incautouse a sede da Sociedad Agraria de Chapela “La Progresiva”, que se converterá no Mercado desta parroquia en 1951.
Matadoiro.
Nas Ordenanzas de 1605 establecíase que debía haber un lugar específico para o sacrificio das reses.
A principios do s. XX, estaba na Ribeira. En xaneiro de 1926 a construción dun novo matadoiro é adxudicada a Juan López Fragueiro en 33.787 pesetas. O 30 de outubro de 1926 o Xefe de Gobierno, acompañado do Ministro de Fomento, inaugura o matadoiro municipal na actual Avenida Mendiño, no solar onde hoxe se atopa o centro médico.
A Comisión Provincial de Servizos Técnicos, en decembro de 1956, rexeita unha proposta do Concello de Redondela, para construír un estercolero onde aproveitar os residuos do matadoiro.
O matadoiro sería pechado en 1984, por non cumprir as medidas hixiénicas básicas.
Fortes e Cuarteis.
A primeira construción en Redondela para acoller tropas sería a fortaleza de Castricán construída no século XV no monte de A Peneda (O Viso). Pouco tempo despois sería destruída por Pedro Madruga.
A fortaleza de Rande xa se atopaba en ruínas cando se empregou durante a Batalla de Rande en 1702. Tamén no s. XVIII, se construíu un pequeno cuartel na Portela, no que estivo destinado John O'Dogherty, un dos heroes da batalla de Pontesampaio.
Máis recentemente tamén se empregou como cuartel a casa que fai esquina entre a Rúa Telmo Bernárdez e a R. dos Eidos.
Antigo cuartel. Foto: J. Migueles |
A principios do s. XX, construíuse a Casa Cuartel da Garda Civil na Subida á Estación. Nos noventa a Garda Civil reduce os seus efectivos en Redondela, pasando a ocupar parte das instalacións da Casa do Mar, que compartiría logo coa Policía Nacional. Este corpo ata daquela tan só tiña presencia na vila cando había feira e un día a semana para tramitar os DNI nun despacho do Concello. En 2008 a Garda Civil deixaría de ter efectivos en Redondela. As súas estancias serían ocupadas en maio do 2009 pola Policía Municipal que anteriormente tiña as súas dependencias no Concello. A outra metade do edificio sería ocupada pola Policía Nacional, que abandonaría as instalacións en 2019.
Grupo Escolar
En setembro de 1907 exhíbese nas oficinas municipais o proxecto do grupo escolar realizado polo arquitecto Sr. Borrajo. Para esta obra o Estado concedera daquela 28.610´15 pesetas pero en 1911 suspéndese esta subvención polo que non chega a realizarse.
1920, Grupo escolar Figueroa. Vida Gallega |
A falta de local, en abril daquel ano, decídese instalar provisionalmente a escola pública de nenos nos baixos do Concello, o que provoca a súa clausura dous meses despois por non cumprir as condicións mínimas. Pouco tempo despois a situación mellora cando o Concello e o xulgado trasládanse á Casa da Torre, establecéndose a escola pública de nenos no primeiro andar.
En 1918 a escola de nenos de Redondela trasladouse ao Paseo da Xunqueira, pasando a chamarse Grupo Escolar José Figueroa. En 1920 pasa a estar composto por dúas escolas graduadas (nenos e nenas), divididas en tres seccións cada unha. Recibe o nome de José Figueroa Montero, quen presidira a Asociación de Hijos de Redondela en Brasil, colectivo que cedeu este edificio.
Na actualidade o edificio Figueroa é empregado como centro da terceira idade.
Habilitación do Maxisterio.
En abril de 1923 trasladouse á praza Figueroa.
Hospital.
O hospital atopábase no solar ocupado, dende hai anos, polo cemiterio dos Eidos. Construído para dar asistencia aos peregrinos do Camiño Portugués. Existen referencias a este hospital do 1502. Mentres que o relato do peregrino alemán Xerónimo Münzer, que chega en 1494 e tense que albergar na casa dun compatriota por falta de albergue, demostra que aínda non entrara en funcionamento.
Era xestionado polo Concello, que llo cedeu ao bispo de Tui en 1741. A finais do século XVIII queda en desuso, empregándose a principios do XIX como escola.
Posteriores proxectos de construír un hospital na nosa vila fracasaron. Foi o caso da iniciativa de José Figueroa, que remataría trala súa morte coa construción do Grupo escolar que levaría o seu nome, obra máis modesta. Outro intento se daría en xuño de 1911, cando Juan Rodríguez, veciño de Nespereira. deixou toda a súa fortuna, calculada entre as 400.000 e 500.000 pesetas, en usufruto a unha veciña. Á súa morte estes cartos deberían ser empregados para a construción dun hospital en Redondela ou, en caso de non realizarse en catro anos, para repartir entre os pobres.
Museo Etnográfico
Proposta de Alén Nós en 1997. Esta asociación realizou a recollida de ferramentas antigas e diferentes materiais como o reloxo da igrexa de Redondela, que permanecen agardando un lugar onde ser expostos.
Máis recentemente realizouse a presentación dun novo proxecto baixo o nome Mudhar, solicitándose a cesión das casas dos mestres de Redondela.
Oficina de Información Turística
Abriuse por primeira vez durante o verán de 1967 nas dependencias do Concello. En xullo dese ano convócase un concurso de fotografía co que poder facer unha exposición no local con imaxes de Redondela.
Despois de moitos anos ocupando unha caseta de madeira na Alameda, en 2020 trasladouse ao Concello, despois dun breve período na casa do antigo Concello na rúa Reveriano Soutullo.
Oficina de Recadación de Contribucións
A mediados dos anos 40 do pasado século estaba situada na rúa Juan Manuel Pereira. Logo situouse na Casa do Concello, e trala privatización do servizo, na rúa Ernestina Otero.
Parque Canino
En 2016 inaugurase o primeiro parque canino de Redondela na avenida Mendiño.
Teléfonos.
En novembro de 1926 inaugurouse a central de teléfonos en Redondela. Os invitados e autoridades foron recibidas polo alcalde, Saturno Cal, e os señores Avelino Giráldez, Manuel Elías Barros Martínez, José Novas e Heliodoro Rivas. A estación foi bendicida polo coadxutor de Redondela, Rufino Fernández.
As oficinas instaláronse no primeiro piso da casa que os herdeiros de Justo M. Tojeiro, posuían na rúa Alfonso XII, enriba do Café Royalty. A primeira encargada foi Teresita Rúa. Alí traballaron Nenola, Teruca, Mari Carmen...
Vertedoiro
Para queimar os desperdicios de Redondela habilitouse un vertedoiro nunha propiedade do monte de Reboreda entre 1968 e 1990.
1990 fin do Vertedoiro de Reboreda. Foto cedida por A.CouñagoLaxe |
Logo enterraríase o lixo na Marisma aproveitando as obras de recheo. Finalmente queimaríanse os desperdicios nun vertedoiro situado nos propios recheos da Marisma. As protestas veciñais, entre as que podemos destacar a creación do Arte Lixo e o Lixo Rock, rematarían co peche do vertedoiro.
Xulgados
A principios, do século XX as oficinas do xulgado están situadas na Casa do Concello.
En 1911 o concello aluga por 1.400 pesetas a Casa da Torre. Nun principio trasládanse as oficinas municipais, o xulgado de primeira instancia e instrución, e destínase o primeiro andar para escola pública de nenos.
En 1935 o xulgado foi trasladado á rúa Fermín Galán (actual Alfonso XII), no segundo piso da casa onde se atopaba Telégrafos.
O 5 de novembro de 1951, procédese á inauguración de novas instalacións do xulgado, na Praza Constitución.
Nos anos 60 atopábase na rúa Meixón Frío, no edificio no que en 1964 se estableceu no baixo o servizo de Correos e Telégrafos.
A finais dos anos 60 trasladarase ao Paseo da Xunqueira á Residencia Santo Domingo Savio coñecida como Casa dos Enanitos por haber sido empregada polo Fogar Méndez Núñez, institución que acollía aos orfos dos mariñeiros e de familias pouco favorecidas e que anteriormente ocupara a Illa de San Simón.
Nos anos 90, este edificio sería derrubado para construír as instalacións actuais.
Xulgados. Foto: J. Migueles |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.
Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.
SEREN
Nº3. Os Eidos: “A vila dos mortos”. J. A. Orge Quinteiro.
Nº5. Xardinería pública en Redondela; a Alameda Redondelá. Rosa Mª González Carballás e J. Luis Míguez Acuña.
Nº6. Arquitectura rexionalista no Concello de Redondela. José Ramón Iglesias Veiga.
Descripción económica del reyno de Galicia. Escrito por José Lucas Labrada, 1804
Bibliotecas de Redondela: http://bibliotecasredondela.blogspot.com
O que lembro do vivido. Andrés Couñago Laxe.
ABC
La Vanguardia (dende 1881)
www.lavanguardia.es/hemeroteca
La Voz de Galicia.
http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/
Faro de Vigo
https://cronicasmarchitas.blogspot.com/
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es
Hoja Oficial del Lunes (Vigo), El Compostelano (Santiago), El Correo de Galicia (Bos Aires), La Correspondencia Gallega, Diario de Galicia (Santiago), El Eco de Galicia (Coruña), La Idea, La Integridad (Tui), La Libertad (Pontevedra), La Noche, El Noticiero Gallego (Pontevedra), La Opinión (Pontevedra), El Progreso (Pontevedra), El Pueblo Gallego (Vigo), Vida Gallega...
Biblioteca Nacional de España: www.hemerotecadigital.bne.es
Boletín Oficial del Estado: www.boe.es
No hay comentarios:
Publicar un comentario