lunes, 28 de septiembre de 2020

Instalacións Marítimas

 

Botadura do barco de José o Viudo, no estaleiro de Loureiro, en Cesantes. Foto cedida pola Sra. Sara-Obradoiro Fernando Monroy
Botadura do barco de José o Viudo, no estaleiro de Loureiro, en Cesantes. Foto cedida pola Sra. Sara-Obradoiro Fernando Monroy
 

Estaleiro.

Lugar onde se construían e reparaban os botes de pesca. En Redondela xa existía a Praza do Estaleiro antes de 1760, polo que o estaleiro estaría no tramo entre a Praza Constitución e a Rúa Reveriano Soutullo. Vendo a ampla costa deste tramo un pode identificala co seu antigo uso. Parece ser que se mantivo activo ata principios do s. XX. 

 Logo abriría no centro da praia de Cesantes no lugar coñecido aínda hoxe como os Astilleros, o Estaleiro de Loureiro, que hai poucos anos foi derruído para construír unha vivenda en primeira liña de praia. Esta carpintería de ribeira era propiedade de Manuel Loureiro Pintos e nel traballaron os seus fillos Manuel e José Loureiro Fernández. Comezou a súa actividade nos anos corenta do pasado século, construíndo traíñas a remo e máis tarde chalanas e gamelas, que co paso do tempo irían adaptando o motor, nun principio de gasolina e despois de gasóleo. O barco de maiores dimensións que construíron foi o Santa Eugenia” duns 15 metros de eslora e con popa de rabo de galo. O estaleiro pecharíase en 1989 despois de construír o barco Alelita” de 6 metros de quilla. 

  Na actualidade o porto de Cesantes conta co seu propio estaleiro.

O estaleiro de Loureiro Foto Antonio Cobián
O estaleiro de Loureiro Foto cedida por Antonio Cobián



Peiraos

Peirao de Redondela.

         Na 2ª metade do s. XIV o bispado de Santiago xa cobraba diezmo polo porto de Redondela. No s. XVI este porto comeza a gañar importancia grazas á captura de sardiña e pescada. Por documentos de principios do s. XVII o peirao do Cabo dos Fumeiros era considerado o peirao da vila de Redondela. Ademais tamén se fala do Peirao da Rúa Nova ou de Pedro de Romay.

1900 Cabo dos Fumeiros  inicios s.XX. Fototipia Thomas
Primeiro porto do que se conservan fotos. Cabo dos Fumeiros, inicios s.XX. Fototipia Thomas

 
          A mediados do s. XVIII xa estaba na Ribeira. Neste século o porto de Redondela cobra importancia por ser o punto de embarque do viño de Ribeiro que, facendo escala en A Coruña e Ferrol, era enviado a diferentes puntos de España. Como exemplo, en 1796 saíron para A Coruña 10 barcos cun total de 293 toneladas de viño. En 1804 a pesca ascende a 300 millares de sardiñas anuais. 

En agosto de 1899 o porto de Redondela foi “declarado de interés general”. Dous meses despois o Ministerio de Fomento abre expediente co fin de iniciar as obras de mellora do porto. En xaneiro de 1900 ten lugar a incautación polo Estado, representado polo enxeñeiro de Obras Públicas, Sr. Domecq, do peirao de Redondela, que foi entregado por unha comisión do Concello. 

1920 O Peirao da Ribeira Foto Redondela a través do tempo
Anos 20 do pasado século. O Peirao da Ribeira. Foto publicada en

Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia 2001.


Ademais de empregarse para a carga e descarga de todo tipo de mercadorías, ata a primeira metade do século XX tiña moita importancia a descarga do sal. Descargábase con palas en cestos que as mulleres levaban na cabeza ata o derradeiro alfolí que houbo en Redondela. Era da Peixiña estaba na rúa Ribeira, onde anos máis tarde abriría a tenda Pedales. Outro alfolí máis antigo estivo entre as rúas Reveriano Soutullo e Isidoro Queimaliños no solar onde se construíu o vello concello.

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/alfoli.html )

            En outubro de 1934 reclámase a colocación dunhas luces no peirao da Ribeira, como xa se fixera nun pequeno embarcadoiro de Chapela. Nesta mesma década, a construción dun primeiro peirao de Cesantes construído para a conserveira de José Otero González, sería a base para a posterior construción do porto. Isto provocaría o menor uso do peirao da Ribeira que sería convertido nunha rampla coa ampliación da canalización do río Alvedosa. Nos 60 completaríase a destrución cos recheos da Marisma para dotacións escolares, sanitarias e deportivas.

En Redondela a mediados do século XX había varios barcos de ardora. O de Gharracadelas tiña menos calado e desembarcaba nas escaleiras que hai un pouco máis adiante do Centro Recreativo e Cultural. Os demais chegaban ata o peirao da Ribeira: o de Calderilla, o de Sr. Tomás (pai de Carranco), o de Chico Gharín, o de Traghamares, o de Cu de Boi... 

 

O peirao da Ribeira. Arquivo J.A .Xesteira
O peirao da Ribeira. Sr. Xoán cargando area (sd). Arquivo J.A .Xesteira
 

         

Os embarcadoiros na estrada da praia.

Antigamente a comunicación entre Redondela aos barrios de San Pedro e Catapeixe de Cesantes realizábase polo que hoxe é coñecido como Camiño do Campo de Fútbol e cruzando a ponte de Esteiro. A necesidade de un rápido acceso á praia de Cesantes provocou o inicio da destrución da Marisma de Redondela coa construción dunha estrada que a atravesara e que co tempo e despois de múltiples recheos converteuse no que actualmente recibe o nome de Avenida Mendiño.

Esta obra da estrada de Redondela á praia foi adxudicada en 1910 a Manuel Vázquez Gil con un prazo de execución de en dous anos pola cantidade de 74.500 pesetas, sendo o presuposto de contrata de 86.150’15 pesetas. No BOE do 27 de xuño deste mesmo ano xa se publicaría a relación de propietarios afectados polas obras. O inicio das obras prolongouse ata outubro de 1911 despois do traballo de campo realizados polos Sres. Cachafeiro e Salgueiro baixo la dirección do enxeñeiro Sr. Rafael Muñoz, representante da administración con destino en Vigo. Isto provocou a solicitude dunha prorroga na entrega definitiva das obras, que non se producirá ata novembro de 1914.

No proxecto recolléronse dúas pontes que permitiran a entrada e saída das mareas na marisma. As correntes baixo as mesmas creou zonas de maior profundidade a cada lado, polo que existían catro chamados pozos. O Pozo, digamos que principal, era o máis popular por ser un lugar onde se practicaba tanto a natación como o waterpolo, convertendo a Redondela nun pioneiro deste último deporte xunto ás cidades de Vigo e a Coruña (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/08/natacion-e-waterpolo.html). As pontes estaban unha preto do bar da Mouchiña e outra por onde baixa hoxe o Pexegueiro.

Entre as dúas pontes estaban As Escolleras que era onde desembarcaban os barcos que viñan con xente desde San Adrián cando estaba a marea alta, porque cando estaba baixa tan só podían achegarse ata a Portela.

Outro punto de desembarco estaría á altura de onde anos máis tarde se celebraría a feira do gando. Este pequeno embarcadoiro sería o coñecido como Muelle da Madeira, que era pouco máis que un muro de pedra na estrada que une Redondela con Cesantes (hoxe Avenida Mendiño). Nesta zona escavárase o fondo para que puideran achegarse as gabarras, barcos con pouco calado. Empregábase para o comercio de madeira de piñeiro que tanto traían por mar como a levaban para la zona de Morrazo. Os troncos que chegaban descargábanse a man, algo que tamén se facía no peirao da Ribeira. Preto de alí nun local nas inmediacións de onde hoxe está a administración de lotería, tiña o seu despacho o tratante da madeira que era coñecido como Sr. Mojenes. Baixo o viaduto, ás veces convertían os troncos en vigas cortando ao longo troncos de arredor dos dez metros, cortando dous operarios colocándose un enriba e outro debaixo. Os pobres aínda tiñan que aturar aos nenos cantándolles:

Serra, serra

ti para o mar,

eu para a terra.

            No Muelle da Madeira tamén se descargaba area que se sacaba do río coa marea baixa para ser empregada na construción cargándoa nunha gabarra. Quen se adicaba a esta actividade era un tal Varo que vivía na rúa Loureiro.

En 1961 inícianse os primeiros recheos para a construción do Grupo Escolar. A destrución da Marisma continuaría nas décadas seguintes pola necesidade de chan para instalacións médicas, educativas e deportivas.




Anos 60. Mucha co seu fillo Sé e a súa irmá Marina no "Peirao da Madeira". Foto: todocoleccion.net


As barras do Alvedosa.

 

As Barras. El Pueblo Gallego 1932
As Barras. El Pueblo Gallego 1932

En 1929 iniciase a construción das barras do Alvedosa. Eran dous diques que tentarían solucionar os problemas de calado do porto de Redondela. As pedras impedirían que os lodos invadiran a canle de navegación, que sería máis fácil de limpar. Como acabamos de ver, poucos anos despois as barras deixarían de cumprir co seu cometido pola desaparición do peirao.

Os traballos serían dirixidos polo enxeñeiro Eduardo Cabello. En 1932 as obras xa se atopaban rematadas. Pola súa banda, o señor Cabello continuaba dende 1908 á fronte dos traballos de modernización do porto de Vigo. Daquela contaba con 67 anos, polo que se vía na obriga de xubilarse. Os colectivos da cidade olívica solicitaban a prórroga por consideralo o máis apropiado para completar o proxecto. 

En 2018 a confraría de mariñeiros e mariscadoras de Cesantes propón a retirada das barras do Alvedosa para recuperar os bancos marisqueiros.

Peirao de Cesantes

A primeira nova dun peirao en Cesantes sería en xuño de 1912, cando se tentaba renovar os traballos a fin de ultimar o proxecto do porto de Redondela, que se construiría na praia por considerar o lugar con mellores condicións. Pero non sería ata principios dos 30, cando José Otero González “Mañas” constrúe un pequeno peirao en Cesantes para trasladar alí á súa conserveira. 

 

1945 Praia de Cesantes Foto Redondela a través do tempo
1945 Peirao de Mañas. Foto publicada en Redondela a través do tempo

 

En decembro de 1956 a Comisión Provincial de Servizos Técnicos aproba a construción da lonxa de Cesantes. No BOE do 24 de marzo de 1958 publícase a adxudicación da construción do Peirao de Cesantes a Construcciones Ramón Valverde S.A., cun presuposto de 3.129.993'41 pesetas. En 1963 inaugurábase o peirao de Cesantes e ao ano seguinte iniciábase a edificación da lonxa. En 1967 solicítase a instalación dun depósito de combustible.

 

Peirao de Cesantes
Peirao de Cesantes. Foto: J. Migueles

Antiga lonxa. Foto: J. Migueles, 2009
Antiga lonxa. Foto: J. Migueles, 2009

 

En 2014 inaugúrase a nova lonxa.


Outros peiraos.

No século. XVIII, fomentadores cataláns instalan unha fábrica de salga na Portela, enriba da porta aínda se pode ver a data de 1728, construíndo un peirao. A posterior instalación do cuartel dos Corpo de Carabineiros, que tiña a misión de controlar a entrada por mar de mercadorías a Redondela para evitar o contrabando, provocou que aínda hoxe sexa coñecido como Peirao dos Carabineiros. Este peirao tiña moita importancia polo pouco calado do de Redondela, facéndose nel o desembarco das mercadorías a barcos de menos calado. Deste xeito, a finais de 1898 por Real Orde e polo ministerio de Facenda, "habilítase á vila de Redondela para o embarque de madeiras, grans, viño, ovos e froitas da rexión e para o desembarque de pequenas cantidades de xéneros do reino ou do estranxeiro, agás tecidos que deban pasar pola aduana de Vigo, verificándose as operacións en embarcacións menores e polo punto da Portela, baixo a vixilancia das forzas do resgardo marítimo e terrestre que existe no mesmo punto".

Peirao A Portela
Peirao A Portela Foto: J. Migueles

 

Nun documento de 1750 atopamos varios peiraos: o do Arco (Cesantes), A Portela, Rande e Arealonga (Chapela). Noutro de 1785 cítase o “embarcadero de Siete Fuentes” no Viso e, en Cesantes, “embarcadero al pie de la dehesa de la Coba de la Sierpe”.

No século XIX un pequeno peirao na Regasenda unía este barrio con San Adrián.

 

Peirao da Regasenda
Peirao da Regasenda. Foto: J. Migueles

Xa no s. XX varias liñas de vapores unían Redondela e Chapela con outros puntos da Ría de Vigo e unha barcaza comunicaba Rande e Domaio. En 1910 Francisco García Lamas realizaba os transportes marítimos entre Redondela e Vigo. En 1915 inaugúrase a liña de vapores Cesantes - Vigo. Por R. O. 4-2-1924 habilítase un peirao en Rande para o embarque dos produtos dunha fábrica alí establecida.

En 1950 desde as páxinas de El Pueblo Gallego demándase a necesidade da construción dun peirao en Chapela xa que, apesares do aumento de pasaxeiros que unía esta parroquia con Domaio, o embarque realizábase desde as rochas de Punta Cubillón. Temos que pensar da importancia do transporte marítimo antes da construción da ponte de Rande e de que se estendera o uso do automóbil. Aínda na década dos 50, os equipos de fútbol de Vigo que debían xogar en Domaio tiñan que embarcar neste punto.

 

1950. Embarcando en Chapela. Foto: Bene-El Pueblo Gallego


A todos estes habería que engadir os embarcadoiros das diferentes empresas que se foron asentando na nosa costa e que veremos nos diferentes apartados adicados a estas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/empresas-do-mar.html ) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/08/cargadoiros-de-mineral-i-cargadoiro-de.html ) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/serradoiros.html ) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/industrias-quimicas-e-metalurxicas.html ) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/outras-empresas-desaparecidas.html )

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Sal, sardiñas e peiraos. Achega ao patrimonio marítimo na Enseada de San Simón. Alberte Román Losada. Ed. Asoc. Alén Nós 2009.

Caderniños do Instituto de Chapela. Coordenador: X. M. González Fdez.

Nº2. Naufraxios no mar de Vigo (1854-1964).

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

Historia de las Rías. (2 Volúmenes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.

Fondo Casto Sampedro. Museo de Pontevedra. -Sampedro 65-10 Notas sobre rúas e lugares.

La Carpintería de Ribeira en Galicia(1940-2000). José María de Juan e García Aguado.

Universidade de A Coruña.

Censo de actividades 1905, 1910 e 1925. Publicado en www.todocoleccion.net

Faro de Vigo

La Voz de Galicia. http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es

Galiciana => El Pueblo Gallego, La Noche, La Correspondencia Gallega, El Correo de Galicia, Diario de Galicia, El Correo de Lugo, El Progreso.

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => La Correspondencia de España

Faro de Vigo

Deputación de Pontevedra: 1750 Visitas ás reais devesas e plantíos da antiga Provincia de Tui. Visitas ás reais devesas e plantíos da vila e xurisdición de Redondela. 1785.

Aportes Manuel Seijas, Ramón Piñeiro González e Manuel Migueles.




No hay comentarios:

Publicar un comentario