lunes, 19 de octubre de 2020

Algúns achados arqueolóxicos en Redondela.

 

Cerámica da Peneda-Catálogo de restos arqueolóxicos no Concello de Redondela

 

Museo de Pontevedra

Son moitos os achados arqueolóxicos realizados no Concello de Redondela e que se depositaron no Museo de Pontevedra. Ademais dos miliarios que tratamos no apartado correspondente, parte do noso patrimonio que alí se conserva sería:


Megalitismo

En Chan da Cova (límite entre Vilar de Infesta e Cabeiro): tres machadas pulimentadas e un alisador esferoidal.

No Monte Carrascal (límite de Redondela e Reboreda): unha punta de frecha de sílex. No 2009 durante as obras do AVE descubríronse os restos de poboados do calcolítico e o bronce.


Idade de Bronce

En Trasmañó: unha machada plana bicóncava de fío saínte e curvo, datada no Bronce II.

En Cesantes, preto do mar: unha machada de bronce con dúas anelas.

En Vilavella, unha machada de tope con tres aneis e dúas asas, datada no 800 a. C.

Ubicación sen concretar: unha machada de cubo de dous aneis de tipo de “talón ou de tope”.

A Peneda (O Viso): catro machadas do Bronce final.

Couto Cosel (Reboreda). Material cerámico decorado coa técnica de impresión de peite de tradición campaniforme.

Machado do Bronce de Trasmañó-Catálogo de restos arqueolóxicos no Concello de Redondela
Machado do Bronce de Trasmañó-Catálogo de restos arqueolóxicos no Concello de Redondela


Cultura Castrexa

Do Castro de Negros consérvanse restos cerámicos, pero do Castro da Peneda recuperáronse numerosos obxectos que formaron parte do Museo José Solla, en Soutomaior, antes de pasar ao Museo de Pontevedra. Podemos citar, de bronce: tres caldeiros ou situlas, un coitelo, un alfinete, unha agulla, unhas pinzas, unha fíbela... Ademais varias machadas pulidas e muíños circulares e naviculares, de pedra; cerámica con motivos estampados e incisos, ánforas e cerámicas pintadas... Tamén se descubriu un cuncheiro, acumulación de restos de moluscos (ostras, croques, ameixas...) e un anzol curvo de bronce, o que nos da conta da práctica do marisqueo e a pesca xa naquela época.

 

Restos de bronce do castro da Peneda
Restos de bronce do castro da Peneda

 

Fragmento caldeiro bronce da Peneda-Catálogo de restos arqueolóxicos no Concello de Redondela
Fragmento caldeiro bronce da Peneda-Catálogo de restos arqueolóxicos no Concello de Redondela

Tamén se conserva a xamba decorada da entrada dunha cabana, pero non se especifica a que castro pertence.

Xamba decorada dun castro. Catálogo de restos arqueolóxicos no Concello de Redondela


Romanización

Na Peneda: Atopáronse moedas de bronce dos séculos III e IV, o que nos indica que o castro seguiu poboado durante estes anos.

Na Veiga da Vila (A Portela-Cedeira): Localización dunha vivenda de tres habitacións, recuperándose: cerámica fina (terra sigilata hispánica), tégulas, ánforas, cerámica galaico-romana...

Cerámica Cedeira-Catálogo de restos arqueolóxicos no Concello de Redondela

 

En Soutoxuste (O Viso), dende o Puntal e Punta Pesqueira ata Veiga dos Barcos e As Abarcias, atopáronse restos de vivendas romanas e restos cerámicos (sigillata, tégulas, ánforas...). Tamén na zona do Pazo, nos lugares de Os Barcos e A Tanguella, localizáronse varias tumbas formadas por pedras e tellas romanas que tiñan enxoval funerario. Tamén se achou unha estea funeraria co busto dunha muller que conta cunha inscrición moi deteriorada na que se le “CA(...) CARII”.

Estela funeraria de O Viso. Foto:redondelaarqueoloxica
Estela funeraria de O Viso. Foto:redondelaarqueoloxica

 

No Casal (Saxamonde), restos de tégulas evidencian a existencia dun asentamento romano.

Outras doazóns ao Museo de Pontevedra

Outras novas nos dan conta da cesión de diversos obxectos:

1987, decembro. O párroco de Redondela Sr. Couñago regalou á Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra unha pilastra e un trozo de alabastro con delicados motivos do Renacemento.

1898, novembro. En el Museo de la Sociedad Arqueológica se han recibido:... de Sajamonde trozos de ladrillo de gran tamaño procedentes de una tumba de las llamadas tombe á pozzo...


O outro Tesouro de Rande

En 1907 en Rande, un labrador que traballaba as súas terras descubriu un recepente cerámico no que se lía IRENE, que contiña moedas de ouro da época romana. Con elas dirixiuse a Vigo, onde llas vendeu a Ernesto Zúñiga, dependente da Casa Bárcena a razón de dez duros por peza. O vigués conservaría seis ou sete moedas revendendo un total de 80 a un coleccionista de París, concretamente: 14 de Adriano, 8 da Deusa Faustina, 1 de Aurelio, 2 de Aureliano, 1 de Vitelio, 2 de Sabina 3 de Domiciano, 1 5 de Antonino, 1 1 de Trajano, 9 de Vespasiano y 1 1 de Nerón.



CEIP de Cabeiro

Os nenos e nenas de varias xeracións levaron á escola de Cabeiro os descubrimentos que fixeron nos seus paseos polo castro de Negros. Actualmente conta cunha pequena colección formada dende restos de cerámica e ata un machado.


Achados recentes

Recentemente, en 2020, atopouse parte dunha ánfora no Castro de Negros. Neste mesmo ano, nos traballos de tala de eucaliptos neste mesmo castro, descubriuse accidentalmente que o perímetro do castro era moito maior do que se cría ao romperse un muro exterior do que nada se sabía. Ademais do achado de nove novos petróglifos agardamos a publicación da memoria dos traballos realizados polos arqueólogos, que promete moitas novidades sobre este castro.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Redondela Arqueolóxica. Xose Manuel Hidalgo Cuñarro. Materiais didácticos 2. Comisión de Cultura e Comisión de Ensino. Concello de Redondela, 1985.

Catálogo de Restos Arqueolóxicos no Concello de Redondela. Antonio de la Peña Santos. Exposición na Casa da Cultura, 1987.

Redondela arqueológica-etnográfica. http://redondelaarqueologica.blogspot.com/2009/ El Tesoro de Monedas de oro romanas de Rande. José Manuel Jesús Hidalgo.

Los calderos del castro de A Peneda. X.L.Armada Pita

O noso patimonio: http://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/romanizacion-de-galizagalicia-provincia_9.html

Da Pedra ao Sal. Exposición no Multiusos da Xunqueira, 2019. Telmo Crespo Tojeiro.

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Alcance, La Opinión diario de Pontevedra, La Correspondencia gallega



 




No hay comentarios:

Publicar un comentario