1910, 12 de setembro. Sufriu un accidente o automóbil que fai o servizo Vigo-A Garda, cando volvía desta. Preto de Rande rompéuselle a dirección e foi a montarse sobre un muro onde quedaron as rodas dianteiras. Viña cheo de viaxeiros pero tan só o condutor resultou con lixeiras contusións.
1912, 11 de maio. Foille imposta unha multa por infracción do Regulamento de Carruaxes a José Fernández Lago, por conducir un coche con exceso de viaxeiros de Redondela a Porriño.
1925, 25 de febreiro. Un autobús da liña Vigo-Coruña ao seu paso por Redondela atropelou a unha muller que cruzaba a rúa. A pesares de ir a pouca velocidade non puido evitar o accidente. A vítima atópase en estado grave.
1927, 18 de xaneiro. Un auto da empresa Castromil estivo a piques de sufrir un serio accidente e con el o s seus ocupantes. Ao pasar por Cesantes caeu un poste da liña eléctrica que estaban a colocar uns obreiros, golpeando na parte dianteira do vehículo.
1927, xaneiro. Na curva de entrada á Travesía, fronte a casa do establecemento de José Reboredo Blanco, chocou o coche de turismo de La Emprendedora cunha furgoneta da Compañía de Teléfonos. Saíu esta co eixo e o radiador rotos sen que, por fortuna, sucederan desgrazas persoais.
1927, 24 de decembro. A José Táboas Acuña de Cesantes, roubáronlle a carteira que contiña 600 pesetas en Soutomaior, mentres agardaba no coche de liña a que este arrancara.
1928, 08 de novembro. O ómnibus da liña de Castromil que pasa por Redondela as seis da tarde cara a Vigo, envorcou en Cabanas (Trasmañó). Afortunadamente non houbo desgrazas persoais.
1934, 10 de xullo. Dende Redondela foi trasladado á Casa de Socorro de Vigo José Ramón Bargiela, ao que atropelou un autobús causándolle unha ferida contusa de tres centímetros na rexión occipital e fractura de ilíaco. O seu estado foi cualificado de reservado.
1955, 26 de febreiro. A empresa de Pedepote sufriu un grave accidente en Cans (Porriño) no que faleceron 31 persoas e 8 resultaron feridas. Na lista das vítimas varias de Redondela. Florinda Couñago Filgueira viúva de 38 anos e a súa filla Florinda López de 10, veciñas do Coto-Cesantes; Nicolás Álvarez Carro de 47 anos de Astorga, traballador de Correos, e esposa, Lucía Puga Fernández, de 39 de Redondela e que residían na nosa vila; María Vidal Montero, de 20 de Cesantes e que servía ao matrimonio anterior; e Carmen Alonso Veiga, de 22 solteira de Saxamonde. Tamén faleceu Carmen Martínez Vila, de 54 anos casada de Vilar e que deixa 10 fillos; e a súa parente Carmen Vila Martínez, tamén casada e de Vilar que despois de estar nun sanatorio de Vigo faleceu na súa casa. Entre os superviventes: Jesusa Oitavén, de 36 anos, solteira de Redondela; e o condutor Antonio González Cabaleiro.
Accidente en Cans. Fotos: Siorty-El Pueblo Gallego |
1961, setembro. Incendio do autobús da liña Vigo-Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/02/incendio-dun-autobus.html )
1973, 1 de abril. No concello de Redondela na estrada que une esta vila con Fornelos, dous ómnibus que circulaban en dirección contraria chocaron nunha curva. Non hai que rexistrar feridos.
1973, 2 de xuño. Un autobús da liña Vigo-Redondela foi apedrado, calculándose os danos en 104.385 pesetas.
1976, 21de decembro. No alto de Cesantes un Castromil sufriu a rotura da ballesta dianteira ao iniciar a baixada. O condutor perdeu o control do vehículo batendo contra outro autobús, este da empresa "Gómez Castro". Resultaron feridas 26 persoas, cinco delas graves.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Censo de actividades do partido de Redondela: 1905, 1910 e 1925.
Galiciana => La correspondencia gallega, El Correo de Galicia, El noticiero de Vigo, El pueblo gallego, La Noche, El Progreso
La Voz de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario