1987 Degustación. Programa da Festa do Choco 1988. |
A Festa do Choco é a festa gastronómica máis importante do Concello de Redondela. O choco é un cefalópodo da familia das sepias moi abundante na Enseada de San Simón. Celebrouse por primeira vez en 1987 e foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia en 2013. Adoitábase celebrar a segunda fin de semana de maio, pero en 2022 apostouse por estender a programación a dúas semanas. Soe cociñarse na súa tinta sendo os pratos máis populares con arroz ou en empanada.
1987 Degustación do xurado. Faro de Vigo |
A festa naceu por iniciativa da Asociación de Empresarios de Redondela para promover a hostalaría da vila. A primeira edición tivo un presuposto de dous millóns de pesetas: a metade aportado polo FROM, 600.000 polo Concello e o resto pola Asociación de Empresarios. Os principais promotores da festa serían: Manolo Conde, Jaime Villaverde, Juan Antón, José Barciela “Pucho”, Enrique Tuche, José Manuel Durán, Carlos Crespo, Fernando Covelo e Perfecto Vidal.
Parte da comisión organizadora, 1989. Faro de Vigo |
Os programas das primeiras edicións incluían concurso gastronómico, nomeamento da Raíña da Festa do Choco, rally de coches antigos, concurso de nós mariñeiros, actuacións musicais, exposicións... As azafatas da festa encargábanse de todos os detalles da organización. Na segunda edición incluíuse un premio literario que foi gañado polo escritor e poeta vigués Isaac Otero co artigo “O Virrey Choco de Redondela de Galicia” publicado no Faro de Vigo. Na terceira a novidade sería unha proba de piraguas K1 e K2 polo río Alvedosa, que se repetiría en outras edicións. En 1992 houbo unha exhibición de paracaidismo.
1987 Rally de coches antigos. Foto: J. Barciela |
Nestes primeiros anos os carteis eran deseñados polo barbeiro Manuel Pazos Pisquito. Como curiosidade dicir que a primeira edición custou tanto sacala adiante que se celebrou no mes de setembro.
Cartel de 1987 |
A partires da pandemia e polas medidas anti-Covid optouse pola celebración sen carpa trasladándose ás degustacións aos propios locais hostaleiros.
Autor: J. Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Faro de Vigo
La Voz de Galicia
No hay comentarios:
Publicar un comentario