San Xoán na Portela, 2010. Foto: J. Migueles |
Festa tradicional en numerosas vilas de España. Cando se cumpren as 24 horas do día 23 iníciase o 24 de xuño, día de San Xoán Bautista, e acéndese a fogueira que hai que saltar. Cómense sardiñas acompañadas de bo viño ou auga segundo os gustos de cada quen. O mellor remate da festa será unha queimada co seu esconxuro para afastar todo mal.
Outra tradición é a Auga de San Xoán. Nun balde de auga introducir as 0:00 horas polo menos sete das seguintes plantas: herba de San Xoán (artemisa), bieiteiro, espadana, fiuncho, herba de Santa María, malvavisco, ourego, herba luisa, trovisco, rosa silvestre (rosa canina), ruda e romeu. Esta lista pode variar. Hai xente que emprega outras plantas como follas de limoeiro e laranxeiro, tomiño ou ruda. Deixamos a auga baixo a luz da lúa e pola mañá retiramos as plantas e lavamos a cara con ela. Tamén hai quen a bebe.
Herbas de San Xoán. |
Nesta noite québrase a casca dun ovo de xeito que a clara saia pouco a pouco. Se a clara sae en forma de fíos representa unha catedral. Isto significa que a persoa que escachou o ovo vai casar.
Outra crenza é que esa noite hai que varrer a casa, o que antigamente se facía con vasoiras de xestas.
Tamén é noite de falcatruadas tales como desmontar os portais e agachalos, ou como sucedeu en 1924 en Reboreda, guindar un carro de labranza ao río, suceso que rematou coa detención de tres mozos.”En Reboreda foron detidos os mozos Albino Veiga Míguez, Florentino Amoedo Rivas e José García Andrés, por guindar ao río a noite de San Xoán un carro de labranza propiedade de Vicenta Garrido Couñago”.
Festa de San Xoán no casco urbano de Redondela.
Ata os anos 80 do século pasado, a Confraría de Pescadores San Xoán de Redondela, celebraba a festa na Ribeira. Prendíase unha fogueira, asábanse sardiñas e logo tocaban uns gaiteiros seguidos por unha banda ou orquestra. No mesmo ano que a festa de San Antón se trasladou da Praza Ponteareas á diante da leitería, por mor da ampliación da estrada, na festa de San Xoán non houbo gaiteiros polo que a xente dicía: “San Juan sen gaita e San Antonio leiteiro”. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/duas-festas-desaparecidas.html )
Desaparecida esta festa comezáronse a organizar fogueiras por barrios. Nos derradeiros anos a celebración desta festa na parroquia de Redondela está practicamente desaparecida.
Preparación da fogueira anos 90. Facebook Natalia Crespo
Festa de San Xoán nas demais parroquias.
San Xoán é o patrón de Cabeiro polo que é a festa máis importante desta parroquia que todos os anos organiza verbena.
As asociacións veciñais e centros culturais realizan fogueiras noutras parroquias (por exemplo, no 2010 en Saxamonde ou Ventosela). Nalgúns casos organízase directamente unha sardiñada.
Cesantes é outra parroquia con tradición na organización de fogueiras cambiando a localización ao longo dos anos (campo do Arenas, Praia da Punta, proximidades do Círculo Cultural...)
Preto ao casco urbano de Redondela tivo moito éxito durante varios anos a da Portela (Cedeira), organizada por iniciativa privada.
Cartel das Festas de San Xoán de Cabeiro |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Aportes orais
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, Galicia Diario de Vigo
No hay comentarios:
Publicar un comentario