Construción da Avenida San Telmo. Publicada en Chapela de onte a hoxe. Gonzalo Mencía Castro. Ed. Xunta de Galicia. |
O santo San Telmo chamábase en realidade Pedro González, quen naceu en 1190 en Frómista (Palencia) e morreu en Tui en 1240. Este relixioso sería confesor do rei Fernando III de Castela. Unha vez abandonado o cargo realizou obra evanxelizadora en Asturias Galicia e norte de Portugal. Nesta época acadou notoriedade polos seus milagres o que lle valeu ser considerado patrón dos mareantes, pero tamén da cidade de Tui, da diocese Tui-Vigo e da súa vila natal. Isto motiva que o seu sexa un nome frecuente na toponimia das Rías Baixas. Así en Redondela déuselle o seu nome en Chapela á Avenida de San Telmo, no barrio de Laredo. Esta rúa sería inaugurada en abril de 1950 despois de 30 anos de litixios para levar a cabo a obra. En realidade, existiu unha iniciativa para poñerlle o nome de Ricardo Torres Quiroga, capitán de corbeta e secretario da Comandancia Militar de Mariña de Vigo, ademais de Xefe provincial do Sindicato de Pesca. O que sucedeu é que este declinou a proposta suxerindo o nome de Av. de San Telmo.
Volvendo a Tui, dicir que naquela cidade adicáronlle unha capela e na mesma catedral a coñecida como Capela das Reliquias.
Entre os milagres que se lle atribúen podemos citar que cando se acabaron as provisións durante a construción da pote de Constrelo sobre o Miño, que estaba a dirixir, trazou o sinal da cruz sobre as augas e saltaron tantos peixes á ribeira que sobraron varios cestos despois de que todos comeran. Durante a inauguración doutra ponte, a da Ramallosa, o ceo ennegreceu e a xente comezou a marchar. Realizou novamente o sinal da cruz e o sol asomou sobre os asistentes.
Os seus numerosos milagres continuarían despois de morto porque do seu sepulcro comezou a manar un aceite que curaba todo tipo de enfermidades. O Padre Flórez os recolleu no Tomo II de “España Sagrada”, baixo o epígrafe “Miracul apos mortem”, grazas ao cal coñecemos casos como o de Pedro de Coruxo, alcumado “Mariola”, que recuperou a vista dun ollo. Aquí chegamos ao punto que máis nos interesa, porque tamén recolle a milagrosa curación de Elvira Martínez, de Redondela, que era xorda e grazas a San Telmo volveu a escoitar.
San Telmo sería recoñecido como beato en 1741 polo papa Benedicto XIV, autorizando o seu culto. Recentemente, a Diocese de Tui-Vigo emprendeu un proceso formal de canonización.
Como curiosidade final comentar que semella que na advocación popular sería comparado con San Erasmo de Formia, coñecido como Sanct’Elmo, tamén venerado polos navegantes, de aí que recibira o nome de San Telmo.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Galiciana => El Pueblo Gallego, La Noche (Vida y milagros del bienaventurado Pedro González, llamado Telmo. Por Faustino Rey Romero).
Wikipedia
Catedral de Tui => https://www.catedraldetui.com/capilla-de-las-reliquias-2/
No hay comentarios:
Publicar un comentario