martes, 21 de marzo de 2023

Ruta por Portacedeira

 

Praia de Portacedeira. Foto: J. Migueles

Se o paseo da Portela (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/paseo-da-marisma.html ) se nos fai curto podemos continuar ata o Peirao da Portela. Trátase dun enclave cheo de historia desde os tempos dos romanos xa que moi preto de aquí catalogáronse os restos dunha vivenda romana e nas inmediacións atopáronse restos cerámicos, principalmente tégula, ou sexa, tellas daquela época. O nome de A Portela significa “porto pequeno” e si ben estamos ante un pequeno peirao temos que ter en conta que antigamente tivo gran importancia. O motivo non é outro que o pouco calado que tiña o porto de Redondela cando se atopaba no centro da vila. Isto provocaba que os grandes barcos fixeran o transbordo das súas mercancías a embarcacións de pouco calado. Esta operación realizábase neste punto polo que neste peirao construíuse o cuartel dos carabineiros que eran os encargados de controlar a entrada por mar de bens na vila e de cobrar os impostos pertinentes. (Ver Aquí estaría destinado John O’Dogherty, heroe na Batalla de Pontesampaio. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/odoherty-brown-john-bolyborron-irlanda.html )

 

Peirao da Portela. Foto: J. Migueles

 

Neste peirao aínda se conservan os restos dunha fábrica de salga. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/empresas-do-mar.html ) E volvendo aos feitos históricos, sería punto de saída de xudeus durante a II Guerra Mundial. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1941-ii-guerra-mundial-ii-o-schindler.html )

Fábrica de Salga da Portela. Foto: J. Migueles

 

A todos estes encantos habería que engadir as vistas a Punta Socorro, onde se atopan os restos da Industria Metalífera Española (IME) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/industrias-quimicas-e-metalurxicas.html ) e unha perspectiva diferente da Illa de San Simón. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/a-illa-de-san-simon.html )

Seguimos camiño cara a praia de Portacedeira, que en realidade ten pouco de praia xa que a falta de area é substituída por un lodo que a converte nun dos puntos de marisqueo da nosa costa. Nela existen os restos de dous barcos, un de madeira, coñecido como A Ghabarra, e outro de metal, O Texaco. Tamén teñen nome as rochas bañadas polo mar: O Pericoto, A Pedra Blanca ou A Marola.

Restos da Ghabarra. Foto: J. Migueles

 

Esta praia ten a curiosidade de posuír dúas fontes que manan na area, polo que as mariscadoras adoitaban rodealas con pedras para poder saciar a sede durante as longas xornadas de traballo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/fontes-e-lavadoiros.html )


 

Fonte na Praia de Portacedeira Foto: J. Migueles

Para os que decidan darse un baño, advertilos da existencia do Cantil, unha depresión do terreo que provoca que baixo a auga pases de facer pé a varios metros de profundidade. Ante este perigo evidente para a rapazada os maiores acostumaban asustalos contando que por aí saía a lava dun “hipotético” volcán que existía baixo o Monte Mirallo (ou Penide). 

O Piricoto. Foto: J. Migueles

 

Na desembocadura do Río da Plateira aínda existe o resto dun lavadoiro e, augas arriba, unha caseta sobre o propio regato, onde existiu un muíño cunha turbina que subministraba electricidade á desaparecida fábrica de Fernando Colmeiro.

Pasando por baixo da vía do tren atopámonos de fronte coa ponte do antigo trazado do ferrocarril. Este tramo conducía á primeira estación de Redondela, que estaba preto do viaduto de Ourense. 

O Viaduto do trazado antigo. Foto: J. Migueles

 

Máis adiante temos a entrada do túnel da Portela que pasa baixo o aparcadoiro dunha empresa do sector do automóbil, que realizou uns recheos que taparon a saída do mesmo. Se seguimos ata a estrada e xiramos á esquerda, tan só temos que seguir cara abaixo para regresar ao Paseo da Portela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/11/as-estacions-de-ferrocarril-e-de-tranvia.html )




Túnel da Portela. Fotos: J. Migueles

https://www.google.com/maps/d/edit?hl=es&mid=1QLqnVedEN1S4p8j1SRCVPwRc5MYKJ38&ll=42.28628354303427%2C-8.626350744113228&z=16



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes orais.

Ver bibliografía dos apartados enlazados.


No hay comentarios:

Publicar un comentario