domingo, 2 de abril de 2023

O Concurso de Bebedores de Cervexa

 

 

1º Concurso de Cervexa. Foto: Fotsca

        En Redondela a bebida tradicional, ademais da auga, sempre foi o viño, desde a “chiquita” ata cuncas profesionais que podían acadar o litro de capacidade. A introdución doutras bebidas alcohólicas foi complicada polo que había que realizar unha forte promoción. Así, en 1959 celébrase o Primeiro Concurso de Bebedores de Cervexas, nin máis nin menos que nun templo vitícola como o Bar Porrón, na céntrica rúa da Ribeira, dirixido por José María e auxiliado por Chicho. A marca organizadora era “La Cruz Blanca”.

Xurado do 1º concurso. Foto: Fotsca

 

        A competición tiña unhas regras moi básicas, tan só había que beber todas as cervexas que se puidera en tan só cinco minutos. Presentáronse numerosos concursantes pero proclamouse vencedor Castor López Hortas cun total de 9 cervexas e media. Apesares de tan espectacular resultado, a vitoria sería axustada, xa que no segundo lugar quedaría Ángel Iglesias Perga, con 9 botellas. Entre unha gran ovación recollerían os diplomas e as cantidades en metálico de 350 pesetas, o primeiro, e 100 o segundo. Ademais o gañador clasificábase automaticamente para enfrontarse ao campión de Vigo. Premios máis que merecidos, se temos en conta a diferencia cos demais participantes, pois o terceiro en completar o podio sería Antonio García Domingo, con tan só 7 botellas e media.


II edición do concurso. Foto: Fotsca

        Habería que agardar dous anos para que se celebrara a segunda edición, na que se pulverizaron as marcas anteriores. Castor López Hortas, na busca de revalidar o título, mellorou a súa marca persoal, con 12 botellas. Semellaba unha vitoria sinxela, pero Perfecto Teixeira bateu o récord local con nada máis e nada menos que 14 botellas. En terceiro posto remataría Antonio Ferreira, co meritorio resultado de 11 botellas e media. Recibindo todos eles os correspondentes premios en metálico.

        Nesta ocasión o xurado estaría formado por José María Prieto González, director xerente de “La Cruz Blanca”, e Manuel Rodríguez, propietario de Casa Pepe, procedentes ambos de Vigo. Acompañados por: José María Zarauza e José Luis Loureiro, actuando como cronometrador José Pache Cabezas.


Xurado de 1961. Foto Fotsca.

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario