jueves, 23 de marzo de 2023

Un maremoto no século XVIII

 

Vistas desde a Formiga (Cedeira). Foto: J. Migueles

        Non é doado atopar referencias antigas de desastres naturais, pero Pérez Constanti, arquiveiro de Compostela, en “Notas viejas Galicianas” adica un artigo baixo o esclarecedor título de “Temblores de tierra en el siglo XVIII”. Nel menciona un seísmo acontecido na Coruña en 1761 que non causou dano algún.

        Tamén cita un moito máis grave e bastante documentado que sacudiu a Península Ibérica. Así, Suzanne Chantal na súa “Historia de Portugal”, lémbranos que ás dez da mañá do 1 de novembro de 1755, cando os habitantes de Lisboa acudían á misa maior, tres seísmos consecutivos sacudiron a cidade. Ábrense grandes gretas nas rúas e derrúense numerosas edificacións e varios treitos das murallas. Ao mesmo tempo o río Tajo asolaga a parte baixa de Lisboa arrasando con todo ao seu paso. Por se todo isto fora pouco os cirios das igrexas e dos oratorios particulares provocan incendios que queiman barrios enteiros.

        Por Pérez Constanci sabemos que este segundo desastre deixouse sentir en Santiago e as dez menos carto houbo “un gran temblor de tierra”. Pouco despois os rexedores composteláns recibiron noticia polo correo de Castilla da destrución de Lisboa e tamén de graves danos en Andalucía, sendo as cidades de Cádiz e Sevilla as máis afectadas. Acordouse por unanimidade celebrar unha novena de acción de grazas e sacar en procesión á Virxe de Nosa Señora publicándose un bando para que acudiran todos os gremios “aseados e decentes, co cabelo solto, sen redes nin gorros, baixo multa de vinte ducados e un mes de cárcere”.

        De todos os xeitos por outras referencias sabemos que en moitas vilas os danos mais graves non foron provocadas polo seísmo se non polo posterior maremoto. Neste orde de cousas, Fernando Villalmil en “Juntas del Reino de Galicia” cita ao abade Manuel Troncoso que informa dos danos do Mosteiro de Oia e como “el río se quedó en seco y a poco volvieron a correr sus aguas”. Neste libro tamén conta como as costas galegas sufriron tres arremetidas do mar “haciendo cabeza de agua” en Redondela e o Fragoso (lembremos que daquela pertencían a esta xurisdición Chapela e Trasmañó. Outra vila afectada sería Tui que no seu libro de actas recolle o terror causado polo seísmo e como este afectou gravemente á catedral, o que obrigou a reformar á súa estrutura.

        Por último en Efectos del terremoto de Lisboa de 1 de noviembre de 1755 en la antigua provincia de Tuy (Galicia) chégase á seguinte conclusión: “el maremoto se dejó sentir en la
costa de la antigua provincia de Tuy en toda su extensión, desde La Guardia por el sur a Redondela por el norte, y que el tsunami penetró por las rías con singular fuerza”.
Nesta obra citase un informe do alcalde de Redondela, Marcos Pereira y Alonso, onde comenta que non houbo danos na vila e referíndose ao terremoto: «algunas personas se han asustado sin que por ello resultase daño alguno». En canto ao maremoto exprésase nos seguintes termos: «hubo un movimiento extranatural de la mar de haber crecido y menguado con mucha furia, haciendo cabeza de agua cuando no le tocaba tres veces». Tamén se cita o informe de Reboreda, que daquela era un concello independente, no que o dano máis grave foi que: «la cruz de la parroquia de Santiago de Borbén cayó a tierra y se rompió en pedazos». Non fai falla aclarar que esta igrexa hoxe en día pertence a Pazos de Borbén.



Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Notas viejas Galicianas. Pérez Constanti (1925).

Historia de Portugal. Suzanne Chantal, (1960).

Juntas del Reino de Galicia. Fernando Villalmil, (1962)

Evocación de un maremoto en Iberia. M. Suárez Serantes. 1963 0227 La Noche

Efectos del terremoto de Lisboa de 1 de noviembre de 1755 en la antigua provincia de Tuy (Galicia). Cuadernos Dieciochistas, 6. Amaré Tafalla, M. P., Orche García, E., & Puche Riart, O. (2009).

Aportes Ignacio P. Rey

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario