martes, 15 de agosto de 2023

S. XVIII. A chegada de Asturianos a Redondela

 

Anuncio dun negocio da familia Borines. La Idea, 1917.

        Nas primeiras décadas do século XVIII, tanto a Redondela, como a cidades próximas como Vigo e Pontevedra, chegan ricos comerciantes procedentes de Asturias. Axiña pasan a controlar o comercio ao por maior relegando aos emprendedores locais ao papel de tendeiros polo miúdo. No caso concreto de Redondela podemos dicir que estes mercadores eran naturais dun pequeno concello da parte oriental do Principado de Asturias chamado Colunga e que hoxe en día conta con menos de dous mil habitantes.

        Entre os primeiros empresarios asturianos en establecerse en Redondela podemos citar a Alonso Victorio Colunga e a Antonio Tovar Hevia. Deste último sabemos que ocupaba o cargo de Rexedor Perpétuo na súa Colunga natal e que, en Redondela, era administrador das confrarías das Ánimas e do Convento de Agrelo. Outro asturiano aparece citado nun documento conservado no Fondo Casto Sampedro: 1705, novembro, 9 Obriga que fai Pedro Antonio de la Llera Valdés. veciño de Villaviciosa (Asturias), en nome da sua nai, María de la Fuente, de pagar a Juan de Luc Tobal, veciño do porto de Lastres (Asturias) e residente en Redondela, 3.000 reais.

        Neste mesmo fondo tamén existe un documento posterior vinculando a unha muller de Redondela con intereses en Asturias: 1788 Real carta executoria gañada a pedimento de Rosa Josefa Álvarez, veciña de Redondela, do preito contra Don Manuel de Toral e Don Alonso de Alada, veciños del Puerto de Lastres, sobre o pago de débedas.

          A mediados de século atopamos residindo na Vilanova de Redondela a Juan del Cantillo Tobar, propietario na Ribeira dunha das mellores casas da vila, e aos irmáns Borines. Nesta época tamén aparece como propietario de varias propiedades Francisco Lué, quen se faría cargo da administración da Lonxa e dos Reales Alfolíes da vila.

        Centrándonos nos irmáns Borines, apelido que sigue vivo en Redondela, chegaron procedente de Lastres, concello de Colunga. Sería Benito Borines o primeiro en establecerse en Redondela, sendo seguido polos seus irmáns en 1748: Pedro, Santos Vicente e Andrés Borines. Este último, nun preito de fidalguía de 1763 xa consta como falecido e representado polo seu fillo Agustín Francisco Borines.

        Como por desgraza é habitual ao longo da nosa historia, é difícil atopar datos de mulleres, pero cabe aquí citar a Juana Cameselle, que en 1763 casaría con Benito Borines, aportando unha dote de 1.000 ducados

        Como cargo público podemos citar que Santos Vicente exercería como Tenente de Xuíz de Redondela. No século seguinte entre os descendentes desta familia atopamos a José Bernardo de Borines e a Genaro Borines Ponte exercendo a alcaldía de Redondela, en 1828 e 1874 respectivamente, ou a Ramón Sampedro Borines como Xuíz de Primeira Instancia en 1861.

        Para rematar citar que moito máis próximo no tempo, concretamente en 1904, María Valledor, veciña de Castropol (Asturias) que tiña en venta o Pazo de Petán, realiza xestións para inscribir esta casa, descubríndose que conservaba dereitos sobre el Fernando Rodríguez Trelles, xa falecido, polo que se inicia a busca dos seus herdeiros, Manuel e Darío Rodríguez Trelles y Quintana, en paradeiro descoñecido. O motivo da venta do pazo, entre outras propiedades, sería a creación de un colexio de nenas na casa de Valledor en Castropol. Deste xeito, nace a Fundación Valledor, a partires do testamento de María Valledor, que recolle os desexos expresados pola súa nai Carmen Valledor e recollidos nunha nota manuscrita de 1895.

        A seguinte pregunta sería cando chegaron os Valledor a Redondela. Nun traballo de heráldica aparece ligado a Redondela, José Valledor y Vivero, quen era señor da casa de Pumariño e xurisdicións de Codesido, Gradaílle e outros territorios; Comendador de la Real Orden de Carlos III (1849), Maestrante de Sevilla, patrón do convento da Concepción de Viveiro e outras dignidades eclesiásticas.



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

Catastro de Ensenada de Redondela e Vilavella.

Pares>Archivo Histórico Nacional

Arquivo da Deputación de Pontevedra=> atopo.depo.es => Fondo Casto Sampedro

Apuntes heráldicos : heráldica asturiana y catálogo armorial de España, seguidas de leyes y preceptos, de la bibliog... Miguel Vigil, Ciriaco, 1819-1903 [Oviedo] : [s.n.], 1892 (Oviedo : Imprenta de Pardo, Gusano y Compañía

Castropol => http://castropol.blogia.com

BOE=> Boletín Oficial de la Provincia de Oviedo

La milicia honrada de Viveiro en 1810. https://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.9047.php

No hay comentarios:

Publicar un comentario