![]() |
A Coca cun dos xigantes e os cabezudos. Foto: J. Migueles |
Cando en Redondela falamos de seres mitolóxicos o primeiro que nos ven á cabeza é a Coca que ten a súa propia Festa da Coca na que sae acompañada de diaños, xigantes e cabezudos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/festas-da-coca.html ) Se imos un pouco máis alá seguro que pensamos nas lendas dos mouros que hai por toda Galicia e tamén no noso Concello onde deixaron moitas lendas e unha gran pegada na nosa toponimia: a Fonte do Mouro, a Bañeira da Moura, a Pedra da Moura, Eido da Moura, Outeiro da Moura, A Cama da Moura...
(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/a-baneira-da-moura-e-pedra-da-moura-o.html )
(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/o-castro-de-negros.html )
A necesidade de protexer aos nenos e nenas de perderse no monte ou de andar polas rúas e camiños ao caer a noite, levou á proliferación de seres terroríficos na mitoloxía tanto galega como do resto do territorio español. En Redondela a mediados do século XX empregábase unha frase para asustar á rapazada: “Después de las diez deja la calle para quien es”. Entre os seres cos que asustaban aos nosos maiores podemos citar a: O Urco, O Home do Saco, Pedro Botella, A Santa Compaña...
Algúns son sobradamente coñecidos como sería o caso da Santa Compaña, almas en pena que vagan polos nosos montes con farois para alumear o seu camiño. Se os atopas veste na obriga de sumarte ao cortello. Nunha ocasión presenciei como unha muller de idade avanzada aseguraba que vira no á Santa Compaña, describindo que vira as luces dos seus farois avanzando axiña polo monte, ao que un home contestoulle: “Bah, iso era que ían ao muíño pola noite e tiñan que correr para que non os pillara a Garda Civil e así non declarar o que ían a moer.”
![]() |
Petróglifos de Chan da Cruz, un lugar vinculado á Santa Compaña. Foto: J. Migueles. |
Un ser mítico pouco coñecido é o Urco. Tamén coñecido noutros lugares de Galicia como o Can de Urco ou Can do Mar. Trátase dun can negro, aínda que en ocasións se describe de cor branca, de gran tamaño, con largos cornos e orellas que arrastra cadeas de ferro. Cando sae do mar pola noite ouveando é presaxio de que vai a haber algunha morte.
Outro pouco coñecido é o Tardo. Trátase dun tipo de trasno que é o culpable de que teñas pesadelos. Faino sentándose sobre o teu peito mentres dormes, o que tamén provoca que espertes con dores por todo o corpo. Como curiosidade dicir que en chapela existe como alcume.
No noso rueiro tamén atopamos o Camiño do Can Branco, concretamente no barrio de Cabanas, en Trasmañó. Non sabía a que facía referencia ata que lin en “Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo”: “Can branco, fantástica visión que aparece de noche en las aldeas y en los caminos, y que mira tristemente a las personas con quienes se encuentra. Creen nuestras gentes sencillas que esta aparición augura buenas nuevas.“
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Aportes Orais
Fantasía Celta. Blog de David Tebras. https://www.davidtebras.com/FantasiaCelta/blog/
Mitología Ibérica. https://mitologiaiberica.fandom.com/
Misterios y Leyendas de Galicia y Asturias. Blog de Antonio Ceniza. https://misteriosleyendasdegaliciayasturias.wordpress.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario