Cabo dos Fumeiros inicios do s.XX. Fototipia Thomas |
A rúa Cabo dos Fumeiros debe o seu nome ao antigo accidente xeográfico que formaba, xa que ata este punto chegaba o mar. Alí estivo en tempos o porto máis antigo de Redondela do que hai constancia, sendo empregado ata inicios do século XX. A presión urbanística acabaría por sacar o mar de Redondela e o porto hoxe descansa baixo un edificio do inicio da rúa.
Seguindo co topónimo, o nome dos Fumeiros ven da técnica de conservación consistente en afumar o peixe. Nesta rúa aínda se conservan construcións que lembran o pasado mariñeiro do barrio.
Casa do Cristo de Limpias. Foto: J. Migueles |
Outra edificación senlleira sería a Casa do Cristo de Limpias. Construída no século XVI, debe o nome a que un día que pasaba unha procesión por diante comezou a chover, polo que refuxiaron a imaxe do Cristo na taberna que había no seu baixo. Anteriormente era coñecida como Casa da Carballa. Na súa fachada destacan dous brasóns. Tamén hai un curioso reloxo de sol colocado recentemente polos seus propietarios. Ao seu carón existía unha capela que xa nos anos 40 estaba abandonada e era empregada como vivenda por un portugués que mal vivía vendendo leña que traía a nado dende o monte de Machaquito. Desapareceu anos despois coa construción dun edificio. Na súa fachada había outro brasón que sería trasladado a unha casa de Reboreda.
Brasón na Casa do Cristo de Limpias. Foto: J. Migueles |
Esta rúa é coñecida popularmente como a dos Canastros. Aquí existiu unha gran concentración deles e por fotos antigas vemos que deberon superar a vintena. A mágoa é que estes elementos etnográficos tamén sufriron a presión urbanística e o abandono de moitos anos. Algúns aínda sobreviven en pé, e no chan vemos os tornarratos doutros que ao ser de madeira correron diferente sorte.
Facebook Alonso Vidal |
Foto de José Bellver. |
Publicada por Vigo, La Antigua Ciudad Olívica |
Unha das reclamacións da veciñanza é a recuperación desta zona porque é unha mágoa que unha das rúas do casco vello con máis interese histórico e patrimonial permaneza nun total abandono. Cunha escola taller de cantería e carpintería poderíanse restaurar os canastros e cuns paneis destacar os puntos de interese. O potencial turístico paga a pena, xa que existe un paseo baixo os arcos do viaduto de Pontevedra e a fotografía dos canastros coa ponte de fondo é unha das paisaxes máis fermosas que poden levar os nosos visitantes nas súas cámaras.
Lamentable imaxe que presentan os canastros (2008).
Fotos: J. Migueles
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Sal, sardiñas e peiraos. Achega ao patrimonio marítimo na Enseada de San Simón. Alberte Román Losada. Ed. Asoc. Alén Nós 2009.
Guía didáctica para escolares: Nº3. Arquitectura e urbanismo en Redondela. Alfonso Sotelo Ramos, 1986.
Reloxos de Sol. Autor: Ana Chas => https://reloxosdesol.wordpress.com/blog/page/12/
SEREN. Nº3. Heráldica de Redondela. Ernesto Iglesias Almeida.
Aportes: Tere e Manuel Migueles.
No hay comentarios:
Publicar un comentario