miércoles, 12 de julio de 2023

A Fala de Redondela. Vocabulario.

 

"Escea familiar sen data". Foto publicada en:

Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.


 

Neste apartado tento recoller algunhas palabras de uso en Redondela ou nas Rías Baixas que non aparecen no dicionario da Real Academia, pero que poden aparecer recollidos noutros dicionarios. Tamén recollo variacións ou palabras que se empregan cun significado diferente ao normativo.


Abollar. Castelanización do verbo aboiar. Emprégase co significado de aburrirse. Tamén adxectivo, abollado-a e substantivo abolle. Ex. Ese é un aboiado./Redondela é un aboie.

Aghoneado-a: Estar aghoneado, significa estar agobiado, sen ganas de facer algo.

Alcrique: Tipo de peixe, agulla. En Redondela tamén se emprega de forma figurada para referirse a unha persoa delgada e pouco musculada.

Aldruvio-a: (Adx.) Tacaño-a.

Aúpala!: Ao levantarse.

Baldreu. No Dicionario da RAG: Baldreo. Persoa sucia e descoidada. En Francisco Javier Rodríguez (1854c): Diccionario gallego-castellano. Baldreu. El que ó la que, en las fabricas de salazón, esta destinado á quitar las cabezas á las sardinas y las tripas. Se aplica á la persona que anda demasiado sucia y á la prostituta. Parece ser voz catalana.

Baldrocas. No Diccionario da RAG: Baldrogas. Persoa sucia e descoidada no seu aspecto persoal.

Botafumeiro: Nos anos 40 chamábase así ao autobús, da marca alemá Krump, que viña de Tui polo moito fume que botaba. Por extensión seguiu empregándose para referirse a calquera vehículo con exceso de fumes.

Calandraca: Alguén que fai tonterías ou que andaba esfarrapado no vestir, sucio. Ex.: Anda....vaites de aí que es un calandracas! No Dicionario galego-castelán e Vocabulario castelán -galego, A Coruña, Moret. Leandro Carré Alvarellos (1979), aparece Calandraca. Fig. Esperpento, persona desaliñada y sucia. Tamén se emprega «Sopa de calandraca», prato feito con pan (de millo ou trigo) cocido con auga, viño tinto, manteiga de vaca, azucre e canela; se ben é certo que a receita varía nos diferentes puntos de España.

Canastro.: En Redondela emprégase o termo canastro para referirse aos hórreos. Segundo a RAG: canastro: 2. Hórreo que ten as paredes feitas de vimbios ou varas trenzadas. Como podemos ver é un tipo de hórreo dos que xa non existen no noso concello. Hórreo: Construción rural, de forma xeralmente rectangular, feita sobre columnas e con moitas aberturas nas paredes para facilitar a ventilación, que se utiliza fundamentalmente para gardar o millo e outros produtos agrícolas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/canastros.html )

Candorna ou candorca: En Redondela tense dado o nome de candorca aos arroaces, pero en realidade refírese ao que en castelán se coñece como orcas. No Dicionario da RAG: Cetáceo da familia dos delfínidos, de ata dez metros no caso dos machos, bico arredondado, aleta dorsal triangular e cor negra no dorso e branca no ventre con manchas tamén brancas na cara e nos costados. Traemos aquí este termo tamén por citarse unha das nosas parroquias no seguinte dicionario: M. do Carme Ríos Panisse (1983): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas, Universidade de Santiago, Verba anexo 19: candòrna. Orcinus orca (L.), Orca común: Cesantes. Etim. V. alcandorca. mèrda de candòrna. Especie de bicho marino de color rojo y de figura alargada. Aparece muerto en las playas (Cesantes).

Ceguello: Ollo do cu. Non aparece recollido en ningún dicionario pero curiosamente existe como apelido.

Chafarís. Aínda que o seseo é case que residual, en Redondela está xeneralizado o emprego desta palabra por chafariz: Fonte cun ou máis pichos por onde sae a auga a chorro.

Correchaquetas: Como sinónimo de furafollas, persoa inquieta.

Encriquillado: Estado no que se queda un cando colle unha mala postura. Ex. "Agacheime e quedei encriquillado". Tamén “Andar encriquillado”: Andar encollido, por non poder ou non querer andar dereito. Ex: "Ponte dereito, que andas encriquillado."

Escanícula. Así se chama o xogo da billarda en Redondela, aínda que esta voz fai referencia ao pau lanzado polo palán. (Recollido polo Padre Crespo)

Escurrichar. Como sinónimo de chuchar. Non aparece no dicionario da RAG pero si en outros como: Juan Cuveiro Piñol (1876): Diccionario Gallego, Barcelona: Verter ó vaciar hasta la última gota de un líquido. Esprimir.

Espais. Tenis, zapatilla de deporte.

Estoa. Sinónimo de parvo. Recollido con significados semellantes en varios dicionarios dos anos 50 e 70, pero non na RAG.

Estopor (Adx.): Co significado de baldreo. Ex.: Es un estopor. Tamén se emprega en grao superlativo a expresión: "Rao estopor". Na RAG o máis parecido sería estupor co significado de: Sorpresa grande que non permite reaccionar. Pero no dicionario Dicionário Priberam da Língua Portuguesa [em linha], 2008-2023, atopamos estupor: nome masculino. 1. [Medicina] Entorpecimento patológico das faculdades intelectuais, acompanhado de alterações motoras e sensitivas. 2. Paralisia parcial. = HEMIPLEGIA. 3. [Figurado] Efeito, geralmente imobilizante, de grande espanto ou surpresa. = ASSOMBRO, PASMO. 4. [Informal] Pessoa sem préstimo ou de más qualidades.

Falabarato: Alguén con pouco criterio no que di. Recollido en Constantino García González (1985): Glosario de voces galegas de hoxe, Universidade de Santiago, Verba, anexo 27: falabarato. Dícese del que habla mucho diciendo tonterías.

Fanado-a. Dise da persoa á que lle falta un, varios ou todos os dentes. No Dicionario da RAG: adxectivo [Animal, persoa] que perdeu un membro.

Fantasma. Co significado de persoa esaxerada ou que presume do que non é ou do que non ten.

Fasco Na RAG: Folla seca do piñeiro. O termo empregado en Redondela coincide co normativo pero no barrio da Portela (Cedeira) emprégase Cascaxo. Noutros concellos próximos chámase: en Pontesampaio feno, en Paredes pico e en Figueirido e Vilaboa cosco.

Follato. Na RAG: 1. Folla que recobre a mazaroca. 2. Rama pequena e nova con follas. En Redondela díselle tamén ás folerpas de neve: Cae follato.

Forrochaqueta. Cando un neno pequeno xoga, por exemplo, ao fútbol con outros maiores, ía de forrochaqueta, ou sexa, que non contaba.

Gallifa. Pronunciado Ghallifa. Recollido en “Varios autores (1961): Apéndice ó Diccionario de Eladio Rodríguez” e en “X. L. Franco Grande (1972): Diccionario galego-castelán, 2ª ed., Galaxia, Vigo” co significado de: Artimaña, mentira para eludir una obligación o clase. Trampa en el juego. Alboroto, jaleo, ruido de niños jugando. Juerga, diversión.

Ghicho-a. Persoa da que non se coñece o nome (tío-a). (Nas Rías Baixas. Tamén se emprega “Jicho” en León, Zamora e Valladolid)

Golosioba. Homosexual.

Jodechinchos: Nome que se lle dá nas Rías Baixas aos madrileños e, en xeral, ao “turismo barato” que come peixe frito en lugar de marisco. Dise que a orixe está en que os mariñeiros cando chegaban á praia dábanlle aos turistas o peixe pequeno e estes nun exceso de confianza volvían ao día seguinte con tarteiras a coller máis.

Lambespiñas ou Trincaespiñas. Alguén que aproveita todo.

Laranxo-a: Adxectivo. Que é de cor laranxa. Emprégase tanto en masculino como en feminino e non só en feminino como é normativo.

Loubanza: Este termo está recollido en X. Filgueira Valverde, L. Tobío Fernandes, A. Magariños Negreira e X. Cordal Carús (1926): Vocabulario popular galego-castelán (publicado por entregas en El Pueblo Gallego) coa tradución de “Alabanza, loanza”; que é o significado que se lle da en Redondela. Non aparece no Dicionario da Real Academia Galega, empregándose encomio.

Mallouca. Emprégase como sinónimo do normativo malleira. substantivo feminino. 1 Serie de golpes dados a unha persoa ou a un animal. Meteuse cuns rapaces máis grandes ca el e case lle dan unha malleira. SINÓNIMOS boura, brea, carpanta, felpa, frega, marimba, palerma, quenta, soba, tunda, xota, zurra CONFRÓNTESE zorregada2 figurado Esforzo que produce moita fatiga ou cansazo. Vaia malleira que levamos hoxe apañando nas patacas todo o día. SINÓNIMOS ceifa, coza, quenta, xeira3 figurado Derrota contundente. Perderon por seis goles de diferenza, vaia malleira!

Como curiosidade, en Redondela si que se emprega malleira cando o que se mallan ou golpean son vexetais ou o polbo. Ex.: Hai que darlle unha malleira a esa herba. Hai que mallar o polbo antes de cocelo.

Mepamsa. Nome que se daba á campá extractora da cociña en referencia unha das primeiras marcas fabricantes.

Nique: Nome que se lle daba ás camisetas. Esta mesma palabra aparece en varios dicionarios co significado de: Señal que deja el golpe ó herida, comprende al chirlo, cicatriz.

N𝐢𝐪𝐮𝐢𝐭𝐚𝐭𝐞: Persoa pouca cousa que desfai máis que fai. No Diccionario Estraviz: 1. Despect. Pessoa pequena, de baixa estatura. 2. Desgraçado, infortunado. 3. Tacanho.

Ñe: No barrio da Esfarrapada era típico substituír o pronome lle por ñe. Ex: Dañe duro!

Paduano: Persoa vestida con moitas capas. Na RAG tan só contempla o significado de natural de Padua (Italia). Por contra, X. L. Franco Grande (1972): Diccionario galego-castelán, 2ª ed., Galaxia, Vigo, o recolle como adxectivo: atontado.

Pavero-a: Simpático-a e riquiño-a. Non está recollido na RAG pero si en outros dicionarios como Leandro Carré Alvarellos (1933): Diccionario galego-castelán, Segunda Edizón, A Coruña, Roel, co significado de: Bromista, burlón, gracioso, chancero.

Pegho. Centola pequena. (Nas Rías Baixas)

Perrera: Non está recollido na Rag pero si en Constantino García González (1985): Glosario de voces galegas de hoxe, Universidade de Santiago, Verba, anexo 27: perrera. 1. flequillo. 2. mechón de pelo que cae por la frente de algunos animales. Na segunda metade do século pasado era moi habitual chamarlle a atención aos mozos polos seus peiteados: A onde vas con esa perrera!

Pinto. Ademais de ser un tipo de peixe, emprégase co significado de Lapis de cores.

Perriquitero/a: Presumido/a.

Pisca pisca. Do portugués pisca. Intermitente dun coche, moto...

Planeta. Persoa esaxerada ou que alardea do que non é ou non ten. (fantasma).

Plóquinis plóquinis. Expresión do xogo das bolas.

Pouchar. Dise do que perde nun xogo. Por exemplo, no xogo do escondite o que poucha é o que ten que buscar.

Sábena. Por saba. En Redondela era habitual o peche dalgunha vocal, neste caso substitúese o a polo e. Esta variación está recollida no Dicionário Estraviz, sábena: Lençol para a cama que podia ser de linho ou de estopa; as sabas, dantes, eram de estopa, de linho e também de tasco.

Tinglado. Palabra castelá co significado de parque infantil.

Torrella. Co significado de nalga, como se recolle en Constantino García González (1985): Glosario de voces galegas de hoxe, Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Tamén se emprega Ter Torrella, ser parvo; e Estorrellarse, estirarse, deitarse ou poñerse cómodo.

Toupeira: Empregado como adxectivo co significado de torpe. Na RAG tan só se recolle co significado de toupa ou de montón de terra que deixa ao escavar as súas galerías. Ex.: Estás feito unha toupeira.

Trincachicas. Ser agarrado a hora de pagar. A chica era unha moeda de cinco céntimos.

Xismar. Por cismar: Pensar con insistencia e de modo obsesivo en algo. Tamén o adxectivo xisma ou xismado-a, co significado de persoa obsesiva.



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego. José Santiago Crespo Pozo.

Diario de León. Jichos o romanos. Pedro Trapiello. https://www.diariodeleon.es/articulo/tribunas/jichos-o-romanos/201306100600021354241.html

Aportes: Antoni Ricón, Uxia Lueiro, Eva Viruleg, Ignacio Prey, Ana Gesteira, Gonzalo Figueroa, Antonio Cobián, Ramón P. Muíños, Daniel Boullosa, Pablo Muíños, Maica Alonso, Cuni Orge...

Diccionario de diccionarios. Instituto da Lingua Galega. https://ilg.usc.gal/ddd/

Diccionario da Real Academia Galega. https://academia.gal/dicionario

Dicionário Priberam de Português Comtemporâneo. https://dicionario.priberam.org/

Dicionário Estraviz. https://estraviz.org/


No hay comentarios:

Publicar un comentario