O primeiro que temos que aclarar ao falar dos hórreos é que en Redondela son chamados canastros. Segundo a RAG: canastro: 2. Hórreo que ten as paredes feitas de vimbios ou varas trenzadas. No noso concello por contra emprégase canastro para referirnos aos hórreos que será definido como: Construción rural, de forma xeralmente rectangular, feita sobre columnas e con moitas aberturas nas paredes para facilitar a ventilación, que se utiliza fundamentalmente para gardar o millo e outros produtos agrícolas.
- De pedra. Con tan só a porta de madeira.
- Mixtos. Coas aberturas verticais de madeira.
- De madeira. Con tan só os pés e tornarratos en pedra. Dentro de este tipo hai algúns coas aberturas en horizontal.
- Modernos. Construídos con cemento e ladrillo.
Todos eles teñen a cuberta de tella, empregándose tradicionalmente a do país, se ben é certo que nalgúns casos foi substituída pola plana. Os adornos do tellado soen ser unha cruz e un lampión, pero tamén poden ser dúas cruces ou dous lampións. Outro elemento decorativo que atopamos nos canastros de pedra máis antigos é o reloxo de sol. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/reloxos-de-sol.html )
Non existe unha figura de protección clara sobre estes elementos, se ben é certo que se superan os cen anos son declarados BIC (Ben de Interese Cultural), na práctica non hai un control efectivo de que isto se leve a cabo. Os máis ameazados son os de madeira que soen desaparecer por falta de mantemento, polo que cada vez son máis escasos. Os de pedra son máis duradeiros e moi valorados polo que a maior ameaza é a súa venda e o traslado desde zonas agrarias a áreas residenciais. Os de cemento e ladrillo son menos apreciados polo que moitas veces son demolidos.
1930. Avelino Giráldez e amigos. Foto Pacheco. Faro de Vigo. |
É moi difícil saber cantos canastros existen no Concello de Redondela por atoparse en propiedades privadas. Grazas a Google Maps e moita paciencia podemos dar un número aproximado que sería de 1.095. Por parroquias atopamos:
Cabeiro: 50
Cedeira: 120
Cesantes: 142
Chapela: 29
Negros: 54
Quintela: 61
Reboreda: 161
Redondela: 38
Saxamonde: 75
Trasmañó: 59
Ventosela: 101
Vilar de Infesta: 53
O Viso: 152
Chama a atención que a parroquia con menos canastros sexa Chapela, unha das máis extensas. O motivo é que é a máis poboada por mor do gran crecemento que experimentou a partires dos anos 60 do pasado século. Este crecemento sería caótico sen un ordenamento urbanístico axeitado, polo que hoxe en día podemos atopar máis de cen vivendas sen acceso de coche. O casco urbano quedou sen campos e moitas casas carecen de eido, polo que non quedou sitio para os canastros.
Noutro extremo atopamos casos como o do Viso, no que vemos non só un gran número de canastros, se non tamén a conservación de moitas casas antigas de labranza.
Por último citar o caso máis grave de destrución que se deu na rúa Cabo dos Fumeiros, onde Redondela tiña unha gran concentración que rondaba os 20 canastros. A desidia leva a eterna promesa da súa recuperación (2023) mentres asistimos ao deterioro dos poucos que seguen en pé, escusándose en que son bens privados en terreos públicos.
Cabo dos Fumeiros. Foto de José Bellver. |
No hay comentarios:
Publicar un comentario