viernes, 5 de enero de 2024

Faustino da Portela

 

 

Faustino da Portela. Foto publicada en nondesaesquecemento.blogspot-


        

            Faustino Otero Veloso, máis coñecido como “Faustino da Portela”, naceu o 2 de agosto de 1891. Como tantos nenos que nacían á beira do mar aprendeu o oficio da pesca co seu pai, Faustino Otero Cabaleiro, quen inventou a manobra chamada choqueira. Nesta forma de navegar a percha da que pendura a vela latina salta por riba do mastro nas viradas.


            Volvendo a Faustino Otero Veloso, co paso dos anos casou con Maria Bernardina Lino Pérez, “Bernarda”, e tiveron nove fillos que foron alcumados co nome do pai,“Os Faustinos” ou “As Faustinas”. Para sacar adiante unha familia tan numerosa Faustino compaxinou o oficio de mariñeiro co transporte de mercadorías e persoas no interior da ría, principalmente entre San Adrián de Cobres e Redondela, co seu galeón, A Lola. Os galeóns eran barcos de pouco calado ideais para achegarse a peiraos como o da Ribeira que tan só se podía empregar con marea alta. Tamén era propietario dunha buceta de vela latina, O Vedrines, que polo seu menor tamaño utilizaba máis para a pesca. Esta última fora construída en O Freixo e mercada polo seu pai quen lle dera o nome polo aviador francés Jules Védrines, quen fora o primeiro en sobrevoar Vigo en 1911. Probablemente ata puido coñecelo cando fixo parada na estación de Redondela (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/search?q=cr%C3%B3nicas+do+aire )

            A ocupación de barqueiro levaríao a estar presente en varios feitos de gran transcendencia na historia do noso Concello. A primeira foi cando o golpe de estado militar do xeneral Franco levou á habilitación da illa de San Simón en cárcere, en outubro de 1936. Coa axuda do seu fillo maior, tamén chamado Faustino, era o encargado de comunicar por mar a illa con Redondela transportando víveres e a roupa, que levaba para a súa limpeza polas lavandeiras que foron declaradas “Persoeiro do Ano” en 2020 polo Concello de Redondela. Formou parte así dunha rede de solidariedade xa que á súa casa da Portela chegaban os paquetes e cartas que os familiares e amigos enviaban aos presos. Máis dunha vez tería que pasar noticias do que acontecía fora da prisión ou colar algún envío lonxe da mirada dos gardas.

 

Barca de vela latina "Manuel". Foto: Condor Press-El País

        A situación empeoraría en outubro de 1938, cando se decide trasladar á illa de San Simón aos presos máis vellos de todos os cárceres da España ocupada polo exército sublevado. A falta de espazo provoca que moi preto atraque o buque-prisión Upo Mendi co que Faustino tamén realizaría as funcións de enlace. Se as condicións eran malas na illa, chegando a acoller arredor de 2.500 presos, a estancia dentro do barco sería terrible, polo que se suceden as mortes “por enfermidade”, levándose aos falecidos a enterrar a Vigo pola pouca capacidade do cemiterio de Redondela. Despois aínda virían anos de horror cos falanxistas sacando pola noite presos da illa que aparecían á mañá seguinte tirados nas cunetas dos arredores de Redondela.

        Cando a Illa de San Simón entra nun período de mellora de condicións para os presos, co traslado de moitos deles evitando así a masificación, iníciase a II Guerra Mundial en 1941. O cárcere pecharía en 1943, pero daquela Faustino xa tiña outra ocupación, sacar co seu barco xudeus e levalos ata barcos que ao amparo da noite os conducen a Valença do Miño. Una vez a salvo en Portugal embarcaban cara o continente americano. Esta sería unha operación organizada polo vigués Eduardo Martínez Alonso, médico da Embaixada Británica e da Cruz Vermella, quen é propietario dunha casa na Portela, onde se ocultan os fuxidos. Calcúlase que salvou dunha morte segura arredor de 30.000 persoas sacándoas de España por diferentes puntos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1941-ii-guerra-mundial-ii-o-schindler.html )

        Aquí temos que facer un alto para explicar o risco que supuña esta actividade, pois nos anos sucesivos a Ría de Vigo convértese na base de aprovisionamento dos submarinos alemáns. Nas illas Cies a Praia dos Alemáns recibe o seu nome porque era onde os soldados dos submarinos pasaban os seus momentos de ocio. O Pazo de Torres Agrelo era empregado como hospital a onde trasladaban aos feridos, sendo enterrados na propia costa de Soutoxuste cando falecían antes de desembarcar. Precisamente unha casa desta zona era propiedade dun mando alemán. Sen saír de Redondela, en Rande, o dono da fábrica do Alemán, Otto Gerdtzen Boyé, foi un dos fundadores do partido nazi en Vigo. Moi preto o cargadoiro de Rande sería empregado para transportar wolfram cara Alemaña, mineral que se empregaba na fabricación de armamento. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1941-ii-guerra-mundial-i-alemans-en.html )

        Faustino ensinaríalle todos os segredos da Ría de Vigo ao seu fillo, Faustino Otero Lino, quen participaría nunha das moitas buscas dos tesouros da Batalla de Rande. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1702-batalla-de-rande.html ) Sería en 1954 cando o norteamericano John Stauffer Potter chega a Redondela e atopa en Faustino a un home de mar que lle facilita a localización dos barcos afundidos e, isto si que é ben curioso, os nomes con que eran coñecidos polos mariñeiros. As peripecias deste aventureiro foron recollidas posteriormente en Treasure divers of Vigo Bay” traducido ao castelán como “En busca del tesoro de la ría de Vigo”, Museo do mar de Galicia, e On the Track of the HMS Monmouth’s galleon and Sunken Treasure”, publicado en galego co título Tras o rastro do Santo Cristo de Maracaibo”, Ed. Rinoceronte. Tamén publicaría The treasure diver's guide (1960) e My first nine lifes (2012). Tamén podemos coñecer o punto de vista doutro membro da tripulación, Robert Stenuit: “Tesoros y galeones hundidos” e “Os galeóns de Rande”.

 

No centro Faustino Otero Lino coa expedición de Potter. Foto publicada en Rande 1702 Arde o mar.

 

         Non sería a última expedición estranxeira sen apenas control administrativo nas nosas augas. Por sorte a situación cambiaría nos anos 80 cando as competencias para autorizar a exploración foron cedidas ao goberno autonómico quen puxo fin a esta situación.

        Faustino Otelo Veloso seguiría residindo na Portela ata o seu falecemento en 1965 aos 74 anos de idade, sendo soterrado no cemiterio da súa parroquia, Cedeira. Para os veciños queda a súa lembranza nunha cantiga que aínda canta a Rondalla de Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/cantigas-de-tasca-e-furancho-i.html )

        En 2024 anúnciase o proxecto da restauración polo Obradoiro de Emprego do Concello de Redondela dunha barca cedida desinteresadamente pola súa familia a unha asociación redondelá que pretende poñer en valor a nosa vinculación co mar e a súa historia. Trátase do bote de vela latina “Manuel” que fora adquirido por Faustino Otero Veloso e do que pasara a Faustino Otero Lino.


Plano de Potter. Foto publicada en Rande 1702 Arde o mar


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Historia de las Rías. (2 Volumes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Episodios de terror durante la Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A illa San Simón. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. Ed. Xerais.

Aillados. A memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón. Antonio Caeiro, Juan A. González e Clara Mª de Saá. Ed. Ir Indo, 1995.

Non des ao esqueecemento. Luís Bará.

Rande 1702: Arde o mar. Coordinador: Alejandro de Arce. Museo do mar de Galicia., 2002

Historia de las Rías. (2 Volúmenes). Varios autores. Ed. Faro de Vigo.

Seren Nº 0. A Batalla de Rande. Guerra de Sucesión española. J. A. Orge.

A Voz de Vilalba. http://avozdevilalba.blogspot.com/2008/09/xulia-lola-e-amparo-na-memoria.html?showComment=1221945420000

Galicia en guerra. Eduardo Rolland Etchevers. Edicións Xerais de Galicia, S.A

Aportes: Pedro López (xerente de Os Cortizos) e Elvira Otero.

El País https://elpais.com/

La Voz de Galicia.

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

Faro de Vigo

http://www.farodevigo.es/servicios/hemeroteca/hemeroteca.jsp

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Varios xornais.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario