martes, 14 de abril de 2020

1941-II Guerra Mundial (I). Alemáns en Redondela


Desfile en Vigo da Lexión Cóndor alemana en maio de 1939. Autor: Hugo Jaeger.
 
Durante a II Guerra Mundial a Ría de Vigo foi empregada como base de aprovisionamento e reparación dos submarinos alemáns. Este punto foi confirmado nos arquivos ingleses xa que a gran censura da época impídenos contar en Galicia de información de primeira man. A prensa baixo o réxime franquista ofrecía unha información pouco rigurosa polo que o Faro de Vigo era coñecido en Redondela como “o Trampón”, xa que “a única verdade que dicía eran as esquelas”.

Por testemuñas orais coñecemos que daquela se dicía na vila que o cargadoiro de Rande empregouse para cargar wolfram, mineral de gran importancia bélica. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/08/cargadoiros-de-mineral-i-cargadoiro-de.html ). Este wolfram serviulle a Franco para pagar as débedas de guerra, lembremos que anos antes a lexión Cóndor alemana desembarcara en Vigo para apoiar ao bando nacional na Guerra Civil española. Este mineral era moi abundante en Galicia, sobre todo en Santa Comba e Carballo, e León, mina de Coto Wagner.

 

          O consulado alemán de Vigo era o centro dos servizos de espionaxe na zona, ademais nesta rexión vivían familias alemanas dende había anos que se converteron en colaboradores. Deste xeito, mentres os submarinos alemáns fondeaban na praia de Barra ou na Enseada de San Simón, os seus tripulantes se repoñían en propiedades de alemáns como o “Pazo do Alemán” en Soutomaior, no “Colexio Alemán”en Vigo e noutros puntos da Ría como as Illas Cíes, onde aínda se coñece como Praia dos Alemáns ao lugar empregado polos soldados para o seu tempo de ocio. Outro punto sería o Pazo do Alemán, no veciño concello de Soutomaior.
 
Cargadoiro de Rande, 2008. Foto: Juan Migueles
       

          En Redondela, no pazo de Cesantes, Torres Agrelo, recuperábanse os alemáns feridos na fronte. Teresa Amoedo aínda lembra (2020), cando de nena a súa nai a enviaba ao pazo a mercar froita para vender na Praza. Ela era moi nova e ía coa roupa de traballo, pero sempre tentaban acompañala as súas curmás e amigas que ían coa roupa das festas. Daquela, a chegada daqueles estranxeiros loiros con uniforme causaba furor entre o sector feminino.

         Do xa falecido Luciano Domínguez, de Vigo, un sobriño nos conta que era mariñeiro nun gardacostas. Entre as súas funcións estaba a de levar as pezas á parte sur das illas Cíes para reparar os submarinos. Á volta traían aos oficiais ata o río Verduxo desde onde se dirixían ao Pazo do Alemán. Tamén traían aos feridos ao pazo de Torres Agrelo e aos falecidos os desembarcaban “en Redondela preto dun restaurante”, onde os enterraban. Unha veciña de Soutomaior confirma que o seu pai lle contaba que os alemáns que chegaban mortos os enterraban ao desembarcar en Redondela.

 

       Cara a 1942 ou 1943 publícase en Información de España. (México), as declaracións dun home que chegara da provincia de Pontevedra, que di de Redondela:




            Tamén en Nuestra Bandera fanse eco do publicado no Daily Mirror:

A todo isto habería que engadir a saída de refuxiados cara a Portugal polo porto da Portela.

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1941-ii-guerra-mundial-ii-o-schindler.html )

 
 
Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002
Historia de las Rías. (2 Volúmenes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.
Galicia en guerra. Eduardo Rolland Etchevers. Edicións Xerais de Galicia, S.A
Aportes: Pedro López (xerente de Os Cortizos).
O wolframio galego de don Federico Guillermo. Eduardo Rolland.http://www.gciencia.com/historias-gc/volframio-en-rande/
Faro de Vigo
Información de España, 1942 ou1943. (México)
19441031Nuestra Bandera
Vigo en la II Guerra Mundial. Por Hacheron. Vigo Express
Los U-Boote en Galicia en la Segunda Guerra Mundial. Por Juan Carlos Salgado. Historias con historia.
Xornal de Galicia. http://www.xornaldegalicia.es
El Correo Gallego
19441031Nuestra Bandera
Información de España, 1942 ou1943. (México)
Aportes Teresa Amoedo e Pedro López Cadilla 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario