jueves, 14 de febrero de 2019

Colectivos e Asociacións ata principios do S. XX


Casa de Beneficencia. Foto: Saturno Cal. 1926, Vida Gallega
 

Asociación (Junta) de Beneficencia

A primeira referencia que atopo é en febreiro de 1922 cando se celebra unha función teatral a prol deste colectivo.

Despois do golpe de estado do xeneral Primo de Rivera volve a constituírse esta asociación en marzo de 1924: presidente honorario, José del Río Jorge; presidente, Avelino Giráldez Pazó; vicepresidente, Manuel Pereira Míguez; contador, Pedro Otero Milleiro; e depositario Saturno Cal Muíños. Outros presidentes desta asociación serían: Avelino Giráldez Pazó (1925, decembro), Pedro Otero Milleiro (1926), José Olimpio Giráldez (1932). En marzo do 1936 se elixiría como presidente ao recentemente reposto alcalde, Serafín Dacosta Paz, acompañado de Dolores Otero Sestelo, Carmen Otero, Domingo Fernández (Farrucacho) e Antonio Alfaya. Despois a asociación desaparecería dando paso a Auxilio Social.

Para acadar ingresos organizaban veladas teatrais ou colocaban unha tómbola nas festas da Coca, na que tamén se recollían doazóns. Co recadado axudaban ás familias máis necesitadas, contando tamén cun local con tres camas para atender aos enfermos. Coma sempre, cando se trataba de obras sociais, os emigrantes non se esquecían da súa vila natal, como en 1926 cando José Otero Lamas, comerciante en Pergamino (Arxentina), remitiu ao alcalde, Saturno Cal, 200 pesetas para a Asociación de Beneficencia.

Probablemente tiña delegacións nas parroquias se temos en conta esta noticia de finais de 1926: O temporal derrubou parte da humilde casa dunha pobre veciña do barrio de Saramagoso. O párroco lanzou a idea de que os seus fregueses acudan ao auxilio mediante unha subscrición. A Sociedade de Beneficencia que no Viso preside o filántropo Manuel J. Vidal, auxiliará seguramente esta obra de caridade.


Asociación de Comerciantes de Redondela.

Fundada en xaneiro de 1932.


Asociación de Dependientes. Delegación de Redondela.

En xuño de 1913, constituíuse en Redondela un grupo dentro da “Asociación de Dependientes de Comercio de Vigo”, composto de quince dependentes daquela vila, sendo nomeado delegado do mesmo, Eduardo Cunha.


Asociación de Maestros de Redondela (Junta local de Primera Enseñanza)

Constituída en maio de 1921, coa seguinte xunta directiva: presidente, José Gallego Martínez, director da graduada; vice, Manuel Palmeiro, mestre de Cedeira; secretario, Joaquín Pais, mestre de sección da graduada; vice, José Antonio Núñez, de Saxamonde; tesoureira, María Castro, directora da graduada; vice, Telesforo López, de Chapela; vocais: Sofía Rodríguez, de Vilavella, e os mestres de Mos, Fornelos, Pazos e Soutomaior.

En marzo de 1923, nunha reunión da Asociación Provincial de Maestros, á que non asistiu José Gallego, considérase inexistente a de Redondela por non renovar a directiva e non satisfacer as cotas. Acórdase deixala sen representación ata que formalice a súa situación coa Provincial.

En outubro, baixo a presidencia de Antonio Magariños, director da graduada de Cambados e presidente da Federación provincial de Mestres, organizouse a sociedade dos mestres do partido de Redondela coa seguinte xunta directiva: presidente, Manuel Martínez Otero, mestre de Mos; vice, María Castro Lago, directora da graduada; tesoureiro, Telesforo López de Guereñu, mestre de Chapela; vocais: José Santos Fidalgo, de Fornelos; José María Orge, de Pazos; e Manuel Vidal, de Soutomaior.

En novembro dese mesmo ano, o director da graduada e por acordo da xunta de mestres de Redondela, invitou a distinguidos persoeiros da localidade a unha serie de conferencias para adultos que se celebrarán unha vez por semana durante o curso actual. Outra decisión foi a de invitar ao cura párroco de Redoondela a dar clases de relixión na graduada.

Tralo golpe de estado de Primo de Rivera, volta a constituírse o 26 de marzo de 1924, por orde do delegado gobernativo, José Del Río.

 

 

Asociación de Marineros de Redondela

Antes da súa formación os mariñeiros de Redondela e de Santa Mariña (daquela pertencente a Cesantes), xa estaban agrupados no Gremio do Mar, que tiña por patrón a San Xoán. En 1730 este gremio pedíalle ao comerciante asturiano Alonso Vitoreo Calunga un empréstito de 600 pesos para axudar ás familias dos mariñeiros que son destinados ese ano ó exército. En 1751 preitean contra os mariñeiros de Cangas para que deixaran de empregar a “manjarda y trabuquete”.

Baixo o nome Asociación de Marineros, en 1890 alugaron un local na avenida de Santa Mariña.

En 1901 representantes da Sociedade de mariñeiros de Redondela, entre eles o seu secretario, Ramón Otero Milleiro, foron presentados polo deputado provincial Antonio Vázquez, ao presidente do Senado, Montero Ríos, co que trataron o tema das traíñas, pouco antes de que tomara o tren correo na estación de Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/toponimia-rueiro-de-redondela.html )

Nos inicios do século XX, cando había un naufraxio organizaba bailes ou funcións de teatro ou música co fin de recadar cartos para as familias. Tamén celebraba bailes os días de festa (entroido, Nadal...), moitas veces a beneficio dos máis necesitados. Tamén prestaba a súa axuda aos presos da cárcere.

Xa en 1902 tiñan como tradición a organización da festa ao seu patrón, San Xoán, por contra ese ano os dirixentes desta sociedade prohiben aos mariñeiros asistir á procesión da Virxe dos Dores. A principios do século XX tamén costeaban unha función de ánimas.

En marzo de 1904 anúnciase a disolución da Asociación de Mariñeiros e a constitución do Centro de Mariñeiros. En xaneiro de 1905 trasládanse ao local que fora do Liceo de Artesanos, probablemente é o citado en 1910 como que estaba na rúa Ribeira, e seguramente sexa o antigo edificio que aparece na foto e sinalado cun panel en dita rúa. En 1908 anúnciase que vai recibir o estandarte que empregará nos actos públicos. En 1916 este centro recibe unha doazón da Sociedad de Marineros de Redondela en Montevideo, coa que pagan parte do crédito contraído con motivo das obras realizadas na súa sede social.

Neste período comeza a chamarse Sociedad de Marineros de San Juan, que naceu como unha organización mariñeira no ámbito da Confederación Regional Galaica (CRG) de tendencia anarquista. Nun principio o patrón maior era elixido polo alcalde. Nesta etapa esta sociedade manteríase moi activa destro do movemento agrarista. Na década dos 30 estaba na órbita do sindicalismo socialista, sendo presidida en 1930 por Valentín Rodríguez Chamorro. En 1932 contaba con 1000 afiliados.

En xuño de 1917, celebran o nomeamento como Capitán General de Galicia do xeneral Antero Rubín y Homent, presidente honorario da sociedade e gran defensor da causa agraria e os intereses dos mariñeiros. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/rubin-homent-antero-evasio-redondela-3.html )

No Nadal de 1925 os redondeláns emigrados en Norteamérica doan cartos a esta sociedade para que os reparta en especies e en metálico entre os máis necesitados da vila. Esta iniciativa repetiríase cada ano cando menos ata 1931.

En abril de 1933 José Otero González “Mañas”, dono de Conservas Job, único comprador da zona, négase a mercarlles a ameixa aos mariñeiros. Xa en abril de 1934 organizan unha festa en conmemoración do aniversario da República á que acudiu moita xente de Redondela.

Despois da Guerra Civil as Sociedades Mariñeiras foron convertidas en confrarías: Cofradía San Juan de Redondela.

En 1950 nomeou Patrón Maior de Honra ao Gobernador Civil José Solís Ruíz por conseguir levar a bo termo o arranque das obras da que sería chamada Avenida de San Telmo, de gran importancia para os mariñeiros de Chapela (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/06/toponimia-de-chapela-3-de-3.html )

En xuño de 1954. reúnense para estudar a aprobación da construción dun porto en Cesantes, mostrando o seu desagrado pola instalación naquela zona dunha empresa de mariscos que danaba gravemente os intereses mariñeiros na zona. En 1959 estaba constituída por 429 produtores.

A finais da década dos 70 trasladou a súa sede á avenida Mendiño, ao edificio coñecido como Casa do Mar.

Algúns dos seus presidentes (patrón maior) ao longo da súa dilatada historia serían: Rogelio Núñez (1902-04), Manuel Otero Alén (1916-1920), Juan Pintos (1923), Isidoro Otero Criado (1924), José Rodríguez Roupeiro (1927), Manuel Paz Domínguez (1928-29), José Rivas Cabaleiro (1950), Ángel López Amoedo (1959-1962), Mauro Martínez Martínez (1964), José Cobián (1971), Jesús Villar Martínez “Bichiño” (anos 80, tamén presidente da Federación de Agrupaciones de Mariscadores Ría de Vigo).

 

Sociedade de Mariñeiros de Redondela. Sen data. Foto: "Redondela crónica gráfica"


Asociación de las vítimas del mar

En 1886 o Bispo de Tui estableceu esta asociación para socorrer ás vítimas dos naufraxios nas costas do bispado. O proxecto baseábase en establecer catro centros, en Vigo, Bayona, La Guardia y Redondela, coas esmolas dos particulares e mariñeiros que se inscribiran na sociedade. Todos eles gozarían "de una porción de Indulgencia desde el momento en qne contribuyan á tan caritativo propósito, se atanderá al socorro de las victimas ó de sus familias, en la forma qae sea más prudente y equitativa".


Batallón infantil

Creado en 1911 por mor das festas da Coca, En 1911, contaba con 50 nenos-as. Sería o paso previo á constitución do Corpo de exploradores.


Braceros del Mar, La Luz

Un xornal de outubro de 1903 informa que foi suspendida nas súas funcións a “Sociedad de Marineros de Redondela”. Suspensión que se fixo extensiva á sociedade que baixo o nome “Braceros del mar, La Luz”, ía a abrirse na casa de Manuel Montero Iglesias.


Casino de Caballeros.

Sociedade de longa vida ligada á alta sociedade da vila. Foi unha gran dinamizadora da vida cultural e social de Redondela. Destacouse como organizadora de veladas, tanto musicais como teatrais, e de bailes no Entroido, Nadal...; funcións que moitas veces tiñan carácter benéfico.

Atopo referencias a esta sociedade en 1896, tendo daquela o seu local na Rúa Alfonso XII, cando acordan colocar no salón de sesións o retrato do Xeneral Rubín. Tamén no seu salón houbo unha foto de Juan Manuel Pereira, ministro embaixador plenipotenciario en China e Siam, sobre un elefante branco. Outro persoeiro homenaxeado sería Alejandro Otero Fernández, quen sería nomeado presidente honorario desta sociedade a finais de 1926.

Entre outros estivo presidida por: Agustín Irribarren (1896), Olimpio Táboas Moereira (1902), Julio Salgado Trillo (1909, xuíz de 1ª instancia), Casto Castro (1912), Paulino Otero García (1916), Ventura Domínguez (1917), Eladio Martínez (1922), Alejandro Otero Fernández (1923) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/otero-fernandez-alejandro-redondela-14.html ), Telmo Bernárdez Santomé (1926)(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/bernardez-santome-telmo-redondela-10-04.html ), Luis Pereira Míguez (1929), Olimpio Giráldez (1934), Francisco Cunqueiro Montenegro (1935), Luis Pereira Míguez (1937), Antonio Criado Fontán (1946), Bernardo Alfaya García (1956), Ramón Amoedo Esteiro (1957), Antonio Alfaya García (1961), Bernardo Alfaya García (1965)...

En 1902 realízase a instalación eléctrica no seu salón, estando daquela na casa alugada a José García. En 1904 o presidente honorario, o deputado a Cortes Francisco de Federico envía unha colección de libros para a súa biblioteca.

En abril de 1927 trasladouse ao primeiro andar da casa propiedade de Manuel Pereira Míguez na mesma Rúa Alfonso XII, onde hoxe se atopa a Farmacia de María Rita.

    A competencia do Centro Cultural e Recreativo, e a pouca capacidade do seu local, que o leva a organizar bailes na Sala Miramar, provocará que a sociedade vaia a menos, ata desaparecer nos anos 70 do pasado século.




Casino, 1963. Fotografía Magar-Faro de Vigo


Centro Científico Deportivo

Esta asociación foi constituída en 1908 a partires do primeiro club de fútbol da vila, o Redondela F. C. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/07/futbol-equipos.html ). Era, por dicilo de algunha maneira, a competencia do Círculo Recreativo.

O 6 de xuño de 1909 organizou o primeiro campionato de fútbol que se celebrou en Redondela, participando catro equipos vigueses: Vigo, Athletic, Progreso e Industriosa. Entre as súas actividades destacaban os bailes e a organización de festivais musicais e teatrais que en moitas ocasións eran a prol dos máis necesitados. Case sempre se celebraban en locais como o Salón Míguez ou o Café América. Contaba cun cadro de declamación, formado cara a 1916.

Nun principio ocupou unha casa propiedade de José Castilla na rúa Francisco Federico 53 (actual rúa Padre Crespo) que sería posta en venda a finais de xaneiro de 1910. Ao mes seguinte chegouse a un acordo co propietario dunha casa en Alfonso XII para que a ampliara cara a Xunqueira co fin de instalarse nela.

En novembro de 1915 celebrouse unha función a prol dos máis pobres, na que actuaron o orfeón e a orquestra do barco. a tripulación do transatlántico alemán Goeben, fondeado na Regasenda dende o inicio da I Guerra Mundial, agradecendo a boa acollida dispensada polos veciños de Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1914-i-guerra-mundial.html )

En febreiro de 1916 celebran un baile para o que decoran a fachada con alumeado eléctrico. Por eses días o deputado a cortes Francisco de Federico dóalle unha colección de obras para a súa biblioteca. Ao mes seguinte con motivo do entroido este centro organizou a súa versión do Enterro da Sardiña, que chamaría “Enterro da Cacheira”. Nela sacouse por primeira vez en procesión polas rúas da vila ao seu fundador, Xan Carallás, que meses despois tamén levarían ás festas de Nespereira. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/xan-carallas.html )

Entre os seus presidentes estiveron: Olimpio Pereira (1912), Saturno Cal (1916) e Bernardo Fernández (1917). A actividade desta sociedade foi decaendo e probablemente desaparecería pouco tempo despois.



Centro Obrero
            Constituído en Redondela cara a 1910. En 1928 daría unha conferencia o secretario da sección da Construcción da Unión General de Trabajadores (UGT), Anastasio Gracia.
 
Círculo Mercantil e Industrial
           Constituída en novembro de 1926 polos comerciantes de Redondela. A primeira directiva a formaban: presidente, Joaquín Cardalda Feijoo; vice, José Reboredo Blanco; secretario, Miguel Villar Sánchez; vicesecretario, León de la Rosa Escobar; tesoureiro, Cecilio Reboredo Blanco; e contador, Manuel Suárez Iglesias.
No seu local organizaban bailes entre outras actividades.
En 1927 despois da inauguración do teléfono en Redondela, que aínda contaba con poucos abonados, esta asociación dirixiuse ao Concello para solicitar a conexión da liña telefónica con Vigo e Pontevedra. En xullo dese ano tamén solicita á compañía telefónica que considere Redondela como do centro urbano de Vigo, para evitar que as comunicacións con aquela cidade sexan consideradas conferencias.
           En outubro de 1929 xa desaparecera esta sociedade aínda que se seguían a empregar os seus salóns para diferentes actos.

Círculo Recreativo de Arte y Cultura de Redondela.

            En xaneiro 1916, a maior parte dos socios da extinta Círculo Católico de Obreros reuníronse para crear esta nova sociedade no mesmo local. A primeira xunta directiva estaba composta por: presidente, Ricardo Contreras; vicepresidente, Avelino Giráldez; secretario, Celso Milleiro; vicesecretario, Heliodoro Rivas; contador, Juan López; depositario, Justo M. Tojeiro; bibliotecario, Bernardo García; vocais: Manuel Domínguez, Severo Rivas, Juan Suárez e Joaquín López. Nesta sociedade organizáronse conferencias, bailes e funcións teatrais, contando co seu propio cadro de declamación e orfeón.

En 1922 foi nomeado presidente honorario Avelino Giráldez Pazó (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/giraldez-pazo-avelino-redondela.html ). Entre outros tamén estivo presidida por: Manuel Martínez (1922), Enrique Figueroa Montero (1923) ou Buenhijo Pérez Sobrino (1923). Probablemente desapareceu no 1924.

            Desde os seus inicios contou cunha agrupación teatral e unha biblioteca para a que doou obras o deputado a cortes Francisco de Federico. As obras teatrais tiñan tanto éxito que en novembro de 1916 chegaron a colocar unhas gradas que se afundiron polo exceso de xente. Tamén celebraban funcións de cadros de declamación foráneos, como a Sociedad Artística Musical de Pontevedra.

            A principios de febreiro de 1916 comezaron a celebrar o “San Palanquín”, o seu particular “santo” que desfilou en procesión polo salón da sociedade, probablemente para competir co Xan Carallas que sacaron ese mesmo ano os do Centro Científico Deportivo .



Foto: publicada en "Redondela crónica gráfica"
 
Corpo de Exploradores de Redondela.

En outubro de 1917 constituíuse en Redondela o Consello local de Exploradores, formado por: Presidente, Claudio Contreras Valiñas, deputado provincial (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/claudio-contreras-politico-troca.html ). Vicepresidentes: Jose María Sanmartín Catoira, párroco de Redondela; José Sátiro Redondo Cal, párroco de Vilavella; e Pedro Otero Milleiro, alcalde. Tesoureiro, Justo Miguel Tojeiro, depositario do Concello. Contador, Ricardo Contreras Valiñas, recadador de contribucións. Secretario, Buenhijo Pérez Sobrino, director de “La Idea”. Vocais: Antonio Ocampo Fraga, médico municipal; Avelino Giráldez Pazó, Juan Suárez Iglesias, Juan López Fragueiro; e Laureano Lago Núñez, concelleiros; Celso Milleiro Seoane, secretario do Concello; José Reboredo Blanco e Isaac Cortiza Baz, comerciantes; Antonio Rodríguez Lamas, propietario; e Tomás Lago Garrido, practicante de cirurxía. Xefe de tropa, Generoso Muíños Arines, procurador dos tribunais. Instrutor, Joaquín Fernández Álvarez, sarxento da Garda Civil retirado.

 
 
Comité do Corpo de Exploradores, 1918 Vida Gallega.
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
         
 
 
 
 
 
 
 

        Chegou a estar formado por 80 rapaces. O uniforme estaba composto por unha camisa caqui, un pantalón corto de pana, botas e pano anoado no pescozo. Contaba cunha banda de cornetas e tambores e gañaron o primeiro premio nun concurso provincial celebrado en Pontevedra.

        A chegada ao goberno de Primo de Rivera supón un novo pulo para os corpos de exploradores que vivirán os seus anos de maior actividade. En Redondela, en marzo de 1924 por iniciativa do Delegado do Goberno, José del Río Jorge, realizouse unha reunión para reorganizar esta asociación que apenas tivera actividade nos derradeiros dous anos. Pouco despois o presidente do corpo, Pedro Otero Milleiro, sería substituído por Avelino Giráldez Pazó (a súa filla Sara Giráldez Fernández exercía de madriña). O xefe da tropa Generoso Muíños, sería a súa vez substituído por un tal García e posteriormente por José Gallego Martínez, director da graduada de Redondela. O cargo de instrutor sería desempeñado daquela por Paulino García e Manuel Piñeiro, e posteriormente por Antonio Lesmes.

En abril de 1924 o Redondela FC arrendou como campo de fútbol a finca de Petán, onde unha casa que pasou a ser empregada como local dos Exploradores e Somaténs. O local que empregaban anteriormente estaba na rúa Francisco de Federico, actual Padre Crespo. Este local en abril de 1925, pasaría a convertese no “centro de estudos pedagóxicos” de Fernando González.

Os domingos e festivos ían realizar excursións a montes e vilas veciños. O acto máis importante que celebraban todos os corpos era o xuramento. Tamén participaban coas tropas veciñas (Vigo, Pontevedra, Porriño e Marín) en marchas, festas, homenaxes...

 
 
Corpo de Exploradores. 1918, Vida Gallega
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
         
 
 
 
 
 
 
 
            Como exemplo, enumero a continuación algunhas das actividades máis importantes que realizaron:
En xullo de 1924 encabezan coa banda de tambores e cornetas o recibimento dado ao xeneral Primo de Rivera na súa visita a Redondela.
En 1926 na vila de Porriño, xunto cos exploradores de Porriño e Pontevedra, asistiron ao funeral de Ramón González benefactor daquela vila.
En 1926 durante as festas da Coca realizaron a promesa presididos por Avelino Giráldez Pazó.
En outubro de 1927 desfilaron en Pontevedra ante o rei Alfonso XIII e a raíña Victoria.
Sereis para ser buenos
mejores cada día
con este faro y guía
cumplir nuestro deber...

Non atopo máis noticias deste corpo trala proclamación da I República en 1931.


Delegación da Caixa de Crédito Foral no distrito de Redondela
         A principios de 1924, polo Gobernador civil foron nomeados Vocais da Delegación da Caixa de Crédito Foral no distrito de Redondela: Avelino Giráldez Pazó, Saturno Cal Muíños, Pedro O. Milleiro, Manuel Pereira Míguez, Manuel Elías Martínez e Felipe Hermida Pérez.

Federación Obrera de Chapela
        A finais do 1900 o xulgado de Redondela instruía sumario sobre abusos cometidos pola Federación Obrera de Chapela, que impuxera multas a varios veciños sen ter atribucións para facelo.

Fraternidad Agraria

        Sociedade formada en xullo de 1934, que se dicía alexada da política pero que en realidade era unha oposición clara ao agrarismo. A súa pretensión era a de "procurar todas las ventajas de carácter intelectual, moral y material" aos traballadores do campo e crear unh caixa de seguros para o gando. A primeira directiva estaba formada por persoeiros que pouco tempo despois desempeñarían cargos dentro da Falanje local: Presidente, José Torrado André; vice, Francisco Cunqueiro Montenegro; secretario, Buenhijo Pérea Sobrino; vice, Juan López Fragueiro; depositario, José Izarzugaza de Velasco; e vocais: Paulino Couñago Míguez, Apolinar Míguez Míguez, Serafín Gesteira Loural e Manuel Couñago Miguez, ademais de nomearse delegados nas diferentes parroquias.

 
Gremios.
         Asociacións corporativas formadas por traballadores dun determinado oficio artesanal: xastres, zapateiros, toneleiros... Antes do Catastro de Ensenada (1752) xa aparecen carniceiros e panadeiros. Entre as súas tarefas estaban a de fixar os prezos dos produtos, controlar a calidade, vixiar a distribución da materia prima e sancionar a competencia desleal. Dentro de cada oficio existía unha diferenciación dos traballadores en mestres (propietarios dos obradoiros), oficiais e aprendices.

Grupo Masónico Alvar Fáñez nº 145.

Creado en 1894 e sendo promovido polo mestre de escola José Arca Villar, quen xa pertencera a unha loxa de Vigo.

En 1911 falece: Jesús Rivas Solla (simb.-. Robespierre)^ g""-'- 32> Presidente del Resp.'. Triáng.-. El Ibérico, nú-mero 59, de los Wall.", de Túy (Pontevedra), Miembro activo del Sob.-. Cap.*. Esperanza, núm. 8, y de la Sub.'. Cám.'. de Kadosch, Igualdad, núm. I.

Fora da nosa vila tamén foi masón o xeneral Rubín.

Xa no s. XX, Saturno Cal, que se fixera masón durante a súa estancia en Porto, e Antonio Orellana, natural de Soutomaior e masón antes de chegar a Redondela, reorganizaron a masonería en Redondela. Nesta segunda etapa participaron: Telmo Bernárdez Santomé, José Enrique Pereira Míguez, José Figueroa Montero, Saturno Cal Muíños, Juan Amoedo Seoane e Nicolás Salmerón, todos eles compoñentes de Los Jóvenes Turcos, ademais de: Manuel Rey Soto, Ismael Gómez, Narciso Martínez, Víctor García, Ricardo Mariolo, Julio Bouzas Gallego, Juan Santos García Rodríguez, Manuel Moreira Portela, Leopoldo Otero Otero (Pesquerello), Julián González Lemos, Jesús Bernárdez Gómez, Enrique Sánchez Cadavieco, Edmundo Villasanta Pérez e Alejandro Otero Fernández.

Outro redondelán citado como masón sería Amado Ricón Villar.


Porta con símbolos Masónicos, 2011. Foto: J Migueles
 

Junta de la Buena Prensa

Fundada en 1916 en Vilavella coa seguinte xunta directiva: presidente, José Sátiro Redondo, cura; vicepresidente, Ramón Arines Bula; secretario, Antonio Mediero Prado; tesoureiro, Severo González Rivas; vocais: Buenhijo Pérez Sobrino, Generoso Muíños Arines, Justo M. Tojeiro, Juan Manuel Crespo Álvarez, Secundino Martínez Bárcena.

 
 
Junta de Protección a la Infancia
             En febreiro de 1928 a “Junta de Protección a la Infancia” puxo en práctica o acordo de dar o almorzo aos nenos pobres que asistiran á graduada, servíndose o almorzo a 20 nenos. Presidiu o alcalde, presidente de dita xunta, e algún dos seus membros.
 
Directiva da Junta cos mestres de Redondela, 1928. Vida Gallega

 
 
Liceo de Artesanos.
          Creada en xaneiro de 1897, era presidida por José Fernández Ferreira, sendo depositario Manuel Pérez Rivas e secretario Buenhijo Pérez Sobrino. Era a sociedade da clase obreira, compartindo espazo co Casino de Caballeros (da clase acomodada) e a Asociación de Marineros. Ese mesmo ano, organizou bailes os tres días de entroido, publicando o bando de Momo, ademais de formar unha comparsa. En febreiro de 1898, a Dirección General de Instrucción Pública concédelle unha “biblioteca popular”.

            En 1902 accede á presidencia Paulino Otero García. No seu salón cóntase daquela cun piano e chega a falarse da organización dun grupo teatral pero ao final desístese da idea. Chegado o mes de outubro anúnciase a disolución da sociedade, apesares do cal seguen a celebrarse bailes nos seus salóns ata que en xaneiro de 1905 fálase de o local da Asociación de Marineros que ocupou o Liceo de Artesanos”.


Liga de Contribuyentes.
            No 1892 conformouse a primeira directiva con Manuel Pérez Albán, Presidente (seguía no cargo en 1897) e vicepresidentes: Manuel Amoedo Acuña (presidente en 1900) e Demetrio Paz. En 1899 o seu local estaba na rúa Alfonso XII, sendo presidente Manuel Amoedo e secretario Rafael Fontenla. Outro presidente desta sociedade sería Antonio Garrido. Pertenceron a esta asociación: Juan Manuel Otero Milleiro, Pedro Otero Milleiro, Manuel Pérez Rivas... Organización involucrada na vida política da vila podemos citar como unha das súas iniciativas a oposición que exerceu en 1898 á iniciativa da Delegación de Facenda de modificar as bases da poxa pola recadación de consumos.

            Cara a maio de 1893, comeza a publicar o Boletín da Liga de Contribuyentes del Partido de Redondela, dirixido por Alejo Real Soto, e desde xaneiro de 1902 El Contribuyente. Semanario defensor de las sociedades de marineros, propietarios y labradores de este distrito, co mesmo director e que se opoñía a La Idea, xornal dos riestristas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/xornais-de-redondela.html ).

            En contra da opinión do seu presidente, deixaron de criticar ao Partido Liberal a cambio de nomear concelleiros a varios membros da Liga. Estas discusións internas levaron a que no mesmo mes de xaneiro en que saía o seu xornal, se disolvera a sociedade Liga de Contribuyentes, anunciándose a poxa polos seus mobles e pertenzas.



Liga Popular.
          A principios dos anos 20, xunto ao Círculo Recreativo era a asociación cultural máis importante da vila. Probablemente, era a continuación do que fora centro Científico Deportivo.

            A directiva elixida en outubro de 1923 estaba formada por: presidente, Francisco Cunqueiro Montenegro; vicepresidente, Bernardo Fernández; secretario, Avelino Cal; vicesecretario, Tomás Docampo; administrador, Pedro Otero Sestelo; vocais: Juan Rodríguez, César Pazos, Francisco Villasanta e Ramón Barros.

            Ademais de organizar conferencias, bailes...; en 1922 creouse un equipo de fútbol co nome da sociedade que apesares de pertencer á 3ª categoría galega chegou a vencer a clubs de 2ª e ata de 1ª. (Ver ). En febreiro de 1924 desaparece esta asociación, constituíndose no mesmo local unha nova sociedade de recreo e deportes, chamada Redondela F. C. A derradeira directiva estaría formada por: presidente, Pedro Otero Sestelo; vice Bernardo Fernández Esteiro; secretario, Avelino Cal; vice, David Cortizas; administrador, José Lago Otero; vocais: Arturo Campuzano, Antonio Lago, Paulino García e José Méndez.


Liga de Propietarios
           En agosto de 1926, o gobernador civil provincial aprobou o reglamento desta nova sociedade. Creouse co fin de evitar e perseguir os danos que viñan sendo causados polo gando que entraba nas propiedades e os repetidos furtos de froitos e productos forestais. En 1928 estaba presidida por Avelino Giráldez Pazó.

Patronato de Animales y Árboles
A mediados de 1928 elevouse á superioridade a proposta da seguinte directiva: Presidente, Saturno Cal, alcalde; vocais: José Sátiro Redondo (párroco de Vilavella) e María Castro, mestra; Pedro Otero, farmacéutico, e José Pereira, médico, en calidade de veciños.

Recreo Artístico de Redondela
        Atopo unha referencia a esta asociación en 1876.

Redondela Football Club
          Primeiro club de fútbol da vila, formado en 1907, por iniciativa de Saturno Cal Muíños, e fundado oficialmente en xaneiro de 1908. Tivo o seu primeiro local en Vilavella, no primeiro piso da casa de Isaac Reboredo Fernández (veterinario xubilado, pasando máis tarde á de Emilia Táboas, na rúa Alfonso XII. Logo integraríase no Centro Científico Deportivo, na mesma rúa, nas casas de Fernando Fernández Esteiro (procurador) e Luis Pereira Míguez (farmacéutico).

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/07/futbol-equipos.html )


Redondela Football Club     
            Sociedade cultural e deportiva nada en febreiro de 1924 a partires da Liga Popular. Entre as primeiras medidas que asumiu foi a reorganización do equipo de fútbol, que pasou a chamarse Redondela F. C., e o arrendamento e construción do campo de Petán. No seu local organizábanse conferencias, bailes e representacións teatrais. A primeira directiva estaba composta por: presidente, Pedro Otero Sestelo; vicepresidente, Bernárdez Fernández; secretario, Avelino Cal; vicesecretario, Aurelio Adán; bibliotecario, Paulino García; administrador, José Lago Otero; vocais: José Méndez, Antonio Lago e Arturo Campuzano.
            En 1925 forman a directiva: presidente, Ricardo Contreras; vicepresidente, Jesús Olimpio Giráldez; secretario, Avelino Cal; vice, Tomás Docampo; administrador, Pedro Otero Sestelo; bibliotecario, Bernardo Fernández Esteiro; vocais: Cándido Lago Puga, José Orge e José Lago. Este ano organiza durante catro días bailes de entroido, un deles infantil. A mediados dese ano esta asociación debe abandonar as súas instalacións porque o propietario quería reformar a casa. A finais deste ano a sociedade vai á deriva, segue sen novo local e na directiva non se cobren as baixas.
            En 1928 elixiuse como xunta directiva a: presidente, Antonio Ocampo; vice, José Orge; secretario, Heliodoro Rivas; vice, Aurelio Adán; administrador, Joaquín Cardalda; vocais: Manuel Barros, Claudio Rodríguez, David Cortinas e Bernardo Castro.
            É difícil saber cando se disolveu a sociedade pero o equipo seguiu competindo cando menos ata 1941.  

Salón Circo de Artesanos
           En xuño de 1893 a Xunta de Defensa acordou presentar unha querella criminal contra o xuíz de instrución e o inspector xefe de policía, por ordenar e executar, respectivamente, a clausura do Salón Circo de Artesanos.

Sociedad de Canteros   
            En marzo de 1920 estivo representada polo seu presidente, José Bouzas, nunha reunión no Concello para tratar que o tranvía chegara a Redondela.
            A directiva de 1924 estaría formada por: presidente, Luis Álvarez Carballo, vice, José Martínez Gil; secretario, Manuel Moreira; vice, Paulino Gómez; contador, Avelino Vidal; tesoureiro, Manuel Orge; vocais: Manuel Diz, Antonio González e Antonio Pérez.
            En 1926 esta sociedade declarouse en folga por negarse os patróns a aceptar o aumento de salario dunha peseta diaria. O alcalde Saturno Cal reuniuse con ámbalas partes chegándose ao acordo de aumentar 50 céntimos o un de agosto e outros 50 a primeiros de ano. A sociedade de Canteiros desconvocou a folga e deulle un voto de grazas ao alcalde pola súa xestión.
            En 1927 estaba presidida por Manuel Rey Soto e en 1929 por Manuel González Narciso.

Sociedad de Carpinteros y oficios varios “La Razón”

            En outubro de 1926 acordan pedir un aumento de xornal aos patróns. En 1927 estivo representada por Edmundo Villasanta na asemblea celebrada na casa do concello para oporse á supresión do xulgado de Redondela. En 1932 estaba presidida por Serafín Dacosta.

 

Sociedad de Caza y Pesca
Constituida o 15 de setembro de 1929, despois da lectura do regulamento elixiuse por unanimidade a seguinte xunta directiva: presidente, Antonio Ocampo Fraga; vicepresidente, Francisco Cunqueiro Montenegro; tesoureiro, José Sobrado y Sobrado; contador, Amador Pérez Sousa; secretario, Heliodoro Rivas Rivas; vice, Manuel Moreira Portela; vocais Enrique Vilas Alonso, Bernardo Graña Pérez e Benito Casas y Casas. En abril de 1930 foille concedido o aproveitamento da caza nos montes deste termo municipal.

Sociedad Fénix
           O Fénix F. C. foi un club de fútbol nado ao desligarse a sección deportiva do Centro Científico Deportivo. Debeuse constituír tamén como sociedade cultural, xa que nunha nova de 1916, aparece Bernardo Fernández como representante da Sociedad Fénix e membro da comisión pro-náufragos do barco Oquendo.

Sociedad Juventud de Chapela
         Sociedade de Chapela que en 1924, presidida por Antonio Collazo, organizou a Festa do Santo Cristo das Maravillas e a Purísima Concepción. Ao ano seguinte a comisión desta festa estaba composta por Basilio Riveiro, Antonio Collazo, Ventura Lago e Jesús Lago. Foi amenizada por un grupo de gaitas e as bandas de Cabeiro e do Rexemento de Murcia. Contaba cun pirotécnico de Lavadores, xigantes e cabezudos, iluminación eléctrica e servizo especial de tranvías.



Sociedad de Vidrieros y similares de Rande
            Cando menos en 1924 recollería aos traballadores da Vidriera Gallega.

Sociedad General de Autores
            En agosto de 1908 foi nomeado representante para Redondela Eulogio Padín Padín.
En outubro de 1932 é reelixido como delegado desta sociedade, Jesús Sánchez Otero.

Sociedad Obrera y de oficios varios "La Razón"

En febreiro de 1906 acordase non admitir a rapaces menores de 14 anos e que non saiban ler nin escribir. Antes de 1910 a súa sede atopábase na actual Padre Crespo.

O programa da festa do Traballo para o 1 de maio de 1910 é o seguinte: As 7 da mañá bombas de palenque e Banda Municipal. Ás 10 mitin na sociedade, despois se levarán as conclusións ao Concello. Ás 2 paseo dos traballadores a Reboreda e ás 10 falarán varios oradores na Sociedade.

            En 1911 foi nomeado presidente Guillermo González e vicepresidente José Villaverde Abelleira.

En maio de 1912, con motivo de celebrarse a Festa do Traballo, nesta sociedade falaron varios oradores de Vigo.

            En marzo de 1920 estivo representada polo seu presidente, José María Crespo, nunha reunión no Concello para tratar que o tranvía chegara a Redondela.

            En 1926 pola iniciativa desta sociedade, o Concello acorda poñerlle á rúa Cruceiro o nome de Pablo Iglesias. Mais non será ata 1930, cando se lle da á actual R. Telmo Bernárdez o nome do fundador do partido socialista.

            En xaneiro de 1930 a Sociedad de Oficios y Profesiones Varias de Redondela, cun total de 80 asociados, ingresa na Unión General de Trabajadores.

            Anteriormente falei da Sociedad de Carpinteros y oficios varios “La Razón”, que probablemente era a mesma sociedade.


Sociedad de Seguros de Ganado Vacuno (Cesantes)

            Sociedade constituída en abril de 1902 por varios gandeiros de Cesantes e o Viso. O seu primeiro presidente foi Florencio Alfaya Pérez. Ese mesmo ano, David Posada Míguez agradece no xornal La Idea a esta sociedade o importe cobrado polo falecemento dunha vaca por glosopeda.

 
 
Socorro Rojo Internacional.
         Constituído de forma legal en Vigo en outubro de 1931. En Redondela, na época de posguerra encargábase de recoller roupa ou diñeiro para asistir aos presos na Illa de San Simón, así como para facer de contacto cos seus familiares. Tamén asistían as familias con menos recursos dos perseguidos. O centro de operacións era a farmacia de Luis Pereira Míguez (marido de Ernestina Otero) e despois da súa filla Gemma, xa que era un local no que a entrada de xente non levantaba sospeitas. As mulleres e homes que se atrevían a levar o recollido á illa sufrían, as veces, violacións e vexacións, elas, e malleiras, eles.

Unión Marinera de Chapela

            Fundada en 1919, enmarcábase na órbita da UGT. Esta asociación participaría nunha xuntanza de sociedades mariñeiras celebrada en Ribeira, en agosto de 1920, na que se acordou boicotear aos barcos que empregaran explosivos para a pesca.

 
 
Unión Redondelana.
          Sociedade que en 1880 ofrecía actuacións teatrais.

Autor: J. Migueles



BIBLIOGRAFÍA

SEREN

Nº3. Os Eidos: “A vila dos mortos”. J. A. Orge Quinteiro.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

Ernestina Otero Sestelo. Pedagoga. Manuel Puga. Ed. do Castro, 1992.

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

A prensa en Redondela. Aproximación histórica 1883-1933. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil.

Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939). Dionísio Pereira. Edicións Xerais de Galicia, S. A., 2010.

La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca

Tierra Gallega (Uruguay)

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, El Ideal Gallego, Diario de Galicia (Santiago), La correspondencia gallega, El Eco de Galicia, Boletín Oficial del Colegio Provincial de Médicos de Pontevedra, El Correo de Galicia, La Idea, El Noticiero de Vigo, La Integridad, El Progreso, El Diario de Pontevedra, Gaceta de Galicia, El Heraldo Gallego, Céltiga, El Regional…

Biblioteca Nacional de España www.hemerotecadigital.bne.es=> El Sol (Madrid), El Correo Militar, El Liberal, La Correspondencia de España.

Faro de Vigo

ABC: http://www.abc.es/hemeroteca

http://www.csbg.net/ :

www.egu.es

Libros de poemas de Félix Fernández:

  • Poemas.

  • Poemas de una vida.

  • Historias do meu pobo.

Aportes: Gonzalo Amoedo

Boletín oficial del Gran Oriente Español.

La Idea


No hay comentarios:

Publicar un comentario