O guía da danza das espadas. Por Castelao.
No Museo de Pontevedra atopamos un cadro de Castelao no que reproduce a figura do xefe da danza das espadas. Dada a avanzada idade da persoa retratada podería tratarse de Juan Puertas Fervenza “Ley”, quen dirixira a danza entre 1884 e 1928,iniciando unha saga familiar que tería continuidade en Fernando Puertas Fervenza“Ley II” e Fernando Puertas Rodríguez “Ley III”. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/mestres-da-danza-das-espadas.html )
Esta obra engádese ao popular debuxo de Xan Carallás que entregou a Amador Pérez Sousa. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/xan-carallas.html ). Este cedeuno para á súa publicación no Faro de Vigo en 1930 e crearía a prancha para reproducilo na súa imprenta, polo que tamén aparecería, en 1932, en El Soplete, xornal que dirixía. Castelao fixera amizade con Amador nas súas numerosas visitas á nosa vila, pero anteriormente xa fora compañeiro de José Bouzón Rosales durante os seus estudos de Menciña. Tamén consideraba como amigo seu e padriño literario ao poeta redondelán Ernesto Casto Padín Lorenzo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/padin-y-lorenzo-ernesto-casto-redondela.html )
Debuxo de Xan Carallás. El Soplete
Outro debuxo con temática redondelá sería o realizado en 1917 cando decorou as paredes do desapareciddo Café Royalty de Pontevedra recreando personaxes populares da comarca entre os que se atopaba o chamado "Torero de Redondela". En Redondela, Fermina, avoa dos fotógrafos Raimundo e Félix Cal, contoulles que nunha das mesas de mármore do Café América, debuxara a figura de Xan Carallás. Tamén se conta que realizara un cadro ao óleo de Xan Carallás que sería copiado por César Pazos "Pisquito" para decorar a taberna de Mougás, na rúa Cruceiro.
Por último citar a obra "As cruces de pedra na Galiza", na que Castelao debuxa algúns cruceiros e cruces do noso concello.
Cruz da Casa do Carballo. As cruces de pedra na Galiza.
Non sabemos cando visitou Redondela por primeira vez, pero é de supor que como membro da Liga Agraria de Acción Gallega, asistiría á VI Asamblea Agraria de Galicia celebrada en Redondela en 1915.
En 1930, durante unha reunión do Padroado do Museo de Pontevedra, mantén unha forte discusión co redondelán Casto Sampedro. Castelao argüíu que o Museo debería ser autónomo da Deputación e Sampedro defendeu a súa ligazón. Castelao acabaría por desculparse por medio de Alejandro Mon e o Marqués de Riestra, e posteriormente en carta pública ao presidente da Deputación. Sampedro aceptaría as desculpas dando por rematado esta polémica. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sampedro-folgar-casto-antonio-redondela.html )
En decembro de 1931 é un dos fundadores do Partido Galeguista e tan só catro meses despois organizaríase o Partido Galeguista de Redondela, que chegou a ter unha publicación propia titulada Terra!, dirixida por Avelino Cal e na que colaboraría Castelao xunto a outros destacados galeguistas: Paz Andrate, Otero Pedrayo, Bóveda... (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/xornais-de-redondela.html )
Dentro da súa actividade neste partido participaría como orador en varios actos, tanto na nosa vila como en Chapela a onde acudiu en 1933. Pola súa relevancia, poderiamos citar ademais o acto a prol do Estatuto de Galicia celebrado na Xunqueira en 1936. Aproveitando a estancia na nosa vila por mor nun destes actos, en outubro de 1932, no cine Nuevo Cinema da unha conferencia sobor do arte da caricatura. Nun principio ía celebrarse no Centro Republicano pero desbotouse pola gran afluencia de xente que se agardaba. Desde Vigo organizouse una excursión en autocar e nun xornal comentábase que “media hora antes do acto non se podía entrar”. En febreiro de 1934 tamén participara na homenaxe celebrada en Trasmañó na memoria do seu maior benfeitor, Benigno F. González. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/gonzalez-benigno-f-trasmano-emigrante-e.html ) e ese mesmo ano asistiría ao enterro de Xosé Mª Blanco Alfaya, concelleiro de Redondela polo Partido Galeguista.
Lois Barros. Edicións do Castro.Mitin a prol do Estatuto. Foto publicada en Galeguismo e sociedade na Redondela da II República
A gran pregunta sería se Castelao se inspirou en xentes de Redondela para outros debuxos e ata para a creación de personaxes literarios, como parece ser que ocorreu con Manuel Chichí, que poido servir de inspiración na obra Os dous de sempre. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/personaxes-1-metade-do-s-xx-4-manel.html )
O debuxo de Xan Carallás sería reproducido en madeira por Sesé Fernández (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/fernandez-crespo-jose-sese-e-benito.html ), Antonio Martínez "Tonacho" (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/martinez-alvarez-antonio-tonacho.html ), Pablo Álvarez (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/alvarez-pablo-bola-ourense-1974-ebanista.html ) ou Pablo Giráldez "Pastor", quen o disfrazaría para un cartel de entroido (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/giraldez-rio-pablo-o-pastor-reboreda.html ), entre outros. Varios artistas realizarían as súas propias reproducións noutros materiais como cerámica ou bronce. Merece mención a parte o citado Sesé Fernández, porque ademais de tallar en madeira a Xan Carallás realizaría numerosas obras baseadas en outros debuxos de Castelao. Entre as súas exposicións a que lle causaría máis ilusión sería a ofrecida en Rianxo, vila natal de Castelao.
Debuxo de Castelao, por Sesé Fernández. |
Para
rematar a relación de Castelao con Redondela,
en 1988,
o concello aproba darlle o nome de Daniel Rodríguez Castelao á
Alameda. Este sería o lugar para
erixirlle unha estatua
que
sería inaugurada
o Día das Letras Galegas de 1987.
(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/esculturas.html )
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Xan Carallás de Redondela. El mito, la figura, la Orden. José Martínez Crespo. Ed. Orden de Xan Carallás.
Alcuños de Redondela. Francisco X. Sobral Crespo. Ed. Cardeñoso.
Ernesto Casto Padín Lorenzo. Un poeta redondelán. Carlos Antuña e Dolores Míguez. Ed. Coordenadora de equipos de normalización lingüistica dos centros educativos de Redondela.
Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Vida Gallega, El Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego...
Museo de Pontevedra
El Soplete
No hay comentarios:
Publicar un comentario