martes, 12 de febrero de 2019

Ruta das Sete Fontes

          

Esta ruta enlaza pola costa a praia da Punta, en Cesantes, co lugar de Sete Fontes, en Soutoxuste (O Viso). Ten unha lonxitude de 6'5 Km. Foi posta en valor en 2013, pola Asociación de Veciños de Cesantes á que se sumou o Colectivo Vox Populi, que organizaron visitas guiadas.

Nunha visita realizada en outubro de 2020 a ruta permanece sen sinalizar. Ao ser unha visita pola costa as vistas son privilexiadas. Saímos dende a praia da Punta fronte a illa de San Simón e o primeiro que atopamos é un antigo viveiro de marisco realizado en pedra. Moi preto observamos unha zona delimitada no mar que é a empregada actualmente para sementar a ameixa.

     
Viveiro de marisco Foto: Juan Migueles, 2009
Viveiro de marisco, 2009 

Nas rochas chaman a atención moitos gravados de nomes da rapazada uns realizados hai moitos anos, na maioría dos casos, e outros máis recentes. O noso consello é deixar esta práctica para evitar unha maior degradación das rochas. 

 
Nomes gravados nas rochas

Tamén comezamos a ver pequenas calas cheas de encanto.

Pequena cala de Cesantes. Foto: Juan Migueles
Pequena cala de Cesantes.

Ao chegar á fonte de Neira temos a opción de abandonar o camiño e seguir pola costa se hai marea moi baixa, porque do contrario cabe a posibilidade de que mollemos os pés. A ruta nos leva polo camiño empedrado que remata nunha estrada asfaltada que seguiremos sempre paralelos á vía do ferrocarril.

Fonte de Neira. Foto: Juan Migueles
Fonte de Neira.

Precisamente a vía do tren cruza un pouco máis adiante a Ponte de Fontán, pequeno viaduto de tres arcos.

Ponte de Fontán. Foto: Juan Migueles
Ponte de Fontán.

Achegarémonos pola costa aos pequenos areais da Praia Fontán e a Praia de Soutoxuste. En todo este tramo atoparemos restos de tégula e cerámica romana. Por que non se recolle e se catalogan todos estes restos? Porque en cada asentamento romano deste tipo sacaríamos tanto material que sería inviable almacenalo. Por que non debemos coller os restos que vexamos? Porque se todos facemos o mesmo desaparecerían os vestixios que nos indiquen que aí existe un asentamento romano. Estes restos fora de contexto perden todo o seu valor, ademais hai que lembrar o caso sucedido hai uns anos no que se atopou nun contedor en Torrecedeira (Vigo), parte dunha colección de restos arqueolóxicos de diferentes épocas. Neste caso, por sorte, localizouse de que vivenda procedían e descubriuse que o seu propietario falecera e a familia estaba a tirar con todo ao lixo. Quen sabe se co tempo en Soutoxuste se logre facer unha escavación e recuperación deste xacemento para poñer en valor este patrimonio. Neste punto recuperouse unha estea funeraria romana que se conserva no Museo de Pontevedra e nas inmediacións tamén se atoparon dous miliarios, un dos cales podemos contemplalo na Casa da Torre.

Praia de Soutoxuste. Foto: Juan Migueles
Praia de Soutoxuste.

Detrás dun miradoiro construído durante o acondicionamento desta ruta podemos ver a casa do alemán, chamada así porque foi propiedade do Comandante de Submarinos Heinz Ger Sauer. Como vimos noutra entrada deste blog, en 1966, cando o propietario quixo pechar parte da praia que quedaba ante a casa, protagonizouse un levantamento da poboación facendo que desistise nos seus propósitos.

Seguindo a liña de costa atopamos unha pesqueira de pequenas dimensións bastante ben conservada.

Pesqueira. Foto: Juan Migueles
Pesqueira

Outra curiosidade que podemos ver é o diferentes que son os “casetos” dos mariñeiros do Viso e as de Cesantes. “Casetos” é o nome que se lle da na nosa zona ás pequenas casas que os mariñeiros empregan para gardar os aparellos de pesca. As primeiras son de planta baixa e con tellado plano, mentres que as de Cesantes se caracterizan por ter un tellado moi pronunciado a dúas augas, aproveitando este espazo para almacenaxe dos aparellos de pesca.

Casa mariñeira. Foto: Juan Migueles
Casa mariñeira

Nunha destas casas existe un pozo ligado a dúas lendas. Por un lado crese que é un túnel que comunica Soutoxuste coa Peneda. E por outro lado non podían faltar as lendas mouras, dicíndose que se entras no pozo podes atopar o tesouro dos mouros, pero tamén podes atopar un veleno que te mate.

Casa que agocha o pozo das lendas. Foto: Juan Migueles
Casa que agocha o pozo das lendas

Moi preto, tamén podemos ver a pedra da Abalaxe na que unha moura peiteaba os seus cabelos. Estas e outras lendas dos mouros da contorna están recollidas noutra entrada do blog.

Pedra da Abalaxe. Foto: Juan Migueles
Pedra da Abalaxe

Na marisma de Soutoxuste podemos ver que está pechada por unha liña de pedras cunha apertura no centro. Ben podería tratarse doutra pesqueira, pero moito maior ca que vimos anteriormente. Tamén existe unha pequena rampla que en tempos deu servizo a un estaleiro. 

 

Posible pesqueira. Foto: Juan Migueles
Posible pesqueira

Adentrándonos no barrio de Soutoxuste, como curiosidade veremos un dos canastros con reloxo de sol que temos no noso Concello. Pero o máis destacado serían os restos do Pazo de Soutoxuste, hoxe atrapado entre outras construcións máis modernas. A capela de Soutoxuste pertencía a este pazo, pero por mor da construción da liña do ferrocarril foi desprazada da súa localización orixinal, polo que teremos que cruzar a estrada nacional se queremos visitala.

Torre do Pazo de Soutoxuste. Foto J. Migueles
Torre do Pazo de Soutoxuste.
 O nome da ruta débese ao regato que separa O Viso de Arcade, do que se di que recollía a auga de sete fontes diferentes. Na estrada nacional hai unha pequena área de descanso para os peregrinos cos restos dun muíño e un pouco antes na beira da propia estrada o muíño das Sete Fontes, que no momento de escribir estas liñas permanece oculto pola maleza.
Muíño das Sete Fontes. Foto: Juan Migueles
Muíño das Sete Fontes

Fotos e texto: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Faro de Vigo

O Viso. A construción dunha paisaxe cultural. Xurxo Constela Doce, A Citania S. L. Sociedade Cultural do Viso, 2020.

Visitas guiadas polo arqueólogo Xurxo Constela, A Citania S. L.




No hay comentarios:

Publicar un comentario