Mostrando entradas con la etiqueta Vilar de Infesta. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Vilar de Infesta. Mostrar todas las entradas

sábado, 19 de abril de 2025

Festas gastronómicas

 

 

Anuncio da II Festa do Mexilón. Hoja Oficial del Lunes

Ademais da Festa do Choco, no Concello de Redondela celébranse e celebráronse numerosas festas gastronómicas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/05/a-festa-do-choco.html )


Festa do Mexillón.

Apesares de algúns anos que non se organizou, esta é a primeira festa gastronómica do Concello de Redondela, xa que se celebrou por primeira vez en 1963. Celébrase en agosto ou setembro en Chapela.


Festa da Mazá.

1º domingo de outubro en Negros (diante do centro cultural).

Festa adicada á mazá e os produtos elaborados con esta froita como a torta de mazá ou a sidra. Esta mazá chegou a comercializarse como vimos na seguinte entrada: (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/11/a-maza-redondela.html )


Magosto.

Festa tradicional galega na que se asan castañas. Está vencellada ao día de San Martiño, que é patrón de Ventosela e de Vilar de Infesta. No resto do Concello de Redondela hai varias iniciativas neste senso, sendo a do Centro Cultural de Cedeira a máis veterana e o “Castañazo”, do colectivo Sinha Paca, unha das máis recentes.


Festa do Cocido.

En Trasmañó, incluída dentro da programación das festas patronais de San Vicente.


Festa da Navalla.

Celébrase no verán en Chapela.


Festa de Carne ao Caldeiro

Organizada por primeira vez en 2025 ana parroquia de Quintela.


Festas gastronómicas desaparecidas.

Entre as festas desaparecidas máis destacadas podemos citar:


Festa do Carallote

Iniciativa da Confraría de Pescadores para potenciar a venda deste marisco, tamén coñecido como longueirón, que é moi abundante en Cesantes. Comezou a celebrarse en 2016 no peirao de dita parroquia. Na edición de 2019 servíronse 800 quilos á prancha, en salsa ou arroz, ademais de empanada de trigo e millo e coa novidade de empanadillas. Esta festa estaba a crecer cando o inicio da pandemia parou todas as actividades deste tipo.


Foto compartida pola organización da Festa do Carallote.

Festa da Orella de Porco.

Festa xa desaparecida que comezou a celebrarse na década dos 90 do pasado século en Cedeira. A data de celebración era a 1ª quincena de novembro.


Festa do Viño da Casa.

En xullo na área recreativa de Chan das Pipas (Saxamonde). Comezou a celebrarse no 2008, organizada pola Asociación Deportivo Cultural Chan das Pipas. Nela pódese degustar os viños de pequenos produtores da zona acompañados por carne ao caldeiro, polbo e empanada a prezos populares.


Ruta do Pincho

Festa de breve vida, comezou a celebrarse en 2012 co obxectivo de promover a hostalaría local imitando iniciativas doutros concellos. Cada cafetería ou restaurante ofrece un pincho e unha comisión a un prezo especial elixíndose o que máis guste.


Festa do polbo e o Churrasco.

No barrio da Teixeira, no Viso.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Faro de Vigo

Aportes orais.

viernes, 20 de diciembre de 2024

As torres de Fenosa.

Torre Fenosa na Baixada a Vieira. GMaps


        As torres instaladas pola compañía Fenosa para acoller transformadores eléctricos son un exemplo de patrimonio industrial. A súa planta é cadrada variando a súa altura, estando rematadas por un tellado a catro augas, que en ocasións pode ser a dúas. As máis antigas están construídas en pedra, empregándose posteriormente ladrillo e cemento ou a combinación de ambos materiais.

        A empresa de electricidade Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A. (FENOSA) foi fundada en 1943 por Pedro Barrié de la Maza y Pastor, natural da Coruña. Desde 1939 ata 1971, ano do seu falecemento, dirixiu o Banco Pastor, desde 1948 o estaleiro ferrolá Astilleros y Talleres del Noroeste, S.A. (ASTANO) e desde 1944 a Xunta de Obras do Porto de A Coruña, construíndose baixo o seu mandato o dique de abrigo. Ademais promoveu e presidiu moitas outras empresas, como Cedie, El Barco de Valdeorras, Aluminio de Galicia, Gas Madrid, La Toja, Minero Siderúrgico de Ponferrada, Pesquerías Españolas del Bacalao, S.A. (PEBSA)...

        O 1 de octubre de 1955 Francisco Franco concedeulle o título de Conde de Fenosa, que en virtude da Lei de Memoria Histórica, e posterior Ley de Memoria Democrática, sería anulado o 21 de octubre de 2022 cando era ostentado polo terceiro titular.

        Fenosa fusionouse en 1981 con Unión Eléctrica Madrileña, nacendo Unión Fenosa. En 2008 sería adquirida por Gas Natural, que en 2018 pasou a operar baixo o nome Naturgy Energy Group S. A.

        Antes de Fenosa as compañías eléctricas que operaron en Redondela foron: (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/electra-de-redondela-electra-popular-de.html )


Cedeira

Sda. a Cedeira ( 42°16'40.38"N, 8°37'16.94"O)

Est. Negros (42°16'9.89"N, 8°36'53.72"O)

Est. Rande (Baixada a Vieira) ( 42°17'14.81"N, 8°38'55.78"O)

Est. Rande (42°17'12.70"N, 8°38'59.57"O)

 

Subida a Cedeira. Foto J. Migueles.

Estrada de Negros. Foto: J. Migueles

Estrada de Rande. Gmaps


Chapela

Senda da Auga ( 42°15'54.97"N, 8°39'48.97"O)

Av. Vigo (42°15'55.54"N, 8°40'24.70"O)

Av. de Vigo. GMaps.

Senda da Auga. Foto: J. Migueles


Reboreda

Estrada Ventosela ( 42°17'19.83"N, 8°35'57.22"O)

Estrada de Ventosela. GMaps.

 

Redondela

Torre Fenosa-Sda. á Estación (42°17'1.86"N, 8°36'47.42"O)

Subida á Estación. Foto J. Migueles

 

O Viso

Saramagoso (42°19'21.43"N, 8°35'33.00"O)

 

Saramagoso. GMaps.


Vilar de Infesta

Est. redondela-Peinador ( 42°14'28.36"N, 8°37'36.25"O)

 

Estrada Redondela-Peinador. GMaps



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Wikipedia

Faro de Vigo

La Voz de Galicia

 

miércoles, 11 de diciembre de 2024

Colectivos da Democracia (Finais do S. XX)

 

Abrente-Limpeza da praia de Cesantes, 1997. Foto: Félix Cal Cortizas

        Coa chegada da democracia o asociacionismo vai collendo gran importancia principalmente coa construción de centros culturais nas parroquias, que nos seus primeiros anos amósanse moi activos, ademais servirán de sede a asociacións de veciños e comunidades de auga e montes. No centro urbano de Redondela agroman colectividades de todo tipo. Nos anos 90 é o momento de maior esplendor creándose ducias de colectivos no noso Concello, 15 tan só en 1994. Moitas delas desaparecerían, pero outras aínda manteñen a súa actividade. A continuación enumero algunhas delas:


Abrente

        Asociación veciñal de Redondela. Fundada en 1995, sendo a primeira presidenta María Ángeles Pérez Espiña. Entre as súas iniciativas estivo a oposición a que o centro médico se construíra na Marisma. Tamén protestou por temas como o ruído dos pubs da rúa Prata ou o vertedoiro da Marisma.


Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Redondela

        Constituída en 1985.


Aldeas Infantiles.

        Entre os acordos do pleno do 14 de maio de 1975 do Concello atópase a autorización da obra de construción das dúas primeiras vivendas de Aldeas Infantiles S. O. S. en Ventosela. O 7 de novembro toman posesión de ditas casas oito irmáns de apelido Vieitez de Carril (Vilagarcía) e sete irmáns, dunha familia de doce, de Solleiro (Tui). A cesión de terreos en 1971 por parte do Concello a dita institución partiría da iniciativa de Rita Regojo, quen posteriormente sería nomeada Filla Predilecta.

 

Aldeas Infantiles 1976. Foto: Magar. Faro de Vigo.


Alén Nós.

        Creado en 1996 o obxectivo da recuperación, defensa e posta en valor do patrimonio histórico e etnográfico, tanto material como inmaterial de Redondela. Ten a Andrés Couñago Laxe e Xosé Couñago como cabezas máis visibles. Entre as súas iniciativas podemos destacar: a proposta en 1997 da creación dun museo etnográfico recollendo ferramentas antigas e outras pezas como o reloxo da igrexa de Redondela, creación a festa dos Fachos no Viso, denuncia da destrución de parte do noso patrimonio (como no caso das mámoas), solicitude da posta en valor do cemiterio dos Eidos ante o intento de desmantelalo, organización de conferencias, proxeccións de documentais... En 2014 presentou Redondelar, proxecto de divulgación do patrimonio cultural arquitectónico, realizado por A Citania e no que colaboran Concello e Asociación de Empresarios.


Alén Nós, campaña cos colexios, 1998. Ricardo Grobas. Faro de Vigo

Amigos do Ferrocarril e Tranvía Rías Baixas.

        Asociación fundada en Vigo e que establecería a súa sede na estación de Redondela a finais dos 90.


Apros (Asociación para la Promoción Social)


Asociación Cultural e Deportiva da Miñoteria (Ventosela)

Nos anos 80 colaboraba coa Comisión de Festas de San Martiño programando xogos tradicionais, no que destacaba o xogo do trompo.

 

Asociación Cultural e Social de Chapela.

        O 30 de novembro de 1991 constitúese a Asociación Cultural Banda de Música de Chapela, sendo elixido Alejandro Bastos como primeiro presidente. Era o ideólogo desta iniciativa que creou a Escola de Música de Chapela coa finalidade de crear unha banda de música nesta parroquia o que se conseguiría en 1995. No seu primeiro ano de vida organizou a Festa dos Maios, Festival de Muiñeiras, Festival de Rondallas, Concerto de bandas de música, encontros de Grupos de Gaitas e Magosto. Ademais de promover a creación de grupos de teatro, gaitas, pandeiretas e guitarras. Despois trocaría o nome por Asociación Cultural e Social de Chapela.

Asociación de Empresarios de Redondela.

        En 1990 xa contaba con 200 asociados e acababa de adquirir un piso como local social. Desta asociación xurdiu a idea de celebrar a Festa do Choco.


Asociación Vecinal Los Ángeles (Chapela)

        En 1992 crea sección de fútbol sala nas categorías alevín, infantil e cadete. Tamén crearon equipos en Campo a través, balonmán feminino e tenis de mesa.


Asociación de Vecinos de Chapela


Asociación de Vecinos Eidos de Quintela

        Mantivo unha acalorada polémica en 1980 co cura párroco por mor do cemiterio.


Asociación de Veciños a Nosa Illa (Cesantes)

        Primeira asociación de veciños de Cesantes, fundada en 1978.


Asociación de Vecinos O Noso Mar de Cesantes

        Cara a 1984.


Asociación de Vecinos Unión de Vilar

        Moi activa en 1982 na reclamación dunha comunicación de transporte público que comunicara as parroquias de Vilar de Infesta e Cabeiro co casco urbano de Redondela.


Ateneo

        Colectivo fundado en 1988 co obxectivo de dinamizar a vida cultural de Redondela. En 1992 alcanzaba os cen socios que pagaban 3.000 pesetas. Organizaban conferencias, exposicións, mesas-redondas... Programaba o Verán Cultural, con concertos, conferencias e outras propostas como Pintura na Rúa, actividade na que os cativos pintaban na praza Figueroa e as súas obras eran colgadas dos balcóns onde quedaban expostas. Entre as súas iniciativas máis lembradas estivo o premio Coca-Cocón. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/02/a-coca-e-o-cocon.html )

 

Noites do Ateneo na Alfóndega. Foto cedida por Uxía Lueiro.


Cámara Agraria de Redondela

        En 1980 reclamou as indemnizacións para os veciños afectados polo asolagamento das súas leiras por mor das obras de ampliación do aeroporto de Peinador.


Casco

        Colectivo de apoio a insubmisos e obxectores de conciencia ante a obriga dos homes de realizar o servizo militar. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/04/servizo-militar-obxeccion-e-insubmision.html )


Centro Cultural de Cedeira

        Inaugurou a súa sede o 18 de agosto de 1989. Entre as súas primeiras iniciativas estivo a formación dun grupo de baile tradicional e unha rondalla.

 

1989 Inauguración do CRC Cedeira. Facebook do centro.


Cíclope, Colectivo de arte redondelano

        Organizou unha exposición de novos artistas en 1996.


Círculo Cultural Recreativo de Cesantes.

        Fundado a finais de 1978. Actualmente ten a súa sede no edificio que fora da Sociedad de Agricultores y Ganaderos de Cesantes. Neste centro creouse o grupo de baile Airiños de San Simón, o Club de Remo Cesantes e a coral Pedra Blanca.


Claqueta

        Cineclub fundado en 1994. Entre as súas iniciativas estiveron as primeiras proxeccións de cine na rúa.


Club Altamar

Colectivo de Chapela que nos anos 70, 80 e 90 organizaba numerosas actividades: festivais de teatro, campamentos de verán, partidos de balonmán, rally Pari-da Car...

 

Altamar. Faro de Vigo


Club de Jubilados General Rubín.

        Primeiro centro de xubilados da vila, creada en 1981, tiña a súa sede na rúa Xeneral Rubín, no primeiro andar da casa que fora Sociedade de Mariñeiros. En 1984, estaba formado por 124 homes e contaba con 75 socios protectores. Desapareceu cando asumiu a dirección a Xunta de Galicia, trasladándose ao edificio José Figueroa, na Xunqueira.


Faro de Vigo, 1984.

Colectivo Libertario i Ecoloxista Redondelán (CLER)

        Grupo de rapaces que exerceron unha forte oposición aos recheos na Marisma e ao vertedoiro na mesma.


Logo Martín Fernández

Consello de Educación de Redondela /Comisión de Ensino

        En 1985 comeza a publicar unha revista ou boletín mensual, adicado á escola e, en particular, aos nenos e nenas.


Entrepobos


Favercuss


Federación de APAS

        Creada para coordinar as APAS (hoxe ANPAS) das diferentes escolas do noso concello.


Federación de Vecinos


Latexos, Asociación Cultural

        Esta asociación naceu en 1981 co proxecto de reunir a aos emigrantes de Redondela máis destacado ou que levaban moito sen volver ao Concello. Despois dun ano de traballo o proxecto non se chegaría a realizar por falta de orzamento. Entre as súas iniciativas podemos citar exposicións (canteiros de Poio, traxe rexional, pintores redondeláns actuais, radios antigas... ), cursos de artesanía, escola de baile... Estaba formado por seis persoas: Gerardo Pérez, Alejandro Martínez, Bernardino, Marisa González, Pili e Aurora Bastos, esta última presidenta en 1992.


Lenda

        Asociación de familiares e enfermos mentais. Trátase dun centro ocupacional onde se realizan traballos de carpintería, talleres de escritura... Ademais practícanse varias disciplinas deportivas como serían: natación, tenis, tenis de mesa ou fútbol sala. Outra actividade é a publicación da revista A Voz de Lenda.

https://lendasaudemental.com/

 

Lenda, taller. Faro de Vigo, 2009.


Josefá

        Colectivo creador do ArteLixo e o LixoRock como protesta ao vertedoiro de lixo na Marisma. Ademais organizou varios concertos.

 

Peña Madridista Rías Bajas

Primeira peña madridista de Redondela presidida por Manolo Cao e con Manolo Conde de secretario. Como se ve na foto asistiu á presentación Luis de Carlos Ortiz, presidente do Real Madrid entre 1978 e 1985.


Peña Madridista Rías Bajas. Foto cedida por Manolo Conde.

Peña Madridista de Redondela

        Peña de seguidores do Real Madrid fundada en 1984. Conseguiu que o adestrador do equipo de baloncesto, Lolo Sáinz, dera unha conferencia no Centro Recreativo e Cultural de Redondela.

 

Peña Sietemanos (Cesantes)

        Peña de fútbol de seguidores madridistas fundada en 1967. Rendía homenaxe ao porteiro canario Antonio Rodrigo Betancort.


Scouts Búrbida de Redondela

        Grupo de scouts fundado en 1994 e que en 1998 dividíase en: Lobecos (de 8 a 11 anos), Rangers (11-13), Pioneros (14-16) e Rotas (16-19).


Sociedade Cultural do Viso

        Fundada en 1987 no antigo edificio da Sociedade Agraria do Viso.


Sociedade Labrego Cultural de Reboreda

En 1975 algúns veciños comezan a reunirse no garaxe de Manuel Barros.

En xuño de 1976 solicitan ao Concello: “A entrega do edificio da Sociedad Agraria de Reboreda para a súa dedicación a centro cultural, cooperativa, local de xuntas des distintas asociacións existentes: Mutua Gandeira, deportivas, da Auga, escola de párvulos (actual Educación Infantil)... “

En 1977, para a entrega de chaves por parte do Concello, os veciños deben construír unha vivenda anexa para re-aloxar e xestionarlle unha axuda na Caja de Ahorros Municipal de Vigo a Cándido Estremadouro “Neriñas”, quen vivía na casa dende que en 1966 se trasladara a escola ao novo grupo escolar.

1979 Constitución da sociedade, presidida por Andrés Couñago Laxe.

1981 Actúa por primeira vez o grupo de baile tradicional O Carballo das Cen Polas.

1984, 12 de xuño. Acto de entrega por parte do Concello da bandeira da Sociedade Agraria de Reboreda, atopada durante os traballos de rehabilitación do antigo cárcere como Casa da cultura.

1985. Comeza a publicarse “O Voceiro”, publicación coa actualidade da cultura galega e novas da parroquia.

1988 Inicio das obras de ampliación polo arquitecto César Portela, o que obriga a deter as actividades culturais. Encárgase a escultura do escudo de Galiza debuxado por Castelao á escultora Ángeles Valladares. Varios problemas prolongan as obras durante seis anos.

1994, abril. Inauguración do edificio restaurado. O salón de actos recibe o nome de Basilio Álvarez (líder agrarista) e a biblioteca o do escritor Eduardo Blanco Amor.

2010 Instálase o ascensor modificándose a fachada do edificio.


Inauguración da SLC de Reboreda. Foto: MundoCal-Asociación da Prensa de Vigo

Xanela, Asociación feminista de Redondela.

        Formada a finais de 1993 para afondar na realidade da muller de Redondela e atender as súas necesidades. A primeira xunta directiva estaba formada por: Francisca Crespo Barros, presidenta; María Teresa Míguez García, vice; Carmen Varela Trigo, secretaria e María del Carmen Amoedo Gómez, tesoureira.

Denunciou que daquela entre 16 e 25 mulleres eran maltratadas en Redondela, creando unha oficina de atención á muller, ata que esta foi asumida polo Concello. Entre as súas actividades poderiamos citar conferencias, mesas redondas, proxeccións de películas e documentais, publicación de libros, exposicións... A destacar a homenaxe realizada na illa de San Simón, en 1995, ás mulleres que axudaron aos presos que alí foron confinados. En 1996 crean no seu local unha biblioteca da muller.


Xanela. Foto: Félix Cal. Faro de Vigo

Xea, Grupo Ecoloxista

        Nado en 1983 da man do Ateneo Redondelán, este colectivo tentou opoñerse á degradación da Marisma: recheos, vertedoiro de lixo, ubicación do centro médico... Un dos seus maiores logros foi a de prantar 300 carballos no monte da Peneda en 1992, despois de que este sufrira un incendio. A iniciativa malograríase ao comer os animais as árbores.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

A nosa memoria. Vintecinco anos despois. 1975-2000. Sociedade Labrego Cultural de Reboreda.

O que lembro do vivido. Andrés Couñago Laxe.

19981126 La Voz de Galicia

Banda de Música Xuvenil de Chapela. 11 de Febrero de 1995. Asociación Cultural Banda de Música de Chapela.

Toponimia de Ventosela Olga Nogueira. SNL. Concello de Redondela.

La Voz de Galicia

Faro de Vigo










miércoles, 12 de abril de 2023

Os Pombais de Redondela.

 

Pombal de Torres Agrelo. Foto: Torres Agrelo

 

        Un pombal é o lugar onde se crían pombas, podendo chamarse pombeiro, cando é de reducidas dimensións. Esta práctica viviu tempos mellores en Redondela. A beleza destas aves as converte nun obxecto decorativo, pero non é o único motivo para telas. A carne dos pichóns é moi apreciada, apesares de que o seu consumo sempre foi minoritario no noso concello. O motivo non é outro que o económico (“Gando de pico non pon ao dono rico”), polo que na busca de pombais antigos teremos que reparar en pazos e casas destacadas. Si tiene capilla, palomar y ciprés, pazo es”. Podemos citar aquí como pombal interior o existente na parte máis alta da Casa da Torre, no casco urbano de Redondela, e como pombais exteriores: o do Pazo de Torres Agrelo, en Cesantes; o da Casa dos Táboas, en Reboreda; o do Pazo de Torrecedeira, en Cedeira, ou o da Casa de María Arango, no límite de Redondela con Cedeira. Estes últimos son un tipo de pombal construído en pedra e con tella do país de base circular, que se estende por toda Galicia. 

 

Pombal da Casa dos Táboas. Foto: J. Migueles


Pombal do Pazo de Torrecedeira. Arquivo do Concello de Redondela

        A cría de pombas ven de ben antigo, en Redondela atopo referencias aos pombais en documentos do século XVIII, pero de seguro que existían antes. Como curiosidade no "Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de Santa María de Reboreda (Reboreda, Tuy), efectuado por decreto de diciembre de 1760 para el establecimiento de la Única Contribución" cítanse dous pombais como lindes da parroquia de Reboreda: "De alli parte por bajo del Palomar que fue de Maria Ramos, y posehe D. Nicolas Ramos de Moscoso; de alli al Palomar del Conde de San Roman...".

        Un terceiro uso das pombas deuse nos anos 90 do pasado século, cando se creou en Redondela un club de colombicultura presidido por Hilario Sánchez. Algúns dos seus membros adicábanse á cría con fins competitivos. Esta disciplina tivo pouca repercusión por tratarse dun deporte minoritario. A proba consistía en soltar aos machos identificados cunha pluma dun cor vistoso, que pelexaban por unha única femia, gañando o que quedaba con ela.

        Outro aproveitamento sería, como en todos os animais de granxa, a do esterco que se empregaba como abono para os campos. Con estes excrementos tamén se podería ata fabricar explosivos, pero non teño constancia de que se chegara a utilizar no noso concello para tal fin.

 

 

Pombal en Vilar. Google Maps
Pombal en Vilar. Google Maps



Pombal no Viso. Foto: J. Migueles

Pombal en Ventosela. Foto: J. Migueles


 

 

 

 

  

 

 

 

        Ademais dos pombais citados, que serían os máis interesantes desde o punto de vista patrimonial, tamén podemos falar dos pombais das casas máis modestas. A partires de mediados do século XX, coa chegada do cemento atopamos pombais de maior ou menor tamaño tanto de construción propia como prefabricados. Máis barata era a opción de adaptar faiados ou galpóns para dar cabida ás pombas e, máis orixinal aínda, o uso de canastros.

        Como pombal máis curioso do concello atopamos un no tellado dun lavadoiro na parroquia de Reboreda.

 

 

 

 

Pombal nun galpón no Viso. Google Maps

Lavadoiro en Reboreda. Google Maps.








 

 

 

Canastro en Reboreda. Google Maps

Pombal en Saxamonde. Google Maps


Autor: Juan Migueles

 

BIBLIOGRAFÍA

Descubrindo a historia de Catoria. Pombal de O Outeiriño. Cristina Conde Escaloni.

Inventario de pombais en Cerdedo. Tabeirós Montes. https://www.tabeirosmontes.com/pombais.html

https://www.obaixoulla.gal/.../obra.../pombal-do-outeirino

Toponimia de Catoira. Gonzalo Navaza.

https://roquecerponzons.wordpress.com/.../palomares-pombais/

Arquitectura popular. Museo do Pobo Galego.

PARES => Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de Santa María de Reboreda (Reboreda, Tuy), efectuado por decreto de diciembre de 1760 para el establecimiento de la Única Contribución.

Aportes orais.